Sábado, 18 Xaneiro de 2025

Rematadas as obras de mellora no abastecemento de auga de Lougares e Vilar en Mondariz

O Concello de Mondariz vén de certificar a finalización de dúas obras de mellora nas infraestruturas de abastecemento de auga nas parroquias de Lougares e Vilar, avanzando na súa estratexia de modernizar os servizos municipais máis básicos para a poboación.

En Lougares foron realizadas obras de hipermeabilización nos vasos do depósito de almacenamento que abastece ao barrio de Santa Baia, que contaron cun orzamento de 20.460,56 €. Reparáronse fisuras, gretas e desconches de formigón das paredes deterioradas, selouse a cuberta da edificación e procedeuse á limpeza, pintado e valizamento da parte traseira do recinto. 

Esta actuación permite a día de hoxe dispor dun depósito de abastecemento de auga en óptimas condicións que cumpre coas máximas esixencias sanitarias e dá solución á constante perda de auga que se rexistraba na instalación antes da intervención municipal.

Nesta mesma liña de acción orientada a mellorar as infraestruturas relacionadas cos servizos municipais máis básicos, o Concello de Mondariz deu recentemente por rematadas unhas obras de renovación do tubo que abastece á parroquia de Vilar que supuxeron un desembolso de 32.798, 26 €. Esta actuación consistiu na demolición do firme, a retirada da anterior canalización, a reposición de novos tubos de polietileno de alta densidade (75 mm de espesor) e os correspondentes desvíos e cruzamentos, rematando coa reposición do firme con aglomerado ou formigón, según o caso, na marxe dereita da estrada provincial EP4302, ao longo dun trazado de case 500 metros. 

As innumerables roturas ao longo do trazado reposto, situado entre o barrio de Carballal, en Riofrío, e a igrexa parroquial de Vilar, viñan producindo continuos cortes no subministro e elevados custos económicos polas repetidas reparacións parciais practicadas na zona.

O Concello de Mondariz, que financiou estas obras a través do Plan Concellos 2020 da Deputacion de Pontevedra, pretende continuar con esta estratexia de modernizar os servizos municipais máis básicos para a poboación mediante inversións anuais destinadas a renovar as infraestruturas municipais e aumentar a eficiencia do seu funcionamento.