15.2 C
Pontevedra
Mércores, 29 de Novembro de 2023
Máis
    HomeO CondadoPonteareasUnha deficiente impermeabilización do ano 2010 dana o Auditorio Municipal de Ponteareas...

    Unha deficiente impermeabilización do ano 2010 dana o Auditorio Municipal de Ponteareas e impide a súa utilización

    As catas realizadas revelaron graves filtracións dende a praza situada sobre o edificio. A Deputación gastou 1,3 millóns euros en 2010 nunhas obras que non cumpriron o seu cometido

    As obras de impermeabilización do Auditorio, executadas en 2010 mediante un convenio entre o Goberno municipal presidido daquela por Salvador González Solla (PP) e a Deputación dirixida por Rafael Louzán (PP), e nas que se investiron 1,3 millóns de euros, explican as filtracións e os graves danos que ven soportando o Auditorio e que obrigaron ao Concello de Ponteareas a pechalo. Así se conclúe nun informe elaborado polos servizos técnicos municipais que apuntan a posíbeis responsabilidades do promotor ou construtor da reforma realizada hai unha decada.

    Segundo o informe os problemas de filtracións reapareceron pouco despois da reforma do edificio de 2010 e co paso dos anos foi a mais ate chegar ao punto actual que fai imposíbel a utilización da meirande parte do edificio.

    No proxecto de reforma de 2010 sinalábase que existían filtracións importantes no Auditorio polo cal as obras consistirían en actuar sobre a coñecida como Praza da Musica demolendo todo “o pavimento exterior e a impermeabilización existente” e executando “unha nova cuberta transitábel mediante a previa impermeabilización”.

    No informe técnico municipal explícase que a cuberta do auditorio conta cunha deficiente impermeabilización “por unha incorrecta solución construtiva ou mala execución” e que existen numerosos puntos polos que entra unha considerable cantidade de auga. As humidades e filtracións detectadas sitúanse nos diferentes lucernarios do edificio, nos ocos onde se atopa a carpintería exterior do edificio, baixo as xardineiras, nas zonas de contacto entre as paredes e o terreo situado debaixo das rúas así como na deficiente impermeabilización do pavimento da praza situada sobre o Auditorio que “non esta a cumprir axeitadamente o seu cometido”.

    O informe técnico salienta que en agosto de 2020 ao realizarse un arranxo puntual no falso teito de madeira situado na sala principal de butacas “saíron a luz varios problemas importantes”. Entre eles cítanse importantes filtracións de auga e a existencia de carcoma na madeira. A raíz de dito arranxo puntual levouse a cabo unha serie de catas que “amosaron que todo o falso teito estaba afectado”.

    Debido ao perigoso estado, por urxencia e por posíbeis desprendementos, accedeuse a ver o forxado de cuberta do edificio observando “claramente, a pesar de ser o mes de setembro bastante seco, que existen zonas anegadas pola auga que se filtran polo pavimento da praza ocasionando humidades e eflorescencias nas propias viguetas e bovedillas que o conforman”. O falso teito de escaiola tamén esta afectado, a pesares de que se ven “arranxando de forma puntual cada pouco debido ao seu estado de enchoupado”. Como consecuencia destes excesos de auga, entre o mes de novembro e decembro de 2020 producíronse varios desprendementos que causaron danos materiais.

    As catas realizadas no pavimento da praza localizada sobre o Auditorio permitiron comprobar que as obras executadas no seu día non se axustan ao que se recollía no proxecto de reforma e que a auga se filtra cara o interior do edificio.

    O Goberno Local salienta que “aquelas obras feitas hai dez anos tiñan como principal finalidade eliminar as humidades, filtracións e pingueiras que sofría o Auditorio como consecuencia das obras do parque infantil executadas uns anos antes”. O executivo municipal conclúe que “a Deputación adxudicou en 2010 obras por importe de 1,3 millóns euros para resolver o problema e en lugar de solucionalo provocou mais filtracións e humidades que agora impiden continuar coa utilización do Auditorio”.

    O informe técnico conclúe que mentres non se resolvan as causas que provocan a entrada de auga e non se revise e sanee toda a estrutura que soporta o falso teito da sala de butacas non asegura a sua utilización. Ademais, a arquitecta técnica municipal remitiu o informe a asesoría xurídica para que avalíe “se procede tomar acción algunha en canto a solicitude de responsabilidades ao promotor ou construtor da ultima reforma do edificio realizada no ano 2009-2010”.

    A alcaldesa accidental, Cristina Fernández Davila, dirixiuse xa a presidenta da Deputación para manter unha reunión na que se abordara a problemática e as posíbeis solucións. Ademais, a alcaldesa solicitou a institución provincial que requira o correspondente informe ao director da obra executada en 2010.

    LIBROS

    Xosé M. Eyré, «Ou as dúas estaredes mortas»

    Moito temos falado neste mesmo espazo dos cada vez máis difusos lindes entre xéneros literarios; de como novela e relato –tamén a poesía ou o teatro– semellan lidar pola posesión de espazos que tradicionalmente lles eran alleos e que pretenden converter en propios, alimentando así unha fusión que, no fondo, non deixa de ser a procura de novas vías de expresión aínda non transitadas.

    Raquel Castro, «Sobremesas sobre versos»

    Dende fai xa varios anos, Raquel Castro é unha das habituais na literatura infantil galega, pero a maioría dos seus traballos publicados enfocábanse cara ao mundo do teatro para nenos, onde deixou pezas de excelente facturación.

    Domingo Villar, «Síbaris»

    A morte prematura de Domingo Villar foi un duro mazazo para os amantes da literatura galega, iso é algo sobre o que coido que existe consenso a estas alturas.