12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigrán"Balmi" o cachalote de Vive Nigrán xa está en Praia América

    “Balmi” o cachalote de Vive Nigrán xa está en Praia América

    O compromiso do Vive Nigrán coa súa contorna e coa sostibilidade está desde hoxe plasmado na escultura “Balmi”, unha doazón do Festival integrado na marca Rías Baixas Fest da Deputación ao Concello e que xa loce na rotonda máis próxima ao campo de Monte Lourido en Praia América, onde se celebra o evento. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo hoxe en valor esta aposta medioambiental durante o descubrimento desta peza multicolor que representa a unha cría de cachalote escoitando música cuns auriculares e que foi elaborada polo equipo artístico Retoque Retro con 200 quilos de plásticos e residuos recollidos nas praias do litoral galego e tamén nas accións organizadas na sección Vive Sostible do evento. “Esta é –salientou- unha mostra da cultura circular, porque está claro que a través da cultura, neste caso da escultura, podemos transformar cousas que danan gravemente as nosas costas, que son a nosa vida, e podémolas converter en arte. Isto ten un valor moi importante”.

    Carmela Silva destacou que a nova peza “é extraordinaria e vai embelecer Nigrán”, e amosa que “a cultura, a creatividade e o talento son imprescindibles para loitar contra cousas que facemos os seres humanos que están a danar dunha forma irreversible o noso planeta”. En concreto, para a elaboración de “Balmi”, cuxo nome fai referencia a súa situación no Val Miñor e que pesa máis de 400 quilos e mide máis de 5 metros de longo, o equipo de Retoque Retro, formado por Isa García (bióloga), Javi Serantes (escultor) e Ana Lee (mestra) percorreu unha vintena de praias galegas ata xuntar os 200 quilos de lixo de que está formada a escultura. Outra parte foi recollida na iniciativa Vive Sostible do festival, que promoveu este ano dúas accións de recolección de lixo en Praia América.

    “Temos que darvos a gracias por un traballo ben feito –engadiu a presidenta-. E creo que non vai ser a ultima escultura deste tipo na provincia de Pontevedra, porque creo que hai que sumarse ás boas e grandes ideas. Amais, isto vai servir para que todas as persoas, particularmente a mocidade, tome conciencia de que temos que ter colectiva e individualmente unha actitude fronte a seguir danando o planeta. Polo tanto tamén é verdade que sensibiliza. Hoxe é un día moi grande para Nigrán e para toda a provincia, porque estamos a mandar unha mensaxe moi poderosa, a mensaxe de que a cultura pode ser transformadora”. Amais do equipo autor da peza, Carmela Silva puxo en valor o traballo de sensibilización feito desde o festival, as empresas patrocinadoras do evento e desde o Concello, “cun alcalde creativo, comprometido e valente, que sempre se suma a proxectos innovadores”.

    “Balmi” está elaborada a tamaño real dunha cría de cachalote, e está construída con paos de bateas, caixas de pescado, bidóns ou nasas plásticas entre outros materiais. O recubrimento elaborouse con botellas, tapóns, restos de xoguetes e trouzos de nasas que chegaron ás costas. A maior parte do lixo empregado, un 90%, é  mariño e o restante 10% urbano, con botellas e tapóns proporcionados pola veciñanza da zona. Amais de ser a acción máis destacada da iniciativa Vive Sostible do festival e símbolo de compromiso medioambiental, a escultura tamén busca a sensibilización social cara o papel das baleas e os mamíferos mariños no mantemento dos ecosistemas e do clima, e a alertar sobre a súa desaparición, coa ameaza que os plásticos supoñen para estas especies. Precisamente, Alfredo López, da Asociación Cemma, incidiu na súa intervención que a obra tamén rende homenaxe a unha balea que varou hai anos en Praia América e morreu pola inxestión de plástico.

    O alcalde, Juan González, tamén se referiu ao papel sensibilizador da escultura:  “Que ‘Balmi’ nos conciencie da necesidade de seguir coidando este planeta” e agradeceu ás persoas participantes a súa implicación no proxecto, así como “a todo o voluntariado que axudou na recollida do lixo”. Pola súa banda, o director do festival, Juan Rivas, destacou que os Rías Baixas Fest “levan no seu ADN a sostibilidade e a protección do medio ambiente” e subliñou que “o mellor tería sido non facer unha escultura deste tipo, xa que a elaboramos recollendo lixo en todo o litoral galego”. 

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.