11 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaO Concello repara as zonas máis deterioradas das beirarrúas da Avenida Mendiño...

    O Concello repara as zonas máis deterioradas das beirarrúas da Avenida Mendiño ante o “absoluto desinterese” da Xunta

    O deplorable estado das beirarrúas desta vía, competencia da Xunta de Galicia e denunciado insistentemente polo Goberno local, provocou xa caídas de viandantes

    O Concello de Redondela procedeu nas últimas horas ao arranxo das beirarrúas máis deterioradas da Avenida Mendiño que, debido ao seu deficiente estado de conservación, teñen provocado xa máis dunha caída entre os e as viandantes. Pese a ser unha vía de competencia exclusiva da Xunta de Galicia, o Goberno local optou por reparar as zonas que se atopaban en peor estado “para salvagardar a integridade das veciñas e veciños que circulan por un viario que da acceso ás instalacións deportivas, aos institutos e centros escolares e ao centro de saúde”

    O Goberno que preside a alcaldesa Digna Rivas, salienta que hai máis de catro meses lle foi remitido á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade –concretamente a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI)–, a retención de crédito solicitada para a sinatura do correspondente convenio. A rexedora local lembra que no pasado mes de novembro, a Xunta remitía un “ameazante escrito” ao Concello no que advertía que “daría por extinguido o convenio se no prazo de quince días o Concello non facía efectiva a retención de crédito que figuraba no primeiro borrador”.

    Catro meses despois de ter enviado a retención de crédito solicitada nese escrito “seguimos sen resposta algunha e demóstrase claramente que, se ben o Concello de Redondela tiña os ‘deberes’ feitos dende o primeiro momento, que non realizara a súa parte era a propia Xunta de Galicia”.

    A alcaldesa lamentou “o silencio cómplice” do PP local “que no seu momento urxiu e esixiu ao Concello a tramitar toda a documentación –cando xa sabían sobradamente que dito trámite estaba realizado– e agora gardan o máis absoluto mutismo ante unha inacción da Xunta que prexudica, gravemente, os intereses de todas as veciñas e veciños e optan por antepoñer a ‘obediencia partidista’ ao ben común da veciñanza de Redondela”.

    O desinterese e deixamento da Xunta no cumprimento das súas obrigas, “fai que nós, como administración máis próxima á cidadanía, teñamos que acometer obras que non son da nosa competencia para salvagardar a seguridade dos nosos veciños e veciñas”, aclara Digna Rivas. “Unha vez máis, como aconteceu en numerosas ocasións con motivo do estado de alarma e o confinamento, o Concello ten que asumir competencias que non son propias para dar solución aos problemas da cidadanía” afirma a alcaldesa.

    “Cumprimos todas as esixencias da Axencia Galega de Infraestruturas, realizamos todos os trámites esixidos e, pese a iso, hai máis de catro meses que non só non temos noticias da Xunta de Galicia, senón que nin tan sequera responden ás nosas chamadas e comunicacións nunha actitude da que, sen dúbida, a veciñanza saberá sacar as súas propias conclusións”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.