12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiA Deputación pon fin aos problemas da oficina do ORAL en Tui...

    A Deputación pon fin aos problemas da oficina do ORAL en Tui coa estrea dunhas novas instalacións céntricas, modernas e accesibles

    O novo local soluciona os problemas de accesibilidade e tamén a insalubridade do antigo, adquirido polo anterior Goberno provincial en 2003

    As novas oficinas do Organismo de Recadación Local (ORAL) de Tui abriron as súas portas na rúa do Rosal, número 1, un local alugado co que a Deputación de Pontevedra dá solución a un problema histórico, froito das pésimas condicións das antigas dependencias  que foran adquiridas polo anterior Goberno provincial. O deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, acompañado do alcalde Enrique Cabaleiro e a directora do ORAL, Inmaculada Viña, visitou hoxe as instalacións e celebrou o “cambio radical na calidade de atención ao público e nas condicións para as traballadoras”.

    O ORAL da Deputación en Tui viña funcionando desde o mes de febreiro nuns locais cedidos polo Concello no edificio Área Panorámica, na rúa Colón, como solución provisional tralo peche de urxencia que se decidiu a causa das graves deficiencias das instalacións anteriores na rúa da Coruña, adquiridas polo anterior Goberno provincial no 2003. A clausura da oficina orixinal foi obrigada diante da súa situación de insalubridade, provocada polas patoloxías construtivas que, segundo os técnicos, resultaban de moi difícil resolución. A maiores, o local carecía de acceso para persoas con diversidade funcional.

    Na visita, o deputado Santos Héctor agradeceu ao alcalde o apoio do Concello coa cesión do local provisional “para darnos o tempo necesario para saír do burato onde estabamos” coa localización dun novo emprazamento digno, moderno e accesible. As novas oficinas están situadas nun céntrico baixo de 94 metros cadrados con dúas entradas e dúas fachadas acristaladas. Finalmente, reúne as condicións axeitadas para o labor das cinco traballadoras que prestan servizo na oficina e conta cunha sala de espera para o público, que poderá así gozar dunha atención máis coidada. Está previsto, ademais, dotalo cun tótem informativo con pantalla táctil para axudar á realización de xestións.

     Santos Héctor destacou as condicións da nova oficina e enxalzou o labor das traballadoras “porque sei que ides seguir facendo un gran traballo”. “Hai que atender á cidadanía con ese cariño e paciencia e tratar de resolverlle os problemas, porque para iso estamos na Administración pública”, recalcou.

    Pola súa banda, o alcalde tamén quixo destacar “o recoñecemento da cidadanía e a nosa institución” ás persoas traballadoras do ORAL, “porque o voso traballo é fundamental para a veciñanza e tamén para as administracións”. “Obviamente ese traballo ten que desenvolverse nas mellores condicións posibles e hoxe nos temos que felicitar porque poidades dispor dunhas novas oficinas, un lugar de traballo máis digno que o tiñades, con máis luz e medios. O Concello colaborou en ofrecer un local provisional alternativo e reiteramos que estamos a disposición para o que necesitedes”.

    A sede do ORAL de Tui presta servizo de atención  presencial en relación cos tributos do IBI ,IAE, IVTM (vehículos), así como recadación de multas e  taxas municipais do Concello de Tui. Ademais está descentralizado, pois conta con atención presencial en Tomiño (os mércores) e no Rosal (martes e xoves).  Este servizo constitúe o núcleo de actualización dos padróns de tributos da comarca do Baixo Miño (Tui, Tomiño , O Rosal e Oia) e atende anualmente máis de 7.500 consultas presenciais, aínda que a cifra baixou neste 2020 por mor da pandemia. A oficina xestionou preto de 9 ,4 millóns de euros en impostos, taxas e multas na comarca no que vai deste ano. No caso do Concello de Tui foron  4,1 millóns de euros desde xaneiro ata hoxe. Ademais, está en cifras de recadación histórica  en período de pago voluntario ao ter alcanzado o 85% do total.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.