Venres, 23 Maio de 2025

Sanidade comeza a vacinación masiva das persoas entre 50 e 55 anos

A Consellería de Sanidade comezou onte vacinación das persoas entre 50 e 55 anos, cun plan piloto na Cidade da Cultura de Santiago con 1.000 persoas convocadas. Para maña está prevista a vacinación doutras 19.000 persoas, nos seguintes emprazamentos:

O Concello de Nigrán únese á campaña para propor a Javier Pitillas como candidato ao Premio ‘Princesa de Asturias da Concordia’ pola súa labor solidaria con Discamino

0

O Concello de Nigrán enviou hoxe unha carta oficial á Vicepresencia da Xunta co obxectivo de adherirse á campaña da Xunta para impulsar a candidatura de Francisco Javier Pitillas Torra, responsable da iniciativa Discamino, ao Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021 pola súa labor solidaria que posibilita que persoas con diferentes tipos de discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago. O propio alcalde de Nigrán, Juan González, comunicou esta mañá persoalmente a Pitillas esta iniciativa do Concello aproveitando a súa visita e a de David Gil, de ‘700 camisetas contra la leucemia,’ ao CEIP Humberto Juanes con motivo da semana da prensa escolar.

O Concello de Nigrán ten a honra de contar desde hai anos coa colaboración de voluntarios de Discamino, e do propio Javier Pitillas, para que persoas con discapacidade poidan gozar de paseos ou roteiros nos vehículos deportivos adaptados adquiridos polo consistorio no 2017. Por esta razón, o goberno de Nigrán dá testemuña do beneficio desta iniciativa para os usuarios e tamén para a propia sociedade: a través do deporte adaptado aporta calidade de vida e retos ilusionantes ás persoas con diversidade, beneficia incriblemente a súa saúde física e mental e subliña a necesidade dunha accesibilidade universal.

“En definitiva, Discamino pedalea a prol da  empatía, da integración e da solidariedade para que todas as persoas poidan acadar as súas propias metas independentemente das súas capacidades. Por todo iso, desde o Concello de Nigrán unímonos á proposta da Xunta de Galicia de propor ao vigués Javier Pitillas  como candidato a recibir o Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021 por traballar dunha forma admirable a favor dunha sociedade máis xusta, igualitaria, fraternal e solidaria”, finaliza a carta enviada á Xunta.

Hoxe rexístranse un total de 2.931 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 2.931 deles 1.106 son da área da Coruña, 210 da de Lugo, 199 da de Ourense, 343 da de Pontevedra, 532 da área de Vigo, 314 da de Santiago e 227 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 73 están en UCI, 257 en unidades de hospitalización e 2.601 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 109.165 persoas curadas, rexistrándose 2.289 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.746.721.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 311.103. A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Oia, unha das protagonistas da serie ‘Doc Way’

0

Oia é un dos concellos protagonistas da serie documental Doc Way, que inclúe un vídeo específico dedicado a dar a coñecer os principais atractivos patrimoniais e turísticos do concello. Paisaxes, miradoiros, rutas, natureza e patrimonio histórico aparecen ante o espectador a través de impresionantes planos aéreos, pero tamén desde o punto de vista do camiñante.

Doc Way, serie audiovisual dirixida e protagonizada pola galega Cristina Maró, é un proxecto beneficiario do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia que pretende achegar ás persoas usuarias de internet as diferentes rutas do Camiño de Santiago. Con este obxectivo, Maró vai mostrando, xunto cos peregrinos que atopa ao seu paso, todo patrimonio natural, cultural, local e social en diversos puntos do Camiño Portugués, tanto no seu itinerario de interior como na súa variante pola costa.

A serie, que xa se pode ver na páxina web www.docway.es, está composta por un total de 4 capítulos nos que se expoñen diversas experiencias xacobeas. Cada episodio céntrase nun aspecto concreto: patrimonio cultural, patrimonio local (a economía dos municipios por onde pasa a ruta xacobea), patrimonio natural e patrimonio social (a través dos testemuños de peregrinos de diversas partes do mundo).

Ademais destes 4 capítulos, o proxecto audiovisual inclúe una serie de vídeos específicos nos que se afonda nos recursos patrimoniais dalgunhas das localidades situadas no Camiño Portugués, entre elas Oia.

Doc Way en Oia

No vídeo específico dedicado a Oia aparecen diversos tramos da costa atlántica e o Camiño de Santiago, o barrio histórico do Arrabal, o Mosteiro e a igrexa de Santa María de Oia. A Serra da Groba tamén ten un gran protagonismo, con localizacións como curro da Valga e varios enclaves de valor natural, paisaxístico e arqueolóxico da Ruta Máxica.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, trasladou ao equipo de Doc Way os parabéns por este “excelente traballo”, no cal “se pode apreciar a beleza paisaxística e a riqueza patrimonial e cultural do noso concello, co Mosteiro de Oia como un dos monumentos máis importantes desde o punto de vista histórico do Camiño Portugués da Costa ata Santiago”.

A serie completa de Doc Way e máis o vídeo específico dedicado a Oia están tamén dispoñibles na canle de youtube do Concello.

Luis López reitera “a colaboración absoluta e o compromiso máximo” da Xunta co Concello de Tomiño na súa visita institucional

0

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, reafirmou a “colaboración absoluta e o compromiso máximo” do goberno galego co Concello de Tomiño na súa visita institucional a este municipio, onde lembrou a aposta do executivo autonómico por este termo da bisbarra do Baixo Miño tras investir máis de 13 millóns de euros nos últimos catro anos.

O representante autonómico mantivo un encontro coa alcaldesa, Sandra González, e con representantes da corporación municipal na que se abordaron todas as peticións e necesidades da veciñanza con respecto ao executivo autonómico.

Entre as cuestións plantexadas figura a axilización da autovía do Baixo Miño, que xa está a ser executada pola Xunta de Galicia para favorecer a mobilidade e a seguridade nun novo treito da AG-42, correspondente co Enlace de Areas, que ten un investimento de case 17 millóns de euros.

Polo demais, Luis López lembrou que, no que vai de lexislatura, a Xunta despregou numerosos investimentos e servizos en Tomiño, xa que reforzou a seguridade viaria na PO-552 en dirección a Tui cun investimento de 660.000€, concedeu ao Concello 5.568 horas anuais máis de Axuda no Fogar para dependencia, outorgou financiamento para accións de eficiencia coa instalación de 32 paneis solares fotovoltaicos na Casa do Concello e no Multiusos de Goián e colaborou cos sectores económicos e sociais, xa que inxectou 73.000€ aos hostaleiros ao abeiro do 1º Plan de Rescate e subvencións de dinamización comercial aos colectivos Adeto e Mercado Municipal de Tomiño, entre outras.

Finalmente, Luis López, que se comprometeu a manter un contacto periódico co Concello para xestionar as súas necesidades, amosou o apoio da Xunta á demanda social para que se produza unha apertura ordenada, e sempre que estean cubertas as necesidades de vixilancia, de máis pasos fronteirizos con Portugal para traballadores e mercadorías co obxectivo de que non haxa aglomeracións nos poucos puntos abertos ao tráfico e de evitar longos traslados por parte dos centos de afectados.

Finalizan con éxito as actividades para conmemorar o Día Internacional da Muller 2021 na Guarda

0

Nun ano marcado pola pandemia e polas restricións sanitarias desde o Concello da Guarda programáronse actividades adaptadas á situación actual para seguir reivindicando e loitando por unha igualdade real entre mulleres e homes en todas as esferas da vida (no ámbito persoal, familiar, laboral, de lecer…).

Campaña de sensibilización – O Concello de A Guarda encheuse de frases e palabras a prol da Igualdade damuller durante o mes de marzo.

A través do poder dos deseños, composto dun perfil de caras de mulleres de diferentes idades e razas, e mostrando palabras ou frases a prol da Igualdade, conmemorouse dende A Guarda o Día Internacional da Muller.

Cómpre indicar que o material empregado para pendurar os carteis de formato redondo nas árbores foi corda de cáñamo coa intención última de non danalos. A Campaña de Sensibilización complementouse cunha valla publicitaria na Alameda con motivo do 8M, a colocación dunha pancarta no balcón do Concello, a Iluminación en cor morada do Concello e do CIM, así como unha entrevista á directora do CIM na radio do IES A Sangriña feita polo propio alumnado do Centro.

E este ano centráronse as actividades na poboación máis nova, as crianzas e a xuventude, porque se considerou primordial que a concienciación e o fomento de Igualdade entre mulleres e homes estea centrada neste sector da poboación.

Actividades nos centros de ensino

Na xornada do martes día 9 de marzo o alumnado participou no Contacontos “O Pozo das Señoras” con Rilo e Penadique (contadora de contos e música) levándose a cabo en formato online (debido a situación sanitaria actual) dirixido a crianzas con idades comprendidas entre os 6 e 10 anos.

Ofreceuse a todos os centros de ensino da Guarda unha ligazón que estivo dispoñible durante toda a mañá do martes día 9 para facilitar o seu acceso e adaptarse á programación educativa de cada centro.

A actividade que chamouse “Mulleres galegas, donas do seu“estivo dirixida ao alumnado de 1 º de Bacharelato do IES A Sangriña,foi un dos exercicios prácticos de Interpretación do Patrimonio material e inmaterial galego, que 14 alumnos/as de 2º curso do Ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística do CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza en Pontevedra, deseñaron no módulo de Procesos de Guía que imparte a profesora Tina Otero.

Consiste en investigar e recuperar aspectos moi interesantes da dura vida que moitas mulleres galegas e non galegas tiveron ao longo da historia e convertilo nun discurso dinámico, interesante e actual para que a nosa audiencia, xente moza, coñeza a estas protagonistas, mulleres que viviron en tempos duros, difíciles.. pero que  non se acobardaron… loitaron, traballaron e se esforzaron para mellorar a súa situación, a das súas familias e sen sabelo a de toda a sociedade, porque elas axudaron a que agora no século XXI as mulleres teñamos máis dereitos, liberdades e unha mellor vida, de feito van recoñecer nestas historias ás súas nais e avoas.

O obxectivo principal deste traballo foi aplicar os coñecementos, destrezas e habilidades acadadas durante o ciclo e preparar emotivos discursos complementados con dinámicas presentacións que sacan do esquecemento histórico a estas mulleres, darlles voz e poñelas como exemplo para invitar a toda a sociedade a seguir loitando por esa igualdade e liberdade que desgraciadamente aínda a día de hoxe as mulleres e as xoves ás que está dirixido este discurso as veces non temos…. buscamos provocar na nosa audiencia unha reflexión e reacción final positiva con cada unha das mulleres e oficios que presentamos, por iso a grande importancia de proxectos como o que presentou a profesora Tina Otero que ofreceu a oportunidade de crear sinerxias entre os diferentes centros educativos e o CIM da Guarda. Agradecemos a colaboración desinteresada tanto do alumnado do Ciclo de FP como da súa profesora.

Dado o éxito da actividade, acordouse ao finalizar a mesma entre as responsables implicadas dos tres centros participantes que este proxecto marcou o inicio de novas colaboracións futuras para camiñar unidas e unidos cara unha a consecución dunha igualdade real.

O Porriño presenta a segunda ‘Batalla de debuxantes Improvisdado’

O Concello do Porriño presentou onte a que será a segunda edición da ‘Batalla de Debuxantes Improvisdado’, un certame “singular e único que organiza o Concello porriñés coa intención de crear novas formas de expresión artística, querendo romper estándares e normas non escritas da arte”, sinalou na presentación Cami Moreira, concelleira de Cultura, Mocidade e Festas.

Para esta segunda edición “vaise simplificar o método de inscrición a través dun formulario nunha páxina web específica do concurso Improvisdados que ademais terá vídeos da edición anterior e un capítulo de preguntas frecuentes”, explicou Pablo Castiñeira, responsable de “Vella Escola”, entidade produtora do certame. A páxina web estará dispoñible de xeito inmediato.

[su_image_carousel source=”media: 32249,32248,32247,32251″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Outra dúas novidades serán o aumento da bolsa de premios para os finalistas e o escenario onde terá lugar a final, que este ano representará un taller mecánico, cun coche incluído, como se pode ver na maqueta nunha imaxe adxunta. Precisamente ese escenario da final mudará este ano. Trasladase ao Parque do Cristo.

Cami Moreira manifestou que “no Porriño temos certa tendencia a localizar moitos eventos na praza do Concello e pensamos que é bo explorar outras zonas a ver como funcionan cun evento de visualización tan plástica”, segundo a concelleira.

Este concurso lanzouse no 2020, no primeiro estado de alarma como un estímulo para os creativos, para que puideran traballar dende as súas casas pese ao confinamento. Realizouse unha convocatoria por redes sociais para debuxantes que, de xeito profesional ou aficionado, desenvolveran algunha disciplina artística relacionada coa pintura. Entre os debuxos presentados, seleccionáronse seis artistas que concorreron á final celebrada nas Festas do Cristo nun escenario habilitado na praza do Concello. O artista alcumado “O Ras”, de Pontevedra foi o gañador daquela.

A segunda edición da ‘Escola de Letras’ da Deputación e Galaxia volve dende o luns de xeito telemático

A segunda edición da Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia botará a andar o vindeiro luns, 15 de marzo, e o fará de xeito telemático debido á situación sanitaria. Deste xeito, as dúas primeiras sesións dos dous primeiros cursos previstos, que impartirá a escritora Inma López Silva e que se ían desenvolver de xeito presencial nas sedes da institución en Vigo e Pontevedra, celebraranse a través da ferramenta Google Meet.

A actividade formativa impartirase en horario de 18 a 20 horas. O luns 15 comezará o obradoiro previsto en Vigo, que continuará o día 22 deste mes de marzo de xeito telemático e, posteriormente, prevese que, de mellorar a situación, se celebre de xeito presencial os días 12, 19 e 26 de abril e os días 3, 10 e 24 de maio. No caso do Obradoiro Literario en Pontevedra, que impartirá tamén López Silva serán telemáticas as sesións do 17 e o 24 de marzo e espérase que sexa presencial as dos días 14, 21 e 28 de abril e 5, 12 e 19 de maio.

Inma López Silva (Santiago, 1978) é unha das novas narradoras galegas máis destacadas. A súa novela de debut, “Neve en abril”, que recupera o drama da Guerra Civil, gañou o Premio Rúa Nova convocado pola Biblioteca Nova 33 de Santiago en 1996 e sorprendeu pola súa madurez a lectores e crítica. A obra foi editada no 2005 por Galaxia como libro aberto a lectores de todas as idades. Outros traballos publicados pola autora son “Rosas, corvos e cancións”, “Concubinas” (co que obtivo o Premio Xerais 2002) ou “New York, New York” (2007), diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois foi traducido ao castelán.

Coa novela “Memoria de cidades sen luz”, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria. Amais de escritora, destaca  como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. No pasado ano 2020 publicou a obra “O libro da filla”.

Calendario

Despois destes primeiros cursos, as actividades da Escola continuarán no mes de xuño, Co Obradoiro de Poesía que impartirá o escritor Antonio García Teijeiro en Pontevedra, en dúas sesións que terán lugar os días 2 e 9. Doutra banda, Anna Figueiredo, unha das docentes que se incorpora este ano á Escola, impartirá o obradoiro literario “Escribir unha novela” en oito sesións en Vigo entre os meses de setembro e novembro. Así, desenvolverase os días 15, 22 e 29 de setembro; 6, 13, 20 e 27 de outubro e rematará o 3 de novembro.

Pontevedra acollerá as dúas últimas actividades da Escola de Letras deste ano. Trátase do Obradoiro Literario que ofrecerá Diego Giráldez en cinco sesións os días 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro; e do Obradoiro de Poesía a cargo de Elvira Ribeiro, outra das docentes que se sumaron á Escola, que terá lugar os días 2 e 9 de decembro. Todos os cursos teñen o mesmo horario, de 18 a 20 horas, e aínda que as prazas están completas, segue aberta a inscrición cunha lista de agarda, para o caso en que se produzan baixas.

A Xunta abre hoxe o prazo para solicitar as axudas de formación dos profesionais do sector do transporte por estrada

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade abre hoxe venres o prazo para solicitar as axudas de formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, que suporá un investimento de 400.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta convocatoria, cuxa información se pode ampliar nos seguintes enlaces: https://xurl.es/y5ijj e https://xurl.es/hbq89.

Esta orde fixa as bases polas que se rexerá o outorgamento destes incentivos, que van dirixidos ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada.

As entidades deberán presentar un plan formativo que abranguerá a totalidade de cursos ou seminarios que pretendan realizar no ano 2021.

Estas organizacións disporán dun mes, contado a partir de hoxe, para presentar as súas solicitudes, ata o vindeiro 11 de abril.

Ademais, disporán ata finais do mes de outubro para realizar o conxunto das accións formativas.

Acolléndose a estas axudas, as entidades que resulten beneficiarias poderán mellorar as capacidades dos seus asociados en diferentes eidos: como a formación continua do persoal de condución; a mellora no coñecemento de diferentes idiomas, tanto por parte de profesionais do taxi como por todos aqueles que realizan transportes internacionais; o transporte de mercadorías perigosas ou perecedoiras; e, en xeral, no ámbito da xestión das empresas de transporte por estrada.

Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional.

Esta convocatoria dálle continuidade á aposta que a Xunta vén facendo nos últimos anos pola formación dos profesionais do sector do transporte. Neste sentido, cómpre lembrar que o Goberno galego concedeu na convocatoria do ano 2020 axudas para a realización de 1.139 cursos, nos que participaron 11.351 persoas. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa potenciando as actividades formativas dirixidas aos profesionais do sector, en diferentes eidos como a condución, o transporte de mercadorías perigosas ou a xestión das empresas de transporte por estrada.

Deputación e Concello de Salceda recuperan a antiga escola de Vendanova para convertela nun centro integral de atención a persoas con Alzhéimer

A Deputación de Pontevedra vén de dar un novo impulso á mellora da calidade de vida da veciñanza do Concello de Salceda de Caselas nos ámbitos da asistencia social e o deporte coa rehabilitación integral da antiga Escola de Vendanova e a mellora das instalacións deportivas municipais do campo de Penedo Redondo. O deputado de Cooperación Municipal Santos Héctor visitou, xunto á alcaldesa Loli Castiñeira, e a tenente de alcalde, Verónica Tourón, as novas instalacións, que contaron cun investimento total de 187.239 euros ao abeiro do Plan Concellos.

“Son dúas actuacións importantísimas” afirmou Santos Héctor. “Estas instalacións, que suman máis de 185.000 euros, melloran a calidade de vida da veciñanza do concello, e son fundamentais porque está mellorando demograficamente”. Nunha provincia acusada polo despoboamento rural, esta é unha “boa nova” que pon de relevo a necesidade de “facer investimentos para seguir nesa tendencia de crecemento”, insistiu. O deputado destacou a versatilidade do Plan Concellos, que ofrece un abano de posibilidades tan amplo como actuar en instalacións deportivas e espazos destinados a persoas con doenzas mentais, polo que felicitou ao municipio e animouno a “seguir traballando nesa liña”.

Pola súa parte, Loli Castiñeira agradeceu á Deputación o financiamento regrado aos municipios a través do Plan Concellos coa “liberdade de destinar as achegas a aqueles proxectos que consideramos máis relevantes”, e que neste caso constitúen “os proxectos máis importantes do que vai de mandato”. A alcaldesa destacou que o centro terapéutico ao que deu lugar a antiga escola de Vendanova “recolle as necesidades dunha poboación que durante a pandemia sufriu moitísimo” que en Salceda de Caselas se ve representada en 200 persoas; e que a escola de fútbol Denís Suárez “desenvolven unha labor deportiva importantísima, pero tamén social e cultural para aos nenos e nenas do municipio e arredores”.

Centro de referencia

A Casa-Escola de Vendanova é agora un centro de referencia e un exemplo de iniciativa dende o mundo local e dende o rural para cubrir baleiros na atención sociosanitaria da poboación. O local foi cedido hai dúas semanas, por medio dun convenio, á Asociación de Familiares de persoas Enfermas de Alzhéimer de Galicia (Afaga). Nas súas instalacións realízase non só a atención a persoas con doenzas neurodexenerativas do municipio, senón tamén un programa de prevención, baixo o nome de “Cultiva a mente”, para actuar antes de que o deterioro se manifeste. Actualmente teñen xa en marcha dous grupos de 10 persoas cunha marcada preponderancia feminina, pois 18 das persoas asistentes son mulleres, como se destacou hoxe. O Concello non só cede o local, senón que tamén subvenciona esta actividade.

A rehabilitación integral do edificio permitiu recuperar un espazo que estaba sen uso dende o peche da Casa-Escola hai varias décadas. Agora loce como un novo espazo destinado a coidar a saúde mental das persoas maiores. En total, actuouse nunha superficie de 178 metros cadrados, nos que se procedeu á substitución das carpinterías exteriores e interiores, ao levantado e troco dos acabados e instalacións e á incorporación de reforzos estruturais integrais. Esta reforma supuxo unha modificación da distribución interior da escola, que hoxe constitúe un espazo flexible adaptado ao programa que se ofrece, con espazos comúns para actividades en grupo, despachos para reunións individuais e aulas polivalentes. Amais, incorporouse un ascensor para mellorar a accesibilidade entre as dúas plantas e habilitouse unha entrada, unha sala de espera e dous aseos. Nesta obra investíronse preto de 61.000 euros.

Pola súa banda, a reforma das instalacións do campo de fútbol de Penedo Redondo, que conta con máis de 250 usuarios e usuarias habituais, é xa visible. Para a súa ampliación actuouse en máis de 180 metros cadrados para a construción dunha nova sala de usos múltiples e dous aseos accesibles, a fabricación dun vestiario con acceso aos almacéns situados baixo as gradas, a xeración de percorridos diferenciados para xogadores e espectadores, a creación dun almacén para a cantina con acceso directo ao exterior e a instalación dunha pérgola metálica para ofrecer sombra. A institución provincial ten previsto desenvolver novas actuacións nestas instalacións deportivas, nas que prevé a execución de novos aseos de uso público, a reforma de dous dos vestiarios existentes e a mellora da envolvente de todo o conxunto. No caso desta actuación, o investimento achegado pola Deputación ascendeu a máis de 126.000 euros.

A Deputación leva investidos case sete millóns de euros no Concello de Salceda de Caselas desde 2015, ano no que se produciu o cambio no Goberno provincial. Este ano, 2021, o Plan Concellos destina 708.500 euros ao municipio, que xa ten concedida unha obra de reforma da Praza de Abastos para arranxar a cuberta e facer accesibles os aseos. Neste tempo, os investimentos da institución provincial fixeron posible que Salceda de Caselas levase a cabo arredor de 30 actuacións de humanización, urbanización, mellora de camiños e instalacións deportivas, actuacións de mobilidade sostible no núcleo urbano e iluminación; así como a contratación de 77 persoas desempregadas para a prestación de servizos municipais, das que 10 incorporaranse este ano cun gasto total, achegado pola Deputación, de 144.000 euros. Amais, o municipio da área de Vigo beneficiouse tamén do Plan DepoRemse, que lle permitiu urbanizar o antigo Campo da Feira da Devesa con case medio millón de euros de subvención.

Unha deficiente impermeabilización do ano 2010 dana o Auditorio Municipal de Ponteareas e impide a súa utilización

As obras de impermeabilización do Auditorio, executadas en 2010 mediante un convenio entre o Goberno municipal presidido daquela por Salvador González Solla (PP) e a Deputación dirixida por Rafael Louzán (PP), e nas que se investiron 1,3 millóns de euros, explican as filtracións e os graves danos que ven soportando o Auditorio e que obrigaron ao Concello de Ponteareas a pechalo. Así se conclúe nun informe elaborado polos servizos técnicos municipais que apuntan a posíbeis responsabilidades do promotor ou construtor da reforma realizada hai unha decada.

Segundo o informe os problemas de filtracións reapareceron pouco despois da reforma do edificio de 2010 e co paso dos anos foi a mais ate chegar ao punto actual que fai imposíbel a utilización da meirande parte do edificio.

No proxecto de reforma de 2010 sinalábase que existían filtracións importantes no Auditorio polo cal as obras consistirían en actuar sobre a coñecida como Praza da Musica demolendo todo “o pavimento exterior e a impermeabilización existente” e executando “unha nova cuberta transitábel mediante a previa impermeabilización”.

[su_image_carousel source=”media: 32216,32219,32220,32221,32222,32223″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

No informe técnico municipal explícase que a cuberta do auditorio conta cunha deficiente impermeabilización “por unha incorrecta solución construtiva ou mala execución” e que existen numerosos puntos polos que entra unha considerable cantidade de auga. As humidades e filtracións detectadas sitúanse nos diferentes lucernarios do edificio, nos ocos onde se atopa a carpintería exterior do edificio, baixo as xardineiras, nas zonas de contacto entre as paredes e o terreo situado debaixo das rúas así como na deficiente impermeabilización do pavimento da praza situada sobre o Auditorio que “non esta a cumprir axeitadamente o seu cometido”.

O informe técnico salienta que en agosto de 2020 ao realizarse un arranxo puntual no falso teito de madeira situado na sala principal de butacas “saíron a luz varios problemas importantes”. Entre eles cítanse importantes filtracións de auga e a existencia de carcoma na madeira. A raíz de dito arranxo puntual levouse a cabo unha serie de catas que “amosaron que todo o falso teito estaba afectado”.

Debido ao perigoso estado, por urxencia e por posíbeis desprendementos, accedeuse a ver o forxado de cuberta do edificio observando “claramente, a pesar de ser o mes de setembro bastante seco, que existen zonas anegadas pola auga que se filtran polo pavimento da praza ocasionando humidades e eflorescencias nas propias viguetas e bovedillas que o conforman”. O falso teito de escaiola tamén esta afectado, a pesares de que se ven “arranxando de forma puntual cada pouco debido ao seu estado de enchoupado”. Como consecuencia destes excesos de auga, entre o mes de novembro e decembro de 2020 producíronse varios desprendementos que causaron danos materiais.

As catas realizadas no pavimento da praza localizada sobre o Auditorio permitiron comprobar que as obras executadas no seu día non se axustan ao que se recollía no proxecto de reforma e que a auga se filtra cara o interior do edificio.

O Goberno Local salienta que “aquelas obras feitas hai dez anos tiñan como principal finalidade eliminar as humidades, filtracións e pingueiras que sofría o Auditorio como consecuencia das obras do parque infantil executadas uns anos antes”. O executivo municipal conclúe que “a Deputación adxudicou en 2010 obras por importe de 1,3 millóns euros para resolver o problema e en lugar de solucionalo provocou mais filtracións e humidades que agora impiden continuar coa utilización do Auditorio”.

O informe técnico conclúe que mentres non se resolvan as causas que provocan a entrada de auga e non se revise e sanee toda a estrutura que soporta o falso teito da sala de butacas non asegura a sua utilización. Ademais, a arquitecta técnica municipal remitiu o informe a asesoría xurídica para que avalíe “se procede tomar acción algunha en canto a solicitude de responsabilidades ao promotor ou construtor da ultima reforma do edificio realizada no ano 2009-2010”.

A alcaldesa accidental, Cristina Fernández Davila, dirixiuse xa a presidenta da Deputación para manter unha reunión na que se abordara a problemática e as posíbeis solucións. Ademais, a alcaldesa solicitou a institución provincial que requira o correspondente informe ao director da obra executada en 2010.

O Parque Urbano Fluvial Transfronteirizo de Valença-Tui xa está en estudo

Valença quere avanzar coa creación do Parque Urbano Fluvial Transfronteirizo Valença-Tui. O proxecto foi anunciado, hoxe, pola Eurocidade Tui-Valença.

Manuel Lopes, Presidente da CM Valença e Henrique Cabaleiro, alcalde de Tui o teñen claro, “Queremos unha ponte porque é unha necesidade, porque os cidadáns mudaron os hábitos e están a esixir mudanzas nos deseños das cidades. Hoxe, queren cidades máis humanizadas, con máis espazo dedicado ás persoas”.

O estudo contempla unha intervención, en toda a marxe do Río Miño, a poñente da cidade, desde a Senhora da Cabeça, en Cristelo Côvo ata unha zona nascente, fronte á cidade de Tui, na Veiga de Ganfei e a súa conexión a Tui. A área total de intervención rolda os 250 mil m2 cunha extensión de 5,7 Kms.

Vía peonil e ciclable

Unha vía verde marxinal, sempre xunto ao río, con perfil de parque urbano, ligará o Parque da Senhora da Cabeça ao Parque da Veiga de Ganfei e este ao Paseo Fluvial de Tui. Esta vía integrará os xa existentes percorridos da Ecopista do Río Miño / Marginal da Senhora da Cabeça, da Ecovia Veigas do Río Miño, en Valença e do Paseo Fluvial de Tui. Alén dos accesos no principio e no fin do mesmo haberá outras conexións, nomeadamente á Fortaleza e xunto á Ponte Metálica Centenária.

Parque da Senhora da Cabeça

Como grandes áncoras o Concello pretende materializar o Parque da Senhora da Cabeça, recalificando esta área para usufruto da poboación e visitantes. Un conxunto de zonas de lecer, entretimento e deportivas están en estudo para potenciar este espazo xunto ao río Miño .

Zona da Veiga de Ganfei

Está prevista a implantación dun espazo de acollimento, porta de entrada no parque, na parte norte na Zona da Veiga de Ganfei cun conxunto de infraestruturas de apoio.

Nova Ponte no Río Miño

O proxecto en estudo prevé a construción dunha nova ponte peonil e ciclable sobre o río Miño, interligando continuamente os percorridos de Valença e Tui e ligando os dous centros históricos. Esta será a terceira ponte a ligar as dúas cidades. A nova conexión terá un perfil moderna e con materiais leves. A ponte será construída polos Municipios de Valença e Tui.

Este proxecto pretende ser estruturante para o espazo urbano de Valença e Tui e reforzar as condicións das múltiples conexións entre as dúas marxes da Eurocidade.

Concurso de Ideas

Concluído o estudo o goberno autónomo pretende lanzar un concurso de ideas, xunto de arquitectos e despachos de arquitetura, para a elaboración dun proxecto que se quere de referencia e áncora para o benestar dos cidadáns.

Twins Experiment presenta en Ponteareas “Conversación: Habitación o morada”

A Concellería de Benestar Social, que dirixe Verónica Carrera, convida ao alumnado de secundaria e á veciñanza en xeral este luns día 15 a visualizar vía streaming en www.depo.gal e en ponteareas.gal a acción escénica “Conversación: Habitación o morada”. O acto contará coa presenza da Deputada de Cultura  Victoria Alonso e da Alcaldesa en funcións M. Cristina Fernández.

Enmarcada na campaña da Deputación de Pontevedra  “Mulleres en acción. Violencia Zero” as artistas madrileñas, Ainhoa e Laura (Twins Experiment)  presentarán ás 12:00 horas unha adaptación que xira arredor de tres conceptos: Conversa, encontro e playground.  Un encontro entre dous corpos que conversan, un lugar onde desenvolver habilidades dialóxicas que tratan sobre saber escoitar, chegar a acordos e saber xestionar os desacordos.

Ademáis, o concepto simbólico da habitación remítenos ao espazo do fogar, que no ámbito da violencia é un aspecto crucial, a transgredir o ámbito íntimo/privado para adoptar unha relevancia pública e política.

Avanza no bo camiño o proxecto de reforma do núcleo urbano de Goián

0

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, estivo visitando esta semana as obras que se están realizando no núcleo urbano de Goián. Na visita estiveron presentes tamén varios concelleiros e encargados da empresa concesionaria, Xestión Ambiental de Contratas SL, que explicaron a situación na que se atopan actualmente en previsión de seren rematadas no mes de xuño.

Na actualidade estanse realizando intervencións de acondicionamento nas inmediacións da praza Pintor Antonio Fernández, na Avenida Ordoñez e nos terreos adxacentes á Escola de Música, nos que está prevista a creación dun aparcadoiro municipal. A intervención encádrase dentro do ambicioso proxecto de reforma integral “Máis Goián”, un proxecto de reconfiguración e recuperación dos espazos públicos da vila goianesa, que procura revitalizar a vida social, comercial e cultural a través da creación dun centro urbano atractivo que conecte os equipamentos públicos existentes a través da mobilidade peonil.

“Goián ten a sorte de contar cunha gran cantidade de equipamentos públicos moi achegados entre eles, a menos de dous minutos andando, pero que ata agora estaban completamente de costas entre eles. Con este proxecto imos unir todos eses elementos para crear un polo de atracción que teña ás persoas como prioridade, unha intervención que suporá unha mellora sen precedentes para a vila”, declarou a alcaldesa.

A obra está cofinanciada polo Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) a través do fondo FEDER de crecemento sostible, por un importe total de 999.521,40 euros. As axudas proporcionadas polo IDAE teñen como obxectivo apoiar actuacións que fomenten o abandono dos vehículos de combustión, contribuíndo deste xeito a reducir as emisións de CO2, outra das claves do proxecto “Máis Goián”.

Dentro do proxecto tamén están previstas outras intervencións, como o inicio, proximamente, das obras de construción na contorna da Alameda de Goián, dunha área deportiva composta por un skatepark e unha pista polideportiva, participando no deseño do proxecto un dos técnicos organizadores do recoñecido evento de cultura urbana e deportes extremos “O Marisquiño”, no que tamén foi fundamental a participación cidadá.

Co fin de facilitar a mobilidade, tamén está prevista a posta en disposición de 4 aparcadoiros municipais, que estarán dotados de case 300 prazas de estacionamento, todas elas a menos de dous minutos camiñando da praza Pintor Antonio Fernández, así como a creación de dúas zonas de parking-express na praza de Melilla e na rúa Rosalía de Castro, para paradas rápidas de 5 minutos.

A Xunta inviste máis de 1,3 millóns de euros na rehabilitación enerxética do CPI da Cañiza e a modernización dos sistemas de calefacción do instituto

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar coas melloras nos centros educativos do Concello da Cañiza tras realizar un investimento de máis de 1,3 millóns de euros na rehabilitación enerxética e funcional do CPI e na modernización eficiente dos sistemas de calefacción do IES.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou o remate de ambas actuacións, enmarcadas no Plan de Dotacións de Infraestruturas Educativas, acompañado polo alcalde da Cañiza, Luis Gómez Piña; o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e representantes dos respectivos equipos directivos.

“Con este dobre investimento deixamos en moi boas condicións os centros educativos da Cañiza e atendemos a solicitude que se nos cursou dende o Concello a comezos do ano 2018, polo que actuamos nun tempo récord para mellorar a confortabilidade do colexio e do instituto”, explicou o representante autonómico, que destacou o “esforzo e compromiso da Xunta de Galicia coa modernización constante da rede de centros públicos”.

A rehabilitación enerxética e funcional do CPI da Cañiza, que contou con orzamento de 1.123.154 €, rematou hai algunhas semanas e consistiu nunha remodelación completa, tanto no interior como no exterior, orientada á incrementar a eficiencia e a calidez, gañar en funcionalidade e mellorar a súa imaxe e estética.

Así, procedeuse á renovación da cuberta e das fachadas co reemprazo de materiais e a dotación de sistemas de illamento máis modernos, o cambio das carpintarías interiores e exteriores, destacando as novas fiestras con rotura de ponte térmica, o relevo das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética e tecnoloxías máis limpas, o pintado xeral do inmoble, a instalación de sinaléctica e outras pequenas obras complementarias na rede de servizos e subministros.

Por outra banda, no instituto da Cañiza destináronse 185.351€ ao cambio da sala de caldeiras cun equipo de biomasa e un silo de pellets de grandes dimensións para incrementar a eficiencia e reducir os custos periódicos do sistema de calefacción do centro.

O delegado territorial, que valorou moi positivamente o resultado final de ambas actuacións, destacou que ambas, enmarcadas na liña da consellería de modernizar de xeito progresivo os centros da comunidade, “son de gran importancia, xa que minguan os gastos de consumo e reforzan a sensación de confortabilidade, polo que melloran exponencialmente as condicións lectivas para profesores e alumnos e favorece o seu rendemento”.

Máis dunha vintena de persoas participaron na xornada de posta en valor do patrimonio cultural da Guarda

0

O pasado mércores día 10 de marzo o Concello da Guarda foi o escenario para a realización da Xornada para a co-creación de solucións para a posta en valor do patrimonio cultural da Guarda, evento organizado pola Universidade de Vigo.

O evento arrancou ás 16:30h cunha breve benvida por parte do alcalde da Guarda, Antonio Lomba, quen destacou a iniciativa coma moi interesante para a posta en marcha de novas oportunidades de negocio e de desenvolvemento turístico, cultural e patrimonial.

Esta xornada tivo coma obxectivo contribuír a crear novos produtos e servizos que poidan ser comercializados polos profesionais e entidades da zona para dinamizar e atraer novos viaxeiros ao concello.

A xornada estivo dividida en dúas partes, na primeira delas realizouse unha charla con expertos sobre o patrimonio cultural inmaterial da Guarda e boas prácticas no sector e, despois dunha breve pausa, realizáronse mesas de traballo nas que os asistentes puideron traballar no desenvolvemento de novos produtos e servizos turísticos para o territorio.

Nesta xornada participaron tamén expertos coma J. Miguel Villa ou investigadores da Universidade de Vigo, socia deste proxecto europeo, que foi moi ben valorado por parte dos asistentes.

O Concello de Tui ofrece 5 cursos para os sector do comercio e hostalería en liña e gratuítos

0

Até o 25 de marzo está aberto o prazo de inscricións para os curso de formación en liña para os sectores da hostalería e comercio que ofrece o concello de Tui en colaboración con informática San Benito. Son cursos 100 subvencionados polo SEPE, dirixidos a persoas traballadoras destes dous sectores, autónomos e persoas traballadoras de calquera sector que estean en ERTE. Ao remata da actividade formativa as persoas participantes recibirán un certificado oficial.

Os cursos ofertados son Atención ao cliente e calidade no servizo, Habilidades de venda no comercio e Internet comercio electrónico para o sector comercio. Mentres Innovación na cocina” e Xestión da restauración van dirixido ao sector hostaleiro.

As persoas interesadas poden ampliar esta información no 608 844 058, no 986 60 8920 ou no correo [email protected]

Galicia preto de situarse por debaixo dos 3.000 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.092 deles 1.133 son da área da Coruña, 236 da de Lugo, 213 da de Ourense, 385 da de Pontevedra, 543 da área de Vigo, 324 da de Santiago e 258 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 77 están en UCI, 271 en unidades de hospitalización e 2.744 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 108.895 persoas curadas, rexistrándose 2.284 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.740.620.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 299.553.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Posta en marcha do ‘Servizo de Información e Asesoramento en Saúde Mental’

0

O Concello das Neves vén de asinar un convenio coa Asociación Avelaíña para desenvolver un programa denominado “Servizo de Información e Asesoramento en Saúde Mental”. Trátase dun programa de Prevención da Exclusión Social que consiste nun conxunto de actuacións dirixidas a dar resposta ás demandas da poboación en relación coa saúde mental, mellorando así a súa calidade de vida.

A crise sanitaria pola Covid-19 está a supoñer un agravamento dos problemas de saúde mental na poboación xeral, e o acceso á atención da saúde mental no noso concello e na nosa contorna é moi limitado. Estes feitos motivaron o obxecto de subscrición deste convenio, que establece as bases de colaboración entre o Concello das Neves e a Asociación Avelaíña.

Trátase de fomentar a información sobre os diferentes recursos e/ou procedementos vinculados á saúde mental, e asesorar ou poñer en contacto co persoal idóneo que poida atender a cada problemática particular, co obxectivo final de favorecer a mellora das persoas e favorecer a súa integración social comunitaria.

As actividades a desenvolver serán:

  • Recepción de demandas e recollida de información
  • Información e asesoramento en función da demanda.
  • Coordinación con outros recursos.
  • Derivación a outros recursos/servizos.

As persoas beneficiarias da atención serán aquelas con necesidades de información en saúde mental, podendo ser persoas con problemas de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo así como calquera veciña ou veciño do Concello das Neves.

Para solicitalo, as veciñas e veciños das Neves poden contactar con servizos sociais chamando ao teléfono 986 66 71 34 ou escribindo un correo electrónico a [email protected]. O servizo funcionará entre os meses de marzo e decembro, e ofrecerase un día ao mes, en horario de mañá, nas dependencias de Servizos Sociais.

O Concello de Nigrán estrea o seu primeiro vehículo lava-beirarrúas e dota de máis contedores aos establecementos do peirao de Panxón

0

O Concello de Nigrán, a través da concesionaria de limpeza Cespa-Ferrovial, ven de incorporar o seu primeiro vehículo lava-beirarrúas co obxectivo de mellorar a calidade do servizo prestado no municipio.

Trátase dunha máquina que complementará ás actuais que funcionan baixo auga a presión ou ás barredoiras automáticas, puidendo incorporarlle tamén líquido desinfectante para o fregado. “É un vehículo especialmente útil para zonas sombrías onde no inverno se forma verdín ou para axilizar a desinfección Covid nas rúas”, explica o alcalde, Juan González.

Paralelamente, o Concello de Nigrán, a través tamén de Cespa-Ferrovial, dotou a semana pasada de máis contedores individuais aos establecementos do peirao de Panxón que así o solicitaron despois de rexistrar gran afluencia de clientes durante a fin de semana de apertura.

O Concello de Nigrán, co consenso unánime dos hostaleiros da zona, optou o verán pasado por entregagar contedores a cada local e retirar o lixo porta a porta cada noite para así evitar así a acumulación nos contedores de uso público, o que causaba problemas de insalubridade e fedores ao non respectarse os horarios.

O BNG presenta unha iniciativa no Congreso sobre as obras de reposición da AP-9 en Redondela e Trasmañó

0

No mes de xaneiro, no marco dun encontro mantido polo deputado nacionalista con membros das AA.VV. de Chapela, Trasmañó e Chapela, adquiríu o compromiso de formular unha iniciativa no Congreso para coñecer a situación do Proxecto. “Decantámonos por presentar diversas preguntas ante A Mesa do Congreso, no que queremos saber se no Proxecto de Reposición, se van a incluír actuacións que colectivos, e tamén o BNG, presentou”.

No corpo do texto faise referenza á ponte sobre a Autoestrada de acceso a Trasmañó, que ademáis da obra de ampliación recollida, “prantexouse a instalación dunha pantalla de seguridade”. Outra das alegacións prantexa a mellora dos camiños das Laxes en Río Frío, deteriorado pola maquinaria pesada que realizou un balado de contención.

Co fin de mellorar o Proxecto de Reposición contémplase a instalación de pantallas vexetais “co fin de reducir o impacto visual dos balados da Autoestrada, que atravesa o núcleo urbano de Chapela”. No camiño de Mouriño, proponse igualmente a contrucción dun paso elevado.

Néstor Rego tamén quere saber se a ponte peonil no Camiño de Igrexa vai cumprir coa Lei de Accesibilidade, tal como demandou a organización nacionalista nas alegacións que presentou. “Tamén propuxemos aumentar o carril de aceleración de acceso á Autoestrada dende a avenida de Redondela para mellorar a seguridade viaria”.

Un apartado das alegacións refírese á conservación de diversos elementos patrimoniais, como fontes e lavadoiros, que para a organización nacionalista, deben manterse, e que as obras propoñen derrubar.

Pola súa banda o voceiro municipal do Bloque Nacionalista Galego, Xoán Carlos González, destacou a importancia desta iniciativa no Congreso. “Obedece a un compromiso adquirido coas A.VV., de forzar a que as obras de reposición e compensación, mitiguen o negativo impacto da Autoestrada. Segundo o edil, “á espera de estudiar polo miúdo a adenda definitiva, as informacións publicadas, reafirman a nosa idea que as obras van ser moi axustadas, sen compensar verdadeiramente a Chapela”.

“Pretendemos, que no Proxecto de Reposición se introduzan estas alegacións, para compensar a Trasmañó e Chapela. De igual xeito instamos ao Ministerio a que realice as obras no menor tempo posible, de instalacións de pantallas acústicas, para reducir os problemas do IES Chapela”, remata na nota Xoán Carlos González.

Novo premio para ‘Fame de Experiencias’ no Festival de Turismo Mundial de Kioto en Xapón… e xa van catorce

Xa son catorce os galardóns internacionais que o audiovisual ‘Fame de experiencias’, co que a Deputación de Pontevedra promoveu o destino turístico da provincia no 2019, acumula tras acadar un novo no Festival de Turismo Mundial de Kioto, en Xapón. “Se xa era un orgullo ser un dos 68 vídeos finalistas entre os 1.327 participantes, conseguir o premio e ternos situado con destinos como Australia, Grecia, Thailandia, Bali ou Xapón é unha noticia excepcional”, destacou a presidenta Carmela Silva.

O Premio do Festival de Turismo Mundial de Xapón é o primeiro que acada ‘Fame de experiencias’ neste 2021, tras colleitar outros 13 durante o 2020 en festivais de Nova York, Turquía, Bulgaria, Letonia, Berlín, Los Ángeles, Serbia, Grecia, Portugal ou Croacia e culminar o ano en Viena co “óscar” á mellor película do mundo nos World´s Best Tourism Film Awards. O acto de entrega do premio tivo lugar de xeito telemático dende Kioto, por mor da situación sanitaria, e concentrou aos 68 destinos seleccionados entre os 1.327 vídeos promocionais de todo o mundo presentados á convocatoria. O audiovisual da Deputación acadou o segundo premio na modalidade de ‘Turismo gastronómico’ e, xunto con Conil de la Frontera e Madrid, foron os tres únicos destinos españoles en acadar galardóns no festival xaponés.

A Deputación de Pontevedra a través de ‘Fame de experiencias’, producido por Esmerarte, rende homenaxe ás produtoras e produtores da provincia, a todas as persoas que coidan e subministran unha materia prima de excelencia que está na base da recoñecida gastronomía das Rías Baixas.

Premios ‘Cidade de Tui’, un recoñecemento ás persoas ou entidades que teñan realizado unha achega exemplar á vida local

0

A Xunta de Goberno Local do Concello de Tui acordou a creación dos Premios ‘Cidade de Tui’ para recoñecer anualmente aquelas persoas e entidades do noso concello que teñan realizado unha achega de caracter exemplar á vida local ou teñen contribuído coa súa traxectoria á promoción de Tui, asi como a súa convocatoria para este ano 2021.

A creación deste galardón foi unha proposta formulado pol alcalde tudense, Enrique Cabaleiro, que sinala que “o acervo que singulariza á nosa localidade, foi construído ao longo do tempo por tantos e tantas tudenses que, identificados coa súa cidade, entregaron a súa cidade o mellor da súa actividade, das súa habelencias, do seu tempo…. Todas estas achegas teñen sido imprescindibles para acadar esta cidade que nos acolle e no da orgullo a todos. O Concello de Tui ten a responsabilidade de animar e incentivar a continuidade desta achega colectiva que a sociedade tudense realiza cada día que enriquece ao noso municipio e á súa historia.

Neste liña dende o Concello de Tui cómpre recoñecer o labor relevante que realizan tanto persoas como colectivos e que coa súa achega promoven o desenvolvemento da nosa cidade e os seus cidadáns, realizan aportacións relevantes á vida colectiva, impulsan a vida colectiva, enriquecen coa súa creatividade e iniciativa a realidade local e reflicten a vitalidade da sociedade tudense, dando visibilidade ás múltiples iniciativas que existen no tecido humano e colectivo de Tui”.

Con este obxectivo acordouse a creación destes “Premios Cidade de Tui” con dúas modalidades:

  • Modalidade individual para premiar a unha persoa física que estea vencellada, dalgún xeito, ao municipio de Tui e os seus cidadáns. Se premiará ben a súa achega no ano precedente ou ben unha dilatada traxectoria en calquera ámbito.
  • Modalidade colectiva para premiar a unha persoa xurídica (asociación, entidade ou colectivo de carácter cultural, social, empresarial, etc.) que teña desenvolto un labor de especial proxección para Tui e os seus cidadáns. Se premiará ben a súa achega no ano precedente ou ben unha dilatada traxectoria en calquera ámbito.

Os premios son de carácter honorífico e serán entregados nunha gala a celebrar coincidindo coas festas patronais na honra de San Telmo. A elección dos galardoados será realizada por un amplo xurado que, designado pola Xunta de Goberno Local, recolle a persoas vinculadas coa vida social tudense que terán a encomenda de designar aos galardoados.

A Deputación de Pontevedra, anfritroa do premio Otero Pedrayo 2021

A Deputación de Pontevedra é neste 2021 a anfitrioa do Premio Otero Pedrayo, que as catro deputacións provinciais galegas e a administración autonómica organizan cada ano dende 1977. O galardón, cuxas bases poden xa consultarse na web www.depo.gal, ten por obxectivo enxalzar a persoas egrexias no campo do coñecemento ou traballos que contribúan á difusión da cultura galega e dos valores propios de Galicia. Xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas que se prolongará ata o 8 de xuño.

O actual goberno da Deputación de Pontevedra xa liderou en 2017 a organización e acto de entrega do Premio Otero Pedrayo. Precisamente, aquel ano deuse un paso histórico: co nomeamento da primeira muller galardoada. Deste xeito, con Margarita Ledo rachouse coa ausencia feminina na longa listaxe masculina de premiados e abriuse o camiño a outras mulleres galegas que despois conseguiron o galardón, como Antía Cal e María Xosé Queizán. Son, ata o de hoxe, as tres únicas mulleres distinguidas entre os preto de 30 homes e máis de 20 entidades premiadas.

O Premio Otero Pedrayo, de carácter anual, está dotado con 16.000 € para honrar a memoria do intelectual Otero Pedrayo a través de personalidades ou iniciativas que continúan a liña do seu legado. Deste xeito, poderán optar ao galardón persoas nadas/ residentes en Galicia ou entidades radicadas na nosa comunidade que traballen a prol da cultura galega. O xurado encargado da súa valoración estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, pola presidenta da Deputación de Pontevedra como vicepresidenta e, como vogais, cos presidentes das restantes deputacións provinciais, a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, unha persoa representante de cada unha das universidades galegas, outra da Real Academia Galega, tamén do Instituto Padre Sarmiento, cinco persoas de recoñecida autoridade científica e literaria e o secretario da Deputación pontevedresa.

Amais de Margarita Ledo, Antía Cal e María Xosé Queizán, recibiron o Premio Otero Pedrayo 29 homes entre os que se atopan Carlos Casares, Eligio Rivas, Xaquín Lorenzo, José Fariña Jamardo, Antonio Fidalgo, José López Calo, Xosé Filgueira Valverde, Xesús Alonso Montero, Emilio Duro, Darío Xohán Cabana, Isaac Díaz Pardo, Xosé Trapero, Antonio Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Julio Ogando, Manuel María Fernández Teixeira, Uxío Novoneyra, Miguel Anxo Araújo, Francisco Javier Río, Marcos Valcárcel, Manuel Fraga, Basilio Losada, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Neira Vilas, Arcadio López, Acisclo Manzano, Manuel Buciño, Francisco Martín Iglesias e Ramón Villares. Tamén entidades como a Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento, a Fundación Otero Pedrayo, o Grupo Marcelo Macías, a Escola Aberta de Marín, o Instituto da Lingua Galega, o Museo de Pontevedra, a Asociación de Amigos do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón, a Comunidade do Mosteiro de Oseira, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pedro Barrié de la Maza, o Centro Galego de Bos Aires e de Montevideo, a Hermandad Gallega de Venezuela, a Real Sociedad Benéfica Española, a Real Academia Galega e Laboratorio de Formas, a Casa Hamlet, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Antón Losada Diéguez e a Fundación Castelao.

Diego Giráldez conversa coas escritoras galegas na serie documental ‘De letras e galegas’

Vén de estrearse na rede a serie documental dirixida por Antón Veiga De letras e galegas que pon en valor o papel das autoras no panorama literario de Galicia. Para as pezas, contou coa colaboración do escritor e xornalista Diego Giráldez, que visitou as casas das escritoras Inma López Silva, Ledicia Costas, Arantza Portabales e María Solar para conversar sobre o oficio da escrita, as súas influencias ou coñecer en persoa o lugar onde escriben.

Para De letras e galegas, Antón Veiga elixiu a catro autoras que atesouran milleiros de libros vendidos. Con xéneros que van dende o infantil ata a novela negra ou o ensaio. O director do documental, producido por La Chacrita, comenta que “a literatura galega sempre lle debeu moito ás mulleres. Pero neste novo século, confírmouse a súa posición na primeira liña e o seu liderazgo. Elas lograron algo ben dificil no mundo da literatura: gañar o favor do público, da crítica e do sector”.

[su_image_carousel source=”media: 32137,32136,32135,32134″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A obra foi realizada ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021, da Xunta de Galicia.

A Xunta completará o saneamento na parroquia de Santo Estevo de Budiño en Salceda de Caselas

A Xunta completará o sistema de saneamento da parroquia de Santo Estevo de Budiño, no concello de Salceda de Caselas. Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de encargar a redacción do proxecto construtivo, unha vez constatada a posta á disposición dos terreos necesarios por parte dos veciños.

A actuación ten como obxectivo culminar a rede de saneamento nesta parroquia, conectando tamén á rede varias industrias do polígono que non puideron ser conectadas durante a execución das obras que se levaron a cabo no ano 2015, por problemas de cota.

Cómpre lembrar que no ano 2015 Augas de Galicia levou a cabo a mellora do saneamento en Santo Estevo de Budiño, cun investimento da Xunta de máis de 1,6 millóns de euros. A intervención tivo por obxecto conectar as vivendas e naves industriais situadas na parroquia de Santo Estevo de Budiño, e tamén unha pequena parte delas situadas no concello do Porriño, ao colector interceptor xeral do río Louro, que á súa vez transporta as augas residuais cara á depuradora de Guillarei para o seu tratamento.

Na execución desa actuación, varias das vivendas da zona non puideron ser conectadas á nova rede de saneamento, xa que se atopaban nunha cota inferior á do colector principal. Con todo, Augas de Galicia asumiu o compromiso cos veciños de que, se poñían a disposición os terreos necesarios para executar as obras, a Xunta completaría a conexión das vivendas e industrias que quedaron pendentes.

Agora, unha vez constatada a posta á disposición dos terreos precisos para levar a cabo os traballos, Augas de Galicia encargou a redacción do proxecto construtivo para levar a cabo a actuación.

No seguinte mapa recóllense as zonas de vivendas e industrias pendentes de incorporar á rede de saneamento.

O Grupo Socialista alerta que a saúde mental “será a gran resaca da pandemia” mentres a Xunta anuncia o reforzo do ámbito da saúde mental

O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de alertar sobre a situación da saúde mental en Galicia, que será “a gran resaca da pandemia”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, trala presentación dunha interpelación ante o conselleiro de Sanidade que, na súa quenda, anunciou o reforzo do cadro de persoal do ámbito da saúde mental coa contratación de 120 novos profesionais.

“Os datos evidencian que unha de cada cinco persoas en Galicia sufrirá un problema de saúde mental nos próximos meses e, destas persoas doentes, dúas de cada tres non van poder ser atendidas” polo Sergas, denunciou o socialista Julio Torrado na súa intervención.

Por este motivo, Torrado propuxo reformular o modelo asistencial deste servizo, cando hoxe “a saúde mental non é un dereito garantido de maneira efectiva no Sergas”, senón que “é máis un privilexio”. “Temos un número ínfimo de profesionais con respecto aos que necesitamos”, asegurou o socialista, quen lamentou que “Galicia non estea preparada para afrontar as necesidades que temos”.

Nesta liña, sinalou o “problema de minusvaloración” que sofre a saúde mental a nivel social, ao que contribúe a Xunta “minusvalorando a súa atención e importancia dentro do sistema público”. De feito, incidiu en que cando alguén sofre un problema de saúde mental “o pensamento habitual é que hai que ir a un psicólogo, pero un psicólogo privado”.

Torrado criticou un sistema público “profundamente entregado á farmacoloxía” cando “é unha vía efectiva en certas circunstancias, pero non é a única”. Por iso, pediu unha “reformulación do modelo asistencial” que permita “redimensionar” a atención en saúde mental, a través de tres eixos: persoal, recursos e un novo modelo asistencial.

“O novo modelo asistencial debe pasar por: máis tempo para os pacientes, máis capacidade asistencial, menos farmacoloxía, máis terapia e un servizo máis humano”, sentenciou o socialista, quen lembrou que “non hai nada máis humano que ter máis persoas na sanidade” e Galicia “ten o peor cociente de persoal en saúde mental de España”.

Neste senso, incidiu na necesidade de integrar as unidades de saúde mental dentro da atención primaria, a través da integración de profesionais, xa que “hoxe en día están afastadas dos centros de saúde e dos hospitais”, o que contribúe “á idea de que é algo illado”.

A Xunta reforzará o cadro de persoal coa contratación de 120 novos profesionais

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, deu conta da contratación, durante o ano 2021, de 120 novos profesionais do ámbito da Saúde mental. Así mesmo, anunciou que nos vindeiros catro anos se levarán a cabo outras 120 contratacións neste ámbito sanitario.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia

Dun xeito desagregado, Sanidade ampliará en 2021 os seus cadros de persoal coa incorporación de 32 facultativos da área de psiquiatría, 31 especialistas en psicoloxía clínica, 12 traballadores sociais, 32 profesionais de enfermaría en saúde mental, 11 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e 2 terapeutas ocupacionais.

A medida, que se insire dentro do Plan de Saúde Mental postcovid 2020-2024, e cuxa dotación ascende até os 83 millóns de euros, contribúe a optimizar a calidade asistencial nos centros sanitarios galegos e incidirá na prevención e detección precoz das doenzas mentais. Así, durante o presente ano, 12 millóns de euros fican destinados ao Plan de Saúde Mental.

Durante a súa intervención, o responsable de Sanidade apuntou que esta ampliación de persoal posibilitará pór en marcha novos programas de enlace coa atención primaria e hospitalaria en cada unhas das áreas sanitarias galegas, reforzar os equipos e programas de hospitalización psiquiátrica a domicilio, levar a cabo programas de prevención de suicidio, incrementar o número de prazas de rehabilitación psiquiátrica en Santiago; crear unha unidade de psicoxeriatría en Ourense, crear unidades de saúde mental en Coruña, Santiago e Vigo ou pór en marcha tres hospitais de día infanto-xuvenís en Santiago, Lugo e Vigo, ademais de traballar na ubicación dun cuarto, que se emprazará en Ourense.

Garcia Comesaña remarcou que a Xunta xa ten aprobado o Plan Funcional da Unidade de Hospitalización de Saúde Mental Infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro, explicando que este ano se poderá licitar a redacción e execución do proxecto, e así “facelo unha realidade”.

O BNG presenta en Covelo unha iniciativa para mellorar as estradas N-120 e N-559

0

O Pleno do Concello de Covelo debaterá este venres unha iniciativa do BNG para instar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a adoptar as medidas necesarias para mellorar o estado das estradas N-120 e N-559, que actualmente son empregadas como alternativa ao túnel de Folgoso.

Dende o BNG sinalan que “cada vez que o túnel do Folgoso é pechado por algún motivo de mantemento, obras ou, como neste caso, o incendio dun camión, o tráfico rodado que circula en dirección Ourense é desviado polas estradas N-120 e N-559, aumentando así o tráfico rodado que pasa polas parroquias covelenses de Paraños e A Lamosa”. A formación nacionalista indica que “a chegada até A Cañiza deixa en evidencia o mal estado destas estradas, con múltiples fochancas e unha sinalización horizontal deficiente e en moitos casos inexistente, co perigo que isto supón tendo en conta a presenza habitual de néboa mesta nesta zona”.

“En concreto, a veciñanza da Lamosa vese moi prexudicada no seu día a día, dado que non hai un mínimo elemento de seguridade viaria para os peóns que teñen que cruzar unha estrada que habitualmente soporta un número moi inferior de vehículos. Compre resaltar ademais a ausencia de pasos canadenses e peches que impidan o paso de animais a estas estradas, o que aumentan considerablemente a súa perigosidade”, indican dende o Bloque.

O BNG denuncia o continuo abandono destas vías, e lembra que ten presentado no Congreso iniciativas sobre o seu mantemento, que xa no 2010 soportaron unha situación semellante a actual. “Pasaron máis de dez anos, e os distintos gobernos do PP e PSOE no Estado preferiron deixar estas estradas nunha situación lamentable en vez de preocuparse polo seu mantemento e conservación”, concluiron as nacionalistas.

O PSOE de Tomiño pide ao Goberno compromiso coa Biblioteca e que deixe de utilizala como promesa electoral dende hai 14 anos

0

O luns 8 de marzo, Día Internacional da Muller, Tomiño celebrou sesión de plenaria ordinaria na que, entre os puntos da Orde do Día, figuraba o expediente de modificación de créditos para o derrubo do edificio onde se construirá a demandada, esperada e futura biblioteca pública municipal.

As concelleiras socialistas Violeta de Santiago e Mirta Misa votaron en contra xa que, se ben comparten a necesidade urxente deste equipamento para o concello, “esa dotación nin pode nin debe ser unha cortina de fume onde se pode esconder calquera escusa para saír nos medios cada certo tempo”, sinalaron. De feito, o voto en contra vén dado porque “a día de hoxe non existe financiamento algún para levar adiante este proxecto e non queremos ver un solar arrasado, no centro da vila, sen data prevista para o inicio da obra”, apuntou a portavoz socialista Violeta de Santiago.

O PSOE tomiñés cualifica de “curioso” o feito de que o Goberno local pretenda buscar fondos na Xunta de Galicia, no Goberno do Estado e tamén no fondo de recuperación europeo “Next Generation”, “mesmo cando os nacionalistas en Madrid votaron en contra do decreto que regula a execución dese fondo para a recuperación económica e social e ter asegurado que España e Europa son a ruína de Galicia”. Para as e os socialistas de Tomiño isto é “unha boa mostra da demagoxia, incoherencia e irresponsabilidade do BNG”.

As concelleiras socialistas recoméndanlle ao Goberno “que deixe de manosear a biblioteca” e esíxenlle “que logo de 14 anos prometéndoa en cada campaña electoral sexa un compromiso serio e decidido e non unha postura de cara a galería”.

Violeta de Santiago e Mirta Misa lembraron que hai un ano votaron a favor “de buscar financiamento en todas as administracións, votamos a favor hai dous meses tamén, e volveremos a apoiar ese paso cando sexa preciso, sempre e cando se deixe de xogar cun tema co que estamos especialmente sensibilizadas”.

As e os socialistas tomiñeses consideran que “cun remanente de tesourería de máis de tres millóns de euros, nun momento de fonda crise económica e social e cunha hostalería desangrada e sin ningunha axuda municipal, traer ao Pleno unha modificación de créditos de 75.000 € para un proxecto que ninguén sabe cando será unha realidade, parécenos unha burla ao conxunto da veciñanza” polo que piden “seriedade ao Goberno” ante un tema “de crucial importancia para o presente e o futuro do noso Concello”.

Doutra banda, no mesmo pleno o Pleno referendou a declaración institucional consensuada polos grupos da Corporación “logo de ter presentadas senllas mocións ao respecto en tempo e forma o PSdeG e PP, e por contra ter renunciado o BNG a facer o propio”, conclúen as concelleiras socialistas.

O Concello repara as zonas máis deterioradas das beirarrúas da Avenida Mendiño ante o “absoluto desinterese” da Xunta

0

O Concello de Redondela procedeu nas últimas horas ao arranxo das beirarrúas máis deterioradas da Avenida Mendiño que, debido ao seu deficiente estado de conservación, teñen provocado xa máis dunha caída entre os e as viandantes. Pese a ser unha vía de competencia exclusiva da Xunta de Galicia, o Goberno local optou por reparar as zonas que se atopaban en peor estado “para salvagardar a integridade das veciñas e veciños que circulan por un viario que da acceso ás instalacións deportivas, aos institutos e centros escolares e ao centro de saúde”

O Goberno que preside a alcaldesa Digna Rivas, salienta que hai máis de catro meses lle foi remitido á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade –concretamente a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)–, a retención de crédito solicitada para a sinatura do correspondente convenio. A rexedora local lembra que no pasado mes de novembro, a Xunta remitía un “ameazante escrito” ao Concello no que advertía que “daría por extinguido o convenio se no prazo de quince días o Concello non facía efectiva a retención de crédito que figuraba no primeiro borrador”.

Catro meses despois de ter enviado a retención de crédito solicitada nese escrito “seguimos sen resposta algunha e demóstrase claramente que, se ben o Concello de Redondela tiña os ‘deberes’ feitos dende o primeiro momento, que non realizara a súa parte era a propia Xunta de Galicia”.

A alcaldesa lamentou “o silencio cómplice” do PP local “que no seu momento urxiu e esixiu ao Concello a tramitar toda a documentación –cando xa sabían sobradamente que dito trámite estaba realizado– e agora gardan o máis absoluto mutismo ante unha inacción da Xunta que prexudica, gravemente, os intereses de todas as veciñas e veciños e optan por antepoñer a ‘obediencia partidista’ ao ben común da veciñanza de Redondela”.

O desinterese e deixamento da Xunta no cumprimento das súas obrigas, “fai que nós, como administración máis próxima á cidadanía, teñamos que acometer obras que non son da nosa competencia para salvagardar a seguridade dos nosos veciños e veciñas”, aclara Digna Rivas. “Unha vez máis, como aconteceu en numerosas ocasións con motivo do estado de alarma e o confinamento, o Concello ten que asumir competencias que non son propias para dar solución aos problemas da cidadanía” afirma a alcaldesa.

“Cumprimos todas as esixencias da Axencia Galega de Infraestruturas, realizamos todos os trámites esixidos e, pese a iso, hai máis de catro meses que non só non temos noticias da Xunta de Galicia, senón que nin tan sequera responden ás nosas chamadas e comunicacións nunha actitude da que, sen dúbida, a veciñanza saberá sacar as súas propias conclusións”.

Mos inviste máis de 230.000 euros na mellora de camiños municipais en 4 parroquias

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que esta mañá aprobouse en sesión ordinaria semanal da Xunta de Goberno Local o inicio da licitación do contrato para a mellora da pavimentación de 5 camiños municipais nas parroquias de Pereiras, Cela, Guizán e Louredo.

Os 5 viais a mellorar son o Camiño da Xaberga en Pereiras, o Camiño do Couso, tamén en Pereiras, o Camiño de Pardellas na parroquia de Cela, o Camiño Mosqueira en Guizán e o Camiño Piñeiro en Louredo. Estas obras de optimización da seguridade viaria mediante reposición da capa de rodadura e asfaltado, acometeranse con fondos propios municipais. E forman parte do obxectivo do goberno local mosense de realizar unha batería de asfaltados ao ano, incluídos no denominado Plan Anual de Mellora de Viais Municipais.

O orzamento desta serie de 5 asfaltados ascende a 231.611,70 euros. A realización da mellora da pavimentación dos camiños suporá cos accesos ao grupo sindical de Pereiras veranse moi mellorados, o acceso a zona alta de Guizán, así como de Cela, facilitando a comunicación interna das distintas parroquias. Os camiños teñen unha lonxitude de: Camiño Mosqueira (Guizán), 271,00 m., Camiño Piñeiro (Louredo), 488,50 m., Camiño Xaberga (Pereiras), 538,00 m., Camiño Couso (Pereiras), 775,00 m. e Camiño Pardellas (Cela), 1001,00 m. O que fai un total de 3073,5 metros.

O prazo aproximado estimado, desde o seu inicio, para a realización destas obras de rehabilitación superficial do firme é de 15 semanas.

Neste senso os representantes municipais Arévalo e Augusto declararon que “o Concello de Mos continúa avanzando na súa folla de ruta que marca como un dos principais obxectivos da administración local que o viario municipal se atope nas mellores condicións de uso, o que supón un garante na seguridade viaria. Por e para elo o Concello pon en marcha perdiódicamente o seu Plan Anual de Mellora de Viais Municipais, acometendo unha batería de asfaltados de estradas e camiños”.

A mostra ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’ chega a Mondariz

0

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Memoria Histórica, abrirá mañá en Mondariz a exposicíon ‘Rexas, mulleres baixo o terror franquista’. Trátase dunha mostra que pretende reivindicar a memoria das vítimas do golpe de Estado de 1936 cunha escolma da historias de represión sufridas por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.

Esta exposición estará a disposición do público ata o día 28 de marzo na Praza de Abastos Municipal, de luns a domingo, e en horario de 9 a 14 horas. A inauguración será mañá xoves ás dez da mañá e contará coa presenza do alcalde e da concelleira de Cultura de Mondariz.

A deputada de Memoria Histórica María Ortega, impulsora da mostra, destacou que ‘Rexas’ pretende manter nun primeiro plano a memoria das persoas perseguidas, asasinadas, encarceradas e represaliadas e contar a verdade, por xustiza e por reparar e dignificar. “‘Rexas’ pon o foco nas mulleres que, pola súa condición, sufriron unha dobre represión, a motivada pola súa ideoloxía e filiación, e as vexacións de corte sexista, sendo rapadas, agredidas sexualmente ou obrigadas a bailar espidas diante da xente. Elas sufriron un maltrato máis duro que os seus homes tras o alzamento, xa que ademais de soportar os asasinatos das súas persoas máis achegadas, o réxime tamén as castigou sen poder choralas”, asegurou.

A exposición conta as historias de 172 mulleres, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, a través de 78 fotografías. Está dividida en tres bloques, sendo o primeiro o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República tanto no relativo ás clases como dende o punto de vista das mulleres, que despois pasaron a ser tratadas “como menores de idade ou sempre dependentes de varón”, subliñou Ortega.

A segunda parte da exposición, a máis longa, analiza as diferentes tipoloxías de represión e mostra que, a pesares de que as cifras amosan que os homes son maioría nas listaxes de vítimas, as mulleres non só padeceron as mesmas tipoloxías de represión ca eles, senón que ademáis foron obxecto de vexacións de corte sexista aplicadas non só a aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén ás familiares de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.

Finalmente, a terceira e última parte da mostra dedícase a “recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindíbel á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria”, finaliza a deputada.

As historias

En total, “Rexas” fala de 172 mulleres con inclusión de historias de todas as comarcas da provincia. A selección mestura nomes máis coñecidos como os de Urania Mella, María Gómez, Josefa García Segret, Placeres Castellanos ou Josefina Arruti, con outros máis anónimos, na maioría de perfil humilde, que tiñan máis risco de ficar no esquecemento. Así, xunto as mulleres máis fáciles de atopar na bibliografía da temática, inclúense biografías ata o de agora inéditas como a de Dolores Buján (Cuntis), Asunción Berea (Marín) ou Elena Valverde (Porriño).

Unha das mulleres das que se recolle a súa historia é veciña das Neves, Cándida Castro, dentro do apartado ‘Sobrevivintes’. Na mostra explícase que para que contara o agocho do home, os golpistas foron buscala á finca na que regaba o millo e, descalza, levárona detida ao cuartel. Ela díxolles que el marchara ao Brasil e non soubera máis, pero o certo é que Eduardo Rodríguez Gil cruzara a fronteira con Portugal. Algunhas noites volvía de regreso ás Neves e traballaba na leira para axudar a Cándida a sacar a casa adiante, pero nunca se  achegaba a ela para que non os descubriran. Co tempo, fixéronlle un agocho  na casa da súa nai, Josefa a Castellana, e dixéronlle á súa filla, Carmiña, que aínda era pequena, que lle chamara avó, para que non se lle escapase que tiñan agochado ao seu pai.

O Museo de Pontevedra lanza o concurso fotográfico xuvenil ‘Pegadas do mar e da terra’ como complemento á exposición de José Suárez

O Museo de Pontevedra vén de convocar o concurso fotográfico xuvenil ‘Pegadas do mar e da terra’ como actividade complementaria á exposición de José Suárez. Está dirixido a mozas e mozos que cursen ESO ou Bacharelato, que deben presentar as súas imaxes antes do 11 de abril seguindo as características das creacións do fotógrafo de Allariz.

O persoal do servizo de Educación do Museo lembra que José Suárez inmortalizou coa súa cámara o traballo das galegas e galegos e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas no concurso deben ser en branco e negro e xirar en torno a unha desas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais, etc.

Cada participante poderá presentar unha única fotografía en branco e negro, preferentemente en formato horizontal, sendo unha obra propia, orixinal e inédita. As fotografías deberán ser enviadas a [email protected] xunto co nome e o curso do autor/a e o do seu centro educativo, o título da obra e categoría na que participa (Pegadas do mar ou Pegadas da terra), un breve comentario da peza fotografada (identificación, uso, características…), e mes e ano da realización da fotografía. No caso de que nas fotografías aparezan persoas que poidan ser identificadas polo seu rostro deberase contar coa súa autorización.

O prazo límite de presentación de fotografías será o 11 de abril. Os aspectos a valorar serán a orixinalidade e calidade artística e técnica da imaxe; a idoneidade do título; o seu contido relacionado co tema do concurso; e o comentario que acompaña ao obxecto retratado.

Outorgaranse dous premios en función do nivel educativo, ESO e Bacharelato, en cada unha das categorías temáticas. As autoras ou autores das obras seleccionadas recibirán un agasallo vinculado coa fotografía e o catálogo da exposición de José Suárez. Os premios serán publicados na web e no Facebook do Museo xunto cunha selección de obras escollidas polo xurado entre o conxunto das presentadas.

O xurado estará formado por profesionais do Museo vencellados aos fondos fotográficos. O fallo darase a coñecer nos días inmediatos á fin do concurso e comunicarase a través dunha chamada telefónica e da web e do Facebook do Museo.

Visitas guiadas á exposición ‘José Suárez 1902-1974’

Ademais do concurso fotográfico vanse poñer en marcha todos os xoves e sábados ás 18 horas as visitas guiadas á exposición ‘José Suárez 1902-1974’. Só está permitido que participen catro persoas por sesión debido á situación creada pola COVID, polo que é necesaria inscrición previa a través do tlfno. 986.804.100 extensión 42413 ou por correo electrónico [email protected], en horario de 8:30 h a 14:30 h. Tanto a entrada á exposición como a participación na visita guiada é gratuíta.

Gondomar dota aos apicultores de trampas para combater a avespa velutina

0

As trampas servirán para atraer ata elas ás raíñas, coincidido cos meses nos que constrúen os niños primarios nos que manteñen ata a 50 novos exemplares, que posteriormente construirán os niños secundarios moito máis grandes e en máis cantidade.

En total fíxose entrega dun centenar de trampas que se repartiron entre 50 apicultores do municipio. Cada un deles recibiu un par xunto a dúas dose de líquido atraínte para enchelas, así como unha pequena explicación por parte dos técnicos do seu funcionamento.

Ao acto de entrega asistiu o rexedor do municipio, Paco Ferreira, acompañado polo edil de Medio Ambiente, Brais Misa, e lembrou que “dende sempre o noso goberno mostrou a súa disposición para axudar aos apicultores ou a quen se vía afectado por esta especie invasora, o ser fundamental a colaboración entre administracións aínda que a responsabilidade de prestar os medios e a axuda é da Xunta de Galicia, a través do 012”.

Fixo fincapé en que ese debe ser o teléfono ao que se dirixan aqueles que detecten un niño de velutinas para que llo retiren pero conscientes de que a resposta “é demasiado lenta o non cumpre os prazos indicados” veciños expertos veñen realizando estas tarefas desde hai tempo.

A eles agradecéuselles o traballo realizado e o pasado ano fíxoselles entrega de tres traxes de protección integral e materiais específicos para que realicen este labor, que desenvolven de forma altruísta. No que levamos de ano retiráronse 32 niños de avespa velutina, aos que se suman os preto de 200 do 2020 . A avespa velutina é unha especie que supón un risco para a biodiversidade xa que afecta directamente á produción apícola e frutícola, ao estar a súa dieta formada basicamente por abellas e froita.

O conselleiro de Sanidade destaca a boa evolución epidemiolóxica de Galicia respecto á incidencia da Covid

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe a boa tendencia epidemiolóxica de Galicia respecto da incidencia da Covid na nosa comunidade, pero a pesar desta situación fixo un chamamento á prudencia.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego sinalou que, logo da reunión do comité clínico, os concellos que a partir do vindeiro venres estarán no nivel máximo de restricións son: Paradela, Pobra do Brollón, Boborás, A Mezquita, Vilardevós e Pontecesures.

No nivel alto quedarán quedarán os concellos de Soutomaior, Ponte Caldelas, Vilanova de Arousa, Guitiriz, Lourenzá, Chantada, Mugardos, Cariño, Arteixo, Miño e Sobrado.

O máximo responsable da sanidade pública galega destacou o importante esforzo diagnóstico que está a facer a Xunta de Galicia e, ao respecto, anunciou a próxima  incorporación co Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña ás probas de deteccion da covid.

Respecto do plan de vacinación, García Comesaña destacou a aposta pola atención primaria, pola súa experiencia neste campo, e incidiu no bo ritmo de vacinación no grupo de maiores de 80 anos.

Proba piloto na Cidade da Cultura

O conselleiro anunciou a realización dunha proba piloto de vacinación na Cidade da Cultura, mañá xoves, na que están citados 1.000 cidadáns da área de Santiago, menores de 55 anos. A citación estase a facer por SMS, cunha posterior confirmación a través dunha chamada telefónica automática.

Esta vacinación dun importante número de persoas levarase a cabo o vindeiro sábado no resto de áreas sanitarias, no que se citarán a un total de 20.000 persoas.

Dada a boa evolución da situación epidemiolóxica, o conselleiro tamén anunciou que os albergues recuperan o seu funcionamento, cos dormitorios colectivos ao 30%, así como as actividades de turismo activo, como máximo 4 persoas (3 turistas e un monitor), e as clases de canto e instrumentos de vento.

Primeira comunidade no número de probas

Na súa intervención, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, tamén destacou o descenso da incidencia da covid, cunha diminución, na incidencia a sete días, do 21%, e do 24% de descenso a 14 días. Na actualidade, a incidencia acumulada a 7 días en Galicia sitúase en 37 casos por 100.000 habitantes, e a incidencia a 14 días en 90 casos por 100.000 habitantes, -remarcou Carmen Durán-.

Incidiu tamén, a directora xeral, no importante número de probas diagnósticas realizadas que, na última semana, acadou a cifra de 90.566, sendo Galicia a comunidade autónoma que máis probas diagnósticas realiza, un total de 3.354 por 100.000 habitantes, mentres que a media española é de 1.644.

Pola súa parte, o xerente do Sergas, José Flores Arias, amosou a súa satisfación pola boa situación asistencial, coa dimunición da presión asistencial. A ocupación das camas de hospitalización sitúase nun 4.06%, cunha caída do 22%; e a ocupación das UCI é do 14%, cunha caída do 27%.

O membro do comité clínico, Sergio Vázquez, remacou que aínda hai presión asistencial, polo tanto, apelou á prudencia e a manter as medidas de seguridade, incluído a poboación vacinada.

Continúa a baixa de casos activos por coronavirus en Galicia, hoxe contabilízanse 3.257

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.257, deles 1.196 son da área da Coruña, 244 da de Lugo, 208 da de Ourense, 419 da de Pontevedra, 573 da área de Vigo, 357 da de Santiago e 260 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 77 están en UCI, 289 en unidades de hospitalización e 2.891 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 108.520 persoas curadas, rexistrándose 2.283 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 1.733.389.

O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 289.266 A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través dos propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello de Nigrán retoma o reparto de 400 trampas para avespas velutinas ao rematar a súa hibernación

0

O Concello de Nigrán ven de investir 1.600 € na compra de 400 trampas para avespas velutinas co obxectivo de distribuílas entre a veciñanza agora que as raíñas finalizan a hibernación e comezan a construír niños. Os interesados poden pasar pola Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9:00 a 14:00 horas, onde se lles entregarán dúas trampas e líquido atraínte, ademais de a receita para elaborar caseiramente máis. A maiores  desta nova remesa, o Concello entregou nos anos anteriores 1.200 trampas que permitiron diminuír a presenza de velutina na localidade,  así, se no 2018 se retiraron 270, no 2019 foron 175 e no 2020 menos de cen.

“Este é o momento de poñer trampas nas árbores froiteiras ou zonas de flores porque xa comezan a saír as raíñas, no verán xa non ten sentido porque están os niños feitos”, explica Alfonso Vázquez, edil de Sanidade e apicultor afeccionado,  quen chegou a contabilizar nunha soa primavera 2.000 reinas atrapadas en só unha ducia trampas. “Cada reina é un futuro niño, polo que isto evita milleiros e milleiros”, indica o edil, quen subliña a importancia de colocarse entre marzo e abril. Ademais, aínda que o Concello dispón de líquido atraínte que tamén entrega con cadansúa trampa, Vázquez entrega a receita caseira, consistente en 1 litro de viño tinto, 1 litro de cervexa e 1kg de azúcar e un chorro de vinagre (conservado todo nun bote hermético).

“A tenacidade e voluntariedade de Álfonso Vázquez é a que explica que en Nigrán se estea a controlar e reducir a presenza da avispa asiática, a súa dilixencia fai que cada semana reciba directamente chamadas de veciños que avistaron algún niño ou aos que Seaga nos lles deu solución”, considera Juan González, alcalde de Nigrán.

A Xunta incrementa nun 33% a oferta formativa en prevención de riscos laborais polo que cualificará este ano a 1.100 traballadores

A Consellería de Emprego e Igualdade inicia hoxe, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), dous cursos de formación sobre prevención de riscos laborais dirixidos a 400 alumnos e alumnas, dúas accións que forman parte do Plan anual de actividades do Issga. Dunha banda, 300 persoas recibirán en liña cualificación básica de prevención de riscos laborais ata o próximo 5 de maio, data na que se realizará unha proba final; e, por outro lado, impartirase para 100 alumnos e alumnas un curso de prevención de riscos laborais en actividades de tempo libre, que finalizará o 6 de maio.

O Issga este ano, en total, ofrece 1.100 prazas nos cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico, un 33% máis que o pasado ano, repartidas en cinco convocatorias, dúas das cales son específicas: unha para actividades de tempo libre (en colaboración coa Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado) e outra para traballadores autónomos. Na web do Issga, issga.xunta.gal, pódese consultar toda a información destes cursos.

A Xunta, a través dos dous cursos que comezan hoxe e do resto que se porán en marcha ao longo deste ano, promoverá comportamentos seguros e a correcta utilización de equipos de traballo e protección, e fomentará o interese e cooperación dos traballadores nunha acción preventiva integrada. Os alumnos e alumnas tamén aprenderán a realizar avaliacións elementais de riscos e, no seu caso, establecer medidas preventivas do mesmo carácter compatibles co seu grao de formación e colaborarán na avaliación e o control dos riscos xerais e específicos da empresa, efectuando visitas para o efecto, atención a queixas e suxestións, rexistro de datos, e cantas funcións análogas sexan necesarias. Nos cursos tamén se inclúe formación para saber actuar en caso de emerxencia e primeiros auxilios e como cooperar cos servizos de prevención.

Estas accións, de 60 horas de duración, teñen o obxectivo de proporcionar o nivel de capacitación necesario para desenvolver as funcións de xestión da prevención de nivel básico e dotar ao empresariado da formación e dos coñecementos que o capacite para xestionala nas súas propias empresas ou centros de traballo. A oferta formativa do Issga, que este ano desenvólvese na modalidade en liña, a través da aula virtual da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ten o propósito de proporcionar formación de calidade nesta materia. A formación en prevención de riscos no traballo, encamiñada á mellora do nivel de coñecemento técnico, constitúe unha das ferramentas máis axeitadas para implantar na sociedade unha auténtica cultura da prevención.

Desenvolven o programa formativo establecido no anexo IV-A do Real Decreto 39/1997, de 17 de xaneiro, cun engadido sobre prevención de riscos laborais dende a perspectiva de xénero de 10 horas.

A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

O Instituto desenvolve, ademais, outras campañas e actividades que pretenden inculcar a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións.

O PP de Ponteareas solicitará o expediente do Servizo de Axuda no Fogar logo o Tribunal de Contratación o rexeite novamente o contrato

O Grupo Municipal do PP de Ponteareas lamenta o que cualifica de “deixamento” do Goberno local logo de que o Tribunal de Contratación “suspenda por terceira vez” todo o aprobado recentemente no último Pleno da corporación local. Os populares consideran que Goberno non é capaz de sacar adiante este contrato e que “lles interesa seguir mantendo a situación de irregularidade coa empresa á que teñen prorrogado o servizo.

Segundo a portavoz popular, Belén Villar, “hai máis de tres anos que debían sacar a licitación este contrato”. Logo, sempre segundo os populares, contratouse a unha empresa, que actualmente presta o servizo “sen publicidade, sen pregos e sen expediente de licitación”. Villa acusa tamén “do incremento nun 25 % o prezo, un custe que vai en contra dos usuarios e das arcas locais”.

O PP lembra ademais que o Goberno local non foi capaz de licitar o servizo, “cubrindo as horas que oferta a Xunta de Galicia ao noso Concello para que se eliminen as listas de espera actuais”. Belén Villar subliña que pese ao incremento de 500.000 euros a 800.000 euros e á ampliación da subvención nun 65 % , “non foi capaz de aumentar as horas que eliminarían as listas de espera actuais en Ponteareas”.  

Os populares pedirán o expediente completo e solicitan comparecencia pública dos responsables para que expliquen este novo rexeitamento do Tribunal de Contratación.

O PSOE acusa ao PP de vetar a iniciativa socialista para triplicar o orzamento do departamento de Igualdade da Xunta

O PP de Galicia vén de rexeitar a proposta socialista para triplicar o orzamento destinado ás partidas específicas do departamento de Igualdade da Xunta”, denunciou onte o PSdeG-PSOE. “Dedica o 0,5% do orzamento consolidado da Xunta, sen incluír nesta porcentaxe as achegas do Pacto de Estado”. Dito rexeitamento tivo lugar onte no Pleno do Parlamento, logo da presentación dunha moción por parte do Grupo Socialista que foi aprobada parcialmente.

A voceira de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, urxiu á Xunta a crear unha consellería exclusiva de Igualdade, logo das declaracións da conselleira de Emprego e Igualdade nas que “deu por sentado que xa existe igualdade e que toda a sociedade galega é feminista”.

“Os esforzos do goberno galego se están demostrando insuficientes”, aseverou a socialista, quen subliñou que “espertamos cada día con novos datos e informes que apuntan á terrible afectación da pandemia sobre as mulleres”.

A responsable socialista incidiu na importancia de “marcar os ámbitos prioritarios” e “actuar con urxencia” para rachar coas discriminacións e coa fenda de xénero. Así, demandou a posta en marcha dos “instrumentos precisos” para rachar coa discriminación salarial e co acoso laboral, traballar no marco do diálogo social nun novo modelo de racionalización e axuste dos horarios laborais, así como asegurar que a normativa que regula o teletraballo non penalice as mulleres.

“Se algo puxo en evidencia a pandemia é que foi moito maior para as mulleres a carga de traballo cando se desenvolvía dende a casa”, alertou.

Plan Estratéxico de corresponsabilidade pos-Covid

Nesta liña, esixiu “unha revisión urxente” do Plan Galego de Corresponsabilidade 2018-2021 e a posta en marcha dun plan estratéxico específico post-covid “que promova sistemas de conciliación e corresponsabilidade que non penalicen a carreira profesionais das mulleres”, con especial fincapé na situación das familias monomarentais.

“Durante o confinamento case o 50% das mulleres, fronte ao 20% dos homes, encargouse en exclusiva da limpeza do fogar; mentres que o 43% das mulleres, fronte ao 18% dos homes, asumiu as tarefas de coidado de persoas ao seu cargo”, destacou Díaz, quen pediu que se convertan os coidados “nunha variable central das nosas políticas”.

Doutra banda, Díaz pediu ao goberno galego que “avalíe o impacto das medidas”, xa que é “imprescindible” elaborar “un informe pormenorizado sobre a nova situación das mulleres galegas provocada pola pandemia”, incluíndo variables como coidados, violencia machista, saúde, representatividade ou ruralidade.

A responsable socialista urxiu a pór en marcha un programa integral de saúde das mulleres galegas “que leve aparellado un reforzamento dos recursos humanos e técnicos do servizo público de saúde. Así, incidiu en que “nunca tanto como agora” as mulleres necesitaron a vixilancia da súa saúde, logo dun ano na que a deixaron “en segundo plano” para “preocuparse pola dos demais”.

Ademais, esixiu aos poderes públicos “que asuman a responsabilidade de mitigar esta nova situación vital das mulleres”, a través da aplicación de políticas transversais de igualdade”.

Finalmente, a responsable de Igualdade do Grupo Parlamentario Socialista amosou a súa preocupación polos datos que fixo públicos a Delegación do Goberno en Galicia “que poñen de manifesto un preocupante aumento da violencia machista dende que comezou a pandemia”. Así, sinalou que malia que hai menos denuncias, prodúcense “moitas máis chamadas ao teléfono de emerxencias”.

O Parlamento aproba 3 puntos de 11 da moción

O Pleno do Parlamento aprobou por unanimidade tres puntos dos once que contemplaba a moción, para instar á Xunta a asegurar que a perspectiva de xénero estea presente nos proxectos que optan aos fondos europeos Next Generation; revisar o Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021 para incorporar novas accións que dean resposta á realidade xurdida coa pandemia; así como establecer medios para combater a fenda dixital de xénero.