A instalación de máis de mil contedores novos, a modernización da frota de camións, a ampliación e adecuación do punto limpo, a promoción da reciclaxe entre a veciñanza con reparto de máis de 300 composteiros, ou, localización de contedores de pilas e material contaminante son algúns dos moitos cambios que o servizo de limpeza de Gondomar introduciu coa chegada da nova concesionaria no ano 2019.
“Un dos nosos obxectivos era poñer fin ao caos que nesta materia arrastraba a localidade durante gobernos anteriores e lográmolo”, afirma o alcalde Paco Ferreira, quen lembra que “por primeira vez fomos recoñecidos coa Escoba de Prata”. Esforzo que vai máis aló “de lograr que a vila luza limpa se non que segue no camiño da máxima implicación para converternos nun referente de sustentabilidade”.
Desde a Concellería de Medio Ambiente dáse un paso máis para lembrar que neste labor é precisa a implicación da poboación polo que se poñerá en marcha unha campaña específica de información e unha app para “chamar á responsabilidade colectiva e sensibilizar á veciñanza sobre as boas e malas prácticas, así como sobre o papel transcendental que xogan na mellora do servizo de limpeza e recollida, e no mantemento de Gondomar”.
App de avisos e incidencias
A Concellería de Medio Ambiente xunto á concesionaria facilitarán unha aplicación aos veciños para que a instalen nos seus teléfonos, e desde a que poderán comunicar de forma directa e sinxela calquera aviso e incidencias relacionados coa A aplicación, diseñada tanto para o sistema Android como para iOS, poderá descargarse e instalarse de forma sinxela na seguinte ligazón: https://cutt.ly/OEcptlF.
“Buscamos facilitar ao máximo a resposta aos problemas ou demandas dos veciños”, afirma o edil Brais Misa, quen explica que o deseño do interface será sinxelo e intuitivo e que en cinco pasos complétase: localización automática da dirección; documentar a incidencia cunha fotografía; tipificala; incluír un comentario opcional e finalmente enviar a información.
Ao mesmo tempo desenvolverase unha campaña de información e sensibilización para “tratar de que cada vez sexan máis os que coñezan a existencia do punto limpo, e o seu funcionamento” que irá acompañada dun cambio de serigrafías nos colectores “con mensaxes de concienciación e sobre o correcto uso de cada un de eles”. Por último, engade o reparto de folletos informativos “sobre a recollida de residuos no punto limpo e o funcionamento da nova app”.
Limpeza mediante decapado zonas peonís
Coincidindo con esta campaña, a concesionaria realizará un servizo especial de limpeza mediante decapado nas principais zonas peonís e de recreo de centro urbano co fin de “crear un impacto visual de sucidade “0”. Desenvolverase en 10 xornadas de traballo, cun equipo composto por un condutor-operario e unha máquina decapadora de 1.500 litros de capacidade de auga para a limpeza en profundidade de beirarrúas e zonas peonís, equipada cunha bomba de alta presión. Unha vez finalizado o traballo, realizaranse seguimentos para analizar o comportamento desde a poboación, desde un punto de vista cívico e de cumprimento da ordenanza pública de limpeza”.