10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo de Pontevedra lanza o concurso fotográfico xuvenil 'Pegadas do mar...

    O Museo de Pontevedra lanza o concurso fotográfico xuvenil ‘Pegadas do mar e da terra’ como complemento á exposición de José Suárez

    O certame está dirixido á mocidade de ESO e Bacharelato, que debe presentar fotos en branco e negro feitas co móbil antes do 11 de abril

    O Museo de Pontevedra vén de convocar o concurso fotográfico xuvenil ‘Pegadas do mar e da terra’ como actividade complementaria á exposición de José Suárez. Está dirixido a mozas e mozos que cursen ESO ou Bacharelato, que deben presentar as súas imaxes antes do 11 de abril seguindo as características das creacións do fotógrafo de Allariz.

    O persoal do servizo de Educación do Museo lembra que José Suárez inmortalizou coa súa cámara o traballo das galegas e galegos e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas no concurso deben ser en branco e negro e xirar en torno a unha desas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais, etc.

    Cada participante poderá presentar unha única fotografía en branco e negro, preferentemente en formato horizontal, sendo unha obra propia, orixinal e inédita. As fotografías deberán ser enviadas a educacion.museo@depo.es xunto co nome e o curso do autor/a e o do seu centro educativo, o título da obra e categoría na que participa (Pegadas do mar ou Pegadas da terra), un breve comentario da peza fotografada (identificación, uso, características…), e mes e ano da realización da fotografía. No caso de que nas fotografías aparezan persoas que poidan ser identificadas polo seu rostro deberase contar coa súa autorización.

    O prazo límite de presentación de fotografías será o 11 de abril. Os aspectos a valorar serán a orixinalidade e calidade artística e técnica da imaxe; a idoneidade do título; o seu contido relacionado co tema do concurso; e o comentario que acompaña ao obxecto retratado.

    Outorgaranse dous premios en función do nivel educativo, ESO e Bacharelato, en cada unha das categorías temáticas. As autoras ou autores das obras seleccionadas recibirán un agasallo vinculado coa fotografía e o catálogo da exposición de José Suárez. Os premios serán publicados na web e no Facebook do Museo xunto cunha selección de obras escollidas polo xurado entre o conxunto das presentadas.

    O xurado estará formado por profesionais do Museo vencellados aos fondos fotográficos. O fallo darase a coñecer nos días inmediatos á fin do concurso e comunicarase a través dunha chamada telefónica e da web e do Facebook do Museo.

    Visitas guiadas á exposición ‘José Suárez 1902-1974’

    Ademais do concurso fotográfico vanse poñer en marcha todos os xoves e sábados ás 18 horas as visitas guiadas á exposición ‘José Suárez 1902-1974’. Só está permitido que participen catro persoas por sesión debido á situación creada pola COVID, polo que é necesaria inscrición previa a través do tlfno. 986.804.100 extensión 42413 ou por correo electrónico educacion.museo@depo.es, en horario de 8:30 h a 14:30 h. Tanto a entrada á exposición como a participación na visita guiada é gratuíta.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.