O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, vén de alertar sobre a situación da saúde mental en Galicia, que será “a gran resaca da pandemia”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, trala presentación dunha interpelación ante o conselleiro de Sanidade que, na súa quenda, anunciou o reforzo do cadro de persoal do ámbito da saúde mental coa contratación de 120 novos profesionais.
“Os datos evidencian que unha de cada cinco persoas en Galicia sufrirá un problema de saúde mental nos próximos meses e, destas persoas doentes, dúas de cada tres non van poder ser atendidas” polo Sergas, denunciou o socialista Julio Torrado na súa intervención.
Por este motivo, Torrado propuxo reformular o modelo asistencial deste servizo, cando hoxe “a saúde mental non é un dereito garantido de maneira efectiva no Sergas”, senón que “é máis un privilexio”. “Temos un número ínfimo de profesionais con respecto aos que necesitamos”, asegurou o socialista, quen lamentou que “Galicia non estea preparada para afrontar as necesidades que temos”.
Nesta liña, sinalou o “problema de minusvaloración” que sofre a saúde mental a nivel social, ao que contribúe a Xunta “minusvalorando a súa atención e importancia dentro do sistema público”. De feito, incidiu en que cando alguén sofre un problema de saúde mental “o pensamento habitual é que hai que ir a un psicólogo, pero un psicólogo privado”.
Torrado criticou un sistema público “profundamente entregado á farmacoloxía” cando “é unha vía efectiva en certas circunstancias, pero non é a única”. Por iso, pediu unha “reformulación do modelo asistencial” que permita “redimensionar” a atención en saúde mental, a través de tres eixos: persoal, recursos e un novo modelo asistencial.
“O novo modelo asistencial debe pasar por: máis tempo para os pacientes, máis capacidade asistencial, menos farmacoloxía, máis terapia e un servizo máis humano”, sentenciou o socialista, quen lembrou que “non hai nada máis humano que ter máis persoas na sanidade” e Galicia “ten o peor cociente de persoal en saúde mental de España”.
Neste senso, incidiu na necesidade de integrar as unidades de saúde mental dentro da atención primaria, a través da integración de profesionais, xa que “hoxe en día están afastadas dos centros de saúde e dos hospitais”, o que contribúe “á idea de que é algo illado”.
A Xunta reforzará o cadro de persoal coa contratación de 120 novos profesionais
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, deu conta da contratación, durante o ano 2021, de 120 novos profesionais do ámbito da Saúde mental. Así mesmo, anunciou que nos vindeiros catro anos se levarán a cabo outras 120 contratacións neste ámbito sanitario.
Dun xeito desagregado, Sanidade ampliará en 2021 os seus cadros de persoal coa incorporación de 32 facultativos da área de psiquiatría, 31 especialistas en psicoloxía clínica, 12 traballadores sociais, 32 profesionais de enfermaría en saúde mental, 11 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e 2 terapeutas ocupacionais.
A medida, que se insire dentro do Plan de Saúde Mental postcovid 2020-2024, e cuxa dotación ascende até os 83 millóns de euros, contribúe a optimizar a calidade asistencial nos centros sanitarios galegos e incidirá na prevención e detección precoz das doenzas mentais. Así, durante o presente ano, 12 millóns de euros fican destinados ao Plan de Saúde Mental.
Durante a súa intervención, o responsable de Sanidade apuntou que esta ampliación de persoal posibilitará pór en marcha novos programas de enlace coa atención primaria e hospitalaria en cada unhas das áreas sanitarias galegas, reforzar os equipos e programas de hospitalización psiquiátrica a domicilio, levar a cabo programas de prevención de suicidio, incrementar o número de prazas de rehabilitación psiquiátrica en Santiago; crear unha unidade de psicoxeriatría en Ourense, crear unidades de saúde mental en Coruña, Santiago e Vigo ou pór en marcha tres hospitais de día infanto-xuvenís en Santiago, Lugo e Vigo, ademais de traballar na ubicación dun cuarto, que se emprazará en Ourense.
Garcia Comesaña remarcou que a Xunta xa ten aprobado o Plan Funcional da Unidade de Hospitalización de Saúde Mental Infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro, explicando que este ano se poderá licitar a redacción e execución do proxecto, e así “facelo unha realidade”.