4.5 C
Pontevedra
Martes, 5 de Decembro de 2023
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaOs Náufragos Teatro pon en escena este sábado na Guarda a obra...

    Os Náufragos Teatro pon en escena este sábado na Guarda a obra “Hugo”

    O Centro Cultural da Guarda acollerá este sábado 11 de novembro a función “Hugo”, a cargo da compañía Os Náufragos Teatro, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación dará comezo ás 18:00 horas no salón de actos do centro e a entrada será libre ata completar o aforo.

    A peza teatral, dirixida ao público infantil e familiar, aborda a diversidade a través de dúas personaxes: Hugo, un neno a quen lle gustan moito os avións e ten Trastorno do Espectro Autista (TEA), e Laia, unha nena neurotípica a quen lle gusta falar e coidar das plantas. “Hugo” foi galardoada co Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil en 2022, ademais de ser un dos espectáculos seleccionados en FETÉN 2022 e en Galicia Escena PRO 2022 e unha das obras recomendadas pola Rede de Teatros Vascos SAREA. A obra está dirixida por Gustavo del Río e conta cun texto creado co asesoramento e colaboración de ASPERGA, a Asociación Galega de Síndrome de Asperger.

    Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

    LIBROS

    Amador Castro Moure, «Pronto hei de volver»

    A emigración, como non podía ser doutra maneira, é un deses temas aos que a literatura galega volve unha e outra vez. Dende distintas perspectivas e con diferentes enfoques e intencións, forma parte troncal do noso sistema literario dende o momento en que comezou a tomar forma.

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.