15.1 C
Pontevedra
Sábado, 4 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación porá en marcha un centro de acollida e atención ao...

    A Deputación porá en marcha un centro de acollida e atención ao público no Castelo de Soutomaior

    A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o expediente de contratación para establecer un servizo de xestión do centro de acollida e atención ao público no Castelo de Soutomaior. A instalación terá un orzamento de preto de 210.000 euros para o próximo 2024 (con posibilidade de prórroga durante outros tres anos) e contribuirá á dinamización turística desta fortaleza propiedade da Deputación. O presidente provincial, Luis López, sinalou que “queremos compartir que Pontevedra é desfrutar e, neste eido, o Castelo de Soutomaior é un dos elementos de atracción máis importantes da provincia”.

    O novo servizo inclúe cuestións como o control do acceso e rexistro do número dos visitantes, a planificación, organización, promoción, acompañamento e explicación das visitas (tanto da musealización como dos xardíns), a promoción e difusión do coñecemento do Castelo como un dos principais recursos turísticos culturais do destino Rías Baixas, así como a promoción e difusión de recursos tanto do municipio de Soutomaior como de toda a provincia, a atención e información ao público tanto no interior do recinto coma no exterior se fose necesario, e tanto en persoa como por plataformas web, e o acollemento e colaboración, se fose necesario, na celebración de actos institucionais e actividades organizadas polo Castelo.

    O contrato tamén suporá que a empresa adxudicataria se encargue da posta en marcha e supervisión do funcionamento dos equipos e sistemas instalados no Castelo, o mantemento das instalacións, os gastos de administración e equipos de comunicacións, a elaboración de enquisas para elaborar perfís do público, coa elevación de datos estatísticos e presentación de resultados para integralos no Sistema de Enquisas de Turismo Rías Baixas, a venda e reserva de entradas, produtos, actividades e servizos que sirvan de apoio á visita e respondan a campañas impulsadas polo Castelo e, por último, a xestión do sitio web e das redes sociais do Castelo de Soutomaior.

    O Castelo e os seus xardíns, de excelencia internacional en camelia, convertéronse nun dos recursos turísticos máis visitados da provincia de Pontevedra. Conta ademais con dous importantes distintivos de calidade como son o Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) e o Q de Calidade, e contar con este novo servizo é fundamental para a súa futura renovación. De feito, as tarefas encamiñadas á renovación son tamén unha das cuestións incluídas no contrato. Para iso, a adxudicataria deberá contratar como mínimo cinco perfís, dous de técnicos de turismo e tres de informadores turísticos.

    Con estes recursos para o Castelo de Soutomaior e co Plan Estratéxico Provincial de Turismo que está a elaborar na actualidade o goberno provincial “imos consolidar a provincia de Pontevedra como o puntal turístico de Galicia e do noroeste peninsular. De feito –asegurou o presidente Luis López- os orzamentos contemplan para o 2024 unha suba real de 1,1 millóns de euros” para a área de Turismo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.