Luns, 28 Xullo de 2025

A rede de fibra óptica xa está dispoñible en 8 parroquias do rural do Concello de Tui

0

A rede de fibra óptica xa está despregada en moitas parroquias do Concello de Tui e tamén se esta implantando no centro urbano a través de vía área, eliminando deste xeito o cableado cara as vivendas. Trátase dun plan de implantación que no vindeiro 31 de decembro deste ano debería estar rematado.

O concelleiro de Novas Tecnoloxías, Laureano Alonso, manifestou que os usuarios das zonas con cobertura de fibra xa poden contactar coas operadoras que ofrezan este servizo para contratalo. As parroquias con cobertura de fibra actualmente son as seguintes:

  • Guillarei: Albelos e Sobredo
  • Ribadelouro: San Simón
  • Pazos de Reis: Fonteliña, Frinxo, Circos, Herdeiros, Os Muiños, O Anxo, Seixal, Ricamonde, Casas Novas
  • Rebordáns: Virxe do Camiño, rúa Calzada, San Bartolomé, Coengo Valiño, Arraial, Manteigada, Montiño e Los Rosales.
  • Randufe: Montiño e Cota de Gaio
  • Caldelas: O Baño e A Igrexa
  • Pexegueiro: Souto e zona centro cultural
  • Areas: Anta

Laureano Alonso indicou tamén que proximamente, seguindo o plan de implantación da fibra óptica no Concello de Tui, as parroquias de Baldráns e Paramos contarán tamén con fibra óptica.

O Concello de Tomiño felicita aos creadores do proxecto Jamii polo primeiro premio do SocialHack da Deputación de Pontevedra

0

O Concello de Tomiño quere felicitar ao equipo creador do proxecto Jamii, gañadores do primeiro premio do SocialHack, un galardón obtido ao abeiro do primeiro Hackaton online do terceiro sector organizado pola Deputación de Pontevedra, un encontro para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que faciliten a xestión das entidades sociais.

Os nosos parabéns a todo o equipo gañador Henar Alonso, voluntaria da OMIX de Tomiño, Isabel Alonso, Jarold Lugo, Eduardo Castro e Celso Gómez. Este grupo de mozos e mozas do Baixo Miño triunfou coa súa proposta, unha páxina web que por unha parte permite realizar doazóns, participar en actividades de voluntariado, facerse socio das entidades e solicitar as súas axudas. Grazas á xeolocalización, a plataforma redirixe aos usuarios e usuarias de forma automática aos proxectos que teñen máis próximos.

Esta segunda edición da Hackaton da Deputación estaba enfocado a dar solucións innovadoras aos problemas de comunicación que teñen as asociacións e que Jamii soliciona tendo en conta ás persoas colaboradoras, aquelas que queren colaborar pero son saben nin cando nin onde; ás asociacións que precisan axuda económica ou voluntariado, que a través desta plataforma poderán automatizar a xestión do voluntariado, as listaxes de doazóns e as solicitudes de axuda social; e ás persoas usuarias das entidades, que poden atopar na plataforma as asociacións que acheguen recursos próximos a elas e filtrar por alimentación, aloxamento e axuda social, podendo facer as súas solicitudes directamente dende a web.

O ORAL aliviará aos Concellos a carga da tramitación das multas de tráfico para axilizar os períodos medios de pago

O Órgano de Xestión e Recadación Local (ORAL) da Deputación de Pontevedra dá un novo paso para estreitar a colaboración cos 53 concellos que teñen delegados estes servizos. No terceiro foro telemático de coordinación dende o comezo da pandemia de COVID19, celebrado hoxe, o ORAL anunciou a súa disposición para comezar a tramitar integramente as multas de tráfico, non só o cobro, e tamén anunciou a posta en marcha dunha nova ferramenta informática que permitirá a identificación rápida dos contratistas ou provedores que teñan débedas coa Administración municipal, contribuíndo así á axilización dos períodos medios de pago.

O encontro, no que participaron mais de 46 técnicos/as de 27 concellos, volveu estar presidido polo deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos López Font, quen destacou a estreita colaboración da Deputación cos municipios dende o comezo da pandemia, incluíndo a redacción de ordenanzas-tipo para dar seguridade xurídica ás propostas sobre rebaixas nos tipos das taxas e bonificacións fiscais. “Van xa tres xuntanzas telemáticas cos concellos porque quixemos informalos de tódalas novidades que puxemos en marcha e guialos nestes tempos tan complicados, nos que a recadación das taxas e tributos viuse sacudida polas circunstancias”. Carlos Font explicou que o ORAL é un servizo que se transforma para prestar o mellor servizo posible aos municipios adheridos “porque o ORAL é a súa casa”.

Durante a xuntanza de hoxe, o ORAL ofreceuse a aliviar aos concellos toda a carga burocrática da tramitación administrativa das multas de tráfico. Os concellos que así o desexen, sen ningún custo adicional, poderán limitar a súa participación á elaboración do boletín de denuncia por parte do axente da policía local e á sinatura do órgano competente para resolver, ou sexa, o/a alcalde/sa ou a persoa en quen delegue. Toda a tramitación administrativa, especialmente complexa polos breves prazos de prescripción, así como a xestión do cobro en vía ordinaria e executiva correrá por conta do ORAL.

A segunda novidade consiste na posta en marcha dunha nova aplicación informática que permitirá que os concellos coñezan, cunha simple consulta ao ORAL, se un contratista ou provedor ten débedas coas contas municipais. A axilización desta comprobación, que agora mesmo require de varios trámites, facilitará a redución dos períodos medios de pago dos concellos que utilicen esta ferramenta. No caso de que haxa débedas co concello procederase ao mecanismo de compensación de débedas previsto na lei. Se a débeda é con outro concello, reterase a cantidade correspondente.

Plataforma online para comprobar a recadación en tempo real

En terceiro lugar, o persoal técnico do ORAL dedicou parte da xornada a reforzar a formación dos/as interventores/as e responsables municipais, na utilización da plataforma online do organismo provincial de recadación. A plataforma permite coñecer en tempo real a marcha da recadación en tódolos padróns das taxas e impostos municipais, así como a consulta de expedientes concretos. Unha ferramenta extraordinariamente versátil, pero que aínda non está a ser utilizada en toda a súa plenitude por parte dos concellos. A directora do ORAL, Inmaculada Viñas, explicou que “a transparencia é obxectivo básico e por iso prestamos especial atención á formación na utilización online da nosa plataforma de xestión”.

Finalmente, deuse conta do reforzo no servizo de anticipos extraordinarios que puxo en marcha a Deputación. O ORAL “abre máis a man” a partir deste ano 2021 posibilitando que os concellos accedan a anticipos extraordinarios dos padróns aínda non aprobados no exercicio 2021 ou a anticipos sobre liquidacións do imposto de IBI resultado de regularizacións catastrais, antes mesmo de que que a efectiva recadación se produza. As solicitudes de anticipo extraordinario por estes conceptos serán atendidas coa máxima prontitude como medida de apoio diante das actuais circunstancias.

Cos novos servizos ofertados hoxe, o ORAL completa o amplo abano de medidas adoptadas dende o comezo da pandemia, entre as que destaca a posta en marcha do Fondo Extraordinario de anticipos por valor de 21 millóns de euros creado o ano pasado, a creación da Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.depo.gal), incluíndo un sistema de clave segura para tódalas persoas contribuíntes, ou a potenciación da atención telefónica, ademais da mellora das súas sedes sobre o territorio en Pontevedra e Tui.

O Organismo de Recadación da Deputación dá servizo a case medio millón de persoas (496.219) dos 53 concellos delegantes dende os seus 23 centros de traballo repartidos polo territorio provincial.

Rematadas as obras de mellora no abastecemento de auga de Lougares e Vilar en Mondariz

0

O Concello de Mondariz vén de certificar a finalización de dúas obras de mellora nas infraestruturas de abastecemento de auga nas parroquias de Lougares e Vilar, avanzando na súa estratexia de modernizar os servizos municipais máis básicos para a poboación.

En Lougares foron realizadas obras de hipermeabilización nos vasos do depósito de almacenamento que abastece ao barrio de Santa Baia, que contaron cun orzamento de 20.460,56 €. Reparáronse fisuras, gretas e desconches de formigón das paredes deterioradas, selouse a cuberta da edificación e procedeuse á limpeza, pintado e valizamento da parte traseira do recinto. 

Esta actuación permite a día de hoxe dispor dun depósito de abastecemento de auga en óptimas condicións que cumpre coas máximas esixencias sanitarias e dá solución á constante perda de auga que se rexistraba na instalación antes da intervención municipal.

Nesta mesma liña de acción orientada a mellorar as infraestruturas relacionadas cos servizos municipais máis básicos, o Concello de Mondariz deu recentemente por rematadas unhas obras de renovación do tubo que abastece á parroquia de Vilar que supuxeron un desembolso de 32.798, 26 €. Esta actuación consistiu na demolición do firme, a retirada da anterior canalización, a reposición de novos tubos de polietileno de alta densidade (75 mm de espesor) e os correspondentes desvíos e cruzamentos, rematando coa reposición do firme con aglomerado ou formigón, según o caso, na marxe dereita da estrada provincial EP4302, ao longo dun trazado de case 500 metros. 

As innumerables roturas ao longo do trazado reposto, situado entre o barrio de Carballal, en Riofrío, e a igrexa parroquial de Vilar, viñan producindo continuos cortes no subministro e elevados custos económicos polas repetidas reparacións parciais practicadas na zona.

O Concello de Mondariz, que financiou estas obras a través do Plan Concellos 2020 da Deputacion de Pontevedra, pretende continuar con esta estratexia de modernizar os servizos municipais máis básicos para a poboación mediante inversións anuais destinadas a renovar as infraestruturas municipais e aumentar a eficiencia do seu funcionamento.

O Concello pretende crear co sector da automoción local unha bolsa de emprego regular

David Alonso, concelleiro de Emprego, está a manter reunións telemáticas con empresas do sector da auto moción con diversas propostas de colaboración que inclúen o establecemento dunha bolsa de emprego regular en atención ás necesidades do sector da automoción na comarca.

Asistiron á primeira reunión representantes das empresas “Ti Automotive”, “Tbsi Injectión”, “Magna Seating” e “Gestamp.”

Os contactos estabelecense a través do programa “Porriño Accede” aproveitando a colaboración mutua que manteñen desde hai tempo o Concello e este sector tan importante na economía local.

“Porriño Accede” é un programa dirixido a persoas desempregadas que ten como obxectivo proporcionar formación e prácticas en empresas cara a súa inserción laboral.

Dende o ano 2017 e por quinto ano consecutivo, empresas da automoción e o Concello colaboran con este cometido. A Concellería de Emprego e Formación propuxo un ciclo de reunións virtuais para tratar cuestións relativas ao Programa, que inclúen  a creación desa bolsa de emprego regular.

Versos, figuras de papel e música para conmemorar o Día de Rosalía no Rosal

0

O Rosal conmemora este ano o Día de Rosalía de Castro cunha morea de actividades nos centros escolares e para o público en xeral adaptadas á situación sanitaria e ás medidas restritivas vixentes. Así, coincidindo coa data do nacemento da autora, este 24 de febreiro a fachada da Igrexa da parroquia de Santa Mariña, na Praza do Calvario, será o lenzo sobre o que se proxecten frases ou versos de Rosalía. A Deputación de Pontevedra escolleu ao Rosal xunto a outros cinco concellos de toda a provincia para proxectar a forza da escritora en edificios emblemáticos.

Ese mesmo día tamén se difundirá a través da web do Concello e das redes sociais municipais un vídeo cun poema de Rosalía recitado por 32 persoas do Rosal que nestes intres viven fóra de Galicia, dando vida a algúns dos nostálxicos e morriñentos versos escritos pola autora.

Pola súa banda, os centros escolares tamén están a traballar sobre a figura de Rosalía. Así mentres que na escola infantil e nas aulas de infantil do CRA María Zambrano os nenos e nenas máis pequenos pintaron debuxos con versos da escritora, o alumnado de primaria do CRA e o do CPI da Mata crearon unhas bonecas de papel coa figura de Rosalía que lucirán os vindeiros días nos escaparates dos establecementos comerciais. Todas estas figuras de papel formarán parte dunha mostra que poderá visitarse nas dependencias municipais e na sala de exposicións do Concello.

Para rematar, o vindeiro domingo 28 de febreiro o auditorio municipal acollerá un acto conmemorativo no que se proxectará o vídeo de versos recitados por xente na emigración e no que representantes de varios colectivos rosaleiros procederán a unha lectura de poemas desta autora. A celebración rematará coa actuación do cantautor guardés Tino Baz. O acto, que contará con todas as medidas de seguridade e prevención necesarias, terá aforo reducido con inscrición previa. As persoas interesadas deberán reservar a súa entrada na páxina web do Concello.

O Concello da Guarda realiza a compra de 250 composteiros domésticos para avanzar no seu Plan de Compostaxe

0

O Concello da Guarda acaba de adxudicar o subministro de 250 composteiros domésticos para avanzar na implantación da compostaxe como sistema de xestión de biorresiduos.

O reparto destes 250 composteiros realizarase acompañado dunha pequena explicación e unha demostración da montaxe do composteiro, co obxectivo de informar do proceso de compostaxe e resolver as dúbidas que poidan xurdir ao respecto.

Ademais do reparto dos composteiros, a mestra composteira realizará ao cabo de 3-4 meses unha visita de seguimento a cada composteiro de cara a avaliar o proceso e a resolver incidencias que poidan xurdir.

Coa instalación desta última partida, xa serían 476 os composteiros domésticos repartidos por todo o Concello dende o ano 2013, o que implicaría un total de 476 vivendas que xestionan a súa materia orgánica mediante compostaxe.

Se queres solicitar o teu composteiro podes facelo a través do 986 61 00 00 ou en [email protected] A adquisición destes composteiros realízase ao abeiro das axudas en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020 durante os anos 2020 e 2021.

A Policía Local de Ponteareas pon fin a unha festa na que participaban persoas non convivintes e sen máscara de protección

A Policía Local de Ponteareas intervíu este pasado domingo nunha festa no barrio da Quintela, na parroquia de Bugarín, na que participaban nove persoas. Os axentes foron alertados da celebración do encontro nunha casa abandonada. Ao achegarse ao lugar comprobaron que se escoitaba música e balbordo polo que requiriron tamén a colaboración da Garda Civil para maior seguridade.

Tras adentrarse na finca e a vivenda a Policía Local descubríu a un grupo de nove persoas, todas sen máscara e realizando botellón e consumindo estupefacentes. Os axentes procederon á identificación e cacheo dos asistentes incautándose de marihuana e hachis.

As persoas identificadas foron denunciadas por realizar unha reunión entre non conviventes e sen máscara vulnerando as normas sanitarias actualmente en vigor. Ademais, ás persoas as que se lles incautou os estupefacentes foron denunciadas perante a Subdelegación do Goberno.

Na mesma tarde, a Policía Local identificou a outro grupo de tres persoas que foron denunciadas por reunirse sen ser conviventes.

Dende o inicio da pandemia, hai case un ano, a Policía Local de Ponteareas formulou un total de 280 denuncias. Entre os motivos saliéntanse o incumprimento da obriga de empregar máscara, o quebrantamento do toque de queda, saltarse o confinamento perimetral e as reunións de persoas non conviventes.

O Concello de Nigrán retoma a atención presencial no roupeiro municipal

0

O Concello de Nigrán, ante a mellora sanitaria da localidade, reabre co seu voluntariado o Roupeiro Municipal no horario habitual, os mércores e xoves de 10:00 a 12:30 horas e venres de 16:30 a 18:00 con cita previa no 986383081. En todo caso, o protocolo Covid-19 garantirá a máxima seguridade na entrega e recepción de doazóns (entre elas realízase corentena e desinfección da roupa). Calquera persoa pode acudir directamente no horario de apertura a doar ou recoller prendas, sexa ou non veciño do municipio, e as entidades sociais da área de Vigo que o precisen para os seus usuarios poden contactar a través do mail [email protected].

O Roupeiro, situado ao carón do IES Val Miñor na rúa Paradellas, é un servizo creado no ano 2009 e único na área de Vigo polo seu carácter municipal, ofrecéndose prendas a calquera persoa independientemente do municipio onde resida e non sendo preciso ningún tipo de xustificación da necesidade porque tamén cumpre un obxectivo de sostibilidade ambiental ao darlle unha segunda vida á roupa.

O Eixo Atlántico colaborará con Ponteareas na elaboración do proxecto ‘De-volta á terra’

Tras a adhesión nas pasadas semanas de Ponteareas ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, a Axencia de Ecoloxía Urbana deste ente amosou o seu interese na innovadora proposta do Concello de Ponteareas para a realización dun estudo integrado do sistema de xestión de biorresiduos, polo que traballará xunto á concellería de Medio Ambiente na elaboración do proxecto ‘De-volta á terra’.

Segundo indicou a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, “este proxecto pretende dar cumprimento a varios obxectivos. Por unha parte, buscará ofrecer unha alternativa que optimice a valorización e/ou reciclaxe dos residuos orgánicos a partir das características territoriais e socioeconómicas propias de Ponteareas, coa finalidade de devolver a materia orgánica residual ao solo. Así mesmo, preténdese elaborar un compost urbano de boa calidade, que permitiría abonar as zonas axardinadas do concello evitando así compra dun produto que nós mesmas podemos xerar”

Outro dos obxectivos do proxecto, segundo indicou a concelleira nacionalista, é “utilizar o excedente de compost xerado en hortos urbanos impulsados e xestionados directamente polo Concello. Prevese a creación de hortos urbanos destinados ao seu uso por parte de persoas en situación vulnerable, persoas xubiladas e cativos/as. Cos hortos urbanos conseguimos por unha banda avanzar nunha educación interxeneracional, onde maiores e cativos intercambian coñecementos e, por outra banda, todo o produto resultante do horto servirá para autoconsumo, conformando unha axuda para persoas en situación desfavorable”.

Por último, Rosa Covelo indicou que “o programa de impulso á creación de hortos urbanos estará acompañado dun programa de formación básica en agricultura, desenvolvemento empresarial e emprendemento individual e cooperativo co obxectivo último de crear pequenas iniciativas empresariais que deberían aproveitar a posta en marcha dun banco de terra propio do Concello”.

A xeración de residuos orgánicos converteuse nun problema para a xestión da sustentabilidade municipal co incremento da poboación e a intensificación do proceso da súa concentración en entornas urbanas. Segundo a concelleira de Medio Ambiente, “os residuos orgánicos xerados nas vivendas comunitarias, principalmente situadas no centro urbano, presentan un maior problema con respecto á xestión dos residuos das vivendas localizadas no rural. No núcleo urbano, este tipo de residuos van directamente ao caldeiro de lixo, onde a fracción orgánica representa o 40% dos residuos totais xerados”

O 31 de decembro do 2023, todos os Concellos deben contar con sistemas de recollida separada ou reciclaxe de biorresiduos en orixe. “En consecuencia, o Concello de Ponteareas ten a necesidade de implementar un plan de recollida de residuos orgánicos que deberá conseguir a xeración de material de alto contido enerxético coa capacidade de xerar nova actividade económica, cumprindo así un dos principios da economía circular”, sinalou a concelleira nacionalista.

O Goberno Local de Ponteareas leva anos traballando en materia de prevención de residuos, na súa reutilización e reciclaxe, para para poder camiñar de cara ao cumprimento en prazo dos obxectivos fixados na normativa europea, estatal e autonómica. Agora aumenta a súa aposta co deseño do programa “De-volta á terra”, co apoio a Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico no marco do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, dadas as características innovadoras do proxecto e o enorme potencial de transferencia da iniciativa a outros municipios do Eixo Atlántico.

A Guarda organiza diversas actividades para conmemorar o Día de Rosalía

0

O Concello da Guarda, que nos últimos anos ven celebrando o aniversario de Rosalía de Castro con diferentes actividades e eventos, quere convidar este ano a toda a cidadanía a unirse aos diferentes actos que foron convocados dende a Casa de Rosalía e sobretodo a recordar entre todos a súa obra e figura e compartilo nas Redes Sociais. Tendo en conta o contexto actual no que as recomendacións sanitarias abogan por evitar os encontros e as concentracións, entendemos que a mellor forma de conmemorar este día é unirnos todos na mesma colaboración, na mesma voz.

Neste sentido, a Casa de Rosalía preparou para este complicado ano 2021 un completo programa no que se integran tres tipos de actividades diferentes para poder realizar dende cada casa:

  • Caldo de Gloria(na casiña). Lembrando o poema “Miña Casiña, meu lar”, no que Rosalía evoca a épica dos humildes e describe a receta dun caldiño de Gloria, a Fundación Rosalía de Castro convida a preparar un Caldiño no día 24 e recitar este ou outro poema da obra rosaliana. Convidan a seguir receta propia, a de Picadillo ou a que Lucía Freitas, do restaurante A Tafona preparou para ocasión e se pode seguir aquí:

Tamén convidaron aos comedores escolares a unirse a esta iniciativa, e neste sentido o Concello da Guarda repartiu manteis individuais para que os nenos poidan ler o poema en cuestión durante o xantar do 24 de febreiro.

  • Alborada a Rosalía. En conxunto coa Asociación Gaiteiros de Galicia, a Casa de Rosalía convida a gaiteiros e grupos de música tradicional a adicarlle una Alborada a Rosalía. Os grupos e músicos interesados poden anotarse nun mapa interactivo onde se poida recoller a participación na actividade: https://rosalia.gal/que-facemos/proxectos/alboradas-a-rosalia/

No obstante dado o específico deste convite, dende a propia Fundación animan a todo músico a que se una con calquera outra peza: “Se es un gaiteiro ou gaiteira, ou músico en xeral,… sae ás rúas, camiños, prazas ou lugares simbólicos para botar unha peza na honra de Rosalía (a Alborada ou outra)”

  • Le, canta, recita a Rosalía de Castro, e difunde nas redes co cancelo #Día de Rosalía. Nesta última proposta, dende o Departamento de Cultura do Concello fai un chamamento aos veciños da nosa vila, que noutros anos demostraron o seu gusto pola escritora para que compartan poemas, fragmentos e vídeos, que preparen para a ocasión ou que se preparasen con motivo de anos anteriores. Se os veciños etiquetan ademais a @culturaguarda e a @FundacionRosalía, estas poderán compartir e interactuar con este contido. Este contido pódese compartir e subir ata o vindeiro 28 de febreiro.

Pola súa parte, dende o Concello estase a preparar o convenio para constituírse como Mecenas da Casa de Rosalía, mostrando unha vez mais o apoio a figura da escritora, e en consonancia co cariño e admiración que Rosalía sempre levantou entre a veciñanza de A Guarda.

O Concello de Baiona instala varios contedores para a recollida selectiva de roupa usada con fin social

0

O Concello de Baiona instalou en distintos puntos do municipio varios contedores para a recollida selectiva de roupa usada con fins sociais.

As baterías de reciclaxe xa están instaladas no Aparcamento da Avda. Foz do Miñor, no aparcadoiro do Froiz de Sabarís, na Rúa Pomba, xunto ao Carrefour Market, na Estrada de Santa Marta nº13 e na Avenida Monterreal nº2. Tamén en Santa Liberata, na Rúa Palos de la Frontera nº12, en Ponche, nº35, na Avda. Doutor Benito Fariñas, 52, na rotonda da Gasolineira no Burgo e no punto limpo situado en Baíña.

A actuación é posible grazas a un convenio de dous anos de duración asinado polo consistorio baionés e a Fundación Humana.

Humana Fundación Poboo para Pobo, é unha organización que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil.

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Baiona encargada de facer as xestións para a instalación dos contedores tamén asinou outro acordo de colaboración con Cáritas para a instalación de contedores de recollida de roupa en diferentes puntos do municipio. En concreto, acordouse a instalación de tres contedores que se sitúan na contorna das igrexas das parroquias de Baíña, Baredo e Belesar.

Aberto o período de exposición pública da Ordenanza Reguladora do Patrimonio Municipal el supostos de Emerxencia Social

0

O Concello de Baiona informa de que está aberto o período de exposición pública da Ordenanza Reguladora do Patrimonio Municipal en Supostos de Emerxencia Social ata o próximo 7 de marzo.

Os cidadáns, organizacións e asociacións que así o consideren, poden facer chegar os seus as súas propostas á redacción definitiva do texto a través de instancia xeral da sede electrónica municipal ou #ante os Rexistros que se recollen no artigo 16 da Lei 39/2015.

68 vendedores instaláronse hoxe no mercado ambulante que se restaurou en Porriño

Hoxe instaláronse 68 postos de venda na zona peonil de Porriño con motivo da reanudación do mercado ambulante que levaba tres semanas suspendido por decisión municipal.

Só instalaron vendedores con postos impares.  O vindeiro martes 2 de marzo corresponderá aos que teñan un número par. O acordo do goberno municipal é que o mercado volva celebrarse con 50% dps vendedores de cada quenda.

Sergio Casal, concelleiro de mercados, valorou “o resultado da reanudación dun xeito satisfactorio”. Considerou “moi positivo que os vendedores ambulantes poidan volver ao traballo e a vila se revitalice de novo” e eloxiou “a colaboración dos vendedores na observación das medidas de seguridade e distancia “, concluíu Casal Quintas.

O Concello da Guarda traballa pola mellora da eficiencia enerxética e o mantemento do servizo da piscina municipal

0

O pleno do Concello da Guarda procedeu no día de onte, 22 de febreiro do 2021, á  aprobación da modificación do contrato coa concesionaria da Piscina Municipal, este acordo contou coa aprobación de tódolos grupos municipais. O Concello da Guarda  pasa  a afrontar os gastos orixinados polo protocolo Covid na Piscina Municipal, así como asumir o canón do 13%  en consumos enerxéticos  (ata de agora estes gastos os  asumía a concesionaria da Piscina Municipal).

O Concello colabora coa concesionaria da Piscina Municipal  a través desta modificación contractual  que se realiza no marco da necesidade de adoptar medidas urxentes  e extraordinarias para facer fronte  ao impacto  económico da Covid-19 e garantir a continuidade do servizo ante  a dificultade para o concesionario  da execución do contrato.

Por outra banda,  o concello  ven mantendo reunións coa empresa concesionaria, que xa trasladou a negativa de ampliación do contrato por un prazo de 2 anos, proposta que lle trasladou o concello da Guarda  para paliar as consecuencias negativas froito do COVID 19.

Como resultado deses encontros, o pasado 2 de febreiro  acordouse  que era unha prioridade acometer unha  diagnose enerxética da Piscina e así se  formalizou o contrato  o 9 do mesmo mes,  no que ademais dunha auditoría enerxética tamén se vai a realizar  unha avaliación da propia estrutura  arquitectónica. Destas cuestións son  coñecedores todos os grupos municipais.

Nigrán incorporará as súas dúas primeiras especies ao catálogo de ‘Árbores senlleiras de Galicia’ para outorgarlles máxima protección

0

O Concello de Nigrán presentará as súas dúas primeiras especies  para que se incorporen ao catálogo de ‘Árbores senlleiras de Galicia’ creado pola Xunta no 2007 co obxectivo de outorgarlles a máxima protección. En concreto, trátase da coñecida como ‘arbore botella’ pegada á entrada da antiga fábrica de champán e do castiñeiro situado no recinto da igrexa de San Pedro, ambas situadas na traza do Camiño Portugués pola Costa, con máis dun século de vida, unha foránea e a outra icónica de Galicia, e a 400 metros unha da outra. Actualmente, no Val Miñor só figuran neste catálogo os cipreses do pazo de Gondomar.

“Son dúas árbores espectaculares polo seu gran porte e a súa ubicación, cunha historia intrínseca, e queremos protexelas e poñelas en valor para garantir a súa supervivencia independientemente de futuras actuacións que puidesen realizarse na contorna”, incide o alcalde, Juan González, quen destaca que ao estar situadas na traza do Camiño “constitúen un elemento máis de interese”. Así, a súa catalogación permitiría incoporalas ao patrimonio natural de Nigrán e darlles unha especial protección que recoñece o seu valor científico, cultural, etnográfico e histórico, é dicir, protexeríanse a nivel biolóxico e antropolóxico.

A árbore botella, braquitito ou kurrajong é unha especie exótica natural do este de Australia moi rara de atopar en Galicia e posiblemente traída por migrantes, polo que ten un especial interese por este motivo e pola súa relación histórica coa antiga fábrica de champán coa que linda, xa que antigamente formaba parte da súa finca (está situada no lugar da Pereira, nun cruce de camiños na parroquia de San Pedro).  Co paso do tempo a empresa vinícola fixo un muro cunha placa tallada na entrada na que figura o ano 1901, quedando o braquitito na rúa, polo que non cabe dúbida de que supera os 120 anos (a maiores, unha ancha cicatriz vertical na cortiza denota a súa gran idade). Recordemos que esta foi a primeira adega de champaña de Galicia, onde se fabricou entre 1920 e 1925 o ‘Gran Champán Galicia’ baixo a marca ‘Manuel Costa y Cía’, feito de especial interese histórico para Nigrán que o Concello desexa divulgar tamén a través desta singular ‘botella’.

“Está nun cruce de camiños e entre as súas polas pasa cableado eléctrico, queremos protexela e que ningunha decisión urbanística poida supoñen nunca acabar con esta árbore, en definitiva, buscamos que pase a formar parte do noso patrimonio natural protexido”, resume o alcalde, Juan González.

Castiñeiro de San Pedro

A escasos 400 metros, custodiando unha das entradas ao camposanto de San Pedro, parada do Camiño de Santiago pola Costa, atópase o castiñeiro, cun diámetro de 158 cm (28 cm por riba do perímetro normal) e 35 metros de altura baixo un aspecto corpulento e porte erecto. O enxeñeiro forestal municipal certifica “sendo moi precavido’ que supera os 110 anos, xa que nas fotografías do voo américano de 1956-1957 xa se aprecia cunha copa moi similar, polo que como mínimo naquel intre tería 50 anos. Sendo unha árbore autóctona e icónica en Galicia, é unha sorte que sobreviva un exemplar coas súas características ten preto do litoral, xa que pola propia urbanización da franxa costeria, a maioría destes exemplares redúcense ao interior da comunidade. Este exemplar é boa proba da importancia dos castiñeiros en Galicia como sustento e fonte de madeira ao longo do tempo: as fortes podas que sufríu (aínda apreciables) indican que a súa extración non só foi con obxectivos de formación, se non tamén para adquisición de madeira de gran calidade. A maiores, o certo é que este castiñeiro forma parte esencial do conxunto da igrexa de San Pedro e tamén da súa historia, tanto é así que os veciños aínda recordan cando apoiado sobre as súas polas se colocaba o palco da música para as festas parroquiais.

“As dúas árbores forman parte da Historia de Nigrán, está máis que xustificado o seu interese para formar parte do catálogo de árbores senlleiras de Galicia, estas serán os dúas primeiras do municipio pero desde logo que solicitaremos incorporar máis se somos coñecedores doutras”, indica o rexedor.

O Concello pon en marcha unha campaña para distribuír trampas para vespa velutina polo Rosal

0

O Concello do Rosal continúa coa súa loita contra a vespa velutina. O goberno  municipal pon en marcha  unha campaña para tentar distribuír trampas contra esta vespa asiática por distintos puntos do municipio, actividade para a que quere contar coa implicación e colaboración de toda a veciñanza. “O obxectivo é que en cada casa poida colocarse unha destas trampas nesta época do ano, xa que as vespas que se collen a finais de febreiro e principios de marzo son as raíñas”, explica o concelleiro de Participación Veciñal, Ramón Fernández Leal.

Para levala a cabo, o Concello elaborou un vídeo titorial que se distribuirá nos centros educativos do Rosal e a través da web e das redes sociais municipais para explicar como crear de forma doada e sinxela unha trampa para atrapar a estas vespas cun tubo, unha botella, un cordel e cebo preparado con auga, azucre, mazá ou pera, viño tinto e cervexa. Para facilitar a creación destas trampas, a través dos centros educativos entregarase ás familias rosaleiras os tubos, que é o material máis difícil de preparar. O vídeo tamén pode verse na canle de Youtube do Concello.

Lémbrase á veciñanza que en caso de atopar un niño deben avisar ás autoridades e non acercarse a el, xa que as súas picaduras poden ser perigosas. As velutinas exterminan totalmente ás abellas, un dos insectos que máis beneficia ao medio ambiente polo seu papel como polinizador. 

Dende o Concello quere agradecerse ademais o gran labor que desenvolve o grupo de apicultores voluntarios que cada ano loitan para colocar trampas e retirar os niños de vespa velutina que se detectan no municipio.

Tui acolle a exposición “Jewish Journeys / Viaxes Xudías” da Biblioteca Nacional De Israel

0

Até o 26 de marzo pode visitarse na Sala de Exposicións Municipal a mostra “Jewish Journeys / Viaxes Xudías”. A mostra foi deseñada e doada pola Biblioteca Nacional de Israel á Red de Juderias de España con motivo das Xornadas de Cultura Xudía 2020. A través de paneis informativos e fotografías cóbrense as diferentes motivacións ás que se enfronta o ser humano ao facer unha viaxe.

Viaxar dun lugar a outro, física, espiritual ou emocionalmente, coloca ás persoas nun camiño de transición. “Viaxes xudías” analiza e ilustra a través de 6 paneis informativos (traducidos ao español pola Rede), acompañados de fotografías, as situacións nas que o pobo xudeu ten e tivo que afrontar as diferentes casuísticas para emprender unha viaxe.

A Biblioteca Nacional de Israel (NLI), fundada en Xerusalén en 1892, ten un dobre mandato distintivo, que serve de biblioteca nacional tanto para o Estado de Israel como para o pobo xudeu de todo o mundo. Os seus extensos fondos conteñen unha gran cantidade de material en diversos formatos, que contan a historia e traxectoria cultural e intelectual do pobo xudeu, do Estado de Israel e da Terra de Israel ao longo dos séculos. O concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, agradece á Red de Juderías de España a cesión desta mostra que se pode visitar até o 26 de marzo na zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui no Edificio “Francisco Sánchez” (antiga Área Panorámica) na rúa Colón, 2.

A Deputación súmase á Rede Transfronteiriza dos Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular

A Deputación de Pontevedra vén de converterse nunha das trece entidades galegas, españolas e portuguesas promotoras da Rede Transfronteiriza dos Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular, que hoxe mesmo se constituíu a través dunha xuntanza telemática na que participou a deputada de Turismo Ana Laura Iglesias. Na Asemblea Constituínte da rede, que tivo lugar na mañá de onte, aprobáronse o manual de procedemento e o rexistro da marca e logotipo na rede da Oficina Española de Patentes e Marcas e Oficina da Propiedade Intelectual da Unión Europea. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra, xunto ás de Badaxoz, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Huelva, Ourense, Sevilla e Zamora, á Xunta de Extremadura e ás entidades portuguesas de Turismo do Alentejo, Turismo do Centro e a Cámara Municipal de Barcelos, traballarán na valorización do patrimonio cultural e natural desenvolvendo infraestruturas e servizos nos Camiños a Santiago do Oeste Peninsular con maior tradición xacobea.

A Rede Transfronteiriza dos Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular conta cun orzamento de 2,5 millóns de € cofinanciados nun 75% polo FEDER a través do POCTEP 2014-2020. O seu principal obxectivo é establecer unha estratexia para desenvolver infraestruturas e servizos nos camiños cara Santiago que transcorren polo Oeste Peninsular como son a Vía da Prata, o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa ou o Camiño Portugués. En concreto traballarase ao longo do ano 2021 e 2022 nunha actuación homoxénea de sinalización, a través dun Plan Global de Sinalización; na mellora de equipamentos, difusión e uso de tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos, desenvolvendo unha App. Amais, a rede, que contará cun logotipo que recollerá a tradición xacobea a través da cuncha de vieira, tamén vai implantar unha estratexia para incrementar a coordinación en canto á conservación, dinamización, difusión e prestación de servizos no camiño, a través de xornadas de divulgación, intercambios de experiencias e accións de sensibilización.

No marco deste proxecto de cooperación transfronteiriza a Deputación de Pontevedra vai desenvolver unha exposición itinerante denominada “Camiños do Sur”. A mostra percorrerá Tui, Baiona, Pontevedra e Caldas, así como outras localidades galegas e españolas, acompañada de conferencias ou debates e dunha acción lúdica, a modo de xogo de pistas, dirixida á poboación infantil. En liñas xerais a exposición porá en relevo a antigüidade do Camiño Portugués, a súa actualidade, a súa relación coa paisaxe, as tradicións, os pobos, as cidades, as xentes e culturas e amosa o percorrido do camiño e os datos históricos da súa existencia, facendo fincapé no seu aliñamento cos ODS da Axenda 2030 das Nacións Unidas.

A OMIX da Guarda organiza un obradoiro sobre consumo consciente e alimentación saudable

0

A OMIX do Concello da Guarda, en colaboración con Lacena, comida espida, organizan un obradoiro no que reflexionar sobre a necesidade dun cambio na forma na que consumimos, tratando de ser máis conscientes nas nosas accións individuais encamiñadas a realizar un consumo consciente.

A actividade partirá coa xestión de residuos: problemática medioambiental á que nos enfrontamos e coa que se pretende dar a coñecer a importancia do noso papel individual e a nosa responsabilidade na autoxestión.

Seguidamente a protagonista será a produción local, valorando a proximidade, a produción ecolóxica e de tempada, como un dos pilares fundamentais para facer que a nosa alimentación sexa máis saudable para nós e para o planeta.

O terceiro punto tratará de alerxias e intolerancias e como a través de produtos ecolóxicos ou produtos de hixiene e limpeza naturais podemos evitar ou minimizar gran parte dos actuais problemas de saúde.

Innovación na cociña: as compras a granel permiten adquirir as cantidade de alimento que precisamos en cada momento o que evita o desperdicio pero tamén permítenos innovar ao poder experimentar con novos produtos. Neste senso, a última intervención estará acompañada dunha cata de produtos e poderemos coñecer algunhas receitas e algúns pequenos consellos na cociña do día a día.

OBRADOIRO: A través dun exemplo da lista da compra semanal poderemos estimar a cantidade de residuos que se evitaría se adoitamos hábitos de consumo máis sostibles como a compra a granel. Como actividade práctica propomos un exercicio de compra semanal consciente. O obradoiro terá lugar o sábado 6 de marzo en horario de 18:00h a 20:00h

A actividade ten prazas limitadas e as persoas interesadas poden inscribirse chamando á OMIX no 986610000 ext. 7 ou escribindo un mail a [email protected].

Continúa o descenso do número de casos activos por coronavirus en Galicia, rexístranse 7.748

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.748, deles 2.524 son da área da Coruña, 767 da de Lugo, 552 da de Ourense, 1.036 da de Pontevedra, 1.214 da área de Vigo, 838 da de Santiago e 817 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 146 están en UCI, 547 en unidades de hospitalización e 7.055 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 101.249 persoas curadas, rexistrándose 2.187 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.635.402.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 170.560. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Nigrán aproba ampliar as axudas ao sector hostaleiro a empadroados con negocio fora do municipio e non empadroados con establecemento en Nigrán

0

O goberno de Nigrán aprobou por unanimidade unha moción para ampliar o criterio das axudas municipáis ao sector hostaleiro para que inclúa tamén como beneficiarios aos autónomos empadroados no municipio pero con negocio fora da localidade e viceversa (autónomos non empadroados en Nigrán pero con negocio no municipio). Igualmente, no sector do taxi contémplase tamén como beneficiarios a aqueles empadroados en Nigrán e con licencia do propio Concello independentemente de onde teña o domicilio fiscal o vehículo. Unha vez esta resolución sexa publicada no BOPP, o Concello abrirá un prazo de 10 días para recibir solicitudes, resolvéndose todas á vez (as da primeira convocatoria e estas).

“Unha vez aprobadas as bases, démonos conta de que había estes casos puntuais que non queremos que queden fora porque sería inxusto, o obxectivo é que poidan seguir abertos unha vez a situación pase para que sigan xeneranzo riqueza no pobo”, explicou o alcalde, Juan González, en referencia á primeira liña de axudas aberta polo Concello e á que destina 120.000 € do remanente de Tesourería para establecer subvencións directas de entre 1.115 € e 1.080 € aos autónomos do sector e 750 € aos desempregados sen ningún tipo de prestación, sendo Nigrán a primeira administración en ter en conta a situación das persoas contratadas por conta allea. Tal e como avanzou o rexedor, o goberno local ultima un novo plan de rescate ante a persistencia das restricións sanitarias que limitan directamente o traballo do sector.

Neste sentido, o goberno de Nigrán aprobou unha emenda á moción do PP para reclamar á Xunta que destine ao fondo de cooperación Covid-19 a cantidade proporcional do 1,5% do seu orzamento, tal e como xa fixo a Deputación de Pontevedra, para engadir ás axudas municipáis a hostalaría e o taxi. “O PP pretendía coa súa moción que lle outorgásemos á Xunta os nosos cartos para que eles o distribuísen, de ningún xeito o contemplamos; non entendo a persistencia do portavoz do PP de traer a este pleno cuestións que só defenden os intereses da Xunta, nos os dos veciños”, recriminou González.

Irmandamento Valdoviño

O goberno de Nigrán aprobou tamén coa unanimidade da corporación iniciar os trámites de irmandamento co municipio coruñés de Valdoviño co obxectivo de promover e fomentar a cultura surfista que comparten desde a orixe deste deporte en Galicia nos anos 70. Ambos rexedores, Juan González (Nigrán) e Alberto González (Valdoviño) abordaran xa cuestión na presentación do Oceano Surf Museo de Valdoviño na praia de Patos no 2018 e, posteriormente, o alcalde de Nigrán desprazárase ata alí. Sería o primeiro irmandamento para Nigrán e conta xa co apoio da Federación Galega de Surf e a Asociación de Escolas de Surf de Patos. “Os dous concellos desexamos fomentar a cultura surfista común e promover os valores que conleva. Sería unha fórmula excelente para manter e formalizar ese vínculo que xa nos une dende os anos 70”, argumentou o rexedor nigránés, quen confirmou co seu homólogo a intención de que leven a cuestión ao pleno de marzo.

Bonificación do IBI

O Concello de Nigrán aprobou como cada ano a declaración de ‘entidade de utilidade municipal’ ás asociacións veciñais e culturais da localidade que anualmente o solicitan (Centro Cultural As Angustias, A.V.A Camoesa, A.V. A Unión, O Torreiro de Priegue, Bolos da Carrasca, O Castro de Chandebrito…), o que implica unha rebaixa media no seu recibo anual de preto de 1.300 euros. Esta bonificación cadra nun intre especialmente duro para as entidades, xa que actualmente manteñen as instalacións pechadas por decreto da Xunta. Esta bonificación do 95% do Imposto de Bens Inmobles e a máxima permitida por lei e foi aprobada polo goberno de Nigrán no 2016.

O goberno local trasladou á Xunta, coa abstención do PP, a petición de colaboración para humanizar ‘Camiño Vello’, a obriga de reparar o emisario submariño e a solicitude de que destine ao fondo de cooperación Covid-19 o 1,5% do orzamento. “Nos si que votamos a favor de reducir o IVE aos salóns de peiteado, cuestión que atañe ao goberno socialista de Pedro Sánchez, e o facemos porque defendemos aos veciños de Nigrán, en cambio, o grupo municipal popular xamais votou a favor en ningún pleno de pedir nada á Xunta, é lamentable esa falta de compromiso co seu cargo de concelleiro de Nigrán”, referíu.

Camiño Vello

Ante a moción do PP para instar ao goberno local a humanizar a rúa Camiño Vello do centro de Nigrán, o rexedor confirmou que xa hai un proxecto aprobado e actualmente os veciños están a firmar as cesións, con só un propietario en contra, o que non impediría levar adiante a obra. Neste sentido, o rexedor presentou unha emenda para que a Xunta colabore coa partida orzamentaria de 618.988 €, tendo en conta que desde 2016 non investiron nin 1 € en obras solicitadas desde o Concello, mentras que a Deputación o fixo por importe de 1.600.000 € (rúa do Ceán, Mariñeiro, Torreiro de Parada, rúa Rial…). Finalmente, o PP non respaldou que a Xunta colabore económicamente nesta humanización.

Emendas

O goberno de Nigrán, ante a petición do PP para que Deputación e Augas de Galicia reparen as redes de abastecemento e saneamento presentou unha emenda reclamando á Xunta a reparación do emisario submariño de Praia América, de competencia autonómica, e para que ao mesmo tempo invista en obras de reparación, xa que desde 2016 non destinou nin 1 € a Nigrán pese a cobrar aos veciños un cánon en cada recibo. Contrariamente, a Deputación investíu más de 650.000 € neste fin (Caranquexo, San Roque, Areíña, A Carrasca…). Novamente, o PP declinou pedirlle á Xunta estas cuestións. 

Un incendio destruíu un alboio en Mos con vehículo e apeiros agrícolas no interior

0

Un incendio destruíu completamente un alboio no que se gardaban vehículos e apeiros agrícolas. Ocorreu pasadas as once da noite de onte en Cabaleiros, Mos, e, afortudamente, ninguén resultou ferido.

Tampouco os animais que estaban dentro do alboio sufriron danos, pero as consecuencias do lume foron nefastas para a construción, pois quedou bastante danada.

Foron os propietarios quen contactaron co 112 Galicia para avisar do incendio declarado no pendello, lindeiro coa vivenda. Así, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitaron a asistencia dos Bombeiros do Baixo Miño, así como dos membros do servizo local de emerxencias de Mos. 

Despois de varias horas de traballo, lograron apagar o incendio, aínda que con danos importantes, pois, ademais do tellado que se veu abaixo, resultaron calcinados dous vehículos e apeiros agrícolas. Salváronse os animais.

Igualmente, durante esta mañá, os efectivos do servizo local pasarán pola zona para comprobar o estado da situación, xa que permanecía acendido algún rescaldo sen importancia.

Zona Franca realizará un plan estratéxico de Tui que analizará o seu tecido económico e ofrecerá ferramentas para a toma de decisións

0

O Consorcio da Zona Franca de Vigo poñerá en marcha un plan estratéxico sobre Tui e a súa comarca para analizar as oportunidades e aproveitar as súas fortalezas. O delegado do Estado, David Regades, reuniuse onte co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, para concretar a realización deste traballo de análise, que ofrecerá ferramentas para a toma de decisións.

O delegado de Zona Franca, David Regades, explicou que na reunión “analizáronse os cimentos do plan estratéxico que vai realizar Zona Franca nesta comarca e en Tui como o seu capital e como vai ser a colaboración”. Neste sentido precisou que “este plan vai ter a súa base na cidade de Tui, para ofrecer unha estratexia que busca fortalecer a empresas e emprego” porque “un dos eixos fundamentais do plan é a xeración de emprego e analizar as oportunidades que se ofrecen en Tui”.

O traballo comezará cun diagnóstico estratéxico con toda a información e datos obxectivos do municipio e a súa contorna. Non só analizarase a economía, o tecido empresarial e a situación social ou tecnolóxica, senón tamén a repercusión da crise do covid. A información sintetizarase nunha matriz DAFO, cun informe final que incluirá cada sector, áreas económicas e o futuro potencial que ten Tui e a súa comarca e a súa repercusión no desenvolvemento económico na súa área.

Con todo iso farase un plan operativo coas actuacións e instrumentos que se deben implementar, coas accións xerais para Tui e comarca. Finalmente poñeranse sobre a mesa as propostas de colaboración, instrumentos públicos ou axudas públicas que se poden poñer en marcha.

David Regades engadiu que “todo este proceso terá a súa propia folla de roteiro para que non quede nun documento, senón que se converta en realidade”, así que haberá un comité de seguimento desde Zona Franca con persoal do Concello.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradeceu a visita do delegado do Estado “que serve para plasmar o compromiso dun plan estratéxico e empresarial da comarca de Tui”. Asegurou o rexedor que non é un feito puntual e destacou “a colaboración que Zona Franca vén prestando ao Concello para levar adiante proxectos que nos demanda o noso tecido comercial e empresarial”.

Gonzalo Caballero respalda a desescalada de acordo co Comité Clínico

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu ante os medios en compañía do voceiro de Sanidade, Julio Torrado, para analizar a evolución desta terceira onda da Covid en Galicia e avaliar as medidas que cómpre poñer en marcha coa máxima de “protexer a saúde” e guiarse polos criterios do comité clínico.

Así, o líder dos socialistas galegos subliñou que, tralo “fracaso da estratexia Salvar o Nadal da Xunta e do plantexamento fallido do BNG do confinamento absoluto dende o pasado mes de outubro”, é o momento de “tomar medidas ponderadas” e “avanzar cara o relaxamento das restricións coa máxima prudencia”, tendo en conta a caída no número de contaxios.

Trátase, como dixo Gonzalo Caballero, de, “paulatinamente”, empezar a permitir certa actividade na hostalería galega, de levantar os peches perimetrais nalgunhas zonas e de posibilitar as reunións de non conviventes, por exemplo, “ao aire libre”, para favorecer o encontro de familiares e seres queridos.

E, tras garantir que o PSdeG continuará sendo “leal e responsable” e actuando “con vocación de construír e de cooperar”, o máximo dirixente do PSdeG cuestionou a estratexia de “tentar confundir” que está seguindo o presidente da Xunta ao fío da aprobación no pleno de mañá da nova lei de saúde de Galicia.

“Feijóo está tentando salvar as súas declaracións contra o estado de alarma cunha lei que non dá resposta aos problemas que nos atopamos fronte á pandemia”, sinalou Gonzalo Caballero, ao tempo que fixo fincapé en que o necesario agora é “reforzar” o sistema sanitario e “mellorar” o sistema de vacinación que xa está en marcha.

Lei de Saúde

Precisamente, o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, sinalou que esta lei “trata sobre o que non toca”, posto que “non resolve ningún problema” relativo á pandemia ou á situación do sistema de saúde.

Ademais, incidiu, “chega tarde”, case un ano despois de que se decretara o estado de alarma fronte á covid. Outras comunidades, tal e como reseñou, xa tomaron medidas “en maio ou xuño” do ano pasado.

A maiores, o deputado do PSdeG criticou que a Xunta desbotase a “concienciación” sobre as vacinas para optar polo “estado de excepción” e a “imposición” a través desta norma. “Entre a ignorancia do negacionismo e a soberbia do autoritarismo, nós estamos coa ciencia”, subliñou.

Ao respecto, o socialista vilagarcián amosou o seu convencemento de que “a eficiencia é a mellor maneira de convencer”. De aí, profundou, que as reticencias ante as vacinas fronte á covid non cheguen nin ao 10% da poboación.

Carmen Méndez busca nas Neves da man da Deputación, romper “o silencio cotián” fronte á violencia de xénero

0

O programa provincial de concienciación contra as violencias machistas ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ pasou polo Concello de As Neves, cunha performance a cargo da artista Carmen Méndez, quen baixo o título ‘Rompendo o silencio’ deu voz ás mulleres que sofren todo tipo de violencia psicolóxica. A representación celebrouse na Casa da Auga con restricións de asistencia por mor da pandemia e contou coa presentación da deputada Iria Lamas; o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez e a concelleira de Cultura, Rocío Barreiro. O acto foi retransmitido pola web da Deputación e as RRSS para garantir a súa difusión.

Carmen Méndez, actriz e enxeñeira química, puxo o foco na violencia psicolóxica ao considerala a máis perigosa a causa da súa “sutileza”, que non esperta as alarmas coa mesma intensidade. Coa súa peza pretende abrir os ollos a unha sociedade que garda silencio diante do machismo que latexa baixo todo tipo de situacións de convivencia e animar a rebelarse contra a desigualdade de xénero.

A deputada provincial, Iria Lamas, afirmou que a COVID está no centro de tódalas conversacións, “e fai que esquezamos un pouco a situación das mulleres que sofren malos tratos”. “As medidas de confinamento causaron máis sufrimento porque as mulleres estiveron recluídas coa persoa que as maltrata” afirmou con contundencia Lamas, quen destacou que as estatísticas xudiciais da provincia de Pontevedra que veñen de facerse públicas non deixan lugar a dúbidas. Segundo estes datos, continuou, hai i177 denuncias ao mes só na nosa provincia “o que vén demostrar que queda moito por facer”. Lamas concluíu recalcando que a loita contra a violencia “é unha batalla do día a día e temos que facelo entre todos e todas, nunha labor conxunta”.

Pola súa banda, a concelleira Rocío Barreiro destacou que é unha mágoa que un acto destas características se teña que celebrar en formato telemático. “Estamos agradecidísimos/as coa Deputación e a artista, e ogallá que algún día este tipo de accións non se teñan que levar a cabo porque a violencia de xénero xa non exista”.

‘Rompendo o silencio’ é unha performance de corte teatral, que nace para dar visibilidade a situacións normalizadas, pero que non son “normais”. Inspirada en testemuños reais da contorna próxima á artista, Méndez representa situacións de violencia cotián que as mulleres sofren no seu propio pel. Para conseguilo, Carmen Méndez reinventa a unha muller que estoura globos ou prende candeas por cada reproche machista. Na súa peza para ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ denuncia o control telefónico que exerce un rapaz sobre a súa moza ou o silencio que vive unha muller adulta, que vive submisa e con medo baixo a “autoridade” do seu marido controlador.

‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’ contará con outras 19 actividades, das que dúas serán performances; dúas, intervencións murais, catro, accións de danza contemporánea; cinco, accións escénicas, cinco, musicais e, finalmente, unha acción poética.

A Xunta amplía as axudas ata os 7M€ para facilitar a restaurantes e cafeterías o acondicionamento de terrazas e as vendas a domicilio ou para levar

A Xunta amplía ata os 7 millóns de euros a dotación da liña de axudas dirixida aos sectores da hostalería e a restauración para facilitar a súa actividade e que sexa compatible coas medidas de protección da saúde ante a Covid-19. Tal e como publicou onte o Diario Oficial de Galicia (DOG), cun reforzo de 4 millóns de euros, búscase asegurar a cobertura do maior número posible de investimentos que están a realizar os establecementos no acondicionamento dos espazos exteriores e na posta en marcha do servizo de vendas a domicilio ou para levar.

Tal e como subliñou o vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, esta ampliación dá resposta á enorme demanda e interese que se ten espertado no sector esta convocatoria, con apoios do 80% do investimento.

O programa ofrece apoios directos a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, sendo a axuda mínima de 1200 euros e máxima de 20.000. Ademais, inclúen a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro día 28.

Entre as características das solicitudes de apoios presentadas ata agora, destaca a dimensión dos proxectos de adecuación dos exteriores, xa que unha parte importante dos restaurantes e cafeterías solicitantes acometeron reformas substanciais nesa parte dos seus locais. As axudas facilitadas polo programa poden destinarse a cubrir os gastos e investimentos realizados para instalar pechamentos estables ou elementos desmontables que sirvan de illamento ou protección, renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e  aparatos calefactores nas terrazas, así como de mellora da fachada exterior dos establecementos. En canto aos apoios destinados a sufragar os gastos de adquisición de elementos de envasado de comida e bebida para a entrega a domicilio ou a recollida no local, é de salientar a gran cantidade de solicitudes presentadas, o que indica que unha parte relevante dos establecementos hostaleiros da Comunidade incorporaron ou reforzaron este servizo entre as súas actividades.

AER rexeita “a oposición desnortada” do Partido Popular de Redondela

0

A Agrupación de Electores de Redondela, AER, cualifocou de “desnortada” a oposición que realiza o PP de Redondela logo de que a súa portavoz “sen ningún tipo de rubor” gravara os postos de traballo do funcionariado das oficinas que o Concello ten en Chapela “onde hai información confidencial”.

O vídeo a día de hoxe segue colgado no Facebook do PP de Redondela e nese vídeo –explica a formación asemblearia nun comunicado– a voz de voceira popular “vai relatando o que a cámara do móbil enfoca”. Ela mesma di no vídeo, engade AER, “que son dependencias municipais e que quere denunciar que, nese momento, non hai persoal municipal nas oficinas do Concello en Chapela”.

A Agrupación de Electores afirma que a voz “é perfectamente recoñecible” e, “sen ningún tipo de escrúpulo” vai enfocando todas as mesas e demais mobiliario das oficinas, onde “efectivamente non hai ninguén que lle poida impedir o que é un flagrante exceso”.

Para AER, a sensación que transmite ese vídeo “é moi similar á lamentablemente vivida no capitolio de Washington cando persoas de extrema dereita simpatizantes de Trump asaltaron o Capitolio e, entre outras barbaridades, gravaron cos seus móbiles documentación do Congreso dos Estados Unidos”.

AER critica contundentemente esta actuación que consideran grave por varios motivos: “está a desprestixiar o traballo de persoas profesionais, está violando o acceso a espazos que son reservados para persoal municipal debidamente autorizado, está a pór en risco información confidencial que alí está exposta o que mesmo pode atentar contra a normativa de protección de datos”.

Dende AER esixen á portavoz do PP que abandone “este xeito tan rastreiro de facer oposición e que pida desculpas polo seu comportamento”.

Martín de la Puente ofrece unha charla ao alumnado do CPI Cova Terreña

0

O alumnado de 3º e 4º da ESO do CPI Cova Terreña asistiu por videoconferencia a unha charla-entrevista, ofrecida polo novo tenista vigués Martín de la Puente, no que lles explicou os pormenores da súa vida, da súa carreira deportiva e a forma en que afronta os restos aos que se enfronta tanto na vida como no deporte.

Martín faloulles dos seus comezos, de como tivo que superar na vida os problemas derivados da enfermidade rara que sofre, a síndrome de Proteus, e o complicado que foi atopar o seu sitio no deporte.

De la Puente, faloulles da necesidade de superarse, de non ter medo aos retos. E como a través do esforzo, o apoio da familia e a motivación uno pode lograr o que se propoña.
O deportista tamén compartiu cos estudantes curiosidades da modalidade de tenis en cadeira. Alentoulles a practicar deporte e transmitiulles unha paixón inquebrantable por unha modalidade do tenis descoñecida para moita xente.

O tenista, que conseguiu o diploma olímpico en Río de Janeiro 2016, falou tamén dos seus plans inmediatos que están focalizados nos Xogos Olímpicos de Tokyo de 2021 onde soña con estar a pelexar pola medalla. Martín da Puente instalouse en Barcelona onde compaxina os adestramentos no Centro de Alto Rendemento de San Cugat do Vallés e a preparación cos estudos universitarios.

A entusiasta audiencia tamén dirixiu as súas preguntas e inquietudes cara á o xogador.
O seu palmarés está cheo de éxitos: 3 veces campión do Mundo junior, 4 veces Campión de España e Olímpico en Río 2016.

O alcalde, Carlos Gómez Prado, destaca que: “Historias de superación como as de Martín da Puente inspiran aos nosos mozos na loita polos seus soños. Desde o Concello de Baiona desexámoslle moita sorte en Tokyo. Tamén queremos destacar o gran labor que se fai desde o CPI Cova Terreña xa que constantemente están a realizar actividades de gran interese e de gran utilidade para o alumnado”.

Os populares de Ponteareas solicitan un novo vehículo para bombeiros

O Grupo Municipal do PP solicitou ao responsable de Emerxencias e Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, un vehículo actual e moderno que permita ao servizo de Bombeiros de Ponteareas, que atende semanalmente centos de servizos en toda a comarca, “dispoñer dun vehículo con capacidade para efectuar os desprazamentos en condicións, poder chegar no menor espazo de tempo e atender as emerxencias que xorden”, explicou a portavoz local, Belén Villar.

A portavoz municipal do Partido Popular de Ponteareas, Belén Villar mantivo unha frutífera reunión co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. “No encontro cuxo principal obxectivo era explicarlle a necesidade dun novo vehículo para os Bombeiros, tamén se trataron outros asuntos relacionados co mesmo servizo, como a continuidade no Convenio de Colaboración que desde a Xunta impúlsase a favor de Ponteareas, e que subvenciona cada ano con 150.000 euros, o que permite facer fronte aos gastos de persoal e libera ao Concello deste gasto”, indicou Villar.

“Quero agradecer o compromiso e o interese mostrado polo Vicepresidente da Xunta nesta demanda. Actualmente o servizo de Bombeiros conta con varios vehículos, todos eles antigos. Esta é unha demanda que desde o servizo levan tempo reclamando, e para o que existía previsión de investimento a principios de 2015, cando gobernaba o PP, e que tras a chegada de BNG e PSOE desapareceu” Desde o ano 2013 mellorouse a dotación de equipamento para este servizo de emerxencias, grazas á negociación realizada polo goberno popular naqueles anos do convenio entre Xunta-Fegamp-Deputación que contribúe cada ano con 150.000 euros para prevención e defensa contra incendios dos GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipais), e o asinado tamén con UNEXPA, que permite ingresar a Ponteareas cada ano unha axuda de 65.000 euros. Nestes momentos as demandas máis importantes radican en aumentar o persoal de persoal, que dificilmente cobre os servizos, e que depende da vontade do goberno municipal, que leva anos escapando a iso. E doutra banda un novo vehículo que negociamos con Vicepresidencia da Xunta a súa obtención.

O Pan do Porriño recibe a aprobación como Marca Española pola Oficina Española de Patentes e Marcas

A Asociación de Panadeiros do Porriño ven de acadar, tras un longo período de tramitación, a consecución por parte da Oficina Española de Patentes e Marcas, dependente do Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, do rexistro como “Marca Española”. Trátase do primeiro recoñecemento oficial da tradición histórica da elaboración de pan no Porriño e do seu carácter, convertindose con elo, nun pan cunha protección propia.

Os panadeiros do Porriño consideran que o recoñecemento como un éxito colectivo, xa que “levábamos moitos anos traballando en potenciar e mellorar a imaxe do Pan do Porriño” e “este recoñecemento como Marca Española, é o primeiro paso para un impulso e difusión maior.
Un pouco de historia e recoñecementos”, en palabras do seu presidente Jose Manuel Fernandez.

Un pouco de historia

A tradición histórica do Pan do Porriño comeza a ser recopilada en 1604, data na que se ten constancia da primeira referencia escrita do “Pan Trigo” do Porriño, realizada polo rioxano frei Anastasio de Lobera: “Pero el pan trigo que se gasta cozido sin comparación ecede a lo muy escogido de otras partes, siendo pocas en España las que pueden competir con lo de Orense, Tui, Lugo, el Porriño y otros lugares donde se vende”, o que acredita que se trata dun dos pans con maior antigüidade de Galicia e España. Esta tradición previa foi confirmada pola ubicación no Porriño da “Real Panificadora” que por motivos estratéxicos ubicouse no Porriño e non en Tuy e posteriormente, pola sona que adquiriu, unha vez desaparecida esta, polos moitos obradoiros artesáns que sobreviviron e que posteriormente serviu para surtir de pan a todas a tropas francesas da comarca do sur de Pontevedra durante a Guerra de Independencia, tamén coñecido como “pan de munición”. A tradición prosperou con moitos obradoiros ata actualidade, onde se produce un proceso de modernización pero sen perder a súa elaboración artesanal.

nte a necesidade de protexer o pan do Porriño fronte a outras alternativas máis industriais, no ano 2005, a Concellería de Comercio de Porriño que naquel intre xestionaba o concelleiro D. Nicolás Iván Vaqueiro Gradín, impulsou a creación da Asociación de Panadeiros do Porriño, integrada por 9 panaderías, que comezou a reivindicar a tradición panadeira. No ano 2015, dende o Concello do Porriño, tanto a Alcaldía do Porriño como a concellería de Comercio do Porriño dirixida por D.Marcelino Coto Troncoso, impulsaron co apoio da Asociación de Comerciantes do Porriño (ACIPOR) a posta en marcha da Iº Feira do Pan do Porriño, que contribuiu decisivamente a dar un pulo no coñecemento a nivel galego e estatal do Pan do Porriño e a impulsar o rexistro da marca Pan do Porriño. Dende entón, os recoñecementos non paran de chegar. Dúas panaderías porriñesas foron escollidas entre as 80 máis importantes de España segundo a revista Panatics e outro panadeiro porriñés acadou o prestixioso galardón  “A Miga de Ouro” premio galego que certifica o mellor pan de Galicia. A Feira do Pan vai caminos de tentar converterse no evento de referencia e capital galega do Pan, que na última edición contou coa participación de pans convidados galegos e portugueses.

Unha tarefa complicada

Os panadeiros do Porriño afirman que o trámite legal foi complexo debido á oposición da Xunta de Galicia, que alegou ata dúas veces, o rexistro da marca. Segundo os panadeiros, esta oposición da Xunta débese a que dende o principio, se lles transmitiu que todos os pans de Galicia deberían aherirse á IXP Pan Galego. Os panadeiros, tras analizar o regulamento desta IXP afirmaron que non tería problema en valorar esta opción, pero o proceso de elaboración do Pan do Porriño non encaixaba, alomenos na actualidad, nas características dos pans amparados por esa IXP xa que modificaría a sua actual elaboración obrigándo a aumentar a hidratación e as fariñas da súa elaboración, feito que os panadeiros non estaban dispostos a asumir. Por iso, a asociación comezou no ano 2019 un segundo intento de rexistrar a marca Pan do Porriño, que recibiu unha nova alegación da Xunta de Galicia. Tras presentar un recurso ben funamentado, a Oficina Española de Patentes e Marcas, aceptou a alegación e permitiu rexistrar a marca a nivel nacional. “Non temos ningún ánimo crítico contra a Xunta de Galicia por estas alegacións. Entendemos que é o seu papel, pero teñen que entender que cada pan ten a súa personalidade e a IXP Pan Galego, tal e como está actualmente, non ten un encaixe claro para nós, e o “Pan do Porriño” precisaba de xeito urxente, unha figura de protección xurídica, Esta Marca é un primeiro paso, pero estamos desexando poder retomar o contacto coa Consellería de Medio Rural”, afirman dende a Asociación de Panadeiros.

Futuro do Pan do Porriño

En tempos de COVID, a promoción e expansión que o “Pan do Porriño”experimentou nos últimos anos, tivo que paralizarse debido á imposibilidade de realizar a Feira do Pan e otras actividades previstas, como asistencias a Feiras a nivel galego ou nacional, pero dende a Asocaición de Panadeiros, agardan que agora, co espaldarazo do rexistro da Marca Española “Pan do Porriño”, se abra novas oportunidades e agardan pedir o apoio das administracións para lograr que un dos pans máis importantes de Galicia, logre o prestixio que merece.

“Esta noticia é unha gran alegría para todas as panaderías que integran a asociacion de panadeiros. Levamos dende o ano 2005 loitando por un recoñecemento e este é un primeiro paso. Queremos agradecer a todos os que axudaron a este primeiro paso, dende os concelleiros Iván Vaqueiro, Marcelino Coto, á Alcaldía do Porriño e especialmente a ACIPOR, este primer éxito. Queremos que o Pan do Porriño esté nas principais feiras como FITUR, GOURMETS, Xantar,…porque é un pan de unha altísima calidade e queremos seguir mellorando como marca sen descartar a medio prazo voltar a falar coa Xunta de Galicia e a súa IXP oiu iniciar un trámite propio para unha nova IXP ou figura de recoñecemento e nivel europeo”.

Videoxogos e escape room educativo centran a nova oferta formativa da OMIX de Tomiño

0

O Concello de Tomiño oferta a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) dúas novas actividades formativas en modalidade online para o próximo mes de marzo a través das que as persoas participantes achegaranse a diferentes proxectos educativos cos videoxogos e un escape room como protagonistas.

Así, o primeiro curso en arrancar en marzo será sobre escape room educativo, unha técnica lúdica e educativa que fomenta o traballo en equipo e a toma de decisións, entre outros beneficios. Dirixido a docentes, educadores/as e orientadores/as, nesta modalidade descubrirán unha forma de motivar ao alumnado e de presentar de forma orixinal os contido. O curso tamén está destinado a mozos e mozas interesados poderán aprender a interiorizar conceptos educativos que estean a estudar a través do xogo, creando o seu propio escape room e desfrutando de todas as súas vantaxes e estratexias.

As clases serán luns, mércores e venres de 18.00 a 21.00 horas dende o 12 de marzo ata o 12 de abril. O curso terá un custe de 10€ e todas as persoas interesadas poden inscribirse xa a través da web do Concello en https://tomino.gal/curso-escape-room-educativo/.

Outro dos cursos do mes será o de videoxogos educativos e plataformas para videoxogar. Trátase dun curso intensivo de 4 horas a través de Zoom os días 20 e 21 de marzo (de 17.00 a 19.00 horas) no que se falará dos cambios nos videoxogos nos últimos anos e como estes inflúen actualmente na sociedade, repasando os tipos que existen, as ferramentas para a socialización dentro deles e os perigos que se poden atopar neste mundo dixital. Ademais, as persoas interesadas tamén coñecerán os diferentes métodos de comunicación social nos videoxogos e aprenderán a utilizar ‘Discord’, unha das plataformas máis empregadas actualmente, crearán o seu propio servidor e traballarán con esta aplicación descubrindo todas as súas habilidades comunicativas. O custe do curso será de 10€ e pode facerse xa a inscrición a través da web municipal en https://tomino.gal/curso-online-de-videoxogos-educativos-e-plataformas-para-videoxogar/.

O Goberno Provincial dá luz verde ás subvencións ao deporte federado de ámbito inferior a nacional e aos clubs de rexional preferente

“O noso apoio ao deporte é incuestionable”. Con estas palabras a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, puxo en valor o compromiso da institución co deporte tras aprobar en Xunta de Goberno as bases para as subvencións para clubs deportivos da provincia sen ánimo de lucro que participen en competicións federadas de ámbito inferior nacional ou rexional preferente para este 2021.

As axudas aprobadas ascenden a 600.000 euros e a  súa distribución será de 500.000 euros para o deporte federado de ámbito inferior ao nacional e os 100.000 euros restantes para os clubs de rexional preferente. A presidenta provincial quixo lembrar que a semana pasada a Xunta de Goberno tamén aprobou un investimento de 850.000 euros destinado a aqueles clubs deportivos que participan en competicións federadas de ámbito nacional.

Carmela Silva sinalou que as subvencións aprobadas responden a un procedemento de concorrencia competitiva posto que “nós non damos recursos a dedo” e polo tanto, para acadar unha destas subvencións, teranse en conta unha serie de criterios: número de licenzas federativas totais, número de licencias de categoría base ou formativa, número de técnicas ou técnicos e adestradoras ou adestradores, número de licencias femininas e de deporte adaptado. En canto a estes dous últimos criterios a presidenta provincial matizou que “suma puntos apostar porque as mulleres e as persoas con máis dificultades teñan máis recursos”, polo tanto “esta discriminación positiva permite que poidan ter igualdade de oportunidades no eido do deporte”.

O Concello agradece a colaboración dos cidadáns coa campaña de vacinación

O Concello do Porriño, a través da Concellería de Seguridade, agradece “a colaboración e a paciencia dos cidadáns para que a campaña de vacinación para maiores de 80 anos que comezou hoxe no Centro de Saúde transcorra sen aglomeracións”, segundo a concelleira, Lourdes Moure.

No Centro de Saúde están convocados dende hoxe e nos vindeiros días, veciños de Porriño, Mos e Salceda, maiores de 80 anos, para vacinarse coa primeira dose.

A Policía Local habilitou a marxe dereita da rúa Doutor Paz Varela para o estacionamento de coches que transportan a estas persoas e que poden esperar a que remate o proceso de vacinación.  Esta circunstancia facilitou hoxe a espera que tiveron que manter os convocados para vacinarse, xa que o camión frigorífico que traía as vacinas chegou tarde e o proceso de vacinación comezou unha hora despois.

A este respecto, a concelleira de Seguridade “agradeceu a comprensión e a paciencia das persoas convocadas para ser vacinadas, así como das súas familias e acompañantes”, dixo Lourdes Moure.

A Xunta anuncia as datas de exames para seleccionar 396 prazas de categorías administrativas e de emprego social

A Xunta vén de anunciar as datas de exames para 396 prazas de categorías administrativas e de emprego social logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa celebración seguindo protocolos que garanten a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

As probas celebraranse o vindeiro 20 e 21 de marzo para nove categorías diferentes e terán lugar simultaneamente en dúas sedes: o recinto da Feira internacional de Silleda e o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, toda vez que a pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.

O sábado 20 pola mañá realizarase en Silleda e en Lugo o exame para 63 prazas do grupo A1 de Psicoloxía//I Psicólogo para o que están convocados 1.253 aspirantes; e pola tarde terán lugar tamén en ambas sedes, as probas para 89 prazas do grupo A2 Traballador social//II Asistente social nas que están chamadas a participar 1.284 persoas.

A continuación, o domingo 21 pola mañá celebrarase en Silleda e en Lugo o exame para 174 prazas do grupo A1 do Corpo superior/I Titulado superior ao que están convocados 1.601 aspirantes; e xa pola tarde realizaranse en Silleda as probas para 39 prazas do grupo A1 Medicina/I Médico con 95 aspirantes convocados; e para 31 do grupo A1 Bioloxía con 666 persoas convocadas.

Probas con garantías sanitarias

As probas realizaranse  con todas as garantías sanitarias no recinto feiral de Silleda con capacidade para 13.600 persoas e no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo con capacidade para case 1.800, unha vez que as autoridades sanitarias avalan o protocolo elaborado para a súa celebración.

Só se permitirá o acceso aos edificios aos opositores que realicen os exercicios e ao persoal implicado no seu desenvolvemento polo que as persoas aspirantes deben acudir soas (salvo que precisen asistencia).

Terán que presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar en todo momento a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns. Os seus obxectos persoais serán os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material.

En cada unha das portas onde se desenvolvan as probas sinalaranse claramente os accesos correspondentes o que permitirá a súa visualización desde o exterior co fin de axilizar a identificación do acceso que corresponda a cada aspirante.

Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído. Os aspirantes que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas (día e hora de celebración dos exercicios, sede, pavillón) e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.

Aparece o cadáver dunha persoa no interior dun pozo no Porriño

Os bombeiros do Baixo Miño, xunto cos voluntarios de Protección Civil do Porriño, participaron onte á tardiña no rescate dun cadáver, que apareceu no interior dun pozo no Cerquido, no Porriño.

Pola súa banda, as forzas da orde investigan as circunstancias que rodearon este suceso. Un caso do que o 112 Galicia tivo constancia mediante unha chamada de aviso dos voluntarios de Protección Civil, que saían para colaborar cos axentes da Policía Local no rescate do que parecía, inicialmente, un animal dentro dun pozo. 

Sen embargo, poco despois, xa comprenderon que quen xacía no fondo do burato era unha persoa. Deste xeito, acudiron tamén os Bombeiros do Baixo Miño e os axentes da Garda Civil para recoller toda a información posible sobre este suceso, que se produciu preto das sete da tarde de onte.

O Concello de Nigrán celebra, a través de ‘Un Nigrán para todos’, o Día Mundial da Xustiza Social cunha tertulia online este xoves

0

O Concello de Nigrán, a través do grupo de traballo sobre discapacidad  ‘Un Nigrán para todos’, celebrará finalmente este xoves 25 ás 19:30 horas o Día Mundial da Xustiza Social cuxa efeméride foi o sábado 20. cunha tertulia online dirixidas a abordar esta cuestión desde todos os seus ángulos. Os interesados en asistir telemáticamente poderán seguila en Youtube no enlace https://youtu.be/Z49231cmp-I (canal de ‘Un Nigrán para todos’). 

Neste encontro virtual que arrancará participarán expertos en ámbitos moi diversos para afondar nun tema que comprende desde o mundo da educación, ao deporte, o traballo, a linguaxe, a sanidade… Así, entre os conferenciantes estará o deportista Nacho Fernández, o arquitecto Alfonso Correa, o profesor de Dereito Jacinto Lareo, o experto en dereito enerxético Koldo Martín…

A celebración do Día Mundial da Xustiza Social busca erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo digno, a igualdade entre os sexos e o acceso ao benestar social e a xustiza para todos. As persoas con discapacidade subliñan neste día o seu dereito a ser iguais en oportunidades e en exercer a súa liberdade e capacidade de empoderamento. “Todos debemos contribuír á erradicación da pobreza, a que exista unha igualdade de xénero, a promover oportunidades de emprego e desenvolvemento a toda a poboación e, en definitiva, a xerar unha sociedade de benestar pacífica e que respecte os dereitos de todos os seres humanos”, resume Juan González, alcalde de Nigrán e quen abrirá a xornada do sábado.

Galicia sitúase arredor dos 8.000 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.066, deles 2.647 son da área da Coruña, 795 da de Lugo, 578 da de Ourense, 1.078 da de Pontevedra, 1.261 da área de Vigo, 869 da de Santiago e 838 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 146 están en UCI, 583 en unidades de hospitalización e 7.337 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 100.726 persoas curadas, rexistrándose 2.176 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.630.293.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 161.686.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Nova convocatoria de subvencións municipais ás comunidades de augas de consumo do Porriño

O Concello do Porriño anuncia as bases e convocatoria para a concesión de subvencións municipais ás comunidades de augas de consumo para o control sanitario, mantemento de instalacións e reparacións na rede de distribución durante o presente ano 2021.

A convocatoria, a través da Concellería de Infraestruturas e Urbanismo que dirixe Pedro Pereira, ten por obxecto apoiar e promover, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións entre as comunidades de usuarios de augas de consumo do Porriño que reúnan os requisitos establecidos nas bases.

O obxecto das axudas comprenderá a contratación de obras de reparación, substitución de redes de distribución cando non superen os 20 metros, así como os gastos correspondentes a analíticas de control sanitario e os gastos de mantemento e conservación en captación de augas, sistemas de almacenamento e potabilización e mantemento das instalacións.

Para estas axudas estableceuse un importe máximo de 95.000 euros cun límite de máximo de 8.000 euros por asociación.

Nas bases establécense os requisitos a cumprimentar polos solicitantes, a documentación que se achegará, os criterios para a concesión das subvencións e a comisión técnica que avaliará as solicitudes. Coa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOPDEPO) ábrese o prazo para presentar as solicitudes.

No ano 2020 repartíronse un total 59.976 euros nas achegas municipais que acadaron dez comunidades solicitantes, conforme a resolución final da comisión de avaliación que presidiu o concelleiro de Infraestruturas, Pedro Pereira asistido por tres técnicos municipais.

SmartPeme pon en marcha esta semana outros seis obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre a xestión administrativa 4.0, a técnica e composición en fotografía, técnicas de márketing, audiomarketing, Impresión 3D e mellora da produtividade.

En concreto, 0 martes 23 impartiranse os obradoiros “Xestión administrativa 4.0: firma dixital e facturación electrónica”, a cargo de Daniel Cerqueiro, Licenciado e Doutor en Ciencias Físicas e, por outra banda, “Técnica e composición en fotografía”,da man de Laura Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico.

O mércores 24, Sonia Torres, Técnica en Empresas e Actividades Turísticas, impartirá “Técnicas de márketing para a promoción de tours, experiencias e actividades”, dirixido a empresas turísticas que inclúen diversos servizos de ocio e entretemento para viaxeiros, turistas e para a poboación local. No mesmo día, Laura Carrera, Graduada en Publicidade e Relacións Públicas, impartirá o obradoiro “Audiomarketing: crea e diferénciate da competencia cos podcast, onde falará da utilidade desta ferramenta.

O xoves 25, será a quenda de “Impresión 3D VII : Laminador cura III” a cargo do experto en robótica Manuel Freire, quen dará continuidade ao obradoiro impartido semanas anteriores. Para finalizar, o venres 26, falarase da “Mellora a túa produtividade con trello e outras aplicacións”, onde Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, falará sobre esta ferramenta e como xestionar o noso traballo dende a casa.