12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación continúa a súa aposta pola igualdade con achegas a catro...

    A Deputación continúa a súa aposta pola igualdade con achegas a catro entidades da provincia

    A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta pola igualdade con novas iniciativas de apoio a proxectos na provincia. A institución vén de destinar 32.000 € á Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, Fademur, Nós Mesmas e á Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución, entidades de iniciativa social, para impulsar proxectos de loita contra as violencias machistas, promover a igualdade no rural, formar en diversidade afectiva-sexual e realizar intervencións socio-sanitarias en persoas en situación de prostitución.

    No caso da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, que traballa con mulleres vítimas de violencia de xénero dende 1998, a Deputación vai subvencionar o proxecto “Camiño ao bo trato”. Esta iniciativa, baseada na formación teórica-práctica, vai desenvolver accións de sensibilización, concienciación, prevención e detección da violencia de xénero dirixidas a colectivos que atenden directamente a mulleres vítimas de violencia, a profesionais dos medios de comunicación, ao profesorado e alumnado de colexios e institutos, ás ANPAs de centros educativos ou ben a persoas interesadas.

    A Deputación tamén vai colaborar co proxecto “Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais” que impulsa a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais FADEMUR Galicia. Trátanse de campañas personalizadas, obradoiros e accións de formación e sensibilización, centradas nas especificidades dos colexios das zonas rurais, a través das cales nenas e nenos e mozas e mozos van adquirir habilidades e recursos para recoñecer situacións de violencia machista e como actuar fronte a elas, así como coñecementos para adoptar comportamentos igualitarios.

    Coa Asociación Nós Mesmas a institución provincial está a traballar no impulso do “Plan de formación en diversidade afectiva-sexual e de xénero”. Trátanse de accións formativas sobre a DAX (diversidade afectiva e de xénero) en centros públicos de primaria, secundaria e FP da provincia de Pontevedra para proporcionar ferramentas e coñecementos, tanto ao alumnado como profesorado, e previr, detectar e intervir en situacións de acoso escolar por LGTBIfobia.

    No que respecta á Asociación FARAXA pola Abolición da Prostitución a Deputación vai colaborar co proxecto “PRE-VENTE. Intervención socio-sanitaria con persoas en situación de prostitución e prevención, detección e control do VIH/SIDA”. A través desta iniciativa vanse realizar actuacións de sensibilización, información, intervención social, integración social e orientación coas mulleres en situación de prostitución e/ou explotación sexual que acoden ben ao Centro de Atención da Asociación ou á súa  Unidade Móbil.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.