Sábado, 25 Xaneiro de 2025

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda mobilizarase novamente

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda, xunto co resto das plataformas en defensa da sanidade pública da Área Sanitaria de Vigo, súmase a unha manifestación convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo.

Esta manifestación xorde como resposta ante o perigo ao que está sometida a atención primaria, tanto pola falta de persoal como a falta de medios.

Concretamente, a atención sanitaria na Guarda foi un claro exemplo, durante os meses de verán, do que está a pasar en toda a área sanitaria e mais no conxunto de todo o país. A Consellería de sanidade segue sen cubrir as vacacións, así como as baixas do persoal sanitario.

Toda esta situación leva a que na Guarda, no día de hoxe, só teña dispoñibles tres médicos dos oito que lle correspondería. Desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda consideran que son motivos suficientes para acudir á manifestación convocada o 30 de setembro.

Eles encargaranse de facilitar transporte público aos veciños da Guarda que queran acudir, pero pregan previa inscrición chamando ao teléfono 986 61 04 65.