O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu ante os medios en compañía do voceiro de Sanidade, Julio Torrado, para analizar a evolución desta terceira onda da Covid en Galicia e avaliar as medidas que cómpre poñer en marcha coa máxima de “protexer a saúde” e guiarse polos criterios do comité clínico.
Así, o líder dos socialistas galegos subliñou que, tralo “fracaso da estratexia Salvar o Nadal da Xunta e do plantexamento fallido do BNG do confinamento absoluto dende o pasado mes de outubro”, é o momento de “tomar medidas ponderadas” e “avanzar cara o relaxamento das restricións coa máxima prudencia”, tendo en conta a caída no número de contaxios.
Trátase, como dixo Gonzalo Caballero, de, “paulatinamente”, empezar a permitir certa actividade na hostalería galega, de levantar os peches perimetrais nalgunhas zonas e de posibilitar as reunións de non conviventes, por exemplo, “ao aire libre”, para favorecer o encontro de familiares e seres queridos.
E, tras garantir que o PSdeG continuará sendo “leal e responsable” e actuando “con vocación de construír e de cooperar”, o máximo dirixente do PSdeG cuestionou a estratexia de “tentar confundir” que está seguindo o presidente da Xunta ao fío da aprobación no pleno de mañá da nova lei de saúde de Galicia.
“Feijóo está tentando salvar as súas declaracións contra o estado de alarma cunha lei que non dá resposta aos problemas que nos atopamos fronte á pandemia”, sinalou Gonzalo Caballero, ao tempo que fixo fincapé en que o necesario agora é “reforzar” o sistema sanitario e “mellorar” o sistema de vacinación que xa está en marcha.
Lei de Saúde
Precisamente, o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, sinalou que esta lei “trata sobre o que non toca”, posto que “non resolve ningún problema” relativo á pandemia ou á situación do sistema de saúde.
Ademais, incidiu, “chega tarde”, case un ano despois de que se decretara o estado de alarma fronte á covid. Outras comunidades, tal e como reseñou, xa tomaron medidas “en maio ou xuño” do ano pasado.
A maiores, o deputado do PSdeG criticou que a Xunta desbotase a “concienciación” sobre as vacinas para optar polo “estado de excepción” e a “imposición” a través desta norma. “Entre a ignorancia do negacionismo e a soberbia do autoritarismo, nós estamos coa ciencia”, subliñou.
Ao respecto, o socialista vilagarcián amosou o seu convencemento de que “a eficiencia é a mellor maneira de convencer”. De aí, profundou, que as reticencias ante as vacinas fronte á covid non cheguen nin ao 10% da poboación.