12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO deputado do BNG no Congreso visita Tomiño para interesarse polo proxecto...

    O deputado do BNG no Congreso visita Tomiño para interesarse polo proxecto da biblioteca municipal

    O goberno local aproveitou a súa visita para amosarlle diversos proxectos de gran importancia estratéxica para o municipio

    O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, realizou unha visita institucional ao Concello de Tomiño este mércores para interesarse polo proxecto da biblioteca municipal, un dos máis importantes na axenda do goberno local. O deputado nacionalista xa solicitou o apoio do Ministerio de Fomento para axudar a financiar a súa construción a través dunha das enmendas presentadas na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado que tivo lugar recentemente.

    Rego foi recibido pola alcaldesa, Sandra González, acompañada tamén por boa parte dos concelleiros do goberno local, que lle ensinaron o lugar escollido para a instalación da futura biblioteca, ademais de mostrarlle as instalacións da Casa do Concello, a praza do Seixo e o Mercado de Tomiño.

    A alcaldesa trasladou ao deputado a necesidade de contar co apoio económico das demais administracións públicas para poder executar a obra, especialmente co do Ministerio de Fomento, que xa tiña comprometida unha partida orzamentaria para a realización do proxecto durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, pero que foi suspendida trala súa saída do executivo. A rexidora destacou tamén o feito de que a recuperación de dita partida foi aprobada por unanimidade no pleno municipal.

    Aproveitando a visita do parlamentario, o goberno local amosoulle tamén outros proxectos de relevancia para os que sería fundamental contar co apoio do goberno central, como por exemplo os encadrados dentro da estratexia de cooperación transfronteiriza no marco da Eurocidade Tomiño-Cerveira e a AECT Río Miño, destacando a necesidade de potenciar a cooperación nun tramo da fronteira polo que circula o 50% do tráfico de todo o Estado entre España e Portugal. Tamén se falou, entre outros, de proxectos para potenciar e recuperar a riqueza paisaxística e natural do río, como a Senda do Miño, ou a ponte peonil que pretende unir, a través do tramo máis estreito do río, a Fortaleza de Goián co parque do Castelinho de Vila Nova de Cerveira.

    Tamén estivo presente na reunión o vicedirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial del Río Miño (AECT Rio Minho) e deputado de Cooperación Transfronteriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, que instou a Rego a dar voz á problemática que afecta aos municipios transfronteirizos de ambas beiras do río en materia xurídica, debido ás incongruencias e diferenzas legais que existen entre os dous países e que dificultan o día a día dos veciños así como a realización de moitos proxectos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.