O vicepresidente Mosquera acusou hoxe directamente ao PP e a Ence de estar detrás da violencia da ‘Ence borroka’ que nos últimos días se materializou en Pontevedra. Advertiu de que as persoas traballadoras da pasteira son as principais perxudicadas polos incidentes, xa que o único que están conseguindo é botar atrás ás zonas dispostas a recibir o traslado da fábrica e manifestou a súa confianza en que unha vez Colmenares admitiu a mesa de negociación sobre o futuro de Ence, tanto a empresa como o PP manden parar os ataques.
Ante eses feitos acontedidos onte, o vicepresidente fixo varias reflexións. Sinalou que a única posibilidade ou vía real de manter postos de traballo e actividade da pasteira en Galicia é falar dun traslado porque a situación é insostible: “Esa empresa non ten porque estar en terreno de dominio marítimo terrestre. Conseguiu polos métodos que mellor non recordamos esa prórroga fraudulenta, e a única posibilidade é trasladar”, insistiu.
Sobre esa premisa, destacou que “se hai algunha zona, algún alcalde ou alcaldesa, algunha sociedade que vería con bos ollos recibir a Ence vendo esta ‘Enceborroka’, pois difícilmente manterá esa postura… É meter un bicho fastidiado porque xa se ve: Non é a primeira vez nin a segunda e seguen con esta actitude”. Por iso insistiu en que “os grandísimos perxudicados” polos incidentes son as persoas que traballan en ou para Ence.
Mosquera destacou que hai instigadores, indutores e responsables claros dos incidentes. Lembrou que a kale borroka no seu momento “facíaa quen a facía e todos sabíamos quen estaba detrás. Neste caso quen está detrás é o PP. Dunha maneira tan descarada como ir alí a xunto de alguén que está ocupando de maneira ilegal e asaltando unha alcaldía ir a anima e a dicirlle que estaban facendo ben, que foi o que pasou”.
O vicepresidente tamén subliñou que no asalto había xente que debería estar traballando e que, sen ter declarado folga, de repente apareceu polo Concello. “Alguén lle pagará, suponse. Se non van ao seu traballo a empresa despediríaos. É evidente que hai quen está alentando, financiando este tipo de actuacións. Ten nomes e apelidos. É Ence e o PP como indutor”, sentenzou.
Engadiu que “se o señor Colmenares tivera a ben dicir que quen faga esas cousas mañá non traballa máis para Ence, isto acabábase en 15 segundos, nin se plantexaba”, mais lembrou que o talante amosado polo presidente e conselleiro delegado no vídeo no que falaba sobre “o susto maiúsculo ambiental” deixa claras as súas intencións.
Sobre a actuación do PP engadiu que a presenza do “señor Domínguez” no asalto da Alcaldía tamén demostra a súa postura. Criticou, ademais, que o portavoz ‘popular’ criticara a posteriori a violencia nun tweet. “Se non sabía a que ían, inda é máis parvo do que parece. Xa tería delito, pero claro que o sabía”, subliñou.
Finalmente, Mosquera amosou a súa esperanza polo feito de que unha vez Colmenares aceptou a mesa de negociación sobre o futuro da fábrica, “mande parar” a escalada de incidentes “e o PP tamén”. “Con esta ‘Ence borroka’ corremos o risco de que nos deteriore esta magnífica convivencia, esta tranquilidade , que temos na cidade de Pontevedra”, pechou.
Na Deputación
Mosquera explicou que como presidente en funcións no día de onte estaba no Pazo da Deputación, onde “non sufrimos o asalto, a ocupación e a violencia” do que aconteceu no Concello porque o edificio provincial estaba bastante protexido con persoas de vixiancia. Subliñou que, en todo caso, podía ter sucedido porque as persoas que ao final asaltaron o Concello “intentárono, andiveron a voltas para ver se podían asaltar a Deputación”.
Explicou que no Concello de Pontevedra as persoas que protestaban puideron entrar porque dixeron que se ían encerrar e entendeuse que por iso “non pasaría nada”, mais subliñou que “non ían encerrarse, ían a agredir dunha maneira descarada e planificada sen ningunha dúbida”.