Dentro das actividades da Semana Europea da Mobilidade de Ponteareas, 15 rapaces percorreron o municipio para coñecer o novo modelo de mobilidade da vila do Tea. Non o fixeron sós, xa que os acompañaron a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, e o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, para explicarlles a estratexia do Goberno Local de recuperación de espazo público para as persoas, sobre todo para a infancia, e para promover unha mobilidade sostible e máis saudable.
O grupo percorreu as rúas Concha Brey, Reveriano Soutullo, Senén Canido, e Morales Hidalgo analizando o reparto actual entre as persoas e os vehículos, o espazo existente para desprazarse a pé e en bicicleta e os atrancos para esa mobilidade. Tamén se mediu a anchura das beirarrúas e das calzadas para a circulación e estacionamento de vehículos, para que os rapaces e rapazas comprobaran que o espazo para as persoas é de soamente un 20 % da superficie total. Con estas dimensións, constataron que na meirande parte das beirarrúas non é posíbel que dúas persoas podan cruzarse cun paraugas aberto, espazo que, ademais, se ve reducido moitas veces por bolardos ou sinais de tráfico que reducen aínda máis a superficie libre de paso.
Aproveitando a observación a pé de rúa, o edil de Mobilidade explicou que actualmente en Ponteareas as beirarrúas de nova creación deben contar con polo menos 2,5 metros de anchura, xustamente o espazo preciso para que dúas persoas con paraugas aberto poidan pasar entre si sen baixar á calzada.
Como contrapunto a observación destas rúas o traxecto percorreu espazos que son mostras do novo modelo de mobilidade coma a rúa Paseo Matutino no seu primeiro tramo, como exemplo de rúa con beirarrúas amplas, arboradas e acondicionadas para os desprazamentos a pé e para a estancia e relación social, e a Praza Fernández Vega, grande espazo peonil de estancia e convivencia, que conta con numeroso arborado e unha plataforma única sen atrancos para accesibilidade.
O percorrido rematou cunha intervención no acceso dende a rúa Santa Ana á Praza Maior, que dende o pasado mércores é un lugar libre de vehículos a motor, onde os rapaces e rapazas pintaron símbolos para indicar que o lugar é un espazo peonil.