Sábado, 31 Maio de 2025

Redondela presenta unha ampla programación polo 25N

0

A concellería de Igualdade do Concello de Redondela organiza unha ampla programación co gallo da celebración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Os actos comezarán este venres, día 17, con programación infantil e para o público en xeral. O auditorio do Piñeiral de Chapela acolle ás 18:30h o contacontos “Sen Medo” de Trécola Teatro para o público infantil.

A obra de teatro Golpes, de Estíbaliz Veiga, será no auditorio da Xunqueira ás 20.00 horas para o público xeral. Conta a historia de Pamela, unha moza que sufriu violencia machista. É un espectáculo directo, próximo, que xoga co impacto directo da posta en escena, sen trucos dramatúrxicos ou de escenografía. A obra está apoiada só no traballo da actriz, quen incorpora múltiples personaxes diante dos ollos do espectador.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, salienta a importancia de conmemorar esta data con actividades para público de todas as idades, tanto nenos como adolescentes e adultos, “dada a importancia de concienciar á cidadanía na igualdade e na erradicación dos comportamentos machistas en todos os ámbitos e en todas as franxas de idade”. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala o traballo que se fai desde o Concello de Redondela “non só este día, senón ao longo de todo o ano pola eliminación da violencia contra as mulleres”.

Ademais da programación co gallo do 25N, “o goberno local aposta por políticas transversaisen todos os ámbitos pola igualdade e contra a violencia de calquera tipo”.

A próxima semana, entre o luns día 20 e o xoves 23, celébranse no auditorio da Xunqueira as charlas interactivas “Falemos de sexo”, impartidas por Lucía Pereda (Talentea) para o para o alumnado dos IES do Concello. O mércores 1 de decembro celebrarase tamén esta charla dirixida ás familias do alumnado ás 19.00 horas.

O mércores día 22 a veciñanza poderá participar no roteiro guiado “As Mulleres da Vila” que partirá desde Vilavella e estará guiada por Soledad Chayán de Mellor con Guía. Para esta actividade é preciso reserva precia na Oficina Turismo (986401713 ou [email protected]).

Os escolares e colectivos do municipio serán os protagonistas o venres día 24 coa lectura dos manifestos elaborados por eles ás 12.00 horas na praza do Concello. A xornalista e tiktoker galega María Foscaldo, que dá vida a “Virtudes a Repunante” nas redes, será a encargada de presentar o acto. Media hora máis tarde, ás 12.30 no Salgueiral terá lugar a entrega floral e unha lectura de poemas. A xornada contará coa actuación do Cuarteto de Cordas do Conservatorio Municipal.

Gala Sesé Mateo

O auditorio da Xunqueira acolle o día 24 ás 20.00 horas a Gala Sesé Mateo, onde se fará entrega do III Premio de Xornalismo Sesé Mateo, no que se recoñece a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista. Presentada por Laura Vaqueiro (CRTVG) e coas intervencións das xornalistas Patricia Costa (RNE) e Cristina García (CRTVG), a gala contará tamén coa asistencia de Joshua Matheo, fillo de Sesé. Participarán as Aulas Municipais de Teatro e o grupo musical Faíscas.

Acto Institucional

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o sábado 25 de novembro, celébrarase na Praza do Concello un acto ás 12.00 horas coa lectura da Declaración Institucional e a actuación da actriz e dramaturga Arantxa Treis coa peza “Sorpresa”.

As actividades continuarán o domingo día 26 en Vilavella ás 12.00 horas co espectáculo Danza na Rúa contra a Violencia Machista, cunha “flashmob” participativa con todos os grupos de baile do municio.

A mosense Sheila Romay representará a Galicia en Miss España

0

Unha das representantes galegas no certame Miss Grand España é de Mos. A veciña mosense do barrio do Castro, da parroquia de Mos, Sheila Romay Calviño, resultou o pasado 5 de novembro gañadora (xunto con Paula Currás, de Cangas) da gala final do certame Miss Grand Galicia 2023, que se levou a cabo no auditorio do Centro Dotacional do Medio Rural de Torroso. Sheila foi elixida Miss Grand Costa Galega.

Onte pola tarde recibírona no Concello para felicitala a alcaldesa, Nidia Arévalo, acompañada doutros membros do equipo de goberno, os concelleiros Leo Costas, Feli Rodríguez e Julia Loureiro.

Neste certame de nivel autonómico elíxense dúas representantes para participar no nacional, unha recibe o título de Miss Grand Galicia e a outra Miss Costa Galega. No primeiro resultou elixida a canguesa de 25 anos e dedicada profesionalmente ás Redes Sociais como Influencer, Paula Currás. No segundo foi a mosense, Sheila Romay.

Sheila estuda terceiro curso do grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos na Universidade de Vigo e ten dúas irmás, Cristina e Carmen Antía. Explica Sheila que fai dous anos que comezou a facer sesións fotográficas como modelo pero nunca fixera pasarela, polo que este certame foi o seu debut sobre a mesma e logrou erixirse xa vencedora.

Asegura Sheila que desde pequena lle gustaron os escearios e o público, e participou no grupo de Play Back de Mos e na Comparsa de Pereiras. “Estou feliz, orgullosa e agradecida porque a miña familia apoioume en todo momento e animoume a conseguir o meu soño, inculcándome os valores do esforzo e a dedicación”, explica Romay Calviño, quen ademáis apunta que “me esforcei moitísimo para compaxinar a preparación do certame cos meus estudos e tras todo o esforzo realizado pensei que podía ter opcións, pero recoñezo que era difícil e, agora, é como un soño feito realidade; voltarei a traballar moito e moi duro no nacional para deixar a Galicia e a Mos no máis alto, reto que afronto con enormes ganas e ilusión”.

“A preparación para o nacional vai ser dura, tanto física como psicolóxicamente, pero é unha experiencia única que non todo o mundo pode vivir e vouna aproveitar ao máximo”, coclúe a Miss mosense. O certame de beleza feminina Miss Grand Galicia 2023 busca empoderar a mozas que desexen representar á súa comunidade autónoma en Miss Grand España e sumerxirse no mundo da moda. 

Miss Grand España, que se celebra anualmente desde 2016, é responsable de seleccionar ás representantes de España para concursos internacionais de renome, incluíndo o prestixioso Miss Grand Internacional. 

A Cañiza celebrou a II edición do “Trofeo Ciclocross Concello da Cañiza”

0

A choiva deu unha tregua Á Cañiza durante a mañá do domingo 12 de novembro, para celebrar por segunda vez este evento deportivo, no circuito habilitado nas instalacións do Campo de Fútbol das Augas Férreas e arredores, organizado polo club ciclista «Grupeta Pan De Zarco», e que contou coa asistencia de máis de 800 persoas entre participantes e público.

O alcalde da vila agradeceu e felicitou aos organizadores desta II Edición, o Club Ciclista «Grupeta Pan De Zarco – A Cañiza», coa colaboración do Concello, polo éxito de participación. Máis de 240 ciclistas que xunto cos familiares e público apoiaron á competición. Ademais de aos gañadores de cada categoría.

A proba estivo aberta para as categorías de ELITE-SUB23 masculino e feminino; JUNIOR masculino e feminino; CADETE masculino e feminino; MASTER 30/40/50 feminino e  MASTER 30/40/50/60 masculino.  Ademáis este ano por primeira vez, se realizou unha proba de promoción aberta para a categoría infantil na que pudieron participar os rapaces nados entre os ano 2010 e 2011.

O circuito de 2.500 m, preparado nas instalacións do Campo de Fútbol de Augas Férreas e a zona do Balneario, contou cun box de material individual, zona de lavado de bicicletas asistida co camión motobomba do Concello, un máximo de 2 obstáculos artificiais, zona de chamada e saída anexa á saída e meta, un posto de primeiros auxilios e zona de podium.

Os novos orzamentos do Rosal apostan por proxectos transformadores para a vila

0

O Concello do Rosal avanza xa na configuración dos seus orzamentos para o ano 2024, uns presupostos que se aprobarán en pleno este mesmo xoves (20.30 h) nos que se aposta polos proxectos transformadores pero tamén por todas aquelas iniciativas que suporán unha mellora na vida cotiá da veciñanza.

“A boa planificación e o bo funcionamento do Concello é o que nos permite traballar con antelación nuns orzamentos cos que queremos afondar en proxectos e medidas que nos permitan mellorar o día a día de rosaleiros e rosaleiras, sendo o primeiro concello da comarca e un dos primeiros de toda Galicia en facelo”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Rosal afronta o vindeiro ano con novos retos ao que fará fronte grazas á capacidade do Concello de captación de fondos europeos para executar proxectos de gran relevancia para o municipio e a veciñanza. Así, os orzamentos contemplan un investimento total de máis de 1,5 millóns de euros cunha achega municipal de 343.000 euros para continuar coa transformación do alumeado público, o que vai supoñer un antes e un despois para o Rosal. Como sinala a rexedora, “este proxecto responde de xeito integral a unha necesidade real de todos os veciños e veciñas, ao tempo que se fomenta a sostibilidade e a eficiencia enerxética”.

Cos novos presupostos contemplan tamén a aposta do Goberno municipal pola educación de proximidade, pola recuperación de edificios con valor patrimonial e o aforro en termos de eficiencia enerxética, xa que permitirán facer realidade a renovación da Escola Unitaria de Tabagón, que será a nova sede do CRA María Zambrano. En total serán máis de 209.000 euros de achega municipal, tendo os traballos un investimento total de case 600.000 euros. Esta aposta pola educación de proximidade que se reflicte nas axudas ao CRA coa que colaborar a manter o servizo de comedor e que se contrapón coa realidade da Xunta de Galicia, que “leva anos sen realizar investimentos de reforma e servizos nas escolas unitarias a pesar de ter as compentencias exclusivas para facelo”.

O Concello prepárase ademais para afrontar no 2024 un novo reto no que O Rosal é pioneiro: as comunidades enerxéticas. O Goberno municipal estableceu unha partida destinada á creación da Oficina de Transformación Comunitaria que permita impulsar a creación destas comunidades da man da veciñanza. Esta oficina terá como obxectivo apoiar e promover novas iniciativas de comunidades enerxéticas e orientar a rosaleiros e rosaleiras en cuestión de aforro enerxético e instalación de enerxías renovables, con asesoramento e información de vías de financiamento posibles.

Incorporarase tamén a este orzamento un investimento de máis de 110.000€ para continuar coa mellora de diferentes espazos públicos nos barrios rosaleiros, que se materializará por exemplo coa reforma da Casa Escola de Fornelos para convertela en espazo de dinamización veciñal da xuradía de Fornelos. Executarase ademais neste 2024 coa súa correspondente incorporación orzamentaria a transformación do campo de fútbol da Mata no camiño da mellora das infraestruturas deportivas para dar pulo ao deporte de base.

Pero xunto ás melloras de infraestruturas e servizos, o Goberno municipal compuxo uns orzamentos moi próximos á realidade do municipio que recollen as necesidades actuais da veciñanza. Increméntase nun 15% o apoio ao asociacionismo, un dos eixos fundamentais do desenvolvemento do Rosal. E continúa apostándose polas actividades de dinamización social, deportiva e económica nos barrios. Neste sentido, destaca a consolidación do programa O Rosal Cámara Fest, que duplica a súa partida; a creación dunha Feira de Segunda Man; a posta en marcha dunha liña específica para actividades no Mercado ou o incremento do presuposto para continuar ofrecendo unha ampla programación de actividades culturais, deportivas de conciliación ou de lecer.

Os Goberno municipal ademais incorpora aos orzamentos de 2024 un importante incremento na área de benestar social. Como importante novidade e dada a importancia que traslada a pirámide poboacional galega e do Rosal, o Concello recolle unha nova liña para un programa de maiores que se centrará na  posta en marcha de accións centradas no envellecemento activo. Contémplase ademais un incremento do 30 % na área de dependencia, incrementando a dotación orzamentaria para costear o prezo hora do Servicio de Axuda no Fogar, incrementándoo en 100 horas mensuais e contratando unha persoa como auxiliar administrativo a xornada completa, o que redundará na mellora do servizo.

Así mesmo, no compromiso de xerar unha actividade transversal mantense a partida de Igualdade coa que se consolida programa Revolucionando Mentes, a través do que se levarán a cabo diferentes accións.

Arbo lanza a campaña “Ven ao teu Mercado tamén en Nadal”

0

O mercado municipal e o Concello lánzanse á captación de novos clientes e á fidelidade dos xa existentes, cunha campaña de sorteos que premiará a aqueles que opten por facer as súas compras na praza.

Por segundo ano consecutivo, iniciase o vindeiro 15 de novembro a campaña de apoio ao comercio local para a próxima campaña de nadal. “Ven o teu Mercado tamén en Nadal”.

Os establecementos da Praza do Mercado, por cada compra darán un boleto que os participantes deberán rellenar cos seus datos e depositalo na urna colocada con motivo da campaña, ata ó 20 de novembro.

Os premios son tres cestas con produtos do Mercado, do comercio local e das adegas de Arbo, valorado o primeiro premio en 120 euros, o segundo en 70 e o terceiro en 50 euros.

A iniciativa foi posta en marcha polo Concello de Arbo que quere dar difusión ao valor da compra de proximidade fomentando a colaboración entre os comerciantes e a administración pública.

Segundo destaca o alcalde da localidade, Horacio Gil, esta actividade foi moi ben acollida o pasado Nadal, polo que volvemos a incluíla nos programas de decembro.

O propósito desta campaña, e seguir incentivando o consumo de produtos perecedoiros frescos e resaltar os valores de compra nos mercados, así como poñer en valor a profesionalidade e bo facer dos vendedores.

Mercar na Praza de Abastos de Arbo, é garantía de calidade, bo servizo e atención personalizada así como garantía de boa compra – remata o rexedor Horacio Gil O Sorteo terá lugar o 21 de decembro na Praza do Mercado.

A Xunta realiza unha achega ao CAAN para a identificación, vacinación e esterilizacións dos cans

O labor que desenvolve o Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra no coidado animal acaba de ser apoiado pola Xunta de Galicia coa concesión dunha achega por preto de 37.000 euros para financiar os gastos derivados de esterilizacións de cans, identificacións con microchip, compra de alimentos e vacinacións realizados nas instalacións da Armenteira. Estas axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva ás entidades locais para actuacións encamiñadas á protección dos animais domésticos de compañía abandonados en Galicia.

Hai que destacar que todos os cans que saen do centro en adopción fano vacinados, identificados con chip, desparasitados e esterilizados e, neste senso, entre o 1 de setembro do 2022 e o 31 de agosto deste 2023, realizáronse un total de 808 identificacións e 394 esterilizacións. En total, recolléronse 1.511 animais nos 52 concellos adheridos a este servizo na provincia.

O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. Estes últimos días, o CAAN recolleu unha camada de catro cachorros que apareceron abandonados nunha caixa xunto a un colector de lixo en Vilaboa. Son dúas femias, “Rosalía” e “Flabia”, e dous machos, “Aldán” e “Anxo”, que se estima que teñen preto de vinte días de vida e se atopan en boas condicións.

Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN, que segue mantendo a premisa de fomentar o dereito á vida dos animais, erradicar o abandono e promover as adopcións. Estas son gratuítas e o persoal asesora as persoas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitas como para formalizar as adopcións preferentemente se pide cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou  886 217 391.

O coro Vox Stellae ofrece un concerto mañá nas Xornadas Francisco Sánchez

0

O prestixioso coro Vox Stellae ofrecerá mañá martes, 14 de novembro, ás 20 h no Teatro Municipal de Tui un concerto extraordinario titulado “A propósito de Francisco Sánchez ‘o escéptico’ (1550-1623)”. Este concerto, con entrada libre, forma parte do programa de actividades que organiza o Concello de Tui para conmemorar o IV centenario da morte do egrexio pensador tudense, médico e filósofo falecido na cidade francesa de Tolosa o 16 de novembro de 1623.

O programa do concerto trázase en torno ao periplo vital de Francisco Sánchez, de tal xeito que interpretarán varias pezas en razón da súa orixe e a relación co tempo no que Sánchez viviu en cada territorio. Ao tempo de infancia e mocidade entre Galicia e Portugal obedece a inclusión das composicións do arquivo da Catedral de Santiago  e unha obra de Antonio Carreira, quen foi mestre de capela en Braga e Compostela. Da época na que Sánchez se doutorou en Roma interpretarán obras dalgúns dos nomes máis importantes do seu tempo na sé papal, músicos a quen Francisco Sánchez puido coñecer e dos que seguramente escoitou algunha composición: Tomás Luís de Vitoria, Giovanni da Palestrina e de Francisco Soto de Langa, músico burgalés que dirixiu e coordinou a capela papal. A música francesa do primeiro cuarto do século XVII camiñaba por unha vía estilística un tanto diferente á da tradición romana ou hispana e estará representada por obras de Jean Baptiste Besard e Antoine Boesset.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, este concerto enriquece de xeito excepcional a programación que promove o Concello de Tui para conmemorar o “Ano Francisco Sánchez”, pois esta agrupación musical é, sen dúbida, unha das de maior prestixio en Galicia tras vinte anos de traxectoria recuperando a tradición da música vocal. Cabe lembrar o seu labor no proxecto de recuperación do patrimonio musical da catedral de Tui editando tres discos con música de Matías García Benayas (+1737) e outros autores dos códices polifónicos: Defensor alme Hispaniae (2013), premiado co Melómano de Ouro en 2015, Salvete Flores (2016) e Canite Tuba (2020). Vox Stellae tamén ten promovido a reestrea da Misa en Do M de Rosendo Salvado, outro ilustre tudense.

Vox Stellae

Vox Stellae nace en 2003 con motivo dunha conferencia do musicólogo José López Calo sobre a música na Catedral de Santiago. Un dos seus sinais de identidade é a difusión da música galega, tanto a dos arquivos das catedrais como a creación contemporánea e a música popular. Amais de participar en actos institucionais e concertos didácticos, ten actuado en múltiples tempadas de abono e festivais: Vía Stellae, Espazos Sonoros, De Lugares e Órganos, Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, Semana de Música de La Laguna, Outono dos sentidos na Ribeira Sacra, Festival Internacional Provincia de Palencia, Ciclo de Música Sacra de Castilla y León, Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, Camiño de Cantares, Festival Internacional de Música Relixiosa de Guimaraes, Festival Internacional de Grupos Vocales de Santander…

Vox Stellae colabora con agrupacións e solistas como a Orquestra de Cámara de Tenerife, Orquestra de Cámara Galega, Finis Terrae Brass, Os Menestreis de 1500, Taller Atlántico Contemporáneo, Cristina Pato, Joaquín Barreira, Manuel Vilas, Beatriz Díaz, Belén Elvira, Juan Antonio Álvarez Parejo, Juan Manuel Varela, Fernando Buíde, Uxía Senlle, João Afonso ou o dramaturgo Maximino Queizán.

Entre o seu amplo repertorio destacan a estrea absoluta de Tres Imaxes de Compostela e Vésperas de San Martiño (M. Mato), Martine Confessor (J. Trillo) a estrea en España da Misa en Sol a Santiago de Compostela (A. Tucapsky), as reestreas da Misa en Do M (Frei R. Salvado) e a Missa Voce Mea (C. de Medrano) ou a estrea en Galicia de Rothko Chapel (M. Feldman). Dentro do proxecto de recuperación do patrimonio musical da catedral de Tui editou tres discos con música de Matías García Benayas (+1737) e outros autores dos códices polifónicos: Defensor alme Hispaniae (2013), premiado co Melómano de Ouro en 2015, Salvete Flores (2016) e Canite Tuba (2020).

O CN Ponteareas presenta os seus novos equipos para a tempada 2023-24

O sábado 11 de novembro levou a cabo a presentación das diferentes categorías que integrarán o equipo co que o club natación Ponteareas afrontará a tempada 2023-24.

O club mantén representación en todas as categorías federadas, desde os prebenxamines ata o equipo máster, superando as 150 licenzas.

O equipo incorporou recentemente unha sección de natación inclusiva, co selo de CN Ponteareas-Darlim, e mantén as súas sedes de adestramento nas piscinas do Complexo Universitario de Vigo e do complexo deportivo Álvaro Pino, en Ponteareas.

O presidente e director técnico da entidade do condado, Andrés Carrera, realizou un repaso dos diversos logros obtidos na pasada campaña e marcou algúns obxectivos para a próxima, entre os cales destacou a procura do ascenso do equipo absoluto á división de Honra galega e a participación do equipo feminino na Copa de España. Así mesmo, resaltou a importancia do papel de cada equipo nas súas respectivas ligas e campionatos autonómicos, e o desexo de manter a participación de nadadoras do club do Tea en campionatos nacionais e internacionais, tanto en piscina como en augas abertas, disciplina esta última na que o club obtivo recentes éxitos.

[su_image_carousel source=”media: 78754,78753,78751,78750,78749,78748″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Por último, lembrou algúns dos eventos que a tempada pasada organizou o club ponteareán, agradecendo o esforzo que persoas, institucións e patrocinadores realizan para que sexan unha realidade cada ano.

Sen desvelar aínda que citas poderían celebrarse esta campaña en Ponteareas, Andrés deixou aberta a posibilidade a que este ano tanto a piscina Álvaro Pino como o río Tea convértanse en sede de diferentes competicións.

O calendario autonómico xa se iniciou tendo como novidade a estrea na federación galega de natación dun novo presidente.

O cemiterio de Barcia de Mera, en Covelo, xa lembra aos seus na súa lingua materna

0

O Concello de Covelo sumouse á iniciativa de Restauración da Memoria Lingüística de Galicia en Galego da man do seu prezado veciño, Domingo Lorenzo Vello. Coñecido como “Mingos” foi gaiteiro e fundador do afamado orfeón “Treixadura” espallando a lingua galega a través das súas cancións.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que o Covelo quixo recoñecer, así, a aportación de Mingos como promotor do uso da lingua galega, difundindo o folclore popular e levando o nome da súa vila e de Galicia alí onde actuou, ademais de renderlle unha cariñosa homenaxe. No acto celebrado no camposanto de Barcia de Mera colocouse, tamén, unha lápida que amosa o fondo agradecemento a todas as persoas que xacen nese camposanto “porque grazas a elas e eles Galicia segue a ter a lingua e cultura de seu”. Fini Varela, acordeonista e dona de Mingos, lembrou o significado que a música, a lingua e Treixadura tiveron na vida de seu home, mentres que o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), Pepe González, enfatizou o dereito a ser recordado na lingua coa que naceches e coa que te comunicaches ao longo da vida. “Tan só un dous por cento das esquelas publicadas nos medios son en lingua galega e tan só un 1% das lápidas a pesar de ser a lingua nai da maioría de todos nós. Dende a nosa asociación animamos a recoller nas vontades testamentarias o dereito a ser recordado na lingua na que viviches”.

O párroco de Barcia de Mera, Rafael Antela, rescatou da memoria ao primeiro  cardeal de Santiago en celebrar a misa en galego a mediados do século pasado, Fernando Quiroga Palacios, e defendeu os oficios relixiosos en galego levando el máis de trinta anos predicando en galego “porque Deus entende todas as linguas”.

Baixo a campaña “En galego agora e sempre” a AFNLG, Galeguizargaliza (grupo de asociacións que comparten un mesmo obxectivo: dinamizar a cultura galega e normalizar o uso da nosa lingua en distintos ámbitos da vida social, cultural, económica e administrativa), a Xunta de Galicia e o Concello de Covelo queren facer pedagoxía sobre a incoherencia de soterrar aos seres queridos con lápidas escritas nun idioma diferente ao que falaban en vida.

“O noso veciño de Barcia de Mera, Mingos, decidíu ao longo da súa vida chegar ás persoas a través da música, do canto e do galego, motivo polo que coidamos que era a figura coa que debíamos dar o primeiro paso”, explica Pablo Castillo.

Aproxímase o remate das obras da senda cicloturista Alto de Barreiro-Santiaguiño en Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou as obras da nova senda cicloturista Alto de Barreiro-Santiaguiño. Arévalo, rexedora local mosense, estivo acompañada polo seu tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e polo edil de Urbanismo, José Ramilo.

Os representantes municipais, Arévalo, Grandal e Ramilo informaron de que o remate das obras da senda producirase próximamente e de que os traballos continúan avanzando cara a súa próxima finalización, quedando xa só por acabar parte do formigonado da zona semi peonil (que se atopa acometido nun 70% aproximadamente), parte da senda peonil e da zona verde; e o asfaltado e pintado da sinalización horizontal.

A obra do Carril Bici Alto de Barreiro-Santiaguiño conta con financiación, a través dunha subvención, mediante convenio, da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia, de máis de 750.000 euros. O carril bici desde a rotonda de Alto de Barreiro (en estrada Puxeiros-Mos) ata a Capela de Santiaguiño (Estrada Peinador-Os Valos) trátase dun carril de 3,5 km de desenvolvemento pola marxe esquerda. A actuación pretende mellorar as circulacións deste vial, incluíndo proteccións para as zonas de cruzamento de peregrinos, así como a posta en valor dos elementos patrimoniais como o Cruceiro dos Cabaleiros.

Deste xeito a Xunta colabora co Concello de Mos no impulso do cicloturismo e a seguridade viaria peonil no Camiño. O obxectivo do convenio de colaboración asinado con Turismo de Galicia é mellorar a seguridade viaria e a convivencia entre peóns, vehículos e ciclistas, especialmente no tramo en que o trazado coincide co Camiño de Santiago.

A actuación mellorará un tramo de 3,5 quilómetros de lonxitude e suporá un investimento de máis dun millón de euros distribuídos en dúas anualidades co obxectivo de seguir avanzando na mellora da mobilidade e nun Camiño máis seguro.

A execución da senda cicloturista está encamiñada á mellora da convivencia entre peóns, vehículos e peregrinos entre o alto de Barreiro e a Capela de Santiaguiño, onde a estrada conflúe co Camiño Portugués.

A intervención supón actuacións nun trazado que se estende ao longo de 3,5 quilómetros en que se fará un investimento total de algo máis dun millón de euros (1.084.413,74 euros) dos que Turismo de Galicia asume algo máis de 750.000 euros.

O ámbito de actuación correspóndese co trazado da estrada municipal que comunica as parroquias de Torroso e Mos co núcleo rural de Santiaguiño, na parroquia de Louredo. Trátase dun trazado municipal moi transitado cun ancho reducido que non dispón ata o momento de itinerarios peonís seguros polo que a actuación está encamiñada a deseñar un trazado seguro onde convivan peóns e ciclistas cun ancho non inferior a 2,5 metros que permitan xerar plataformas de convivencia con vehículos, especialmente naqueles tramos onde o trazado convive co Camiño. A obra permitirá embelecer o Camiño coa disposición de zonas empedradas con lastros nos encontros do Camiño coa vía e, especialmente na contorna do Cruceiro de Santiaguiño, co fin de pór en valor o patrimonio cultural e favorecer a sinalización silenciosa do itinerario de peregrinación.

Nigrán busca negocios interesados para participar na campaña de promoción do comercio local deste Nadal

0

O Concello de Nigrán busca protagonistas para a vindeira campaña de Nadal de promoción do comercio local que realiza cada ano xunto a asociación de empresarios Ovalmi. Con este fin, os negocios interesados (sexan ou non socios de Ovalmi) dispoñen ata o 20 de novembro para inscribirse a través dun formulario web en www.nigran.es ou directamente en https://forms.gle/a3SwXX4dJzT57Twc9 . O obxectivo é darlle continuidade ao lema ‘#VivoEnNigránComproEnNigrán’ e #EuSonDeMercarEnNigrán empregando novamente os rostros de coñecidos comerciantes da localidade como reclamo. En caso de superarse o máximo de 25 participantes inscritos terán prioridade os que nunca participaron neste tipo de campañas.

“A campaña de Nadal de promoción do comercio local é xa unha tradición do Concello de Nigrán porque funciona moi ben nunhas datas de moitas compras. Serve tamén para conciencienciar á cidadanía da responsabilidade individual de cada un de nos á hora de consumir e dá continuidade ao noso traballo ao respecto”, defende o alcalde, Juan González, quen considera que “o mellor reclamo é porlle rostro aos nosos comerciantes”, polo que o Concello sigue apostando por este tipo de campaña personalista.

A iniciativa municipal comprende diferentes aspectos que se irán anunciando conforme se achegue a data, pero volverá a incluir vallas, cartalería, difusión en redes… “Agora estamos na fase de encontrar comerciantes dispostos a posar para poder levala adiante, nos gustaría que, a través deles, unha vez máis, todos se sintan representados”, finaliza González, quen agradece a colaboración de Ovalmi.

O programa SmartPeme oferta esta semana catro novas formacións

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana catro novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros que se celebrarán de xeito telemático. As actividades abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, o posicionamento SEO, a fotografía para a campaña de Nadal e a realidade virtual.

A primeira das xornadas comeza hoxe luns, 13 de novembro, ás 10:30  horas co obradoiro “Ciberseguridade, dispositivos móbiles”. O obxectivo deste taller é dar a coñecer a importancia de protexer os dispositivos móbiles dado que estes comezan a substituír aos PC na xestión cotiá dos negocios. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D será o encargado de impartir este curso.

 O martes 14 de 12:00 a 13:00 horas iníciase o taller “Crea as túas fotografías para a campaña de Nadal”, onde Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, explicará como atopar o estilo propio para resaltar neste Nadal fronte a competencia. Así, abordaranse características relacionadas coa imaxe de Nadal, os tipos de cámaras, a composición, ou, entre outras, o Atrezzo e Efecto Bokeh.

O mércores 15 de novembro ás 12:00 horas dará comezo o obradoiro “Iniciación ao SEO I: conceptos, palabras clave e primeiros pasos”, co fin de dar a coñecer os conceptos básicos que compoñen o SEO para mellorar o posicionamento nos principais buscadores, aumentando así o tráfico de usuarios ou clientes. Este curso será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual cunha ampla traxectoria profesional no ámbito da comunicación dixital e o márketing online.

Finalmente o xoves, 16 de novembro e entre as 12:00 e as 13:00 horas, terá lugar o taller “Realidade Virtual, prepara o teu evento desde o metaverso”. Este obradoiro ten como finalidade utilizar a ferramenta Horizon Workrooms e dar coñecer as súas posibilidades na realización de eventos. O encargado de dirixir este curso será o experto en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.

Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas. A confusión e a sensación de caos poden acompañar os primeiros pasos na lectura deste tipo de traballos, cando menos ata que o lector consegue decatarse do xogo tan especial ao que o autor nos empuxa. É a partir de aí cando, se aceptamos a proposta, poderemos comezar a desfrutar axeitadamente da lectura. Tal cousa acontece co exemplo que hoxe traemos e que, baixo o desacougante título «Ou as dúas estaredes mortas», agocha unha extensa colección de relatos breves e máis unha novela, e que asina o pouco prolífico Xosé Manuel Eyré. Convén explicar todo isto.

A historia arranca co encontro fortuíto entre dúas mulleres que non tardan en empatizar entre si e iniciar unha relación de amizade. Esa relación verase alimentada polo intercambio de pequenos textos escritos, moi breves, nos que cada unha delas expresa as súas inquedanzas, medos ou querenzas. Ás veces fano cun formato próximo ao aforismo, outras como reflexións sobre a vida, como fábulas ou como relatos mínimos ao estilo tradicional, todos eles independentes entre si. Cada un virá acompañado dunha especie de nota a rodapé, tamén breve –case sempre–, na que se nos dan pistas sobre o significado de cada conto e, ao tempo, se nos vai desvelando como evoluciona esa relación de amizade entre as dúas protagonistas. Con estes apuntamentos dáselle unha unidade a todo o conxunto, que é a que nos leva a tratar este texto como unha novela. Mais non sempre esas notas son tan clarificadoras como pode parecer ata o punto que, a miúdo, descoñecemos a autoría ou só intuímos o seu significado real.

De que falamos, entón? Dunha historia narrada en pequenos fragmentos? Dunha simple colección de relatos? A resposta non é sinxela. En certo sentido poderiamos dicir que é unha novela, pois os textos inseridos axudan a comprender e profundar na relación entre as dúas mulleres, que vén sendo o espiñazo da narración. Pero cada un deses retallos de texto ten entidade propia, mesmo vida propia alén do relato ao que pertence, funcionando perfectamente como un conto breve. Isto lévanos a desbotar a idea da colección de contos, mesmo a da novela de sempre, fronte a algo moito máis profundo e transversal. Unha novela que invade o espazo do relato, ou viceversa, segundo os ollos cos que miremos a proposta. Un caos no que o lector deberá poñer un pouco de orde. Novela participativa, en calquera caso.

Algúns deses relatos breves son pequenas alfaias literarias dominadas pola concisión e a sorpresa, así como por unha linguaxe sinxela e directa, por veces fondamente lírica, pero sempre precisa e atinada. As notas, pola contra, empregan un estilo moito máis reflexivo ca narrativo para mergullar ao lector no transfondo, a cotío tamén sorprendente, da relación entre as dúas mulleres. O conxunto, non por difuso, deixa de ser satisfactorio para o lector disposto a mergullarse na oleaxe de sensacións que Eyré propón.

Xosé M. Eyré

«Ou as dúas estaredes mortas»

254 páxinas

En marcha as obras de ampliación da rede de saneamento en Mosende

Xa están en marcha as obras de ampliación da rede de saneamento na parroquia de Mosende, unha obra enmarcada nun proxecto con máis de 70.000 euros de orzamento subvencionada polo Plan Concellos 22-23.

O proxecto abarca dous tramos de ampliación emprazados na EP-2041, conectando á rede de saneamento existente, o que permitirá nunha próxima fase dar conexión ao barrio do Torrón, en Pontellas. O mesmo inclúe un terceiro tramo en camiños de titularidade municipal na parroquia de Atios.

A nova rede proxectada extenderase 242 m e permitirá a conexión varias vivendas á rede de saneamento de augas residuais.

O alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que a acometida da rede de saneamento son obxectivos prioritarios para o executivo e que baixo esta premisa seguirase avanzando de maneira planificada para acadar o saneamento integral. Neste sentido cabe lembrar que se están a elaborar os proxectos de toda a rede pendente, co fin de axilizar os trámites administrativos de cara a súa pronta execución.

A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 17 e sábado 18

0

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o venres 17 en horario de 10:15 a 14:30 h e de 16:30 a 21:00 horas e o sábado 18 en horario de 10:15 a 14:30 horas.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.

Charla-coloquio co triple Campión do Mundo de Trail Luis Alberto Hernando na Guarda

0

O triple campión do mundo de Trail, Luis Alberto Hernando, que correrá o Gran Trail do Trega este domingo 19 de novembro estará dando unha charla-coloquio este sábado 18 ás 19:30 horas nos baixos do Concello da Guarda.

Ao encontro, moderado polo periodista Terio Carrera, poderán asistir de forma gratuíta todos os participantes da décima edición do Trail do Trega.

A celebración da décima edición do Trail do Trega dará inicio o mesmo sábado 18 ás 16:00 horas con saída da andaina, a cal terá unha distancia de 12 quilómetros. O domingo celebrarase o Gran Trail e o Mini Trail, con 19 e 12 quilómetros respectivamente, atravesando unha das zonas máis espectaculares de Galicia, o Monte Santa Trega.

Os corredores poderán ademais ter a oportunidade de compartir experiencias con todo un campión do mundo o domingo na décima edición do Trail do Trega.

Os últimos dorsais para a proba atópanse dispoñibles na páxina web da carreira: www.traildotrega.com.

O Slot Club Porriño triunfa no Campionato de España de Scalextric

A pasada fin de semana disputouse en Igualada unha nova edición do Festival de Slot máis importante de España, organizado por Scaleauto.

O evento acudiron seis pilotos do Slot Club Porriño a disputar a modalidade de Rallye a escala 1/32.

A proba desenvolveuse en dúas xornadas. Na primeira delas disputouse a Copa Peugeot 208, con un cento de participantes que se enfrontaban en igualdade de condicións, competindo co mesmo coche. Nesta proba o club porriñés conseguíu un doble podio, con Borja Romero que se impuxo e o seu irmán, Bruno Romero, que se fixo co terceiro posto nun podio cen por cen galego, xa que no segundo lugar quedou o piloto de Santiago de Compostela Alex Gago.

O sábado disputouse a segunda xornada da proba e nela estiveron presentes en varias categorías os pilotos do Slot Club Porriño. Os resultados volveron ser excelentes para os porriñeses: Bruno Romero adxudicouse a clasificación absoluta demostrando ser o piloto máis en forma do panorama nacional, mentres que Anxo Pazo fixo o mesmo na categoría WRC3D, nun duelo apretadísimo no que conseguíu superar ao segundo clasificado por só 6 décimas.

Pola súa banda, Borja Romero e José Manuel Rodríguez obtiveron os segundos postos nas súas respectivas categorías. Marcelino Prieto tíñase que conformar co cuarto posto na copa Mitsubishi tras case rozar o podio. O junior da expedición, Sergio Prieto, con tan só 14 anos, fíxose cun meritorio sexto posto na categoría GT medíndose con pilotos de acreditada experiencia.

Gran éxito o colleitado nesta XXVI edición do Campionato de España de Scalextric para os do Porriño, que demostra o alto nivel do Slot.

Os pilotos foron recibidos á súa volta polos seus compañeiros do club e polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que deu a noraboa aos gañadores e puxo en valor o gran traballo do Slot Club Porriño visibilizando e sumando persoas a esta actividade que é moito máis ca unha afición. 

Charla sobre “Nutrición e Cancro” en Baiona

0

A sala auditorio do Multiúsos Ángel Bedriñana, situada na Rúa Carabela Pinta, 9, en Baiona, acollerá unha charla sobre “Nutrición e Cancro” ás 18:00 horas o vindeiro venres 17 de novembro, Día Internacional da Loita Contra o Cancro de Pulmón.

As farmacéuticas e nutricionistas Patricia González Gaviño e Clara Hernández González conversarán sobre a importancia da nutrición durante o proceso oncolóxico, e que adaptacións e estratexias dietéticas poden utilizarse durante os tratamentos.

Esta actividade forma parte do proxecto Deporturismo Social da Concellería de Política Social que  se puxo en marcha desde o Concello de Baiona e que ao longo destes meses irá realizando máis accións deste tipo coa cidadanía.

A través da nosa contorna envexable queremos contribuír ao coñecemento da nosa historia, a realizar actividade física sociabilizar e dar pautas para a saúde… facendo fincapé na  importancia de coidar de nós mesmos.

O Rosal estrea dúas novas caldeiras de biomasa en instalacións municipais

0

O Rosal avanza a bo ritmo no seu camiño cara á mellora da eficiencia enerxética das instalacións municipais. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron este venres as dúas novas caldeiras de biomasa que se veñen de colocar en dúas instalacións deportivas cun elevado número de persoas usuarias: o pavillón municipal e o campo de fútbol da Mata.

Cun investimento de 95.000 euros cofinanciados entre o Concello e o Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, con esta renovación levouse a cabo a substitución das caldeiras de gasóleo destas instalacións municipais por dúas de pellets con combustible de biomasa para a produción de calefacción para estes edificios e de auga quente para as duchas dos seus correspondentes vestiarios.

Trátase dunha modernización das instalacións municipais adaptándoas ao uso das enerxías menos contaminantes e renovando equipos obsoletos, nos que tamén se mellora o seu illamento e regulación, permitindo un control total do sistema con termostatos de ambiente e telexestión.

Con estas novas caldeiras de biomasa, o Concello do Rosal segue traballando na redución das emisións de CO2 do municipio e redundando nun aforro económico e enerxético. Como sinala a alcaldesa, estas dúas novas instalacións “son un paso máis no noso compromiso coa eficiencia enerxética e a sostibilidade, reducindo a nosa pegada de carbono ao tempo que melloramos o confort de usuarios e usuarias e logramos un aforro económico importante”. “O noso obxectivo é diminuír o consumo e seguir camiñando cara a unha enerxía limpa, convertendo pouco a pouco ao Rosal nun referente no emprego de enerxías renovables”, resaltou. Por outra banda, durante o encontro rexedora e delegado visitaron tamén as obras de cambio da cuberta dos vestiarios do campo de fútbol da Mata, uns traballos que están en proceso e que busca acabar co deterioro que presenta o edificio propio da súa antigüidade e pola falta de pezas de remate, canlóns ou baixantes, que provoca filtracións tanto ao interior dos vestiarios como ao exterior, deixando visibles marcas de humidade sobre os muros das fachadas. As obras, que saíron a licitación por máis de 81.000 euros, están financiadas ao 77% ao abeiro do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia e o resto con fondos propios do Concello.

A Coral Ventos do Val dará o seu Concerto de Santa Icía no Multiúsos de Mos o 6 de decembro

0

A Coral Polifónica Ventos do Val traslada o seu Concerto de Santa Icía (Santa Cecilia) 2023 do día 3 ao 6 de decembro. Mantense a hora inicialmente prevista e o concerto dará comezo ás 18 horas no Auditorio Municipal do Multiusos das Pozas en Petelos.

Neste evento musical colaboran a Coral Polifónica Santa María de As Neves, e a Banda de Acordeóns Metropolitana da Escola de Música de Torroso.

A Coral Polifónica Ventos do Val interpretará un repertorio variado de cancións populares galegas, habaneras, xotas, boleros e zarzuelas.

Desde a coral mosense declaran que “os nosos obxectivos e ilusión son mellorar o repertorio e promover os intercambios con agrupacións corais e musicais que enriquezan culturalmente a ambas partes”.

A entrada do Concerto de Santa Icía será libre e gratuíta ata completar aforo, da que, de seguro, será unha tarde agradable de boa música.

O Camiño Portugués foi realizado en outubro por 10.308 persoas, das que o 75% eran estranxeiras

0

O pasado mes de outubro de novo os datos de afluencia de peregrinos polo Camiño Portugués acadan cifras altamente positivas con 10.308 persoas que percorreron esta vía xacobea. Esta número consolida ao Camiño Portugués coma segundo itinerario xacobeo logo do Camiño Francés, que contou con 27.304 peregrinos, e moi por diante do Camiño P. da Costa, con 6.948 peregrinos, ou do Camiño Inglés, que acadou 2.497 peregrinos, que ocupan os seguintes postos en presenza de peregrinos.

Segundo os datos da Oficina do Peregrino da Catedral de Santiago de Compostela en outubro iniciaron o Camiño de Santiago en Tui un total de 3.242 peregrinos, converténdose Tui nese mes no cuarto lugar de inicio da peregrinación, logo de Sarria (14.634), Saint Jean Pied de Port (6.112) e Porto (3.452). Na nosa cidade iniciaron o Camiño o 31,5% dos peregrinos do mes de outubro Do Camiño Portugués. Si sumamos os que comezaron na cidade irmá de Valença, 2.086 peregrinos (20 % do total), comprobamos que na nosa Eurocidade iniciaron a peregrinación un  total de 5.328 peregrinos que representa o 51,7% dos peregrinos xacobeos polo Camiño Portugués no pasado mes de outubro.

Do total dos peregrinos polo Camiño Portugués, un 75% deles (7.707) é de procedencia estranxeira destacando os portugueses (1.610), norteamericanos (1.034), alemáns (848) e brasileiros (439), superando os 200 peregrinos os que chegan de Italia, Canadá, Reino Unido ou Países Baixos.

O 25% restante, 2.577 peregrinos, son españois chegados dende Andalucía (791), Comunidade Valenciana (337), Madrid (324), Canarias (250) ou Cataluña (205).

Estes datos estatísticos testemuñan como o Camiño Portugués, no seu itinerario histórico, acolle ao principal continxente de peregrinos logo do Camiño Francés, ao valorar os peregrinos esta historicidade como un dos principais valores da ruta xacobea. Salienta neste mes a alta porcentaxe de peregrinos de procedencia estranxeira fronte aos meses de verán onde a orixe maioritaria é española.

A concelleira de Turismo de Tui, Ana María Núñez, estima que a continuidade da alta afluencia de peregrinos no mes de outubro é unha excelente noticia para a nosa cidade ao contribuír ao seu posicionamento cultural e turístico e a súa positiva repercusión no sector turístico consolidando a desestacionalización deste mercado. Pero insiste en que estes datos son unha chamada a todos os axentes implicados na xestión do Camiño de Santiago para responder cunha mellora continua da calidade dos servizos ao peregrino (e visitantes) en aspectos como horarios e días de peche dos establecementos, información en idiomas, calidade dos menús… en definitiva a traballar conxuntamente por consolidar esta tendencia e promover a hospitalidade da cidade como Tui como unha referencia no Camiño Portugués.

O II Trofeo Ciclocross Concello da Cañiza celebrarase o domingo

0

A Cañiza acolle este domingo o II Trofeo Ciclocross Concello da Cañiza, organizado polo clube ciclista «Grupeta Pan De Zarco – A Cañiza».

Ata o momento están inscritos 240 participantes que competirán a partires das 9:30 horas polos primeiros postos no circuito habilitado no «Campo de Fútbol de Augas Férreas e a zona do Balneario».

O circuito de 2.500 m, preparado nas instalacións do Campo de Fútbol de Augas Férreas e a zona do Balneario, conta cun box de material individual e unha zona de lavado de bicicletas e un máximo de 2 obstáculos artificiais. Ademáis conta cunha zona de chamada e saída anexa á saída e meta, un posto de primeiros auxilios e a zona de Podium.

A proba está aberta para as categorías de ELITE-SUB23 masculino e feminino; JUNIOR masculino e feminino; CADETE masculino e feminino; MASTER 30/40/50 feminino e  MASTER 30/40/50/60 masculino.

Ademais, este ano por primeira vez, realizaráse unha proba de promoción aberta para a categoría infantil que inclúe aos nenos nados entre os anos 2010 e 2011.

Na presentación o Alcalde Luis Piña agradeceu a colaboración das empresas da Cañiza SAEPLAST, Galimetal, Transportes González, Specialty Marine Products And Ventures, Reciclados Plásticos A Cañiza, Queixos “Castro Xaneiro” e tamén á entidade bancaria ABANCA.

A Deputación porá en marcha un centro de acollida e atención ao público no Castelo de Soutomaior

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o expediente de contratación para establecer un servizo de xestión do centro de acollida e atención ao público no Castelo de Soutomaior. A instalación terá un orzamento de preto de 210.000 euros para o próximo 2024 (con posibilidade de prórroga durante outros tres anos) e contribuirá á dinamización turística desta fortaleza propiedade da Deputación. O presidente provincial, Luis López, sinalou que “queremos compartir que Pontevedra é desfrutar e, neste eido, o Castelo de Soutomaior é un dos elementos de atracción máis importantes da provincia”.

O novo servizo inclúe cuestións como o control do acceso e rexistro do número dos visitantes, a planificación, organización, promoción, acompañamento e explicación das visitas (tanto da musealización como dos xardíns), a promoción e difusión do coñecemento do Castelo como un dos principais recursos turísticos culturais do destino Rías Baixas, así como a promoción e difusión de recursos tanto do municipio de Soutomaior como de toda a provincia, a atención e información ao público tanto no interior do recinto coma no exterior se fose necesario, e tanto en persoa como por plataformas web, e o acollemento e colaboración, se fose necesario, na celebración de actos institucionais e actividades organizadas polo Castelo.

O contrato tamén suporá que a empresa adxudicataria se encargue da posta en marcha e supervisión do funcionamento dos equipos e sistemas instalados no Castelo, o mantemento das instalacións, os gastos de administración e equipos de comunicacións, a elaboración de enquisas para elaborar perfís do público, coa elevación de datos estatísticos e presentación de resultados para integralos no Sistema de Enquisas de Turismo Rías Baixas, a venda e reserva de entradas, produtos, actividades e servizos que sirvan de apoio á visita e respondan a campañas impulsadas polo Castelo e, por último, a xestión do sitio web e das redes sociais do Castelo de Soutomaior.

O Castelo e os seus xardíns, de excelencia internacional en camelia, convertéronse nun dos recursos turísticos máis visitados da provincia de Pontevedra. Conta ademais con dous importantes distintivos de calidade como son o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) e o Q de Calidade, e contar con este novo servizo é fundamental para a súa futura renovación. De feito, as tarefas encamiñadas á renovación son tamén unha das cuestións incluídas no contrato. Para iso, a adxudicataria deberá contratar como mínimo cinco perfís, dous de técnicos de turismo e tres de informadores turísticos.

Con estes recursos para o Castelo de Soutomaior e co Plan Estratéxico Provincial de Turismo que está a elaborar na actualidade o goberno provincial “imos consolidar a provincia de Pontevedra como o puntal turístico de Galicia e do noroeste peninsular. De feito –asegurou o presidente Luis López- os orzamentos contemplan para o 2024 unha suba real de 1,1 millóns de euros” para a área de Turismo.

O Concello de Baiona organiza un certame de micro-beléns en Sabarís

0

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, e a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sabarís (COEMSA) organizan un certame de micro-beléns en Sabarís.

A finalidade deste certame é potenciar as artes plásticas e as manualidades, incentivar a creatividade, así como conservar as tradicións e fomentar as actividades en familia.

O tamaño do belén non poderá exceder de 30×60 centímetros, e todos os traballos presentados a concurso estarán expostos do 8 de decembro ao 7 de xaneiro no edificio multiusos Mercado de Sabarís.

Establécense as seguintes categorías; micro-belén máis orixinal, micro-belén máis laborioso e micro-belén máis popular, elixirase por votación popular a través da web do Concello de Baiona (www.baiona.gal) e físicamente no recinto.

Este certame compleméntase coa categoría Belén familiar en domicilio particular, o cal terá un tamaño libre, estando prevista unha visita guiada aos beléns máis destacados.

A inscrición para participar realizarase na Oficina de Rexistro do Concello ou a través da Sede electrónica, do 15 de novembro ao 7 de decembro, cubrindo o correspondente formulario xunto co DNI.

Máis información na Concellería de Cultura do Concello de Baiona, no teléfono 986 385 921, ou na Asociación de  Comerciantes e Empresarios de Sabarís COEMSA .

Teatro en Nigrán este domingo

0

O Concello de Nigrán ofrece este domingo 12 de novembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a obra ‘Camiños e Carreiros’ da compañía coruñesa Andaravía Teatro, función encadrada no circuito galego de teatro amador 2023. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

Esta comedia para todos os públicos escrita e dirixida por Clara Gayo parte do “camiño de Santiago como espazo de encontro”: encontro entre culturas, intereses e inquedanzas. Dous veciños de Vedra unen as súas forzas para poder sacar uns cartos extras beneficiándose da proximidade do Camiño de Santiago. Estarán preparados para atender e comprender as novas demandas do Camiño do século XXI?

O Rosal invoca o sol para celebrar o seu San Martiño

0

Neste tempo de castañas e magostos, O Rosal prepárase para celebrar un ano máis unha das tradicións con máis soleira do concello, o San Martiño. Unha romaría que se remonta a principios do século XVIII, data na que se constrúe a capela, e que ano tras ano reúne a centos de veciños e veciñas o primeiro domingo que luce o sol despois do 11 de novembro.

Unha tradición que a veciñanza non perdoa, nin sequera incluso se teñen que cambiar os magostos polos turróns, os mazapáns ou os polvoróns. E é que algún ano de moi mal tempo a romaría tense celebrado incluso no mes de xaneiro, pasado o Nadal. Nesta ocasión, en caso de que o tempo non acompañase esta fin de semana, os actos trasladaríanse en principio ao vindeiro domingo 19 de novembro.

A programación comezará o propio día de San Martiño, o sábado 11, cunha misa ás 18.30 horas na igrexa parroquial de Santa Mariña. Xa o domingo, a partir das 10.30 horas, as e os devotos sacarán ao santo en procesión ata a ermida no Campo do Couto, onde ás 12.00 horas se oficiará unha misa solemne con procesión. Unha procesión diferente que leva ao santo dende a igrexa situada na Praza do Calvario ata a capela por espectaculares tramos dos muíños do Folón e do Picón animada por música, tradición e devoción a partes iguais.

Dende tempos inmemoriables a veciñanza leva ao encontro tellas coas que repoñer o tellado da capela ou produtos de alimentación que, como manda a tradición, se poxan tras a misa. Un costume que se remonta a fai moitos anos e que incluso facía que durante unha época os cazadores no mesmo día da romaría ofreceran as súas capturas a San Martiño.

O BNG do Porriño organiza unha ruta guiada polo río Louro

O vindeiro domingo 12 de novembro o BNG ofrece unhaandaina aberta a todas as persoas interesadas en coñecer a diversidade das ribeiras do río Louro e tomar conciencia do seu valor ecolóxicoA ruta vai ser dinamizada por un técnico ambiental que falará de ecosistemas e de especies, co fin de valorizar o río no seu paso polo Porriño e tamén aprender cuestións relativas á súa protección. Esta acción forma parte da liña de actuacións que o BNG está a pór en marcha para conseguir para o río a figura de protección ENIL (Espazo Natural de Interese Local).

O ENIL é unha ferramenta poderosa ao alcance da administración local que axudaría a rexenerar os bosques de ribeira e tamén a defendelos de futuras ameazas, ademais de conseguir unha maior implicación cidadá no coidado activo do río ao estimar os nosos valores naturais.

O punto de encontro para esta actividade será no palco de San Bieito ás 10.30 horas e terá unha duración de dúas horas e media. Toda persoa interesada poderá sumarse facendo a inscrición previa no tlf. 664687961 ou no correo [email protected].

Os Náufragos Teatro pon en escena este sábado na Guarda a obra “Hugo”

0

O Centro Cultural da Guarda acollerá este sábado 11 de novembro a función “Hugo”, a cargo da compañía Os Náufragos Teatro, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación dará comezo ás 18:00 horas no salón de actos do centro e a entrada será libre ata completar o aforo.

A peza teatral, dirixida ao público infantil e familiar, aborda a diversidade a través de dúas personaxes: Hugo, un neno a quen lle gustan moito os avións e ten Trastorno do Espectro Autista (TEA), e Laia, unha nena neurotípica a quen lle gusta falar e coidar das plantas. “Hugo” foi galardoada co Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil en 2022, ademais de ser un dos espectáculos seleccionados en FETÉN 2022 e en Galicia Escena PRO 2022 e unha das obras recomendadas pola Rede de Teatros Vascos SAREA. A obra está dirixida por Gustavo del Río e conta cun texto creado co asesoramento e colaboración de ASPERGA, a Asociación Galega de Síndrome de Asperger.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

Magosto e humor esta fin de semana en Redondela

0

Os tradicionais magostos, tan propios do outono galego, chegan no serán do sábado ás parroquias de Redondela. En Ventosela celébrase ás 17.00 horas no Centro Cultural A Miñoteira dentro da programación das festas de San Martiño. Ás 19.00 horas comezará o magosto en Cedeira e ás 20.00 na parroquia de Quintela. A parroquia de Vilar de Infesta celebra tamén o San Martiño cun magosto popular e actuacións de grupos de música tradicional para rematar coa verbena nocturna.

Humor na súa Tinta con “8 apellidos andaluces”

Doutra banda, o ciclo de Humor na súa Tinta achega este domingo a Redondela a obra “8 apellidos andaluces”, conducido polos humoristas Quique de la Fuente, Txapela de Cádiz, Abraham Martín e Jesús Piña. Un espectáculo con “salero”, cargado de ironía e moita improvisación. Os autores prometen un humor “100% andaluz”, apto para todos os públicos “e altamente recomendable para aquelas persoas que queiran illarse de problemas ou saír das súas rutinas” xa que non poderán parar de rir “e iso alegra e mellora a vida”, aseguran. 

A cita é ás 19.00 horas no auditorio da Xunqueira, o prezo da entrada anticipada é de 13 euros máis gastos e 16 euros na billeteira.

Escolares de Mos, O Porriño e Redondela participan no ciclocross do programa Xogade

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, acompañou este xoves a preto de 1.300 escolares de Vigo, Mos, O Porriño e Redondela que participaron na saída do Cross Escolar celebrada en Zamáns no marco do programa Xogade  (Xogos Galegos Deportivos en idade escolar).

A representante autonómica acudiu ao campo de fútbol de San Cosme onde celebrouse a primeira proba da fase zonal na que participaron dez centros educativos: Acacias, Hermanos Quiroga, Santo Tomás, Antonio Palacios, Quintela, Porto Cabeiro, Cedeira, Petelos, Atín Cela e Peña de Francia. As idades dos participantes abranguen desde 2º de Educación Primaria (EP) ata 3º da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

Segundo explicou Ana Ortiz, a campaña de actividade lúdico deportiva Xogade é unha iniciativa promocionada e financiada pola Xunta de Galicia co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma. “O Goberno galego dá así resposta a un dos obxectivos principais da política deportiva, que non é outra que fomentar e estender o deporte educativo e saudable a toda a sociedade desde as idades máis temperás”, sinalou.

“Baiona lila” continúa coa súa programación esta fin de semana

0

“Baiona Lila”, a programación organizada polo Concello de Baiona a través da Concellería de Igualdade con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, que trae consigo un mes dedicado a actividades para sensibilizar e educar contra a violencia á muller no Concello de Baiona, continúa esta fin de semana con dúas actividades moi interesantes no Multiúsos Mercado de Sabarís.

Así, este sábado, 11 de novembro ás 12:00 horas, terá lugar o o taller “A sexualidade nace con nós, educamos dende a infancia” impartido por gabinete AMATURI dentro do Programa “Móllate coa Igualdade” organizado polo ANPA BELESAR deste centro escolar municipal baionés. A actividade é gratuíta e está aberta á participar a todas aquelas familias do municipio interesadas.

Do mesmo xeito, durante os domingos deste mes de novembro haberá unha cita fixa ás 12:00 neste espazo municipal. Os domingos estarán dedicados as crianzas con contacontos e este domingo 12 será a quenda de Bea Campos con “Elas contan moito”.

Novas instalacións para a ludoteca e o servizo de atención temperá do Porriño

O Porriño contará con novas instalación dirixidas directamente a prestar unha mellor atención ás familias do municipio con recursos a prol da conciliaciación e o desenvolvemento dos nenos.

Así, un novo local situado na contorna do Centro de Saúde e o Pavillón Municipal acollerá a nova Ludoteca Municipal, a primeira permanente no Porriño, e o servizo de Atención Temperá; ambos financiados pola Xunta de Galicia.

A tal fin, o Concello do Porriño formalizou a adquisición das instalacións, que contan coas condicións de climatización, espazo e mobiliario axeitados para este fin, por un importe de 169.183,79 euros máis IVE. Cabe destacar que no ano 2019 xa se iniciara un expediente para a adquisición deste local, sito na rúa Doantes de Sangue, co fin de instalar nel a Escola Municipal de Música, algo que o actual executivo descartou ao non reunir as condicións necesarias para este fin.

“Queremos poner en marcha estas instalacións á maior brevidade posible xa que son servizos moi demandados polas familias, proba diso son os 89 pequenos e pequenas que están a ser atendidos no servizo de Atención Temperá do Porriño dende que se puxo en marcha”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A intervención que se vai ter que realizar neste local para acondicionalo non é de magnitude, xa que conta requisitos para este uso, baños adaptados e incluso con xogos e mobiliario para a ludoteca”.

Servizo de Atención Temperá do Porriño

O servizo de Atención Temperá contará con entrada independiente e ademais dunha zona de recepción e atención terá tres sala habilitadas para fisioterapia, logopedia e psicoloxía. Este recurso sirve de guía da man de profesionais a moitas familias para tratar posibles trastornos do desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos a través dunha actuación conxunta e interdisciplinar imprescindible que dea unha resposta global ás súas necesidades.

Actualmente está instalado en tres locais habilitados no Pavillón Municipal que non son os acaídos para este fin. Unha ubicación temporal que se habilitou para comezar a prestar o servizo coa maior urxencia ante a demanda que existía.

Os profesionais do servizo de atención temperá traballan en coordinación cos servizos sociais, sanitarios e educativos do Concello, polo que a nova ubicación aglutina os mesmos nunha mesma zona.

Por outra banda, a Ludoteca municipal pensouse como un recurso dirixido a mellorar a conciliación da vida personal e laboral das familias do Porriño. Tras prestalo de maneira temporal neste último ano a entidade local o poñerá en marcha de maneira permanente para dar unha resposta contínua.  

Este venres proxéctase “Matria” no teatro municipal de Tui

0

O cinema é o protagonista esta semana na programación de outono no teatro municipal de Tui. Hoxe venres ás 21.30 horas proxectarase a película “ Matria” dirixida por Álvaro Gago.

O filme, con 100 minutos de duración, está protagonizado por María Vázquez no papel de Ramona, unha muller de corenta anos, vive sumida nun contexto laboral e persoal tenso e precario nun pobo da costa galega. Fai malabarismos con múltiples traballos para manterse a flote e proporcionar un futuro mellor a súa filla Estrella. Pero cando Estrella está preparada para tomar o seu propio camiño, Ramona dáse conta de que, por primeira vez, pode facer algo por si mesma. Por este papel María Vázquez recibiu o Premio á mellor actriz no Festival de Málaga.

Tamén forman parte do reparto Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Francisca Iglesias, Soraya Luaces e Susana Sampedro

As entradas pódense adquirir até o venres ás 21.15  h en tui.gal aos prezos de 6 € e 4 €.

As próximas citas nesta programación de outono serán o venres, 17 de novembro, ás 19.30 h con Baobab Teatro e a obra “Ás para Álex”, e por último o venres 24, ás 21.30 h  con Redrum Teatro con “Hamelin”.  Todas as entradas están xa á venda en tui.gal.

Maxia internacional en clave de humor con Cayetano Lledó en Tomiño

0

Cayetano Lledó é mago, pero non soamente. Interpreta, fai malabares e, sobre todo, ilusiona e fai rir. Eses son os principais ingredientes do espectáculo co que desembarca este domingo 12 de novembro en Tomiño, ‘Maxia Deluxe’, unha proposta que acadou a curta posición na clasificación internacional no Campionato do Mundo de Maxia de Busán, en Corea do Sur.

Dedicado a público familiar, Cayetano Lledó subirase ao escenario do auditorio municipal de Goián para sorprender ao público con todo tipo de proezas incribles en clave de comedia. Un entretido espectáculo no que todas as persoas asistentes poderán desfrutar dunha escolma de técnicas innovadoras mesturadas con xogos de sempre para experimentar en familia. 

Ilusionista, produtor teatral e actor da improvisación, Cayetano Lledó o mesmo fai un retrato en poucos minutos, que hiptoniza ao público ou deslumbra coa súa maxia. Participante en festivais e congresos de dentro e fóra de Europa e gañador do terceiro premio en Maxia Cómica no Congreso de España de 2017, Lledó ten actuado coa súa maxia en teatros de todo o mundo, dende Canadá, Taiwán ou China ata Suíza, Francia, Inglaterra, Finlandia ou Xapón, entre moitos outros.

A alcaldesa, Sandra González, anima a todo o público a gozar este domingo deste espectáculo único no que maxia, ilusión e humor se mesturarán para namorar ao público asistente. A actuación comezará ás 17.30 horas e terá un prezo de 7 euros para persoas adultas e 3,5 euros para infancia. As entradas poderán adquirirse unha hora antes no despacho de billetes do propio auditorio de Goián.

Campamento musical en Nigrán

0

A Escola de Música da Agrupación Musical Santiago de Parada do Concello de Nigrán, pensando na conciliación familiar das familias do concello, fai un campamento musical para o xoves 7 de decembro no horario de 09:00 a 14:00 horas, día non lectivo nos colexios coincidindo na ponte de decembro. Así aproveitase tamén a oportunidade de acercar a música aos máis cativos e dar a coñecer a nosa escola de música.

O campamento está orientado a nenos a partir de 4 anos e faranse actividades musicais de todo tipo, xogos, cantar, bailar e tocar instrumentos musicais, cun custo de 10 euros.

A matrícula para a escola segue aberta, para todos os públicos a partir dos 4 anos e adultos.

Pódese contactar coa argupación no teléfono 722651027, no correo electrónico: [email protected] ou na escola os martes e xoves de 16:00 a 20:00 horas.

Homenaxe nacional a Dorothé Schubart

0

O Concello de Redondela organiza este sábado 11 de novembro unha homenaxe á musicóloga Dorothé Schubart. Por un lado, cun concerto infantil baseado no seu traballo arredor do “Cancioneiro popular galego” que leva por título “Café Dorothé”. Unha forma de achegar a nosa música tradicional, pero tamén a Dorothé, ás crianzas. O concerto será no Auditorio da Xunqueira (Redondela) ás 12h e a entrada é de balde até completar a capacidade. Pola tarde, chegará o acto central que contará co apoio do Museo do Pobo Galego e do Consello da Cultura Galega. O acto combinará unha parte musical e palabras que representen tanto a música e o baile tradicionais (representado por grupos de folclore local) como varias pezas de base popular interpretadas para voz e piano. Xabier Díaz e Mercedes Peón participarán nesta actividade de voz cantada e falada. Ademais tamén intervirá Antón Santamarina, a persoa que traballou con Dorothé na recollida da nosa tradición musical contra fins dos anos 70. O acto da tarde comezará ás 19:30 horas, no mesmo Auditorio da Xunqueira.

Dorothé recibiu distintos recoñecementos públicos nos últimos anos: Galardón Honorífico dos Premios Martín Códax (2017), Premio Honorífico da ASociación de Músicos ao Vivo (2017), Mestatra da memoria 2019 da Asocaición de Escritores/as en Lenga Galega ou o Día das Galegas nas Letras, na súa primeira edición en 2014. Tamén foi recoñecida por institucións como as universidades de Vigo e Santiago, ou entidades culturais como o propio Consello da CUltura GLAega e do Museo do pobo Galego.

O traballo de Dorothé está a disposición do público e de acceso dende a rede, tanto no Arquivo Sonoro de Galicia como no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, do Museo do Pobo Galego. Unha mostra da xenerosidade e do compromiso de DOroothé coa nosa traidición musical e popular.

Pola súa parte, o Goberno local destaca o carácter nacional que lle outorgan a este acto: “dende Redondela queremos contribuír a perpetura a memoria de Dorothé e a recoñecer a súa valiosa tarefa a prol da nosa memoriapopular, sobre todo a memoria de moitas mulleres que sen estudos mantiveron a música e a letra de tantas cantigas. Foi unha acción necesaria e extraordinaria, pois estivo percorrendo as aldeas de Galicia nun tempo en que as comunicacións seguían sendo difíciles. Dende o noso municipio queremos que sexa unha homenaxe que teña carácter nacional para que toda Galicia se sinta aquí representada. O noso concello foi e é pioneiro na defensa do idioma e dacultura galegas. Cremos que tiñamos que celebrar este acto ante o silencio de entidades como a Xunta de Galicia e o seu presidente. Que unha musicólogo chegada dende Suíza aprendese o noso idioma, recollese o cancioneiro e entregase todo para as futuras xeraciós, cremos que merece un acto con toda a humildade pero tamén con toda a dignidade. Isto é o propósito que nos marcamos dende Redondela”.

A Deputación substituirá a pasarela de madeira da estrada de Baiona a Loureza

0

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación das obras de reposición da pasarela de madeira que se atopa na estrada provincial que une Baiona con Loureza, na EP-2202. O proxecto está dotado de preto de 130.000 euros e permitirá arranxar o actual estado de corrosión avanzada desta pasarela e mais da estrutura de aceiro que a soporta, provocado pola súa exposición ao ambiente mariño ao atoparse a tan só 100 metros do mar.

Como solución técnica máis óptima, a institución provincial opta pola construción dun muro de contención con recheo para ampliar o espazo contiguo á estrada e que este sirva de soporte para executar posteriormente unha nova beirarrúa en formigón coloreado. Deste xeito evitarase executar unha nova estrutura de aceiro e os pavimentos en madeira que, como as actuais, tamén serían susceptibles de corrosión e requirirían de considerables traballos de mantemento.

O muro de contención de pedra e mais o pavimento de formigón proxectados apenas teñen mantemento, polo que a solución ademais de ser a máis vantaxosa desde o punto de vista económico é tamén a máis segura para o tráfico rodado e peonil. A estes efectos, as obras consistirán na desmontaxe da estrutura, da pasarela, das varandas e da escaleira de acceso, e na execución do muro de contención (de altura variable entre 2 e 5 metros) e mais da nova beirarrúa, que terá un ancho mínimo de 2,5 metros. Para poder executar o muro tamén se derrubará unha construción auxiliar que non ten un uso definido e, ademais, se atopa nun estado ruinoso.

Ademais, as escaleiras de acceso ao nivel inferior non cumpren as condicións mínimas de accesibilidade, seguridade e uso, ao ser irregulares e contar con chanzos excesivamente altos, estreitos e desnivelados, con gran risco para as persoas. Por estas razóns, executarase unha nova escaleira que irá adosada e ancorada ao novo muro que se dotará de chanzos de medidas regulares e terá un ancho mínimo de 1,50 metros.

Aberta a participación de Arbonadal

0

Arbonadal é un evento organizado polo Concello de Arbo, celebrarase os días 2 e 3 de decembro na Praza do Concello.

Con esta actividade pretendese promocionar e potenciar os recursos culturais e patrimoniais da nosa, dirixida a artesáns, anticuarios, asociacións, ONGs e establecementos comerciais.

As persoas, autónomos, empresas, Asociacións ou ONGS que desexen participar deberán cubrir o modelo de inscrición facilitado polo Concello e deberán especificar na mesma, como condición indispensable para adxudicar os espazos, o tipo de produto a expoñer e vender, o nome da asociación, cooperativa, ONG…, así como os metros cadrados necesarios para a colocación do posto, nome comercial e representante.

Todos os participantes que o desexen poderán realizar demostracións dos seus respectivos produtos no seus postos, co fin de que o público asistente coñeza as técnicas de elaboración, previa comunicación a organización para facelo constar no programa e establecer os horarios no caso de existir varias demostracións ou charlas.

A participación “ArboNadal” – Mercadillo Solidario de Nadal” ten carácter gratuíta. Máis información a través do correo electrónico [email protected] ou no telefono 986 66 50 00. O prazo de presentación das solicitudes de participación remata o día 28 de novembro.

O Trofeo Montes das Eiras de ciclocross está de aniversario

0

O Trofeo Montes das Eiras de Ciclocross celebra esta fin de semana os seus 25 anos de vida por todo o alto. Máis de 260 persoas participarán este sábado 11 de novembro nesta carreira organizada polo Club Ciclista O Rosal coa colaboración do Concello e que por segundo ano consecutivo se celebrará nun escenario único en Galicia, os viñedos da adega Terras Gauda.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quixo dar os seus parabéns ao club “por ser quen de manter vivo o espírito da proba durante un cuarto de século, ofrecendo circuítos únicos e innovadores para as e os corredores e facendo que cada ano sexan máis as persoas que se animan a participar”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, salientou a singularidade do circuíto, “un elemento distintivo do trofeo que permitir vincular unha proba deportiva tan importante cunha sinal de identidade do Rosal como é o viño”. No acto de presentación da proba participaron ademais da rexedora e o concelleiro, representantes do club ciclista, da Xunta de Galicia, da Federación Galega de Ciclismo e da bodega Terras Gauda.

A partir das 11.30 horas tomarán o circuíto corredoras e corredores de ata 18 categorías diferentes, polo que sobre o terreo haberá ciclista dende os 12 anos ata maiores de 60. A carreira transcorrerá por todo o viñedo, polo que o público poderá ver o circuíto completo dende distintas posicións dada as características do terreo. A proba rematará ás 18.00 horas coa entrega de premios.

O Concello quere felicitar ao Club Ciclista O Rosal por facer ao público desfrutar un ano máis deste grande evento nunha contorna espectacular e agradecer xunto ao club a implicación de Terras Gauda no trofeo, así como a colaboración da Comunidade de Montes das Eiras, da Federación Galega de Ciclismo, da Xunta de Galicia, de todas as empresas e entidades patrocinadoras e do equipo de voluntarios e voluntarias de Protección Civil.

Celta Integra, Aspanaex e Saladino Cortizo impóñense na XXVII Liga Galega de Baloncesto Avanzada

O Porriño acolleu onte a xornada final da XXVII Liga Galega de Baloncesto Adaptado. 160 deportistas déronse cita no pavillón municipal para disputar a terceira xornada e final da competición organizada pola Federación Galega de Deporte Adaptado.

En total disputáronse 14 partidos nos tres campos habilitados. Xogadores e xogadoras do Asdan, San Rafael, Celta Integra, Vilagarcía, Juan María, Ambar, Aspavi, Aspanaex, Méndez Núñez, Saiar e Saladino Cortizo saltaron á pista para resolver o campeonato nas diferentes categorías.

O equipo do Celta Integra impúxose na categoría Competición, seguido do Asdan e o San Rafael. Na Adaptada Masculina o gañador foi o Aspanaex e en segundo lugar que dou o Celta Integra. O Saladino Cortizo A fíxose coa adaptada mixta por diante do Saiar.