Luns, 4 Novembro de 2024

Os novos orzamentos do Rosal apostan por proxectos transformadores para a vila

O Concello do Rosal avanza xa na configuración dos seus orzamentos para o ano 2024, uns presupostos que se aprobarán en pleno este mesmo xoves (20.30 h) nos que se aposta polos proxectos transformadores pero tamén por todas aquelas iniciativas que suporán unha mellora na vida cotiá da veciñanza.

“A boa planificación e o bo funcionamento do Concello é o que nos permite traballar con antelación nuns orzamentos cos que queremos afondar en proxectos e medidas que nos permitan mellorar o día a día de rosaleiros e rosaleiras, sendo o primeiro concello da comarca e un dos primeiros de toda Galicia en facelo”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

O Rosal afronta o vindeiro ano con novos retos ao que fará fronte grazas á capacidade do Concello de captación de fondos europeos para executar proxectos de gran relevancia para o municipio e a veciñanza. Así, os orzamentos contemplan un investimento total de máis de 1,5 millóns de euros cunha achega municipal de 343.000 euros para continuar coa transformación do alumeado público, o que vai supoñer un antes e un despois para o Rosal. Como sinala a rexedora, “este proxecto responde de xeito integral a unha necesidade real de todos os veciños e veciñas, ao tempo que se fomenta a sostibilidade e a eficiencia enerxética”.

Cos novos presupostos contemplan tamén a aposta do Goberno municipal pola educación de proximidade, pola recuperación de edificios con valor patrimonial e o aforro en termos de eficiencia enerxética, xa que permitirán facer realidade a renovación da Escola Unitaria de Tabagón, que será a nova sede do CRA María Zambrano. En total serán máis de 209.000 euros de achega municipal, tendo os traballos un investimento total de case 600.000 euros. Esta aposta pola educación de proximidade que se reflicte nas axudas ao CRA coa que colaborar a manter o servizo de comedor e que se contrapón coa realidade da Xunta de Galicia, que “leva anos sen realizar investimentos de reforma e servizos nas escolas unitarias a pesar de ter as compentencias exclusivas para facelo”.

O Concello prepárase ademais para afrontar no 2024 un novo reto no que O Rosal é pioneiro: as comunidades enerxéticas. O Goberno municipal estableceu unha partida destinada á creación da Oficina de Transformación Comunitaria que permita impulsar a creación destas comunidades da man da veciñanza. Esta oficina terá como obxectivo apoiar e promover novas iniciativas de comunidades enerxéticas e orientar a rosaleiros e rosaleiras en cuestión de aforro enerxético e instalación de enerxías renovables, con asesoramento e información de vías de financiamento posibles.

Incorporarase tamén a este orzamento un investimento de máis de 110.000€ para continuar coa mellora de diferentes espazos públicos nos barrios rosaleiros, que se materializará por exemplo coa reforma da Casa Escola de Fornelos para convertela en espazo de dinamización veciñal da xuradía de Fornelos. Executarase ademais neste 2024 coa súa correspondente incorporación orzamentaria a transformación do campo de fútbol da Mata no camiño da mellora das infraestruturas deportivas para dar pulo ao deporte de base.

Pero xunto ás melloras de infraestruturas e servizos, o Goberno municipal compuxo uns orzamentos moi próximos á realidade do municipio que recollen as necesidades actuais da veciñanza. Increméntase nun 15% o apoio ao asociacionismo, un dos eixos fundamentais do desenvolvemento do Rosal. E continúa apostándose polas actividades de dinamización social, deportiva e económica nos barrios. Neste sentido, destaca a consolidación do programa O Rosal Cámara Fest, que duplica a súa partida; a creación dunha Feira de Segunda Man; a posta en marcha dunha liña específica para actividades no Mercado ou o incremento do presuposto para continuar ofrecendo unha ampla programación de actividades culturais, deportivas de conciliación ou de lecer.

Os Goberno municipal ademais incorpora aos orzamentos de 2024 un importante incremento na área de benestar social. Como importante novidade e dada a importancia que traslada a pirámide poboacional galega e do Rosal, o Concello recolle unha nova liña para un programa de maiores que se centrará na  posta en marcha de accións centradas no envellecemento activo. Contémplase ademais un incremento do 30 % na área de dependencia, incrementando a dotación orzamentaria para costear o prezo hora do Servicio de Axuda no Fogar, incrementándoo en 100 horas mensuais e contratando unha persoa como auxiliar administrativo a xornada completa, o que redundará na mellora do servizo.

Así mesmo, no compromiso de xerar unha actividade transversal mantense a partida de Igualdade coa que se consolida programa Revolucionando Mentes, a través do que se levarán a cabo diferentes accións.