Luns, 17 Marzo de 2025

Baiona cancela todas as actividades da fin de semana logo de coñecerse que será obxecto de “especial vixilancia” pola súa evolución epidemiolóxica

O Concello de Baiona vén de anunciar a cancelación das actividades programadas para esta fin de semana, unha medida que o Goberno que preside Carlos Gómez adoptou “por responsabilidade” tras o anuncio en rolda de prensa do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de que o municipio será obxecto “dunha vixilancia especial pola súa evolución epidemiolóxica”.

Deste xeito cancélase a programación de ‘Baiona. A mellor música en directo! organizada pola Concellería de Cultura ao igual que esta tarde suspendíase o concerto de Swing du Monde. A suspensión afecta tamén ás actuacións do sábado de Javi Pacheco, Adrian Timms, e Pacheco Bros. O domingo suspéndense as actuacións de Orquestra Pantasma e The Goonies.

O Concello de Baiona apelou “á responsabilidade individual de cada persoa para evitar que a evolución epidemiolóxica empeore no municipio” e fixo un chamamento ao “cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias”.

Carlos Gómez, que salientou “o comportamento exemplar que amosaron os nosos veciños e veciñas ata o de agora” expresou a necesidade “de seguir pedindo disciplina e un maior esforzo para minimizar os riscos que seguen estando moi presentes”.

O alcalde baionés recomenda “evitar as reunións sociais na medida do posible. O importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a cidadanía baionesa vén facendo con ejemplaridad desde o inicio da pandemia”, finaliza o rexedor.