11.7 C
Pontevedra
Venres, 3 de Maio de 2024
Máis
    HomeLouriñaSalceda de CaselasO TSXG confirma os seis anos de cárcere impostos ao condutor ebrio...

    O TSXG confirma os seis anos de cárcere impostos ao condutor ebrio que provocou o triplo accidente mortal de Salceda de Caselas

    A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra que lle impuxo seis anos de cárcere a un condutor ebrio que o 19 de marzo de 2021 invadiu o sentido contrario de circulación e causou un accidente mortal en Salceda de Caselas, no que faleceron unha nai e os seus dous fillos menores de idade, de 13 e 6 anos. O tribunal de primeira instancia considerouno autor de tres delitos de homicidio por impudencia grave e dun delito de condución baixo a influencia de drogas tóxicas.

    “En poucos supostos, como o presente, resulta sinxela a conclusión sobre a culpabilidade do recorrente”, salientan os maxistrados do alto tribunal no fallo, no que destacan que se trata de “un accidente brutal, no que perderon a vida tres persoas, sen que a través da instrución ou o plenario se atisbe outra participación nos feitos da condutora que non sexa a de circular por unha estrada na que coincide co acusado, quen decidiu conducir o seu vehículo perfectamente consciente da limitación de facultades debido a unha altísima inxesta alcohólica (pediu en varias ocasións con anterioridade que o levasen ao seu domicilio); faio a 128 km/hora nunha vía na que a velocidade máxima está limitada a 90 e desde o seu carril dereito (carril de marcha lenta) excede tamén o carril de adiantamento, invade o de circulación contraria estrelándose contra o vehículo das vítimas, que circula correctamente, a 61 km/hora, provocando o inmediato falecemento de todas elas”.

    “A posición final dos vehículos, que se corresponde con este relato, parécenos incontestable, ao momento de que tal situación, sumada ao exceso de velocidade, á inxesta alcohólica, ao desprazamento do vehículo ata invadir o carril contrario e ao número de vítimas mortais producido, todo iso, parécenos suficiente para colmar a sentenza condenatoria, mesmo sen outras probas adicionais”, recalca a Sala do Civil e Penal na sentenza, na que sinala que, sen cuestionar o dereito de defensa, parécelle irrelevante que o accidente careza de testemuñas directas.

    O tribunal destaca que “os feitos son tan claros e lamentables que nada cabe obxectar á conclusión da sentenza que se recorre”. Ademais, en relación ao carácter de eximente ou atenuante da embriaguez, sinala que, se o propio acusado tentou atopar a alguén que o conducise ao seu domicilio, e finalmente o fixo no seu propio vehículo, “o que revela é que coñece e asume que non se atopaba en condicións de conducir, comprende que o feito era ilícito, tamén as súas potenciais consecuencias; e, a pesar diso, opta por utilizar o seu propio vehículo para o regreso, conducindo con total desprezo dos límites de velocidade e adaptación ás circunstancias e condicións da vía, co resultado xa coñecido”.

    “Pero é que ademais da argumentación da sala de instancia, debemos constatar que, o aparente paradoxo de que a embriaguez constitutiva de delito sexa tamén unha eximente incompleta ou atenuante para aliviar as consecuencias da pena, resólvese no criterio da xurisprudencia, segundo o cal cando a embriaguez forma parte do tipo delituoso non cabe aplicación de eximente ou atenuante algunha”, explica o TSXG na sentenza, que non é firme, pois cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.