18.3 C
Pontevedra
Mércores, 16 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiO coro Vox Stellae ofrece un concerto mañá nas Xornadas Francisco Sánchez

    O coro Vox Stellae ofrece un concerto mañá nas Xornadas Francisco Sánchez

    O prestixioso coro Vox Stellae ofrecerá mañá martes, 14 de novembro, ás 20 h no Teatro Municipal de Tui un concerto extraordinario titulado “A propósito de Francisco Sánchez ‘o escéptico’ (1550-1623)”. Este concerto, con entrada libre, forma parte do programa de actividades que organiza o Concello de Tui para conmemorar o IV centenario da morte do egrexio pensador tudense, médico e filósofo falecido na cidade francesa de Tolosa o 16 de novembro de 1623.

    O programa do concerto trázase en torno ao periplo vital de Francisco Sánchez, de tal xeito que interpretarán varias pezas en razón da súa orixe e a relación co tempo no que Sánchez viviu en cada territorio. Ao tempo de infancia e mocidade entre Galicia e Portugal obedece a inclusión das composicións do arquivo da Catedral de Santiago  e unha obra de Antonio Carreira, quen foi mestre de capela en Braga e Compostela. Da época na que Sánchez se doutorou en Roma interpretarán obras dalgúns dos nomes máis importantes do seu tempo na sé papal, músicos a quen Francisco Sánchez puido coñecer e dos que seguramente escoitou algunha composición: Tomás Luís de Vitoria, Giovanni da Palestrina e de Francisco Soto de Langa, músico burgalés que dirixiu e coordinou a capela papal. A música francesa do primeiro cuarto do século XVII camiñaba por unha vía estilística un tanto diferente á da tradición romana ou hispana e estará representada por obras de Jean Baptiste Besard e Antoine Boesset.

    Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, este concerto enriquece de xeito excepcional a programación que promove o Concello de Tui para conmemorar o “Ano Francisco Sánchez”, pois esta agrupación musical é, sen dúbida, unha das de maior prestixio en Galicia tras vinte anos de traxectoria recuperando a tradición da música vocal. Cabe lembrar o seu labor no proxecto de recuperación do patrimonio musical da catedral de Tui editando tres discos con música de Matías García Benayas (+1737) e outros autores dos códices polifónicos: Defensor alme Hispaniae (2013), premiado co Melómano de Ouro en 2015, Salvete Flores (2016) e Canite Tuba (2020). Vox Stellae tamén ten promovido a reestrea da Misa en Do M de Rosendo Salvado, outro ilustre tudense.

    Vox Stellae

    Vox Stellae nace en 2003 con motivo dunha conferencia do musicólogo José López Calo sobre a música na Catedral de Santiago. Un dos seus sinais de identidade é a difusión da música galega, tanto a dos arquivos das catedrais como a creación contemporánea e a música popular. Amais de participar en actos institucionais e concertos didácticos, ten actuado en múltiples tempadas de abono e festivais: Vía Stellae, Espazos Sonoros, De Lugares e Órganos, Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, Semana de Música de La Laguna, Outono dos sentidos na Ribeira Sacra, Festival Internacional Provincia de Palencia, Ciclo de Música Sacra de Castilla y León, Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, Camiño de Cantares, Festival Internacional de Música Relixiosa de Guimaraes, Festival Internacional de Grupos Vocales de Santander…

    Vox Stellae colabora con agrupacións e solistas como a Orquestra de Cámara de Tenerife, Orquestra de Cámara Galega, Finis Terrae Brass, Os Menestreis de 1500, Taller Atlántico Contemporáneo, Cristina Pato, Joaquín Barreira, Manuel Vilas, Beatriz Díaz, Belén Elvira, Juan Antonio Álvarez Parejo, Juan Manuel Varela, Fernando Buíde, Uxía Senlle, João Afonso ou o dramaturgo Maximino Queizán.

    Entre o seu amplo repertorio destacan a estrea absoluta de Tres Imaxes de Compostela e Vésperas de San Martiño (M. Mato), Martine Confessor (J. Trillo) a estrea en España da Misa en Sol a Santiago de Compostela (A. Tucapsky), as reestreas da Misa en Do M (Frei R. Salvado) e a Missa Voce Mea (C. de Medrano) ou a estrea en Galicia de Rothko Chapel (M. Feldman). Dentro do proxecto de recuperación do patrimonio musical da catedral de Tui editou tres discos con música de Matías García Benayas (+1737) e outros autores dos códices polifónicos: Defensor alme Hispaniae (2013), premiado co Melómano de Ouro en 2015, Salvete Flores (2016) e Canite Tuba (2020).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.