O Museo de Pontevedra vén de escoller a moda como a temática dun dos seus novos cursos divulgativos. Durante tres meses o Edificio Castelao vai acoller a iniciativa titulada ‘Alegatos a medida. Indumentaria do século XX’ que pretende facer un percorrido social, económico e cultural do século vinte en Occidente a través da evolución da vestimenta e a súa estreita relación coa arte, a música e o cinema.
O curso, impartido pola profesora Carolina Munáiz, terá dez sesións de hora e media que se desenvolverán os mércores entre as 19h e as 20.30h dende o 6 de outubro ata o 15 de decembro, e que consistirán en aulas teóricas acompañadas de imaxes proxectadas. O aforo será limitado e para participar será preciso inscribirse no correo [email protected].
Segundo a propia Munáiz ‘Alegatos a medida’ “posibilita unha crónica na que a moda é comunicadora activa das importantes avanzadas, aínda con ocasión de claros retrocesos, na consecución do estimado progreso colectivo de Occidente ao longo do convulso, fascinante tamén, século vinte”.

O programa comezará coa sesión titulada ‘Final de século, final dunha vestimenta’, na que se explicará como o mundo debe aos impresionistas un magnífico legado visual da historia da moda do último terzo do século XIX. Munáiz porá sobre a mesa que foi o inglés Charles Frederick Worth quen personificou o novo concepto de modisto, concibindo como obras os seus deseños e asinándoos como tales, selando así a alianza entre arte e moda ata a actualidade.
Seguirase logo o percorrido no novo panorama da costura de principios de século onde Paul Poiret, guiado por ansias vangardistas, será responsable de liberar ás mulleres do corpiño, amosando que a caída desta peza opresiva modeladora do corpo feminino non será casual xa que o ámbito da moda contaxiouse da omnipresente idea de progreso.
O pulso artístico dos modistos evidenciaba entón un camiño prometedor: o balbordo alcanzado polos ‘fauves’ subía o ton de cor da nova moda parisiense e a revisión da escultura grega revelaba siluetas apartadas de artificio. Nestes termos, a repercusión do exotismo, danza e vestiario dos ballets rusos en París facíase patente na moda, ademais de acreditar o incipiente anhelo feminino de liberdade de movemento. Ao tempo, os futuristas exaltaban o dinamismo dun progreso imparable que se cruza co estalido da Primeira Guerra Mundial.
A Gran Guerra deu paso a unha moral máis relaxada e tanto máis en moda: o longo das saias sube ata os xeonllos; as cidadás cosmopolitas locen unha silueta recta desde os ombreiros ata as cadeiras, mesmo cortarán o pelo. Mozas ‘garçonnes e flappers’ responderán a un incremento da presenza feminina no espazo público e á toma dun papel activo na sociedade, aspectos abordados con determinación polo movemento sufraxista.
A perspicaz mente de Gabrielle Chanel dará coas claves do vestiario moderno. A moda recente non se atopa illada; os cubistas impregnaran un novo gusto burgués polo plano e o entón florecente art decó confire unha nova sensibilidade xeométrica; á súa vez, deportes e novo lecer solicitarán comodidade de vestiario.
Coa caída da bolsa de Nova York en 1929, asómase un período de austeridade non só económica, tamén de compostura. Á volta á orde non escapa o terreo conquistado polas mulleres: a muller liberada desvanecerase como espellismo dos anos vinte; na vestimenta, o recatamento feminino será unha esixencia moral acorde aos duros tempos. Agora ben, o cinema sonoro afianza a Hollywood como fábrica de soños: as estrelas do celuloide encarnarán mulleres glamurosas, vestidas para seducir e, mesmo, para temer.
Marlene Dietricht ou Katherine Hepburn, ademais asiduas ao uso do pantalón, lexitimarán un estilo de muller independente que si terá cabida nos círculos cosmopolitas. Durante o ascenso dos totalitarismos, os surrealistas toparanse cunha cómplice na moda, a creadora Elsa Schiaparelli; a mordaz deseñadora lanzará un insólito imaxinario á vestimenta da época.
Da escaseza téxtil e militarización da indumentaria civil en tempos da Segunda Guerra Mundial ao sumun da elegancia do New Look parisiense, seguindo os valores en moda acordes ao panorama contracultural dos anos sesenta e setenta ou o exceso ‘ochentero’ aplacado pola moda casual e individualista de fin de século; a evolución da vestimenta farase eco do seu tempo.
Programa
- Sesión 1. Final de século, final dunha vestimenta.
- Sesión 2. Comeza o século XX. A carreira vangardista.
- Sesión 3. Anos Vinte. Moda para a evasión.
- Sesión 4. Anos Trinta. Entroido en tempos duros.
- Sesión 5. Anos Corenta. Contenda e competencia.
- Sesión 6. Anos Cincuenta. Conservadurismo dourado.
- Sesión 7. Anos Sesenta. A alta costura á rúa, a rúa á revolución.
- Sesión 8. Anos Setenta. Cambios de xénero, brillos e anarquía.
- Sesión 9. Anos Oitenta. Materialismo en talla grande.
- Sesión 10. Anos Noventa. A antimoda pudorosa.