O Pleno do Concello de Covelo debaterá este venres unha iniciativa do BNG para instar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a adoptar as medidas necesarias para mellorar o estado das estradas N-120 e N-559, que actualmente son empregadas como alternativa ao túnel de Folgoso.
Dende o BNG sinalan que “cada vez que o túnel do Folgoso é pechado por algún motivo de mantemento, obras ou, como neste caso, o incendio dun camión, o tráfico rodado que circula en dirección Ourense é desviado polas estradas N-120 e N-559, aumentando así o tráfico rodado que pasa polas parroquias covelenses de Paraños e A Lamosa”. A formación nacionalista indica que “a chegada até A Cañiza deixa en evidencia o mal estado destas estradas, con múltiples fochancas e unha sinalización horizontal deficiente e en moitos casos inexistente, co perigo que isto supón tendo en conta a presenza habitual de néboa mesta nesta zona”.
“En concreto, a veciñanza da Lamosa vese moi prexudicada no seu día a día, dado que non hai un mínimo elemento de seguridade viaria para os peóns que teñen que cruzar unha estrada que habitualmente soporta un número moi inferior de vehículos. Compre resaltar ademais a ausencia de pasos canadenses e peches que impidan o paso de animais a estas estradas, o que aumentan considerablemente a súa perigosidade”, indican dende o Bloque.
O BNG denuncia o continuo abandono destas vías, e lembra que ten presentado no Congreso iniciativas sobre o seu mantemento, que xa no 2010 soportaron unha situación semellante a actual. “Pasaron máis de dez anos, e os distintos gobernos do PP e PSOE no Estado preferiron deixar estas estradas nunha situación lamentable en vez de preocuparse polo seu mantemento e conservación”, concluiron as nacionalistas.