Sábado, 9 Agosto de 2025

A Xunta inviste máis de 410.000 € na renovación da cuberta do instituto de Mos

0

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitaron, xunto á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o instituto de Mos para comprobar o avance das obras de renovación de cubertas que a Xunta de Galicia está a acometer neste centro e que supoñen un investimento de máis de 410.000€. O obxectivo da intervención, tal e como sinalou, é continuar avanzando na mellora das instalacións dos centros escolares galegos, unha tarefa á que se lle está a dar un novo pulo a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para o deseño do novo modelo de centros postcovid.

“Non en balde –explicou Román Rodríguez– este verán realizamos ou iniciamos un total de 557 actuacións de mellora en toda Galicia, por importe de case 30M€, nas que se inclúe esta do IES de Mos”. “Entre as obras deste verán, as que culminamos este ano e as que estamos licitando para executar en 2022, o orzamento na área de Vigo en obras elévase a máis de 12,5M€, cun total de 82 actuacións”, engadiu.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta destacou un investimento de máis de 1,6M€ desde 2009 nos centros educativos do concello de Mos, atendendo ás súas necesidades.

Mellora do illamento

O programa da intervención no instituto de Mos consiste na renovación da cuberta do centro dado o actual estado de deterioro e falta de funcionalidade. Entre as accións que se está acometendo figuran a retirada da cuberta existente e dos sistemas de impermeabilización dos encontros da cuberta, a disposición de illamento térmico sobre forxado de teito da última planta e a colocación dun novo taboleiro de cuberta en panel sándwich de chapa de aceiro.

Os traballos están neste momento en execución, aínda que se desenvolven baixo todas as medidas de seguridade e sen interferir na actividade lectiva.

Mos anuncia a andaina solidaria ‘En marcha por un futuro sen cancro’

0

Onte, venres 24 de setembro, coincidindo coas efemérides do Día Mundial da Investigación Contra o Ccancro e o Día Mundial do Cancro de Tiroides, desde o Concello de Mos anúnciase a andaina prevista para o vindeiro 3 de outubro, organizada conxuntamente entre AECC Mos e a administración local mosense, baixo o lema ‘En marcha por un futuro sen cancro’.

Trátase da II Andaina Solidaria AECC que percorrerá a Senda Petelos-Tameiga, cunha lonxitude de 5 quilómetros. O nivel de iniciación desta andaina faina apta para todas as idades, e unha opción ideal para pasar unha mañá de domingo en familia.

Requírese de inscrición previa para poder participar e as persoas interesadas poden inscribirse desde xa telefónicamente na Piscina Municipal, o Multiusos das Pozas, na sede de AECC Xunta Local de Mos, ou no enderezo de correo electrónico [email protected]

O prezo de inscición é de 5 euros por persoa e inclúe entrega de dorsal, bolsa con avituallamento, e participación en sorteos. A salida da andaina producirase ás 10.00 horas da mañá do domingo 3 de outubro desde o Multiusos das Pozas.

Efemérides

Cada 24 de setembro, tal data como a de hoxe, conmemórase o Día Mundial de Investigación contra o Cancro, e do Cancro de Tiroides.

O Día Mundial de Investigación contra o Cancro é unha data que ten por obxectivo seguir impulsando os proxectos e investigacións que buscan axudar na loita contra o cancro, logrando mellor calidade de vida nos pacientes ou a cura definitiva de certos tipos de tumores. O propósito deste día é seguir incentivando á sociedade médica a que xeren novos descubrimentos que poidan axudar a frear ou eliminar os tumores do cancro nas persoas. Entender o porqué da súa orixe e buscar maneiras de evitalos. Cada ano durante esta data en España entrégase o premio “V de Vida” que busca dar financiamento e recoñecemento aos médicos oncólogos que descobren novas formas de alongar ou mellorar a vida dos pacientes con cancro.

Por outra banda o Día Mundial do Cancro de Tiroides celébrase tamén o 24 de setembro de cada ano. O principal motivo desta data é dar a coñecer un pouco máis desta enfermidade, que representa unha das doenzas máis recorrentes nas mulleres e que require un diagnóstico oportuno para así evitar maiores complicacións.

En outubro iníciase unha nova temporada do programa “Cultiva a Mente” en Tui

0

O programa “Cultiva a Mente” posto en marcha polo Concello de Tui e AFAGA, Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia, inicia unha nova temporada o próximo mes de outubro. O obxectivo desta iniciativa é promover un envellecemento activo e saudable das persoas maiores de 55 anos  a través de diversas actividades que se desenvolverán até o mes de xuño de 2022 nos centros culturais de 6 parroquias tudenses.

A Casa do Concello de Tui acolleu unha reunión de traballo, previo ao inicio deste proxecto, na que participaron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, o concelleiro de Servicios Sociais, Ismael Diz, a traballadora social do Concello de Tui, Carmen González, e a psicóloga de Afaga, Beatriz Rodríguez.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientaba que “o Concello de Tui sempre foi pioneiro na posta en marcha de programas de atención a dependentes e servicios sociais no ámbito rural”. Sobre o programa “Cultiva a Mente” destacaba a extensión do servizo a seis parroquias coa incorporación de Randufe. Cualificaba o rexedor moi positivamente que este curso se inclúa un programa para os coidadores xa que “vimos de atravesar unha pandemia que nos afectou a todos pero especialmente aos colectivos máis vulnerables”.

O concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, indicaba que na reunión desta mañá planificaron como vai estruturarse este ano o programa que “proximamente calquera persoa da cidade que cumpra os requisitos poderá solicitar algunha das prazas aínda  dispoñibles no programa”.

O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, indicaba que “con esta reunión damos o pistoletazo de saída a recuperación do proxecto “Cultiva a Mente” que volve a presencialidade tras a pandemia na que conseguiu adaptarse para seguir atendendo aos usuarios”. Tamén sinalaba que “se volve a poñer a disposición dos coidadores un programa de soporte porque entendemos que con esta pandemia foron as persoas que se viron máis sobrepasadas e angustiadas, un bo momento para recuperar este proxecto que se fixo hai 3 anos e tan bo resultado deu”.

O programa “Cultiva a Mente” terá este ano coma novidade a incorporación de  Randufe á listaxe de parroquias nas que se desenvolvía o curso pasado: Areas, Caldelas, Guillarei, Pazos de Reis e Rebordáns. Os participantes coñecerán, por exemplo, como funciona o noso cerebro ou técnicas de aprendizaxe de mellora e estimulación de distintas funcións cognitivas como a memoria, a atención ou a linguaxe. Ademais, “Cultiva a Mente” tamén fomenta a sociabilidade, ao ser unha actividade grupal.

As persoas interesadas en inscribirse no programa “Cultiva a Mente” deben contactar dos Servizos Sociais na casa do concello no 986 60 36 25.

Este ao recuperarase tamén o programa Coidadores II, do que proximamente se darán a coñecer todos os detalles.

O Grupo Socialista solicita á Xunta a construción dun novo centro de primaria en Salceda

Imaxe de arquivo de Paloma Castro (á esquerda) e a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, na entrada do CDL O Torrón

A vicevoceira do PSdeG, Paloma Castro, vén de rexistrar unha batería de iniciativas parlamentarias para solicitarlle á Xunta que dea resposta ás necesidades educativas na localidade pontevedresa de Salceda de Caselas. Con este obxectivo, a deputada socialista reclámalle ao goberno galego que se comprometa coa creación dun novo centro de educación primaria que permita absorber a demanda de alumnado existente no municipio.

A maiores, e para concretar ese compromiso, o Grupo Socialista esíxelle ao goberno galego que, en consenso co Concello, inicie os trámites para a redacción do proxecto e a construción das novas instalacións. De maneira complementaria, tamén demanda que nos orzamentos 2022 se inclúa unha partida específica para iniciar o proxecto de creación dese novo CEP en Salceda de Caselas.

Paloma Castro explica que Salceda de Caselas é un dos municipios galegos que experimentou un maior índice de crecemento demográfico nos últimos anos, o que motiva que na actualidade haxa preto de 2.000 menores, dos cales arredor de 1.200 teñen idades comprendidas entre 3 e 12 anos.

Neste contexto, Castro alerta de que “o único colexio de educación primaria, o CEP Altamira, é claramente insuficiente para absorber esta demanda e escaso tanto as zonas comúns coma as aulas”. Esta circunstancia provoca que non poida ofertar “unha educación de calidade para o crecente alumnado”. Ademais, lamenta que “esta masificación fai que moitos pais e nais estean a matricular aos nenos e nenas en centros noutros concellos, cos prexuízos para a conciliación que isto supón”.

Paloma Castro recorda que “dende o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia levamos anos solicitando a creación dun novo CEP” e que “algunhas destas demandas foron aprobadas por unanimidade no Pleno de Salceda de Caselas e trasladadas á Xunta”.

FBAC promove ações de formação digitais de curta duração

A iniciativa destina-se a profissionais do setor da cultura e educação, mas alarga-se ao público em geral. O objetivo consiste em capacitar os participantes de conhecimentos técnicos e ferramentas orientadas em estratégias de mediação e comunicação com os públicos.

Segundo o presidente da FBAC, Nuno Correia, “esta iniciativa vem colmatar alguma carência a nível da oferta formativa, especialmente no setor cultural, e promover a qualificação e valorização do trabalho dos artistas, profissionais e educadores”.

O ciclo de formações arranca no próximo dia 16 de outubro (sábado), sobre a temática “Marketing Digital – ferramentas aplicadas ao setor cultural” e é orientado por Vasco Marques.  Já a 23 de outubro, Isabel Freitas (Universidade Portucalense), promove a formação “Turismo, património e arte – uma visão além-fronteiras”. A última sessão de 2021 será ministrada por Filipe Serra, no dia 13 de novembro e versará sobre “Os Direitos de Autor nas organizações culturais”.

Em 2022, as temáticas serão acessibilidade na cultura, mediação cultural e transmedia e storytelling.

As sessões terão a duração de 6 horas (10h00-13h00, 14h00-17h00) e a certificação será outorgada pela Fundação Bienal de Arte de Cerveira e, no caso dos docentes, pelo Centro de Formação do Vale do Minho. A participação é gratuita e limitada, mas encontra-se sujeita a inscrição.

De referir que a iniciativa é promovida no âmbito da candidatura “Fundação Bienal de Arte de Cerveira: a Arte Contemporânea integrada na sociedade e no mundo” (2020 – 2021 – Apoio Sustentado – Artes Visuais), que conta com o apoio da República Portuguesa – Cultura / DG-ARTES Direção-Geral das Artes.

Calendário das ações de formação de curta duração:

  • 16 de outubro 2021 | “Marketing Digital – ferramentas aplicadas ao setor cultural”

Vasco Marques

Docentes: Grupo de recrutamento 600, 240

  • 23 de outubro 2021 | “Turismo, património e arte – uma visão além-fronteiras”

Isabel Freitas

Docentes: Grupo de recrutamento 200, 240, 400, 420, 600

  • 13 de novembro 2021 | “Os Direitos de Autor nas organizações culturais”

Filipe Serra

Docentes: Grupo de recrutamento 600

Ponteareas organiza unha visita guiada para coñecer a obra dos mestres Cerviño no municipio

A visita guiada sairá do cemiterio municipal de Ponteareas, un dos epicentros da obra do “Mestre Cerviño”

Ignacio e José, ambos de apelido Cerviño, coevos e procedentes de Aguasantas, en Cotobade, son dous escultores cunha gran pegada no patrimonio artístico de Ponteareas e da súa bisbarra. Existe certa polémica entre os investigadores na atribución da autoría das distintas obras do chamado “Mestre Cerviño”, dada a súa coincidencia en tempo e nome, e ambos autores de obras na vila de Ponteareas de gran valor. Para coñecer o seu legado, o Concello organiza unha visita guiada o vindeiro domingo, 3 de outubro, ás 11.00 horas con saída no cemiterio municipal, un dos epicentros da obra do “Mestre Cerviño” en Ponteareas.

A actividade é de balde e as persoas interesadas poden apuntarse na Biblioteca Municipal, en [email protected] e no 986 660 765. Esta visita forma parte do programa “Coñece Ponteareas”, que organiza a Concellería de Promoción Económica, que dirixe Eva Gil, para pór en valor o patrimonio cultural e natural da vila do Tea.

A través da visita ao legado dos mestres Cerviño, e da polémica da súa autoría, coñeceremos tamén moitos aspectos da historia da vila. Visitaranse obras destacadas destes autores, como a Fonte da Fama ou do Anxo, o Desencravo do barrio das Cachadas e outras, especialmente os traballos dos Cerviño no cemiterio municipal, un verdadeiro museo no que se atopan varios panteóns asociados aos artistas.

Aberto o prazo de presentación de fotografías do certame do Obradoiro Fernando Monroy

0

O Obradoiro Fernando Monroy continúa coa súa actividade habitual e procedeu á apertura do prazo de presentación de fotografías para o seu certame anual, que nesta edición repartirá un total de 650 euros en premios. A directiva mantén os principios básicos desta actividade e volverá a presentar varios premios. Deste xeito, haberá unha instantánea gañadora que levará 200 euros. Despois hai dúas categorías: a de adultos con tres premios (150, 100 e 75 euros) e a de xuvenís con dous (75 e 50 euros). Recordamos que están considerados xuvenís os menores de 16 anos.

A temática é libre pero é preciso indicar onde se realizou cada unha das fotos. Deberán ser presentadas en formato impreso como se recolle nas bases (dispoñibles do Facebook @ObradoiroFernandoMonroy) e tamén enviadas en formato dixital ó correo do colectivo ([email protected]). O lugar físico para presentar a obra é o Círculo Cultural de Cesantes. Pode levarse en persoa ou enviarse por correo ordinario.

O prazo límite é o vindeiro mércores 3 de novembro e o longo dese mes o xurado dará a coñecer ós gañadores do certame. É preciso recordar que, ademais de optar ós premios, as fotografías presentadas serán despois expostas en diversos centros culturais de Redondela. A colección correspondente ó concurso de 2020 xa pasou polo Círculo Cultural de Cesantes, o Multiusos de Redondela, o de Chapela, o Centro Cultural de Cedera e a Sociedade Labrego Cultural de Reboreda. Desde xeito, o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy fai un importante traballo para divulgar a obra de todos os participantes para poñer en valor o seu esforzo.

Tui é unha das cidades da Red de Juderías nas que se pode participar no Xogo “Busca a chave do diálogo”

0

Ata o vindeiro xoves, 30 de setembro, pódese participar en Tui, ao igual que nas outras cidades pertecentes á Red de Juderías, no xogo gratuíto “Busca la llave del Diálogo / Busca a chave do diálogo”. Esta actividade forma parte da programación organizada dentro das Xornadas Europeas da Cultura Xudía.

“Busca la llave del Diálogo / Busca a chave do diálogo” é un xogo no que os visitantes terán que desprazarse por tres puntos do patrimonio xudeu da cidade: Sinagoga – Porta da Pía (1), Convento das Clarisas (2) e rúa Entrefornos (3). Pódese acceder a eles pola localización do móbil ou polos carteis localizados en cada punto. En cada lugar unha actividade achegará aos participantes á temática da xornada Europea da Cultura Xudía 2021: Diálogos. Visualizar un vídeo, escribir un párrafo dunha historia en cadea ou decidir que tipo de diálogo abriría dará a posibilidade de conseguir a famosa chave de Sefarad. Ao concluír as tres probas na Oficina Municipal de Turismo (4) (Praza de San Fernando) pódese recoller esta chave.

A Red de Juderías publicará as diferentes historias en cadea escritas por todos os participantes en cada cidade na web https://redjuderias.org/juega. Con esta iniciativa preténdese desafiar aos visitantes a que atopen os tres puntos ocultos en cada xudaría e participar na primeira historia en cadea sobre Sefarad.

O proxecto “Do Mosteiro a Santiago” viaxa por Galicia para divulgar a súa experiencia

0

O proxecto “Do Mosteiro a Santiago”, unha iniciativa de Finca Moreiras organizada polo Concello de Oia e beneficiaria do programa O teu Xacobeo, segue a dar pasos adiante nos seus obxectivos de unir a posta en valor do patrimonio, a promoción e difusión do cabalo de pura raza e a creación de oportunidades. A través dun vídeo-documental, o proxecto difundirá a súa experiencia por distintos centros galegos que traballan con persoas con diversidade funcional.

A experiencia “Do Mosteiro a Santiago” desenvolveuse o pasado mes de outubro e nela participaron un centenar de usuarios e usuarias das asociacións Avelaíña, Arela, Aceesca, Juan María e San Xerome; os cales fixeron varias etapas da ruta xacobea entre Oia e Santiago acompañados por cabalos de Finca Moreiras.

A saída desde o Mosteiro de Oia, os distintos tramos percorridos por cada un dos grupos, a chegada a Santiago, as experiencias vividas polas persoas participantes e a especial relación forxada entre elas e os cabalos de pura raza galega quedaron documentadas nun vídeo elaborado por Ollomol Audiovisual.

Con algo máis de 20 minutos de duración, o documental é un fiel reflexo do acontecido nesta experiencia única de convivencia, superación e goce da paisaxe e o patrimonio vinculado ao Camiño de Santiago. Ao mesmo tempo, nel plásmase a especial dificultade de organizar e desenvolver a peregrinación en plena pandemia, nun momento de elevado nivel de restricións.

Agora, este audiovisual comezará un ciclo de proxeccións que o levará a percorrer as distintas entidades participantes, así como outras asociacións que traballan no eido da diversidade funcional. A primeira destas proxeccións tivo lugar o martes no Mosteiro de Oia e contou coa asistencia de representantes e persoas usuarias das entidades implicadas.

Proximamente, o vídeo tamén estará dispoñible na canle de Youtube do Concello de Oia.

Agradecementos

Como entidade organizadora, o Concello de Oia quere manifestar o seu agradecemento a Finca Moreiras polo deseño, posta en marcha e desenvolvemento da iniciativa “Do Mosteiro a Santiago”, así como ás distintas asociacións que participaron e se implicaron dun xeito tan intenso no proxecto.

Así mesmo agradece a colaboración da Xunta e o Xacobeo 2021 e da empresa patrocinadora Civis Global. Finalmente, tamén quere trasladar o seu recoñecemento ao Mosteiro de Oia, por permitir que o percorrido partise desde o emblemático cenobio cisterciense fundado no século XII, e a Ollomol Audiovisual pola súa dedicación.

O Club Marqués de Vizhoja-Cornelios participará na carreira máis dura do mundo

0

Esta semana tivo lugar a presentación dos equipos cos que o Club Marqués de Vizhoja- Cornelios participará no Mundial de Carreiras de Aventura.

Trátase da carreira máis dura do mundo, o Raid Gallaecia- AR Word Championship 2021. A carreira desenvolverase na Galicia máis dura e salvaxe e terá lugar no mes de outubro, desde o día 2 ao 9, cun percorrido de 630 km onde poñerán todos os seus esforzos nas seguintes disciplinas trail, bici de montaña, kaiak de mar e río, coastering e cordas.

Para poder facerse unha idea da dureza da carreira, estímase que o tempo do equipo gañador será de unhas 90 horas, catro días aproximadamente, aínda que a carreira seguirá aberta ata as 168 horas, posto que a meta pecharase o sábado 9 de outubro ás 12:00 horas.

A meta estará situada na cidade da Coruña, e con esta proba péchanse Aventure Race World Series e outorgarase o título de Campión do Mundo, contará con 400 participantes procedentes de 23 países de 3 continentes.

Esta durísima carreira multidisciplinar, onde os equipos só con coñecementos de orientación, axudados por unha simple brúxula, con toda a resistencia que os seus corpos preparados con moito adestramento e con moita aventura, enfrontaranse a 7 seccións diferentes.

[su_image_carousel source=”media: 45528,45527,45526,45524,45523″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A primeira sección é un trekking de 122 km cun tempo estimado de 21 horas; a segunda sección é unha btt de 80 km cun tempo estimado de 7,5 horas; tras esta sección establécese a primeira hora de corte que será o Luns ás 16:00 horas, isto quere dicir que todos os equipos que nese momento non chegasen a ese punto poderán seguir aventúraa pero fóra de carreira.

A sección terceira é un kaiak de 90 km cun tempo estimado de 15 horas; a sección cuarta é unha bttt+ou-pé de 210 km e unha duración de 22 horas; tras esta sección establécese a segunda hora de corte.

A sección cinco é un trekking de 65 km e unha duración de 13 horas; a sección sexta volve ser un kaiak de 11 km e unha duración de 2 horas e por último a sección septima é o ultimo trekking de 32 km e unha duración de 6 horas.

Tras superar todas estas seccións os equipos chegarán á meta para un merecido descanso despois de deixar a súa alma en cada unha das seccións.

Os equipos que se enfretarán a todas estas aventuras son os mencionados a continuación:

  • Equipo 1: Bodegas Marqués de Vizhoja-Corneliosraiders está formado por Diego Fernández, José Manuel Araújo, Silvia Insua e Pablo Fernández.
  • Equipo 2: Restaurante Po¡uerto Guardés-Vizhoja-Corneliosraiders está formado por Pedro Xorxo, Francisco Javier Rivero, Vero Romero e Torro González.
  • Equipo 3: Talleres Mingos-Biziebike-Vizhoja-Corneliosraiders está formado por Isaac Rodríguez, José Manuel Gómez, Noelia Martínez e Alejandro Argudin.

O Club quere desexarlles toda a sorte do mundo e esperan cos brazos abertos, porque saben que sexa o que sexa o resultado co que finalicen esta durísima carreira, pelexarán ata o último suspiro e deixarán todas as súas forzas por terminar esta nova aventura.

A Deputación continúa a súa aposta pola igualdade con achegas a catro entidades da provincia

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta pola igualdade con novas iniciativas de apoio a proxectos na provincia. A institución vén de destinar 32.000 € á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, Fademur, Nós Mesmas e á Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución, entidades de iniciativa social, para impulsar proxectos de loita contra as violencias machistas, promover a igualdade no rural, formar en diversidade afectiva-sexual e realizar intervencións socio-sanitarias en persoas en situación de prostitución.

No caso da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero dende 1998, a Deputación vai subvencionar o proxecto “Camiño ao bo trato”. Esta iniciativa, baseada na formación teórica-práctica, vai desenvolver accións de sensibilización, concienciación, prevención e detección da violencia de xénero dirixidas a colectivos que atenden directamente a mulleres vítimas de violencia, a profesionais dos medios de comunicación, ao profesorado e alumnado de colexios e institutos, ás ANPAs de centros educativos ou ben a persoas interesadas.

A Deputación tamén vai colaborar co proxecto “Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais” que impulsa a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais FADEMUR Galicia. Trátanse de campañas personalizadas, obradoiros e accións de formación e sensibilización, centradas nas especificidades dos colexios das zonas rurais, a través das cales nenas e nenos e mozas e mozos van adquirir habilidades e recursos para recoñecer situacións de violencia machista e como actuar fronte a elas, así como coñecementos para adoptar comportamentos igualitarios.

Coa Asociación Nós Mesmas a institución provincial está a traballar no impulso do “Plan de formación en diversidade afectiva-sexual e de xénero”. Trátanse de accións formativas sobre a DAX (diversidade afectiva e de xénero) en centros públicos de primaria, secundaria e FP da provincia de Pontevedra para proporcionar ferramentas e coñecementos, tanto ao alumnado como profesorado, e previr, detectar e intervir en situacións de acoso escolar por LGTBIfobia.

No que respecta á Asociación FARAXA pola Abolición da Prostitución a Deputación vai colaborar co proxecto “PRE-VENTE. Intervención socio-sanitaria con persoas en situación de prostitución e prevención, detección e control do VIH/SIDA”. A través desta iniciativa vanse realizar actuacións de sensibilización, información, intervención social, integración social e orientación coas mulleres en situación de prostitución e/ou explotación sexual que acoden ben ao Centro de Atención da Asociación ou á súa  Unidade Móbil.

O Concello de Tui promove a xornada “Turismo para un crecemento inclusivo”

0

O Concello de Tui promove unha xornada titulada “Turismo para un crecemento inclusivo” con motivo do Día Mundial do Turismo que se celebra o próximo luns. Será na Aula da UNED no antigo convento de San Domingos de 10 a 13 h.

Con esta actividade o Concello de Tui ten por obxectivo  promover unha reflexión sobre as posibilidades que, de cara ao futuro post-covid, ofrece o noso territorio no ámbito turístico no que cómpre traballar en varias liñas de traballo:

  • Unha inmediata para mitigar os efectos socioeconómicos da pandemia como foi a liña de axudas  de reactivación comercial  para a continuidade dos negocios e o mantemento do emprego
  • Procura de novos sectores de oferta turística
  • Promover a competitividade e a capacidade de recuperación mediante a diversificación e o fomento do emprendemento
  • Impulsar a innovación e a transformación do turismo, afondando na calidade fronte a masificación
  • Aliñamento do sector cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) centrados, nesta oportunidade, na inclusión.

O próximo luns, 27 de setembro, ás 10.15 h está prevista a inauguración por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro. A continuación a xornada contará cun relatorio a cargo do profesor da Escola de Turismo da Universidade da Coruña, Carlos Rodríguez Carro, que abordará unha reflexión sobre o sector turístico. Centrarase especialmente nas oportunidades que se abren neste escenario post-covid e que cómpre aproveitar dende unha aposta pola calidade, a diversificación e as novas ofertas de produtos turísticos.

Celebraranse dúas mesas redondas. Unha primeira “Turismo para todos” para amosar as actividades que no ámbito da inclusión realizan empresas e emprendedores tudenses. Na segunda mesa redonda “Novas iniciativas turísticas” participarán as novas ofertas turísticas especializadas que se desenvolven no ámbito tudense: ofertas de turismo familiar, para mascotas, etc. O programa complétase cunha intervención sobre o posicionamento do Camiño Portugués ao seu paso por Tui nas redes sociais.

Esta actividade está organizada polas concellerías de Turismo e Camiño de Santiago e Formación, Emprego e Igualdade do Concello de Tui. Da continuidade ás celebradas nos anos 2019 e 2020 e que tiveron unha excelente acollida. Este ano, debido as condicións da pandemia, as prazas están limitadas a 30 que se cubrirán por rigoroso orde de inscrición. Os interesados enviar os seus datos a [email protected].

Máis dun cento de centros de saúde superan o 60% de atención presencial

A Xunta segue a avanzar cara a unha maior atención presencial nos centros de saúde co obxectivo fixado de chegar ao 60% a finais de ano. Así, dende hai unha semana, a cidadanía galega xa pode pedir cita presencial co seu centro de saúde a través do teléfono, a páxina web ou a app Sergas Móbil, tal e como se facía antes da pandemia, coa opción de elixir presencial ou, no caso de que o cidadán considere que pode ser atendido por teléfono, a cita será dese xeito.

Ao respecto das medidas emprendidas pola Xunta de Galicia para reformar o primeiro nivel asistencial, o departamento sanitario galego informou aos representantes das organizacións sindicais da Mesa Sectorial de Sanidade, celebrada hoxe no Edificio Administrativo do Sergas baixo a presidencia da directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña Álvarez, dos avances que está a realizar nesta materia o Executivo galego. Na reunión estiveron presentes, así mesmo, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Estrella López-Pardo, e o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas.

En concreto, xa se está a ter máis do 60% de presencialidade no 30% dos centros de saúde de toda Galicia, en 131 de 448. As áreas que está á cabeza son Lugo, cun 52% e Ourense cun 46%. Ademais, o 65% dos cidadáns galegos conseguen cita en primaria en menos de dous días e o 84% en menos de catro días.

As reformas previstas e prometidas para atención primaria polo Goberno galego estanse a poñer en marcha tal e como se anunciaron, ao tempo que se está a traballar en novas cuestións. Trátase dun modelo que permitirá dotar dunha maior autonomía aos centros, así como mellorar a redistribución das tarefas entre as categorías profesionais que desenvolven as súas funcións neles, reorganizar a demanda, e levar a cabo accións que incrementen aínda máis a relación coa atención hospitalaria.

Está xa case rematada a implantación das axendas de calidade dos médicos, que posibilitan unha reorganización da actividade segundo as características de cada centro e melloran a xestión dos tempos dos facultativos, e xa se pechou, recentemente, o documento que definirá as axendas de enfermería para a súa posta en marcha nos vindeiros meses.

De xeito inmediato, comezarán as reunións dos grupos de traballo que definirán as axendas de calidade para odontólogos, hixienistas dentais e matronas.

En definitiva, a Xunta seguirá avanzando e facilitándolle o traballo aos profesionais que exercen en atención primaria e ofrecéndolle á cidadanía galega unha mellor atención.

Os rapaces de Ponteareas coñecen o novo modelo de mobilidade da vila do Tea

Dentro das actividades da Semana Europea da Mobilidade de Ponteareas, 15 rapaces percorreron o municipio para coñecer o novo modelo de mobilidade da vila do Tea. Non o fixeron sós, xa que os acompañaron a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, e o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, para explicarlles a estratexia do Goberno Local de recuperación de espazo público para as persoas, sobre todo para a infancia, e para promover unha mobilidade sostible e máis saudable.

O grupo percorreu as rúas Concha Brey, Reveriano Soutullo, Senén Canido, e Morales Hidalgo analizando o reparto actual entre as persoas e os vehículos, o espazo existente para desprazarse a pé e en bicicleta e os atrancos para esa mobilidade. Tamén se mediu a anchura das beirarrúas e das calzadas para a circulación e estacionamento de vehículos, para que os rapaces e rapazas comprobaran que o espazo para as persoas é de soamente un 20 % da superficie total. Con estas dimensións, constataron que na meirande parte das beirarrúas non é posíbel que dúas persoas podan cruzarse cun paraugas aberto, espazo que, ademais, se ve reducido moitas veces por bolardos ou sinais de tráfico que reducen aínda máis a superficie libre de paso.

Aproveitando a observación a pé de rúa, o edil de Mobilidade explicou que actualmente en Ponteareas as beirarrúas de nova creación deben contar con polo menos 2,5 metros de anchura, xustamente o espazo preciso para que dúas persoas con paraugas aberto poidan pasar entre si sen baixar á calzada.

Como contrapunto a observación destas rúas o traxecto percorreu espazos que son mostras do novo modelo de mobilidade coma a rúa Paseo Matutino no seu primeiro tramo, como exemplo de rúa con beirarrúas amplas, arboradas e acondicionadas para os desprazamentos a pé e para a estancia e relación social, e a Praza Fernández Vega, grande espazo peonil de estancia e convivencia, que conta con numeroso arborado e unha plataforma única sen atrancos para accesibilidade.

O percorrido rematou cunha intervención no acceso dende a rúa Santa Ana á Praza Maior, que dende o pasado mércores é un lugar libre de vehículos a motor, onde os rapaces e rapazas pintaron símbolos para indicar que o lugar é un espazo peonil.

A Mancomunidade do Baixo Miño porá un autobús para asistir á manifestación en defensa da sanidade pública en Vigo

0

A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, formada polos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, súmase á manifestación convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo ante o perigo ao que está sometida a atención primaria por falta de persoal e de medios. A Mancomunidade porá a disposición da veciñanza transporte público gratuíto para asistir a esta manifestación que se celebrará o vindeiro xoves 30 de setembro ás 20.00 horas dende o PAC de Vigo, na rúa Pizarro.

As persoas interesadas poderán solicitar o autobús a través dos formularios habilitados nas webs dos catro concellos, indicando nome, apelidos, teléfono de contacto e indicando en cal destes municipios se collería o transporte. En función do número de solicitudes deseñaranse os horarios e rutas necesarios e daranse a coñecer. Os formularios estarán abertos dende o vindeiro luns 27 ata o mércores 29 de setembro.

Dende a Mancomunidade reclámase unha mellora da atención sanitaria nos centros de saúde, con falta de medios persoais, instalacións deficientes e en progresivo deterioro dende hai anos. Unha situación de precariedade que se viu acentuada coa chegada da pandemia, cunha diminución da atención presencial e medidas tomadas por Sanidade que atentan contra a calidade do servizo. Aos recortes súmase a falla de substitucións por baixas ou vacacións, o que provoca que nos centros haxa pouco persoal sanitario dispoñible e longas esperas para obter unha cita.

As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan o seu apoio aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.

O Museo presenta as obras dos nenos de Tui e Redondela, entre outros, realizadas nos obradoiros de ‘O Museo en Camiño’

O Museo de Pontevedra acollerá ata o vindeiro 24 de outubro a mostra que pecha o programa ‘O Museo en Camiño’ con traballos feitos por rapazada de Tui, Ribadelouro, Redondela, Cesantes, Arcade, Barro, Caldas de Reis, Valga, Pontecesures e Padrón no marco dos obradoiros homónimos organizados para poñer en valor o Museo de Pontevedra e o Camiño Portugués a Santiago.

A iniciativa, levada a cabo da man da Xunta de Galicia, levou ás localidades do Camiño un ‘caixón viaxeiro’ con réplicas de dez pezas consideradas esenciais para o Museo de Pontevedra: o Tesouro de Caldas, a Laxe das Picadas, o busto bifronte de Xano, o miliario romano de Salcedo, o retablo de San Acacio, un Santiago Pelegrín do século XVII, a obra ‘Santa María dende A Caeira’ de Sobrino Buhígas, unha autocaricatura de Castelao, a obra ‘O Mercado’ de Carlos Maside, ‘A Terra’ de Manuel Torres, ‘Santa Tegra’ de Lugrís, e ‘Mulleres parolando’ de Luis Seoane.

En cada unha das poboacións traballouse en grupos de nenos e nenas con cada unha das obras xerando materiais e resultados diferentes: a partir da autocaricatura de Castelao a rapazada traballou o autorretrato, definíndose graficamente facendo un debuxo de si mesmos, e tamén mediante a escritura, facendo un pequeno texto no que caracterizarse; co Tesouro de Caldas falouse da xoiería e da maneira de traballar da época, e a rapazada fixo unhas ‘xoias’ a partir de estaño , coas que primeiro traballaron graficamente facendo un deseño en papel que logo pasaron ao metal; co Retablo de San Acacio, “unha especie de cómic medieval”, fixeron unha historia en tres actos -tres viñetas- nas que contan unha historia espacial… En cada lugar desenvolvéronse actividades diferentes intentando sorprender ás nenas e nenos participantes e cuxos orixinais resultados poden verse agora na instalación situada no vestíbulo de cristal do Edificio Castelao do Museo.

Na apertura da mostra, o director do Museo destacou a satisfacción co resultado dos obradoiros, que definiu como suxestivos e atractivos. Subliñou que a de levar o Museo fóra dos seus límites físicos converteuno nun “museo difuso” con presenza en diversos puntos do territorio atravesados polo Camiño: “A través de actividades deste tipo nas que a rapazada pode participar de xeito colaborativo establécense vínculos e afectos co Museo, coa colección e o seu patrimonio, e dalgunha maneira o Museo pode cumprir un dos seus retos que é converterse nun elemento dinamizador e transformador da nosa comunidade”.

Pola súa banda, o xefe da área provincial de Turismo, Felipe Ferrero, subliñou que dende a Axencia de Turismo buscouse  dar a coñecer o Museo e tamén potenciar o Camiño como unha ruta cultural, turística e patrimonial que é importante que a xente moza vencelle coa súa poboación.

Finalmente, África Martinez, como representante do grupo impulsor do proxecto, formado por dúas entidades Paspallás e Taller Abierto en colaboración da Universidade coas profesoras Itziar Ezquieta e Begoña Paz do departamento de Didácticas Especiais, destacou a parte didáctica do traballo.

Subliñou que  se fixo unha panorámica co contido do Museo dende a Prehistoria ata o século XX a través de actividades formuladas para chegar tanto ás crianzas como a persoas non familiarizadas coa arte. “A través da exposición pódense coñecer pezas moi importantes para o noso patrimonio cuxos orixinais están nas salas da colección permanente do Museo”, explicou, sinalando que os traballos das e dos pequenos amosados na mostra do vestíbulo acompáñanse dun código QR no que se poden visualizar vídeos de como fixeron cada unha das creacións, así como as indicacións para poder visitalas de forma presencial no Museo.

Adíase a inauguración do skatepark de Tomiño

0

Debido ás desfavorables previsións meteorolóxicas, a inauguración da nova área de espazos deportivos situada na Alameda de Goián será APRAZADA ao próximo sábado 2 de outubro, mantendo os mesmos horarios e confirmando a presenza das mesmas autoridades e participantes.

Gondomar pon en marcha unha campaña de concienciación social sobre a responsabilidade colectiva en materia de limpeza urbana

A instalación de máis de mil contedores novos, a modernización da frota de camións, a ampliación e adecuación do punto limpo, a promoción da reciclaxe entre a veciñanza con reparto de máis de 300 composteiros, ou, localización de contedores de pilas e material contaminante son algúns dos moitos cambios que o servizo de limpeza de Gondomar introduciu coa chegada da nova concesionaria no ano 2019.

“Un dos nosos obxectivos era poñer fin ao caos que nesta materia arrastraba a localidade durante gobernos anteriores e lográmolo”, afirma o alcalde Paco Ferreira, quen lembra que “por primeira vez fomos recoñecidos coa Escoba de Prata”. Esforzo que vai máis aló “de lograr que a vila luza limpa se non que segue no camiño da máxima implicación para converternos nun referente de sustentabilidade”.

Desde a Concellería de Medio Ambiente dáse un paso máis para lembrar que neste labor é precisa a implicación da poboación polo que se poñerá en marcha unha campaña específica de información e unha app para “chamar á responsabilidade colectiva e sensibilizar á veciñanza sobre as boas e malas prácticas, así como sobre o papel transcendental que xogan na mellora do servizo de limpeza e recollida, e no mantemento de Gondomar”.

App de avisos e incidencias

A Concellería de Medio Ambiente xunto á concesionaria facilitarán unha aplicación aos veciños para que a instalen nos seus teléfonos, e desde a que poderán comunicar de forma directa e sinxela calquera aviso e incidencias relacionados coa A aplicación, diseñada tanto para o sistema Android como para iOS, poderá descargarse e instalarse de forma sinxela na seguinte ligazón: https://cutt.ly/OEcptlF.

“Buscamos facilitar ao máximo a resposta aos problemas ou demandas dos veciños”, afirma o edil Brais Misa, quen explica que o deseño do interface será sinxelo e intuitivo e que en cinco pasos complétase: localización automática da dirección; documentar a incidencia cunha fotografía; tipificala; incluír un comentario opcional e finalmente enviar a información.

Ao mesmo tempo desenvolverase unha campaña de información e sensibilización para “tratar de que cada vez sexan máis os que coñezan a existencia do punto limpo, e o seu funcionamento” que irá acompañada dun cambio de serigrafías nos colectores “con mensaxes de concienciación e sobre o correcto uso de cada un de eles”. Por último, engade o reparto de folletos informativos “sobre a recollida de residuos no punto limpo e o funcionamento da nova app”.

Limpeza mediante decapado zonas peonís

Coincidindo con esta campaña, a concesionaria realizará un servizo especial de limpeza mediante decapado nas principais zonas peonís e de recreo de centro urbano co fin de “crear un impacto visual de sucidade “0”. Desenvolverase en 10 xornadas de traballo, cun equipo composto por un condutor-operario e unha máquina decapadora de 1.500 litros de capacidade de auga para a limpeza en profundidade de beirarrúas e zonas peonís, equipada cunha bomba de alta presión. Unha vez finalizado o traballo, realizaranse seguimentos para analizar o comportamento desde a poboación, desde un punto de vista cívico e de cumprimento da ordenanza pública de limpeza”.

Margarita Ledo, Sonia Méndez Alonso e Noemí Chantada, premiadas na I edición de Mulleres no Foco”

Nunha gran gala ao máis puro estilo cinematográfico, con photocall e alfombra violeta, a Deputación de Pontevedra e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA) situaron ás mulleres do audiovisual galego no seu merecido primeiro plano coa entrega dos I Premios “Mulleres no Foco”, que naceron para poñer en valor o traballo feminino no sector que aínda permanece invisibilizado.

O Auditorio Centro Social Afundación de Vigo foi o máxico escenario deste evento cheo de cine, música e sorpresas, no que Margarita Ledo, Sonia Méndez Alonso e Noemí Chantada convertéronse nas tres primeiras galardoadas por un xurado profesional de entre un total de 14 profesionais nomeadas. A cerimonia, que encheu o aforo con máis de 150 persoas en directo e que foi retransmitida por streaming, estivo conducida polas actrices Neves Rodríguez, Mela Casal e Sheyla Fariña e amenizada coa actuación musical de Guadi Galego.

Nun patio de butacas maioritariamente feminino, a cultura galega foi a gran representada na estrea destes primeiros premios, con persoas dos distintos sectores como festivais cinematográficos, colectivos do audiovisual, a xestión cultural ou cineclubs galegos. Amais, o evento contou con representantes de colectivos que traballan a prol da igualdade, do sector empresarial e social, e cunha nutrida presencia de alcaldesas e alcaldes da provincia, deputadas e deputados provinciais, así como do Parlamento galego e do Congreso ou dirixentes dos Consulados estranxeiros en Vigo.

Margarita Ledo, Sonia Méndez e Noemí Chantada recibiron de mans de Carmela Silva, a actriz Uxía Blanco e a produtora Chelo Loureiro, respectivamente, o premio “Mulleres no foco”, deseñado pola artista Pilar Alonso, que representa un vangardista carrete de cine no que destaca o emprego do metal, metacrilato e o debuxo. Amais, a presidenta e Chelo Loureiro, integrante da xunta directiva de CIMA, tamén fixeron entrega doutro agasallo, unha menina de Sargadelos, ás 14 nomeadas.

[su_image_carousel source=”media: 45532,45533,45535″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Queremos visibilizar ás mulleres do audiovisual e recoñecelas, dixo a presidenta provincial Carmela Silva, pero tamén estamos aquí para reivindicar que se conten as nosas historias desde as nosas miradas”. Na súa intervención, a presidenta da Deputación salientou “a gran revolución do audiovisual que está a vivir Galicia, onde moito dese sector está liderado por mulleres, pero fixo fincapé en que estes son tamén uns premios reivindicativos “para rachar con datos intolerables”. Neste senso, lembrou que as mulleres só ocupan o 33% dos postos de responsabilidade nos filmes españois e nos últimos seis anos a súa presencia só aumentou un 5%. Amais, as películas dirixidas por mulleres contaron cun 51% menos de orzamento que as realizadas por homes, situación que aínda é máis acusada en Galicia, cun 76% menos de presuposto e só cun 21% de longametraxes dirixidas por mulleres. “Está claro que falta a metade das miradas e por tanto nacen estes premios –afirmou-. Hai grandísimas mulleres que están a apostar porque nós esteamos presentes no cinema coa nosa mirada, que é complementaria coa dos nosos compañeiros de vida. E a verdade é que están dando moito que falar e tendo grandes éxitos, pero aínda temos moito que percorrer”. A presidenta rematou a súa intervención co poema “Somos mulleres”, de Elvira Sastre, que reflicte a loita pola igualdade e que conclúe afirmando “Porque un mundo sen mulleres / Non é máis que un mundo baleiro e a escuras. E nós / estamos aquí / para espertarvos e prender a mecha”.

Amais das tres galardoadas, foron recoñecidas as tamén nomeadas Araceli Gonda (guionista), Belén Montero (técnica, editora, montadora e guionista); Eire García (guionista e directora); Lucía Estévez (directora); María Isabel Martínez (produtora); Manane Rodríguez  (produtora, directora e guionista); María Moldes (fotógrafa); Paula Cons (produtora, directora e guionista); Pilar Comesaña (guionista) e Teresa Fernández-Valdés (produtora). Tamén estaba nomeada a título póstumo Micaela Sinde Stompel, produtora, actriz e docente falecida no 2019 que foi xefa de estudos do IES Audiovisual de Vigo. A súa candidatura quixo recoñecer a toda unha xeración de mulleres profesionais do sector.

Abano reivindicativo

A gala da Deputación contou tamén cun photocall onde as persoas asistentes recibiron un abano comemorativo de cor vermella co lema “Hai mulleres”, na estela do movemento “Me Too”. Amais, no transcurso do acto proxectouse tamén un audiovisual de mulleres directoras galegas con fragmentos de filmes como “Illa das Mentiras”, de Paula Cons”, “Luz Fandiño, a poeta analfabeta” de Sonia Méndez ou “Arima” de Jaione Camborda”.

O Consello Veciñal de Salceda contará coa representación de todos os sectores

Este xoves celebrouse a reunión de organización do Consello de Participación Veciñal de Salceda de Caselas, presidido pola alcaldesa Verónica Tourón.

Unha vez actualizado o Rexistro Municipal de Asociacións, un total de 49 asociacións do eido educativo, cultural, social, veciñal, comercial, deportivo, de montes, etc. solicitaron formar parte deste Consello. Nesta primeira reunión participaron a maior parte delas e acordouse celebrar a sesión constitutiva do consello o próximo 18 de novembro.

 O regulamento de Participación Cidadá que inclúe a constitución do Consello Veciñal aprobouse por acordo do Pleno Municipal o 27/08/2020 e foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o 7 de setembro de 2020.

A pandemia impediu realizar esta sesión informativa antes e atrasar a data da sesión constitutiva do Consello de Participación Veciñal.

Na reunión debateuse o  borrador de regulamento interno no que se define o Consello, a súa composición, as funcións e como van a desenrolarse as sesións, que se celebrarán como mínimo cada seis meses. A aprobación deste regulamente formará parte da orde do día da primeira sesión constitutiva de novembro.

A presidencia corresponderalle a alcaldesa Verónica Tourón, que é responsable ademais da área de Participación Veciñal e participarán no consello ademais tres concelleiros/as designadas pola alcaldesa e unha persoa representante de cada unha das asociacións.

O rexistro de asociacións segue aberto e tamén segue aberta a opción a participar no Consello, solicitándoo en calquera momento, xa que se trata dun órgano aberto.

A participación veciñal é un compromiso do goberno, considerando indispensable que os elementos dinamizadores da vida social teñan unha participación activa na vida política do Concello e actúen como complemento enriquecedor da democracia representativa.

Verónica Tourón, alcaldesa e concelleira de participación cidadá, declarou que “a pesar da época de pandemia que estamos a vivir queremos impulsar un concello aberto e democrático, fomentando a participación da veciñanza. Contar nesta reunión coa maioría das asociacións do noso concello é síntoma de que vamos no bo camiño e  o consello será un órgano no que haxa un debate transparente e construtivo para mellorar a nosa vila”.

O coro I Bimbi Appassionati convoca un casting na búsqueda de novas voces

0

“ I BIMBI APPASSIONATI” nace en xaneiro 2018 da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo. É a canteira infantil e xuvenil do coro Gli Appassionati (con 12 premios nacionais e internacionais, considerado un dos millores coros de España) e estáse organizar para crear unha formación vocal de gran calidade ao igual que o fixeron os seus irmáns maiores.

O Bimbi é unha formación integrada por nenos de entre 8 e 16 anos (sección infantil) e a partires dos 16 (sección xuvenil), “apaixoados” polo canto e a música en xeral que os define como grupo. Antes da pandemia contaba con 32 coristas e despois de ano e medio sen voltar a xuntarse e facer o que máis lle gusta, que é cantar, queren retomar a súa actividade e incrementar o número de cantantes para afrotar retos moi interesantes (formación vocal, concertos, viaxes, etc).

A pesar da sua curta andaina xa deron diversos concertos a capella, acompañados de piano e se estrearon con ópera acompañados da Orquestra Talenta no auditorio de Ourense. No 2019, ademáis de numerosos concertos na provincia de Pontevedra, viaxan a Barcelona e cantan na Sagrada Familia e Mosteiro de Montserrat xunto a súa escolanía (unha das escolanías máis importante de Europa) acadando un gran éxito, de feito, foron convidados a participar nun concurso internacional que se celebraba en Moldavia ao ano seguinte. Por mor da Covid-19, este certame celebróuse vía online e os nenos acadaron o primeiro premio (Diploma de Ouro).

O casting

O casting terá lugar mañá sábado 25 de setembro ás 10:00 no CEIP Humberto Juanes de Nigrán e as 17:00 na igrexa dos Xesuitas de Vigo. Os interesados deben enviar un email: [email protected] ou ben presentarse o día do casting no lugar que máis lle conveña.

Descripción das actividades

Tratase de ofrecer unha labor didáctica e moi completa de forma que os nenos, ademais de recibir clases de canto, respiración, colocación do son, dicción, etc, disfruten da música e sobre todo do traballo en equipo e ao mesmo tempo que os resultados desta tarefa poidan chegar a todos os públicos.

Fálase de facer unha programción interdisplinar xa que nunha obra poderanse traballar diferentes materias coma a música, o canto, a literatura, poesía, historia e outras disciplinas como a danza, o mundo audiovisual, ecenografía, etc.

Cuotas

A participación no coro ten un custe de 20 euros ao mes. Os ensaios son de hora e media á semana. Esta cuota destínase para pagar ao profesorado de técnica vocal, pianistas acompañantes nas actuacións e esaios previos, seguros dos nenos, partituras, etc.

Toda información adicional que se precise pódese atopar na páxina web do coro, premando na pestana I Bimbi: http://corogliappassionati.com/.

Redondela reafirma o compromiso cos seus ríos sumándose á limpeza simultánea do ‘Proxecto Ríos’ de Adega

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela, que dirixe Alberto Álvarez, vén de reafirmar a súa aposta polos ríos sumándose á xornada de Limpeza Simultánea de ríos que se desenvolverá este vindeiro domingo, 26 de setembro ao abeiro do ‘Proxecto Ríos’ promovido por Adega.

Tal e como adiantou Alberto Álvarez, o Concello redondelán a través do Departamento de Medio Ambiente colaborará coa asociación ArteLixo e coa Asociación de Veciños de Chapela nas limpezas que levarán acabo nos ríos Pexegueiro e Maceiras.

“Nestas últimas datas estivemos traballando arreo na limpeza e rozado das beiras dos treitos urbanos dos nosos ríos que son nos que o Concello ten competencias –explica o concelleiro– polo que a participación no Proxecto Ríos e a campaña de limpeza simultánea supón unha acción máis na protección do noso medio natural”.

Río Pexegueiro

A limpeza do río Pexegueiro, organizada pola asociación ArteLixo terá o seu punto de reunión e saída fronte á Piscina Municipal de Redondela ás 10 horas. Unha vez rematadas as labores de limpeza, está prevista a celebración dun xantar popular á beira do río na que as e os participantes deberán levar a súa comida. A inscrición para participar nesta iniciativa deberá realizarse no correo [email protected].

Río Maceiras. Chapela

No que á limpeza río Maceiras fai referencia, actividade organizada pola Asociación de Veciños de Chapela e que chega xa a súa sétima edición, o punto de reunión será no Camiño Laredo de Abaixo, 3 (coordenadas GPS 42.265495, -8.674221) ás 10:30 horas. A zona de estacionamento será fronte a Piscina Municipal de Chapela (42.266485, -8.675588). Dadas as restricións sanitarias, será preciso inscrición previa que pode formalizarse no correo [email protected].

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, lembrou a importancia de iniciativas como o ‘Proxecto Ríos’ “que, máis aló do feito puntual da limpeza dos nosos ríos, son unha extraordinaria ferramenta de sensibilización e educación ambiental”. Rivas subliñou a “implicación” tanto de ArteLixo coma da Asociación de Veciños de Chapela “á hora de preservar o noso medio ambiente e de concienciar á cidadanía da importancia que teñen os nosos ríos como fonte de vida”.

A primeira edición de ‘Descúbreas’ terminará cunha gran gala no Castelo de Soutomaior

A Deputación visibilizará cun novo gran evento este próximo martes, 28 de setembro, o talento musical feminino da provincia. A Explanada dos Plátanos do Castelo de Soutomaior acollerá ás 20 horas a gran gala que porá o broche á primeira edición do programa Descúbreas, que promoven a institución provincial e Regalamúsica, proxecto de empoderamento das rapazas no ámbito musical dirixido a rachar coas “intolerables” cifras de brecha de xénero que, ao igual que no sector audiovisual, seguen a amosar a invisibilización das mulleres neste ámbito. O evento amosará o conxunto do traballo destes últimos meses e contará coa actuación das músicas Guadi Galego e Woyza.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva sinalou que “coa música acontece o mesmo que co audiovisual. Elas estudan, son as mellores. Pero logo ter unha carreira profesional convértese nalgo imposible, e por iso naceu este programa da man de Regalamúsica, que desde a Deputación apoiamos porque nos gusta sumarnos aos proxectos intelixentes”. A presidenta cualificou de “extraordinarios” os resultados da actividade na que oito mozas foron as protagonistas e serán “as estrelas” na Gala do martes. Trátase de Inés Cortegoso (Pontevedra), Aroa Ferreiro (Vigo), Sara Sanmartín (Pontevedra), María Ferreirós (Vigo), Xia (Uxía González, de Salceda), Law (Laura Martínez, de Vigo), Alicia Moreira (Poio) e Eva Pico (Marín). Elas presentarán os videoclips que gravaron nun estudo como parte do proxecto. “Estas mozas van ter unha carreira musical porque son extraordinarias, boísimas,  e porque estamos empeñadas e empeñados en que así sexa”, subliñou a presidenta.  

Guadi Galego interpretará dúas cancións, unha delas “Matriarcas”, protagonista do primeiro dos vídeos colaborativos de Descúbreas, no que 20 rapazas de escolas de música uniron as súas voces a 15 instrumentistas para interpretar esta canción. Tamén presentarase a primeira parte do segundo vídeo colaborativo do programa, no que Woyza é a responsable da adaptación da canción I’m a woman, de Helen Redding, que cumpre 50 anos. “Un tema –dixo Carmela Silva- que é o meu himno, que trata de que ás mulleres non nos poden vencer, porque somos a metade do mundo e traballamos xuntas para transformalo”. A segunda parte deste vídeo estará conformada coa gravación da interpretación deste tema que precisamente terá lugar en directo na gala, no que Woyza estará acompañada polas mozas participantes para interpretar a mítica canción. Por outra banda, proxectaranse outros dous vídeos, un sobre as actividades de Descúbreas e outro titulado “Mentoring”, un resumo do proceso das mozas, que culminou coa gravación dos temas e videoclips.

A Deputación está xa a preparar a segunda edición deste “espectacular proxecto” que, como subliñou a presidenta provincial vai estar dotado con máis dotación, “porque é fundamental que haxa recursos públicos para loitar contra a desigualdade”. “Amais –engadiu- imos poñernos en contacto con empresas e outras administracións, como o Ministerio de Igualdade, porque este proxecto precisa de moitos apoios para poder seguir crecendo e que en 5 anos podamos dar novos datos e dicir que teñan mellorado”.

Pola súa banda, Javier Abreu, responsable de Regalamúsica, destacou que Descúbreas “é un proxecto transversal” no marco do compromiso coa igualdade, “porque é un absurdo ter tal cantidade de talento e non dalo a coñecer”. Agradeceu a sensibilidade de Carmela Silva e a Deputación no apoio a este programa que, como dixo, está lonxe de ser “un Operación Triunfo ou nada que se lle pareza”, senón que se centra “no acompañamento das rapazas nos seus primeiros pasos de cara a contactar coa industria musical”. “Tamén estamos a falar do seu desenvolvemento persoal, traballando neste contexto de empoderamento –afirmou-. O noso traballo non é tanto facer os videoclips ou gravar as cancions, senón facer que decidan o que queren facer, iso si, asesoradas no percorrido. Non estamos postulando ás rapazas para que se dediquen xa automaticamente ao tema profesional, que sería xenial, senón que decidan se queren ou non ser profesionais”. Tamén enxalzou o papel das mentoras, “porque entendemos que un factor fundamental é a transmisión de coñecemento, desde as profesionais do ámbito feminino ao colectivo masculino”. En representación das mentoras, falou Andy González, coach de Imaxe Persoal, quen cualificou Descúbreas como “un proxecto humano e enriquecedor de empoderamento feminino” e destacou a implicación das mozas participantes, “que teñen un talento impresionante. Nótase que hai moitísimo talento, pero aínda se necesitan os medios e proxectos como este para dalas a coñecer. Esperamos que siga a converterse nalgo grande porque é moi necesario”.

O Club Petanca do Condado Salvaterra, imparable

O Club Petanca do Condado Salvaterra continúa coa súa racha gañando os trofeos do torneo de dupletas e tripletas de Negreira na Coruña, tras ser dúas veces camión de Galicia e participando no campionato de España en Mallorca e Barcelona.

[su_image_carousel source=”media: 45451,45450,45449,45448,45447,45446″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Grande éxito do showcooking de Eurochef en Mos

0

Novo éxito de Eurochef cos seus showcookings para poñer en valor os produtos gastronómicos do territorio. Os chefs Iván Méndez e Álex Iglesias fixeron as delicias do público que se achegou ata o Pazo de Mos para desfrutar da arte culinaria destes dous cociñeiros e dos seus pratos únicos. Nesta ocasión prepararon pisto de verduras do Rosal con vieira, unha reinterpretación de aproveitamento de cocido de Lalín e unha tosta de pan do Porriño con canela, crema de varios queixos e marmelo con mirabel. Todo acompañado polo viño do Rosal da DO Rías Baixas.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro; e a edil de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, achegáronse ata o pazo para dar a benvida aos chefs e ao público participante no evento.  Dende Eurural e todos os grupos de desenvolvemento rural participantes no proxectos Eurochef agradécese a colaboración do Concello de Mos e do Pazo de Mos para levar adiante o showcooking.

Esta actividade forma parte da programación prevista polo Eurochef Project, un proxecto de cooperación transnacional Leader liderado por Eurural e no que participan o grupo de desenvolvemento rural galego Pontevedra Norte e o romanés de Bucovina de Munte. Con esta iniciativa búscase fusionar cociñas para dar a coñecer os produtos dos tres territorios máis alá das fronteiras, fomentar o turismo gastronómico e crear novos mercados noutros países.  O proxecto conta cun orzamento de 300.000 euros, dos que os grupos de desenvolvemento galegos achegan 112.000 euros financiados ao 90% pola Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural, dentro da medida 19.3 de cooperación a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Agader.

Cambios de localización dos actos das Festas do Cristo do Porriño

Por mor da mala previsión meteorolóxica para as Festas do Cristo do Porriño, as localizacións dos diversos eventos veranse afectados.

Cambio de localización do concerto das Tanxugueiras

A Concellería de Cultura e Festexos informa que, debido á mala previsión meteorolóxica desta fin de semana, se traslada o concerto das Tanxugueiras previsto para o domingo 26 de setembro ás 21 horas.
A nova localización será o Pavillón Municipal do Porriño. A partir das 19.30 horas abriranse as portas do pavillón con control de capacidade.

Esta actuación pertence ao Programa Musigal 2020/2021 da Deputación de Pontevedra.

Outros cambios de localización para varios eventos

A Concellería de Festexos comunica que hai varios cambios de localización para diversos eventos das Festas do Cristo, debido ás previsións de mal tempo para hoxe e mañá.

  • As eliminatorias do concurso “Trivium Porriño”: tanto hoxe, venres 24 como mañá, sábado 25, trasládanse ao pavillón escolar “Fernández López”, á mesma hora (de 18 a 20.30 horas).
  • Aprazamento do concerto “Classic Mitic” que non se celebrará esta noite. En breve comunicarase unha nova data.
  • Pregón das Festas: trasládase á carpa da explanada “Roxy”. Sábado 25, ás 13.00 horas.
  • Concerto da Banda de Música Popular de Tuy. Será na carpa da explanada “Roxy”, despois do pregón. Arredor das 13:30 horas.
  • VII Festival “Montando Cristo”. Trasládase ao local da AAVV San Salvador de Torneiros. E a hora de inicio é avanzada, a partir das 18 horas.
  • Hai outros cambios na localización dos eventos previstos para o domingo 26 que se poden consultar e actualizaranse na páxina web de Cultura.

O alcalde da Cañiza visitas os centros escolares de Valeixe e A Cañiza

0

Coincidindo co inicio das clases deste curso escolar 2021-2022, o alcalde da Cañiza, Luis Piña, achegouse ata os centros de ensino do Municipio para supervisar os traballos de mantemento realizados polo Concello nestas instalacións durante este verán.

No referente á crise de saúde xerada pola Covid-19, o alcalde quixo enviar a toda a comunidade escolar unha mensaxe de normalidade xa que polo de agora están garantidos  todos os protocolos e medidas sanitarias.

Por outra banda, neste curso escolar, segundo se recolle no DOGA 104 do 04/06/21, os períodos vacacionais quedan establecidos en:

  • Nadal (desde o 22 de decembro de 2021 ata o 7 de xaneiro de 2022, ambos inclusive).
  • Entroido (os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo de 2022).
  • Semana Santa (desde o 11 ata o 18 de abril ambos inclusive).
  • Non serán días lectivos os declarados festas de ámbito estatal e os festivos oficiais da Comunidade Autónoma.
  • Tampouco o Día do Ensino, que se celebrará o 11 de outubro de 2021, polo que será non lectivo a efectos académicos.
  • Ademais, instáurase como novidade por primeira vez neste curso a celebración do Día de Rosalía de Castro o 24 de febreiro de 2022.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda mobilizarase novamente

0

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda, xunto co resto das plataformas en defensa da sanidade pública da Área Sanitaria de Vigo, súmase a unha manifestación convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo.

Esta manifestación xorde como resposta ante o perigo ao que está sometida a atención primaria, tanto pola falta de persoal como a falta de medios.

Concretamente, a atención sanitaria na Guarda foi un claro exemplo, durante os meses de verán, do que está a pasar en toda a área sanitaria e mais no conxunto de todo o país. A Consellería de sanidade segue sen cubrir as vacacións, así como as baixas do persoal sanitario.

Toda esta situación leva a que na Guarda, no día de hoxe, só teña dispoñibles tres médicos dos oito que lle correspondería. Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda consideran que son motivos suficientes para acudir á manifestación convocada o 30 de setembro.

Eles encargaranse de facilitar transporte público aos veciños da Guarda que queran acudir, pero pregan previa inscrición chamando ao teléfono 986 61 04 65.

O Arquivo Histórico e Biblioteca Municipal de Baiona ofrece catro contacontos de dinamización á lectura

0

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona, a través do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal, ofrece catro contacontos infantís a través do programa de dinamización da lectura “Ler conta Moito”.

Así, o primeiro deles terá lugar o mércores 29 de setembro, ás 18:00 h, e será “Levántache Xan”, por Caxoto. Unha viaxe chea de contos, cantigas e xogos na que os bebés se deixarán levar polo ritmo das palabras e o sabor da música en directo. Un espectáculo que terá unha duración estimada de 30 minutos.

O 6 de outubro, tamén ás 18:00 h, o Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal acollerán outro contacontos para bebés, pero está vez a cargo de Pablo Díaz. Contos fáciles de entender para o público máis miúdo da casa, música e xogo. Con este guión gozarán pequenos e pais. Nesta proposta farase unha viaxe a través de temas e rutinas convertidas en arte mediante o fío condutor da música.

O 13 outubro, tamén á mesma hora e no mesmo escenario, ofrecerase unha nova sesión de contacontos na que o dúo Pavís Pavós relatará aos pequenos unha historia.

Estas tres actividades ideáronse para bebés de 0-3 anos polo que deberán ir acompañados por unha persoa adulta.

O programa finaliza o 18 de outubro ás 18:00 con “ Aprende a contar contos”, pola Escola dás Utopías. Un actividade pensada para maiores de 14 anos. Un obradoiro de técnicas básicas de narración oral a través de distintas.

Por cuestións de seguridade sanitaria, é imprescindible a inscrición previa para cada un deles no Arquivo Histórico e Biblioteca Pública Municipal do Concello de Baiona (con horario de apertura de luns a venres de 09:00-14:00 h e de 16:00-20:00h e os sábados de 09:30-13:30 h) ou no teléfono 986 35 59 43.

Nigrán acolle, co apoio da Xunta, o primeiro Campionato galego de surf adaptado en Patos

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asistiron na praia de Patos, en Nigrán, ao primeiro Campionato galego de surf adaptado, que comezou onte e que se celebrará ata o domingo. Alí, puxeron en valor a vontade inclusiva do torneo no que participan medio cento de deportistas con discapacidade.

Fabiola García felicitou a Quenlla Surf Clube pola organización deste evento e recordou a necesaria implicación de todo tecido social para conseguir unha integración real das persoas con discapacidade. Deste xeito, subliñou o apoio da Xunta ás entidades que a diario traballan neste eido, por ser un aliado fundamental para conseguir a igualdade de oportunidades para todas as persoas.

Ademais, a conselleira de Política Social asegurou que é unha honra para o Goberno galego acoller esta competición no entorno da Residencia de Tempo Libre de Panxón, na que nos últimos cinco anos se investiron medio millón de euros en actuacións para renovalo. De feito, véñense de licitar por máis de 270.000 euros as obras de substitución da cuberta.

Preto de 4000 licencias

Pola súa parte, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, comezou por sinalar o crecemento exponencial que ven de producirse nestes últimos anos neste deporte na Comunidade Autónoma; de 720 licenzas coas que rematou o 2019, pasáronse a  3949 en 2020, e este 2021 vai camiño de pecharse con idénticas cifras de récord. “Galicia é unha referencia nacional e internacional para esta modalidade deportiva”, remarcou o secretario xeral quen destacou os eventos deportivos que cada ano se celebran en Galicia e as excelentes condicións naturais galegas como algunhas das claves do éxito do surf en Galicia.

Finalmente, o secretario xeral para o Deporte, quen fixo tamén especial fincapé no coidado e responsabilidade medioambiental do deporte en xeral e do surf en particular, acabou remarcando cómo “estes  campionatos de surf adaptado representan a esencia do deporte, da inclusión e da igualdade de oportunidades; un exemplo de cómo o deporte e o surf son motor dunha integración social activa”.

Concello de Mos e Xunta apoian ao VI Festival Intercéltico ‘O Son do Pazo 2021’

0

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reuniuse no Pazo de Mos cos membros da organización do VI Festival Intercéltico O Son do Pazo 2021, e coas representantes municipais Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, e Sara Cebreiro, concelleira de Cultura e Turismo mosense.

O representante da Xunta puxo en valor esta cita para divulgar tanto a nosa música como os oficios tradicionais vencellados a ela. Un evento que se celebrará esta mesma fin de semana con acceso gratuíto pero para o que xa non quedan entradas dispoñibles.

O Son do Pazo 2021 conta co apoio do Concello de Mos e a Xunta de Galicia. O festival está organizado polo Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos e celebrarase este venres 24 e sábado 25.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor citas como o festival mosense, “que afondan na música galega e de raíz e que contribúen ademais á divulgación dos oficios máis tradicionais vencellados á nosa historia musical”. Non en balde, durante os dous días do festival, desenvolveranse mostras de coiro e instrumentos tradicionais e diferentes obradoiros. No eido das actuacións, abrirán o festival o grupo Fillos D’Pile e a banda de gaitas do Casco Vello. A sesión vermú do sábado correrá a cargo de Cé Orquestra pantasma e Acordeireta, mentres que pola tarde será a quenda de Artur Puga (cun obradoiro de baile) e da banda de gaitas Airiños do Castelo. Lagharteiras, Fiandola e Pelepau porán o ramo ao festival.

Complétase a limpeza exterior da Casa do Concello do Porriño

O pasado mes de agosto deron comezo, no Porriño, as tarefas de limpeza das fachadas do Concello, iniciando os traballos polo lateral do edificio consistorial que cara á rúa Antonio Palacios.

Estes traballos foron levados a cabo polos traballadores da empresa “Naturgalia”, que retirarán o valado exterior e a maquinaria que rodea o edificio do Concello, unha vez rematada la limpeza das fachadas. Durante os últimos días, realizouse unha hidrolimpeza e aplicouse unha imprimación para evitar novas humidades, co fin de preservar o edificio, deseñado polo arquitecto Antonio Palacios.

Non obstante, continúan os traballos de reparación do tellado dunha das torres, nas fiestras e continuarán no interior, na zona que ocupa o departamento de Servizos Sociais, para solucionar graves problemas de humidade e filtracións que se producen coas choivas.

Esta actuación, promovida pola concelleira de Vías e Obras, Lourdes Moure, está financiada cos remanentes do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O importe das obras ascende a un total de 31.000 euros.

[su_image_carousel source=”media: 45399,45401,45402″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O Concello de Tui edita un caderno didáctico e un mapa coa peregrinación de León de Rosmithal

0

O Concello de Tui vén de editar un caderno didáctico e un mapa para conmemorar o 555 aniversario do paso por Tui de León de Rosmithal camiño de Santiago de Compostela. Este material vai especialmente dirixido aos e ás escolares tudenses.

Foi en 1.466 cando o nobre León de Rosmithal pasou por Tui, xunto a súa ampla comitiva, tanto na viaxe de idade coma de volta da súa peregrinación á tumba do apóstolo Santiago en Compostela.

O obxectivo da Concellería de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, que dirixe o concelleiro Laureano Alonso, con esta edición é a difusión do fenómeno da peregrinación xacobea e os valores que representa entre os cidadáns tudenses, especialmente os menores, para consolidar a tradicional hospitalidade tudense cara aos peregrinos e posicionar ao noso municipio nos Camiños de Santiago.

Este material conta co deseño e o debuxo do ilustrador tudense Andrés Lamas que realizou un amplo traballo de documentación que reflectiu no mapa que acompaña ao caderno didáctico. No mesmo recóllese unha breve introdución sobre este nobre peregrino e a transcrición do relato do seu paso pola cidade de Tui, para rematar cunha proposta de sinxelas actividades para a aula a realizar polo alumnado tudenses.

Este material vai ser distribuído nos centros educativos tudenses. O concello contempla un agasallos para todos os alumnos e alumnas que participen na propostas de actividades que se ofrecen.

O concelleiro Laureano Alonso explica que a edición deste caderno didáctico é unha nova accións desenvolvida polo Concello de Tui para a promoción da nosa cidade no ámbito xacobeo. Súmase así á creación do Foro do Camiño, a edición de material promocional ou a presenza en Facebook co perfil “Camiño Portugués. Tui”.

‘O País das Bandas’ ofrece esta fin de semana concertos en Tui, O Rosal, Baiona e Gondomar

Os concellos de Tui, O Rosal, Baiona e Gondomar  acollen esta fin de semana senllos concertos do ciclo O País das Bandas, promovido pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22. As actuacións serán a cargo da Banda de Música de Salvaterra, da Agrupación Musical de Vincios, da Unión Musical de Coruxo e da Banda de Música Belas Artes de Cangas.

Así, o sábado ás 19,00 horas, o Paseo da Corredoira de Tui converterase en escenario para a Banda de Música de Salvaterra, que interpretará Agárrate saxo, Suitte galaica, Semente dun home sabio, Bodas de Luís Alonso, God save the Queen e Fiesta de las trompetas. Completan o programa Deep Purple Medley, Cumbanchero, Que rico el mambo, Mozos do penedo, Ponteareas e Martinica. Presentada en 2007, a agrupación suma unha media de 55 músicos e está dirixida por Daniel Gregores Muñoz.

Pola súa banda, a Agrupación Musical de Vincios actuará ás 21,00 horas na Praza do Calvario, no Rosal. A fundación da Asociación Agrupación Musical de Vincios en 1982 fai realidade o proxecto desta banda de música, dirixida na actualidade por Adrián Viñas Alonso. O repertorio previsto para o sábado é Soñar en Xirimbao, Atlantis, Fate of the gods, Invicta e A mi banda. Soarán tamén Abba mía, Mi gran noche, Campo de Noia e Mozos do Penedo.

Concertos en Gondomar e Baiona

Xa o domingo, a Praza do Concello de Gondomar acollerá ás 12,00 horas a sesión protagonizada pola Unión Musical de Coruxo. Fundada en 1880, esta formación é a decana das bandas de música de Vigo e unha das máis antigas de Galicia. Desaparecida en 1972, rexurdiu apenas dez anos máis tarde. Na actualidade está dirixida por Francisco Javier Quintas Alonso.

As pezas que interpretarán son Enrique López, Airiños aires, Feiticeira, Muiñeira dos pendellos e Amparito Roca. Abba gold, Medley boleros, Moment for Morricone, Orpheus in the underworld e Forever UMC completan o repertorio.

Finalmente, nesta mesma xornada ás 13, 30 horas será a quenda da Banda de Música Belas Artes de Cangas, cun concerto na Praza de Santa Liberata, en Baiona. Baixo a batuta de Humberto Carballo Martínez, o programa é Rúa da fonte, Pilatus: Montain of dragons e Muiñeira dos clarinetes. Soarán tamén Oblivion, Suite galaica, A tribute to Amy Winehouse, Pasodobre popular, Don Pajarita, O gordo da rotonda e  Que rico el mambo!

A existencia dunha formación musical canguesa pasa diversas etapas desde 1926, cando xorde a Banda de Música de Cangas, ata os anos 80, nos que comeza a moderna traxectoria da agrupación da man do mestre Inocentes Camaño coa colaboración de Jesús Cordeiro. En 1985 fúndase a Asociación Cultural Belas Artes e en 2019 a banda recupera a súa escola de música co obxectivo de formar novos compoñentes que garantan o seu futuro.

O País das Bandas arrincou o pasado 1 de xullo e percorrerá Galicia ata o 30 de setembro con case un cento de concertos a cargo de 77 agrupacións que suman máis de 3600 músicos. O obxectivo é impulsar a recuperación da actividade das bandas na Comunidade, como grandes depositarias da tradición  musical galega.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro do acordo asinado o pasado maio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Federación de Bandas, mediante o que a Xunta cuadriplicou a súa colaboración con este colectivo, cunha achega de 400.000 euros.

Mos renova e dota de máis material as súas principais instalacións deportivas

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Deportes, José Areal, visitaron onte pola tarde, acompañados de membros das directivas da Unión Deportiva Mos e do Club Louro Tameiga, varias instalacións deportivas municipais (campos de fútbol das Baloutas e Cototorrón) que acaban de ser dotadas de novo equipamento deportivo, cuxa adquisición foi posible grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

As infraestruturas deportivas beneficiarias desta renovación de material son o Pavillón Óscar Pereiro (ximnaxio e piscina), Campo de Fútbol das Baloutas e Campo de Fútbol de Cototorrón.

A Secretaría Xeral para o Deporte, no exercizo das súas competencias e funcións, colabora deste xeito na mellora das infraestruturas e dos equipamentos deportivos municipais do Concello de Mos, optimizando instalacións deportivas básicas.

Neste sentido é de interese da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, a colaboración coa administración local mosense para o fomento do deporte no ámbito municipal promovendo actuacións coa finalidade de optimizar as infraestruturas deportivas de uso público.

Así, Concello de Mos e Secretaría Xeral para o Deporte, participaron conxuntamente neste proxecto de renovación de material deportivo en dotacións municipais co obxectivo de potenciar o deporte base sendo conscientes da importancia da súa colaboración para afrontar melloras que beneficien ao conxunto dos cidadáns para a práctica deportiva. A Xunta de Galicia presta así o seu apoio ao Concello de Mos, considerando as súas particulares circunstancias.

O importe total das actuacións realizadas ao abeiro deste convenio ascende á cantidade de 14.979,80 euros, destinado á adquisición de equipamento para diferentes instalacións municipais, aportando a Secretaria Xeral para o Deporte un 90% do total e o Concello de Mos o 10% restante.

Deste xeito adquiríronse para o ximnasio do Campo de Fútbol das Baloutas da Unión Deportiva Mos, elípticas, bicicletas estáticas, máquinas de remo e material diverso, ao igual que para o ximnasio do Campo de Fútbol de Cototorón do Club Louro Tameiga. Mentres que para o Pavillón Óscar Pereiro adquiriuse unha nova máquina de musculación, banco, discos, material vario para natación, aquagym e waterpolo e outro tipo de material deportivo.

No caso do Pavillón Óscar Pereiro as súas instalación son utilizadas por diferentes entidades/clubs deportivos, entre os están varios clubs de fútbol sala e patinaxe artística (Xiramos, Rosaleira e Escolas de Patinaxe), o Club Baloncesto Mos, Club Natación Mos, a bailarina Patricia Martínez, entre outros. Estas instalacións son utilizadas actualmente por unha media de 2.000 persoas ao mes (pista deportiva, piscina, sala de ximnasia …). Sendo os usuarios anuais de 20.000 persoas. É un dos edificios deportivos máis importantes do Concello de Mos, centrando a maioría das actividades deportivas, nel tamén se celebran ao longo do ano numerosos campionatos deportivos de natación, fútbol sala e patinaxe artística.

Tui reformará o Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez

0

O Concello de Tui vén de recibir a comunicación por parte da subdirección Xeral de Promoción e Innovación Deportiva da concesión por parte do Consello Superior de Deportes dunha subvención de 599.863,23€ dentro das axudas ás corporacións locais e empresas públicas municipais do ano 2021 para obras de accesibilidade e obras en infraestruturas deportivas relacionadas coa celebración de competicións de carácter internacional.

Estes case 600 mil euros destinaranse á reforma do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, sede do Club Kaiak Tudense que organiza anualmente ao Descenso Internacional do Miño.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosaba a súa satisfacción pola concesión desta  subvención que cubrirá a práctica totalidade do investimento previsto, e que inicialmente se ía asumir con cargo ao remanente de tesourería.  Con esta actuación renovaranse completamente as instalacións que datan do ano 1987. A proposta a executar buscará abrir a zona de adestramento, na planta baixa, ao Miño, cun sala de espera, entrada lateral, acceso adaptado, almacén de piraguas, e vestiarios. Mentres, no primeiro andar que aumentará en volume, plantéxase a zona administrativa, crearase unha zona de fisioterapia, sala de descanso, zona de sauna, hidromasaxe, crioterapia e vestiarios, e se manterá a zona de ergómetros. O edificio contará con novas entradas de luz natural e toda a fachada será revestida dunha “pel” que lle dará homoxeneidade e a integrará no entorno. 

Proxecto do Centro Municipal de Piragüismo

As obras comezarán en breve xa que o proxecto foi xa licitado e está pendente de completar o proceso de adxudicación.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que con este proxecto reformarase o centro municipal de piragüismo que era a única instalación deportiva de carácter público que non fora obxecto de obras nos últimos anos.

Nigrán ofrece este sábado a proxección do documental ‘Negro Púrpura’

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 25 de setembro ás 20:00 no Auditorio Municipal a proxección do recén estreado documental galego ‘Negro Púrpura’, a cargo da produtora Illa Bufarda e baixo a dirección de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva.  A entrada é de balde ata completar o aforo.

Este retrata a Galicia do s. XX a través do cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que abre as portas a unha historia tan curiosa, sorprendente e descoñecida como importante no devir da nosa cultura e da economía dunha época. Caruncho, cornecelo, dentón, cornello, grao de corvo… este fungo de mil nomes conéctanos co resto do mundo e alimenta os relatos dende a porta da veciña ata as multinacionais farmacéuticas e a CIA; dende as pragas medievais, pasando pola medicina popular, ata o LSD. Historias esparexidas que deixan un gusto amargo ao pan de centeo e que repercuten traspasados os océanos. Unha codia que garda un miolo delirante…

Futuros médicos coñeceron no Balneario de Mondariz os avances en recuperación integral post-pandemia

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago, o Balneario de Mondariz acolleu unha xornadas dirixidas a futuros médicos centradas no papel que cumpren os centros termais e a recuperación integral post-pandemia nun balneario a partir das augas mineromedicinales da vila termal.

A pandemia abriu unha liña de traballo no balneario importante porque as secuelas da Covid-19 seguen patentes en moitos dos que padeceron a pandemia e a contorna de Mondariz, as instalacións e o equipo profesional do mesmo son claves para este proceso.

As xornadas comezaron o venres pola tarde cunha charla da doutora Laura Gómez sobre o Balneario de Mondariz, á que seguiu un percorrido dos asistentes polas instalacións e unha sesión práctica no Palacio da auga.

A doutora disertou sobre o papel da hidroloxía médica no envellecemento activo, e a continuación a fisioterapeuta e o recuperador físico do Balneario explicaron as aplicacións da hidroterapia en fisioterapia e na actividade física deste tipo de pacientes.

A directora médico do Balneario de Mondariz, Laura Gómez, sinalou a este respecto, que para gozar dun envellecemento saudable hai que ter hábitos de vida físicos, mentais e sociais saudables .“A hidroloxía médica, baseada no uso das augas mineromedicinales, é unha ferramenta moi valiosa para os maiores debido a que contribúe a retardar a vellez á vez que permite abordar certas patoloxías asociadas á idade e axuda, tanto a previr enfermidades como o seu tratamento e rahabilitación en caso de patoloxías crónicas de tipo reumatolóxico, respiratorio e/ou dermatolóxico, e grazas para o efecto antioxidante e antiinflamatario das augas retárdase o proceso de envellecemento”.

“Balmi” o cachalote de Vive Nigrán xa está en Praia América

0

O compromiso do Vive Nigrán coa súa contorna e coa sostibilidade está desde hoxe plasmado na escultura “Balmi”, unha doazón do Festival integrado na marca Rías Baixas Fest da Deputación ao Concello e que xa loce na rotonda máis próxima ao campo de Monte Lourido en Praia América, onde se celebra o evento. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo hoxe en valor esta aposta medioambiental durante o descubrimento desta peza multicolor que representa a unha cría de cachalote escoitando música cuns auriculares e que foi elaborada polo equipo artístico Retoque Retro con 200 quilos de plásticos e residuos recollidos nas praias do litoral galego e tamén nas accións organizadas na sección Vive Sostible do evento. “Esta é –salientou- unha mostra da cultura circular, porque está claro que a través da cultura, neste caso da escultura, podemos transformar cousas que danan gravemente as nosas costas, que son a nosa vida, e podémolas converter en arte. Isto ten un valor moi importante”.

Carmela Silva destacou que a nova peza “é extraordinaria e vai embelecer Nigrán”, e amosa que “a cultura, a creatividade e o talento son imprescindibles para loitar contra cousas que facemos os seres humanos que están a danar dunha forma irreversible o noso planeta”. En concreto, para a elaboración de “Balmi”, cuxo nome fai referencia a súa situación no Val Miñor e que pesa máis de 400 quilos e mide máis de 5 metros de longo, o equipo de Retoque Retro, formado por Isa García (bióloga), Javi Serantes (escultor) e Ana Lee (mestra) percorreu unha vintena de praias galegas ata xuntar os 200 quilos de lixo de que está formada a escultura. Outra parte foi recollida na iniciativa Vive Sostible do festival, que promoveu este ano dúas accións de recolección de lixo en Praia América.

“Temos que darvos a gracias por un traballo ben feito –engadiu a presidenta-. E creo que non vai ser a ultima escultura deste tipo na provincia de Pontevedra, porque creo que hai que sumarse ás boas e grandes ideas. Amais, isto vai servir para que todas as persoas, particularmente a mocidade, tome conciencia de que temos que ter colectiva e individualmente unha actitude fronte a seguir danando o planeta. Polo tanto tamén é verdade que sensibiliza. Hoxe é un día moi grande para Nigrán e para toda a provincia, porque estamos a mandar unha mensaxe moi poderosa, a mensaxe de que a cultura pode ser transformadora”. Amais do equipo autor da peza, Carmela Silva puxo en valor o traballo de sensibilización feito desde o festival, as empresas patrocinadoras do evento e desde o Concello, “cun alcalde creativo, comprometido e valente, que sempre se suma a proxectos innovadores”.

[su_image_carousel source=”media: 45363,45357,45362,45361,45359″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Balmi” está elaborada a tamaño real dunha cría de cachalote, e está construída con paos de bateas, caixas de pescado, bidóns ou nasas plásticas entre outros materiais. O recubrimento elaborouse con botellas, tapóns, restos de xoguetes e trouzos de nasas que chegaron ás costas. A maior parte do lixo empregado, un 90%, é  mariño e o restante 10% urbano, con botellas e tapóns proporcionados pola veciñanza da zona. Amais de ser a acción máis destacada da iniciativa Vive Sostible do festival e símbolo de compromiso medioambiental, a escultura tamén busca a sensibilización social cara o papel das baleas e os mamíferos mariños no mantemento dos ecosistemas e do clima, e a alertar sobre a súa desaparición, coa ameaza que os plásticos supoñen para estas especies. Precisamente, Alfredo López, da Asociación Cemma, incidiu na súa intervención que a obra tamén rende homenaxe a unha balea que varou hai anos en Praia América e morreu pola inxestión de plástico.

O alcalde, Juan González, tamén se referiu ao papel sensibilizador da escultura:  “Que ‘Balmi’ nos conciencie da necesidade de seguir coidando este planeta” e agradeceu ás persoas participantes a súa implicación no proxecto, así como “a todo o voluntariado que axudou na recollida do lixo”. Pola súa banda, o director do festival, Juan Rivas, destacou que os Rías Baixas Fest “levan no seu ADN a sostibilidade e a protección do medio ambiente” e subliñou que “o mellor tería sido non facer unha escultura deste tipo, xa que a elaboramos recollendo lixo en todo o litoral galego”. 

O Museo de Pontevedra organiza un curso para analizar a relación da moda coa arte, música e o cine no século XX

O Museo de Pontevedra vén de escoller a moda como a temática dun dos seus novos cursos divulgativos. Durante tres meses o Edificio Castelao vai acoller a iniciativa titulada ‘Alegatos a medida. Indumentaria do século XX’ que pretende facer un percorrido social, económico e cultural do século vinte en Occidente a través da evolución da vestimenta e a súa estreita relación coa arte, a música e o cinema.

O curso, impartido pola profesora Carolina Munáiz, terá dez sesións  de hora e media que se desenvolverán os mércores entre as 19h e as 20.30h dende o 6 de outubro ata o 15 de decembro, e que consistirán en aulas teóricas acompañadas de imaxes proxectadas. O aforo será limitado e para participar será preciso inscribirse no correo [email protected].

Segundo a propia Munáiz ‘Alegatos a medida’ “posibilita unha crónica na que a moda é comunicadora activa das importantes avanzadas, aínda con ocasión de claros retrocesos, na consecución do estimado progreso colectivo de Occidente ao longo do convulso, fascinante tamén, século vinte”.

Punks nunha marcha en Londres en 1979

O programa comezará coa sesión titulada ‘Final de século, final dunha vestimenta’, na que se explicará como o mundo debe aos impresionistas un magnífico legado visual da historia da moda do último terzo do século  XIX. Munáiz porá sobre a mesa que foi o inglés Charles  Frederick  Worth quen  personificou o novo concepto de modisto, concibindo como obras os seus deseños e asinándoos como tales, selando así a alianza entre arte e moda ata a actualidade.

Seguirase logo o percorrido no novo panorama da costura de principios de século onde Paul  Poiret, guiado por ansias vangardistas, será responsable de liberar ás mulleres do corpiño, amosando que a caída desta peza opresiva  modeladora do corpo feminino non será casual xa que o ámbito da moda contaxiouse da omnipresente idea de progreso.

O pulso artístico dos modistos evidenciaba entón un camiño prometedor: o balbordo alcanzado polos ‘fauves’ subía o ton de cor da nova moda parisiense e a revisión da escultura grega revelaba siluetas apartadas de artificio. Nestes termos, a repercusión do  exotismo, danza e vestiario dos ballets rusos en París facíase patente na moda, ademais de acreditar o incipiente anhelo feminino de liberdade de movemento. Ao tempo, os futuristas exaltaban o dinamismo dun progreso imparable que se cruza co estalido da Primeira Guerra Mundial.

A Gran Guerra deu paso a unha moral máis relaxada e tanto máis en moda: o longo das saias sube ata os xeonllos; as cidadás cosmopolitas locen unha silueta recta desde os ombreiros ata as cadeiras, mesmo cortarán o pelo. Mozas  ‘garçonnes e  flappers’ responderán a un incremento da presenza feminina no espazo público e á toma dun papel activo na sociedade, aspectos abordados con determinación polo movemento  sufraxista.

A  perspicaz mente de  Gabrielle  Chanel dará coas claves do vestiario moderno. A moda recente non se atopa illada; os  cubistas impregnaran un novo gusto burgués polo plano e o entón florecente art  decó confire unha nova sensibilidade xeométrica; á súa vez, deportes e novo lecer solicitarán comodidade de vestiario.

Coa caída da bolsa de Nova York en 1929, asómase un período de austeridade non só económica, tamén de compostura. Á volta á orde non escapa o terreo conquistado polas mulleres: a muller liberada desvanecerase como espellismo dos anos vinte; na vestimenta, o  recatamento feminino será unha esixencia moral acorde aos duros tempos. Agora ben, o cinema sonoro afianza a Hollywood como fábrica de soños: as estrelas do celuloide encarnarán mulleres glamurosas, vestidas para seducir e, mesmo, para temer. 

Marlene  Dietricht ou  Katherine  Hepburn, ademais asiduas ao uso do pantalón, lexitimarán un estilo de muller independente que si terá cabida nos círculos cosmopolitas. Durante o ascenso dos  totalitarismos, os surrealistas toparanse cunha cómplice na moda, a creadora Elsa  Schiaparelli; a mordaz deseñadora lanzará un insólito imaxinario á vestimenta da época.

Da escaseza téxtil e militarización da indumentaria civil en tempos da Segunda Guerra Mundial ao  sumun da elegancia do New  Look parisiense, seguindo os valores en moda acordes ao panorama contracultural dos anos sesenta e setenta ou o exceso  ‘ochentero’ aplacado pola moda casual e individualista de fin de século; a evolución da vestimenta farase eco do seu tempo.

Programa

  • Sesión 1. Final de século, final dunha vestimenta.
  • Sesión 2. Comeza o século  XX. A carreira vangardista.
  • Sesión 3. Anos Vinte. Moda para a evasión.
  • Sesión 4. Anos Trinta. Entroido en tempos duros.
  • Sesión 5. Anos Corenta. Contenda e competencia.
  • Sesión 6. Anos Cincuenta.  Conservadurismo dourado.
  • Sesión 7. Anos Sesenta. A alta costura á rúa, a rúa á revolución.
  • Sesión 8. Anos Setenta. Cambios de xénero, brillos e anarquía.
  • Sesión 9. Anos Oitenta. Materialismo en talla grande.
  • Sesión 10. Anos Noventa. A  antimoda  pudorosa.