Luns, 24 Marzo de 2025

Os populares de Ponteareas solicitan a modificación para que as asociacións sen ánimo de lucro poidan beneficiarse das exencións solicitadas

Imaxe de arquivo do Grupo Municipal do PP de Ponteareas

O Grupo Municipal do PP fará un rogo no pleno de marzo para solicitar ao Goberno local que tramite de forma urxente a ordenanza que exime e bonifica ás asociacións sen ánimo de lucro do pago de impostos como a taxa de ocupación de vía pública ou apertura de gabias cando solicitan licenza para unha obra.

“Pasou máis dun ano desde que o PP solicitamos a aprobación desta medida. Estamos a falar de colectivos sen ánimo de lucro como asociacións veciñais, traídas de augas, culturais, etc…que executan obras para o interese xeral e non propio”.

Tamén comentan que “A administración debería facilitarlles o máximo posible o desempeño das súas funcións e non quedar con parte do diñeiro que teñen para facer obras. Os colectivos están a esperar que estas bonificacións que non se están aplicando, aplíquense. Por outra banda, solicitouse a redución da fianza esixida así como o prazo que se estaba retendo e seguen actuando da mesma forma”.

O PP esixirá na súa moción que se modifique a ordenanza e empécense a aplicar xa estas bonificacións.