Venres, 30 Maio de 2025

Redondela presenta a súa programación de Nadal

0

A programación do Concello para este Nadal está centrada nos nenos e por iso presenta unha chea de actividades na vila para celebrar estas festas.

Visitas de Papá Noel e o Pandigueiro

E dende o 17 deste mes e ata o 24 do mesmo mes, nenas e nenos poderán visitar a Casa de Papá Noel que, como en anos anteriores, quedará instalada na Alameda Castelao. Os horarios de visita serán de 17 h a 19:30 horas. O día 24 de decembro o horario será de mañá, de 11 h a 14 horas. Papá Noel tamén se instalará en Chapela, na alameda Rosalía de Castro os días 22 e 23 de decembro no mesmo horario. E para que ningún neno quede sen ver a Papá Noel tamén se desprazará ás demais parroquias. Desde o día 19 e ata o 22 este particular personaxe achegarase na súa carroza a todos os recunchos do municipio de 16 horas a 20:30 horas. Tamén chegará desde as montañas o Pandigueiro, figura lendaria da tradición do Nadal galego que por primeira vez visitará aos nenos e nenas de Redondela, será o día 23 de decembro ás 18.00 horas na Praza do Concello.

Obradoiros para xuventude e infancia

O Concello de Redondela prepara múltiples actividades para a rapazada durante as vacacións escolares de Nadal, con obradoiros do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro en horario de tarde. Como principal novidade este ano a Concellería de Xuventude inclúe obradoiros dirixidos especialmente á mocidade a partires dos 13 anos. Realizaranse nun novo local habilitado no Multiúsos da Xunqueira, o Espazo Redondela Xove. Haberá obradoiros de Defensa Persoal, Origami, Manga, Xadrez e outras sorpresas en horario de 18.00 a 21.00 horas.

Os obradoiros para nenos e nenas desde os 3 e ata os 12 anos de idade realizaranse tanto no Multiúsos da Xunqueira como no do Piñeiral de Chapela entre os días 26 de decembro e o 4 de xaneiro en horario de 17.30 a 19.30 horas. Entre as actividades destacan as clases de cociña, sesións de contacontos, manualidades, música e xogos de risoterapia entre outras sorpresas. Estas actividades en horario de tarde compleméntanse cos obradoiros Concilia Nadal que se organizan en horario de mañá nas diferentes parroquias.

O Tren Turístico de Nadal percorre as rúas de Redondela

Tras o éxito do pasado ano, o Tren Turístico volverá a formar parte da oferta de Nadal do Concello de Redondela cun roteiro especial durante as festas. Dos días 26 ao 31 de decembro, e desde o día 2 ata o 7 de xaneiro ofreceranse viaxes de balde. En Redondela a saída será desde a  praza de Santiago, e en Chapela desde a alameda Rosalía de Castro. O tren, decorado para a ocasión, percorrerá a vila para que grandes e pequenos poidan gozar das vistas iluminadas coa ornamentación de Nadal.

Festas Pre-Fin de ano

Redondela despide o ano por partida tripla con dúas festas para o público mozo e adulto e outras dúas para nenos e nenas.

Na noite do 29 de decembro haberá festa Pre Fin de Ano por primeira vez en Chapela coa orquestra Olympus no paseo marítimo a partires das 22.00 horas. O 30 de decembro será a quenda de París de Noia cun concerto no campo da feira de Redondela ás 22.00 horas.

A Praza da Constitución en Redondela será escenario, o  domingo 31 de decembro, da Festa Infantil de Fin de Ano, actividade chea de música, xogos e actividades para que a rapazada poida despedir o 2023. Será en horario de 11 e 13 horas coa Coca Simona. No mesmo horario e a mesma hora será a de Chapela, na alameda Rosalía de Castro. Non faltarán as badaladas e as uvas para dar a benvida, por adiantado, ao 2024.

A Xunta mellorará o firme da PO-254 ao seu paso por Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acometerá obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-254 ao seu paso polos concellos de Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario.

As actuacións, licitadas por 1.413.902 euros, comprenderán a mellora e acondicionamento do firme nesta vía autonómica no seu percorrido por estes tres municipios da comarca do Condado.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 9 de xaneiro para presentar as súas ofertas.

A Xunta prevé iniciar estas obras a finais do inverno ou xa na primavera, en función das condicións meteorolóxicas. Os traballos contan cun prazo de execución de 4 meses.  

A intervención consistirá na rehabilitación superficial do firme da vía autonómica mediante o fresado e a súa reposición, completando os traballos co repintado da sinalización horizontal.

O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando o vindeiro ano 53 M€ á súa conservación.

A colaboración entre a Deputación e o Concello de Salvaterra humanizará dúas rúas

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recibiu este mércores no Pazo Provincial á alcaldesa de Salvaterra do Miño, Marta Valcárcel, para asinar un convenio de colaboración enmarcado no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o goberno provincial financiará con máis de 430.000 euros, o 80 % do orzamento, o proxecto para humanización a contorna da rúa da Forca e da Avenida Rosalía de Castro. O Concello, pola súa banda, achega o 20 % restante, arredor dun 110.000 euros. Despois de asinar o acordo, o mandatario provincial sinalou que se trata dun novo exemplo de cooperación leal entre institucións para facer que a provincia vaia a máis en espazos urbanos de calidade, en fomento da mobilidade peonil e en mellores servizos para a veciñanza.

A obra, valorada en máis de 540.000 euros, servirá para a recuperación do espazo para uso peonil destas dúas céntricas rúas, que ata agora están sendo empregadas polos condutores como atallo para entrar ou saír de Salvaterra. A obra consistirá na ampliación de beirarrúas e redución do carril de circulación na Avenida Rosalía de Castro, mentres que na rúa Forca crearase unha plataforma de prioridade peonil na que os vehículos só terán acceso aos garaxes. Ao mesmo tempo, renovarase a iluminación con tecnoloxía LED, a rede de abastecemento e saneamento, ademais de executar o soterramento das liñas de telecomunicacións e eléctricas, así como instalar novos elementos de mobiliario urbano en todo o ámbito.

Segundo recolle o convenio, as obras deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste protocolo entre Deputación e Concello de Salvaterra realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor. Unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo goberno provincial se vexa reducido.

O presidente da Deputación aproveitou a visita da rexedora de Salvaterra para resaltar a importancia deste tipo de proxectos que serven para avanzar no municipalismo que persegue a Deputación, transformando espazos para dar prioridade ás persoas e avanzando no aforro enerxético e o coidado do medio ambiente.

O Concello de Baiona fai entrega da Medalla de Ouro ao CEP Sabarís no seu 50 aniversario

0

O CEP de Sabarís recibiu a Medalla de Ouro do Excmo. Concello de Baiona nun acto que se desenvolveu esta mañá no Multiusos Mercado de Sabarís. O alcalde da localidade, Jesús Vázquez Almuiña, fixo entrega do galardón ao centro educativo municipal nas mans do decano da actual directora do centro, María Luisa Alborés Crespo.

A cerimonia de entrega da máxima honra do Concello de Baiona realizouse nun evento coidado e cargado de emotividade, no que a sala polivalente do Multiusos de Sabarís encheuse de colexiais, profesorado e antigos membros de ambos os colectivos. Tamén estiveron presentes diversas autoridades como os concelleiros da corporación municipal pais e nais, representantes do ANPA, así como doutras asociacións da parroquia.

O galardón concedeuse nun pleno anterior do Concello de conformidade co Regulamento Especial de Protocolo e Cerimonial do Excmo. Concello de Baiona, polo que se regulan as Distincións Honoríficas no seu art. 20.1. que di textualmente: Esta distinción outórgaselles a aquelas persoas, entidades ou institucións que prestasen relevantes servizos e méritos extraordinarios en favor do Excom. Concello de Baiona. Esta distinción foi aceptada por unanimidade.

O alcalde quixo agradecer a toda a comunidade educativa vinculado ao longo destes 50 anos de historia do CEP de Sabarís. “A historia de Sabarís é imposible entendela sen este centro educativo municipal e sen toda a comunidade educativa pasando por todos os equipos docente, as AMPAS e todo o alumnado vinculados ao centro ao longo destes 50 anos. Todos imos unidos da man entre todos construímos Baiona”. A concesión desta medalla “é un dos maiores recoñecementos que se pode dar” polo que felicitou e deu o parabén ao Colexio.
A Concelleira de Educación do Concello de Baiona, Nuria Leyenda Gómez, foi a encargada de ler os méritos polos que se lle fixo entrega desta distinción ao colexio. Pola súa banda o Concelleiro de Cultura, Policarpo Vilar Misa, foi o encargado de ler o acordo plenario.
O acto finalizou coa interpretación dunha panxoliña do Nadal por parte do alumnado e a propia directora, tamén profesase de música do CEP, encargada de poñer a nota musical co piano.

O CEP de Sabarís é un claro exemplo de como un centro educativo pode chegar a converterse en toda unha institución dentro dun municipio. E é que polas súas aulas pasaron a inmensa maioría dos seus veciños e veciñas, desde a súa inauguración no curso 1972/73, algúns xa pola súa terceira xeración. Este ano está de aniversario, cumpre nada menos que 50 anos axudando a formar persoas. Desde o Concello de Baiona quíxose agradecer o seu gran labor á sociedade baionesa con esta cerimonia celebrada esta mañá. Un acto que desbordou emotividade polos catro custados para homenaxear a súa traxectoria, pero tamén a todos aqueles que loitaron por manter vivo o seu espírito educativo, desde a transición á actualidade pasando por unha pandemia, varias reformas e con mencións para profesores, pais e ex-alumnos.

O acto de concesión da medalla de Ouro en recoñecemento á súa actividade realizado esta mañá súmase a outros actos programados realizados para festexar este 50 aniversario como a realización dun bonito e representativo mural na entrada do mural do CEP Sabarís.

A obra, que se pintou durante a primeira quincena deste mes de maio, representa o camiño ao colexio, un paseo por Sabarís a través dalgúns dos seus lugares máis recoñecibles ata chegar á escola. O nome do centro e os divertidos personaxes que fan esta viaxe completan a escena. O mural, feito desde un punto de vista infantil, chea de cor e luminosidade a fachada do colexio, e ilumina a contorna do centro.

O mural non sería posible sen a colaboración do Concello de Baiona, que a través da súa concellería de educación sufragou os custos do mural como agasallo de aniversario para o colexio.

Ademais desta obra, celebrouse unha exposición dos recordos destes 50 anos.

Equipos do Baixo Miño, premiados no Campionato Nacional de Futbolín

0

Grandes sensacións tras a participación de oito equipos e dezaseis xogadores do Baixo Miño no XXVI Campionato Nacional de Futbolín Presas EVO 2023 que se celebrou no multiúsos Lalín Arena.

Por terceiro ano consecutivo Lalín convertíase na capital de España do futbolín e acollía a máis de 300 equipos, 165 na modalidade movemento, 140 en parado e unha decena de conxuntos femininos.

Os oito equipos do Baixo Miño, que disputan en Editorial Tamuxe a Liga Nacional de Futbolín do Rosal, participaron na súa maioría na modalidade de parado neste torneo, un dos máis prestixiosos do circuíto futbolinero actual, conseguindo varios xogadores e xogadoras do Rosal e da Guarda diferentes premios.

Diego Mariño e Sergio Casal, Yeya, foron os mellores clasificados da zona neste campionato nacional, cun oitavo posto en C-2. Pola súa banda, Nacho Conde e Jorge Lorenzo  remataron nun merecidísimo quinto lugar en C-3 e Sergio Rodríguez, Trinta, e Sergio Martínez, Demo, acadaron o sétimo posto, tamén en C-3.

Os dezaseis xogadores e xogadoras do Baixo Miño resaltan a fantástica experiencia vivida en Lalín, prometendo seguir adestrando e xogando a Lina Nacional de Futbolín para presentarse a vindeiros campionatos.

Por outro lado, a pasada fin de semana celebrouse en Silleda un torneo oficial de futbolín durante a III edición do Motor Show Galicia 2023, no que Diego Mariño e Sergio Casal, Yeya, volveron traer boas novas para a comarca ao rematar subcampións da Segunda División na modalidade movemento, sen parar a bola dianteira.

Gran concerto de Nadal o sábado 16 de decembro

0

O Auditorio do Centro Multiúsos de Arbo acollerá o sábado 16 de decembro o tradiconal concerto de Nadal, coa actuación da Banda de Música de Arbo e a Coral Polifónica de Arbo, cunha programación variada no que destacan pezas de temática navideña.

Como xa ven sendo habitual nestas datas de Nadal, as dúas asociacións musicais ofrecerannos un auténtico deleite para os oídos e o rematar como ben sendo tradicións o alcalde desexará boas festas aos veciños e veciñas de Arbo e brindaras ecos espumosos das adegas de Arbo.

A entrada é libre e de balde.

Banda de Música de Arbo

No ano 1991 iniciase o proxecto de restauración da banda de música de Arbo coa axuda dos Mestres Ignacio, Manuel González (Lito), Joaquín e Antonio.

Pero será no ano 1993 cando a escola da banda de música de Arbo colla o impulso necesario para, así no ano seguinte (abril do 1994) faga a súa presentación na festa da lamprea, apadriñada pola Unión musical de Valladares.

No ano 2024, a Banda de Música de Arbo, celebrara ó seu 30 Aniversario. Dende o Concello felicitan a todos o que fixeron e fan posible que esta agrupación sega lucindo e levando o nome de Arbo ala a donde vai.

Coral Polifónica de Arbo

A Coral Polifónica de Arbo foi fundada no ano 1996,coa finalidade de contribuír a difusión do canto tradicional e popular na súa mais pura esencia, creando un vencello de unión con outros pobos e outras culturas, contando sempre co apoio do Concello de Arbo, o cal esta Coral representa dentro da súa humildade coa maior satisfación. Esta composta por 30 voces mixtas, e dende o seu inicio esta dirixida por D. Víctor Fernández Nogueiras, gran profesional da musica e gran  experto na dirección de masas corais, actividade a que se dedica plenamente. A Coral de Arbo comezou a súa actividade participando en Misas e Concertos a nivel local e comarcal.

A programación de Nadal enche Oia de actividades en familia

0

A programación de Nadal do Concello de Oia chega este sábado e, ao longo das vindeiras semanas, ofrecerá actividades para gozar en familia e prestando especial atención á rapazada. O tradicional concerto de panxoliñas, obradoiros de doces e manualidades en igualdade serán algunhas das propostas deste ano, que tamén incluirán a anhelada visita de Papá Noel e a Cabalgata de Reis.

A programación navideña arrancará o sábado 16 de decembro co concerto de panxoliñas da Coral Vagalume de Oia, que terá lugar ás 18h na igrexa parroquial de Viladesuso.

As actividades continuarán a seguinte fin de semana coa visita de Papá Noel a distintos puntos do concello para recoller as cartas dos nenos. O percorrido desenvolverase o domingo 24 de decembro e os cativos e cativas que entreguen a súa carta participarán nun sorteo de lotes de libros (as cartas deberán incluír a idade e datos de contacto).

Na súa visita a Oia, Papá Noel fará o seguinte percorrido: Mougás (10 h), centro cultural de Viladesuso (11h), centro cultural de Pedornes (12 h), Praza Centinela en Santa María de Oia (13 h, en caso de choiva, trasladarase ao CEIP Mestre Manuel García), Escolas de Torroña (15.30 h) e Praza de Loureza (16.30 h, en caso de choiva trasladarase ás Escolas de Loureza).

Obradoiros infantís

A programación de Nadal tamén inclúe varios obradoiros pensando nos máis pequenos e pequenas da familia, unhas actividades de lecer que se desenvolverán en horario de mañá para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante as vacacións escolares. Para participar cómpre apuntarse previamente no rexistro do Concello. O prazo de inscrición para todos eles está aberto ata o 22 de decembro.

As escolas de Torroña acollerán o obradoiro de elaboración de galletas navideñas e bombóns o martes 26 de decembro. A actividade vai dirixida a nenos e nenas a partir dos 4 anos e desenvolverase en horario de 10 a 13 h.

No mesmo lugar, o xoves 28 terá lugar a actividade de manualidades en igualdade “Coñece Oia con Cristina de Pizán”, a partir dos 4 anos. A través desta actividade, os e as participantes poderán coñecer a esta personaxe histórica, descubrir algúns elementos do patrimonio da contorna e facer diversos traballos manuais, todo elo en clave de igualdade (de 10 a 13 h).

Por outra banda, no centro cultural de Viladesuso organizarase o “taller divertido de postres navideños”, actividade dirixida a nenos e nenas de  6 a 15 anos. Desenvolverase en colaboración coa Asociación de Veciños de Viladesuso o venres 29 de decembro en horario de 10 a 13 h.

Cabalgata

Como colofón desta programación de Nadal o día 5 de xaneiro terá lugar a tradicional Cabalgata de Reis. As súas Maxestades de Oriente chegarán a Oia xa pola mañá e pasarán toda a xornada percorrendo os distintos barrios e parroquias do municipio.

O itinerario comezará ás 11 horas na Portela e continuará por Mavia e Santa Comba (11.30 h), Praza de Loureza (12.30h), Praza de Burgueira (13h) e a Praza de Torroña (13.30 h) durante a mañá. Xa pola tarde, sairá da casa cultural de Viladesuso (15 h) e continuará cara a cultural de Pedornes (15.30 h) para dirixirse posteriormente á Baixada ao Mosteiro, onde os reis estarán acompañados da Rondalla de Mougás (16.15 h). Desde alí a comitiva trasladarase á igrexa parroquial de Santa María de Oia, onde haberá canto de panxoliñas e terá lugar a entrega de premios das postais da catequese.

Posteriormente, as súas Maxestades serán agasalladas cunha recepción no CEIP Mestre Manuel García ás 17.15 horas, onde haberá agasallos, chocolatada e animación infantil. O fin de festa será na casa cultural de Mougás a partir das 19 h.

Redondela dá unha formación ao persoal dos locais de ocio nocturno

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela pon en marcha o programa “Fóra agresións” no que se ofrece formación para a prevención, detección e acompañamento nas violencias sexuais nos locais de lecer nocturno. O proxecto ten como obxectivo “formar e sensibilizar ás persoas propietarias e traballadoras nos locais de lecer nocturno de Redondela”. A formación, de tres horas de duración, contará cunha parte teórica e outra práctica. As persoas interesadas en asistir poderán facelo o día 19 en horario de mañá (de 10.00 a 13.00 horas) ou o 21 de decembro pola tarde (de 17.00 a 20.00 horas) nas oficinas de Turismo.

A concelleira Iria Vilaboa afirma que esta formación é moi necesaria xa que “a violencia sexista ten moitas formas e maniféstase en moitos espazos e os locais de lecer e festa tamén poden ser escenario de agresións sexistas de diversa gravidade”. Lucía Pereda, educadora social e axente de igualdade, será a encargada de impartir este programa. A experta sinala que en ocasións “prodúcense actitudes e condutas que, desde a desigualdade, poden chegar á ofensa, a intimidación, o abuso ou a agresión”. Pereda advirte que “a tolerancia e normalización deste tipo de ataques son as bases sobre as que se dan as situacións de violencia sexual”. No día a día das relacións entre homes e mulleres “se normalizamos as condutas máis leves e non lles prestamos atención, pasan desapercibidas, e debemos ter claro que non se pode tolerar ningún tipo de conduta sexista”, insiste a edil de Igualdade.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, afirma que “como xa anunciamos no Entroido de Verán o compromiso do Concello coa prevención e erradicación dos comportamentos machistas é todos os días do ano” e agora queremos contar “coa implicación e colaboración dos e das profesionais que traballan en espazos de lecer, para que a súa resposta de rexeitamento ante este tipo de actitudes sirva para previr e eliminar comportamentos sexistas, así como para apoiar e dar respaldo ás persoas agredidas, camiñando cara á construción de espazos de lecer seguros”.

Os obxectivos deste curso son “promover a colaboración entre os locais de lecer nocturno e as autoridades locais de Redondela para mellorar a seguridade e previr agresións sexuais no ambiente nocturno”. A formación servirá para sensibilizar á xerencia e persoal dos locais da importancia da prevención de agresións sexuais no ambiente nocturno e daralles ferramentas “para identificar situacións de risco, previr e abordar agresións sexuais e  apoiar ás vítimas”.

Ao finalizar a formación, entregarase a cada participante un diploma acreditativo e un distintivo para cada negocio que poderán colocar nun lugar visible do establecemento.  “Este distintivo representará o seu compromiso na promoción de medidas de prevención e na aplicación de protocolos de actuación en caso de producirse situacións de risco” engade Iria Vilaboa. Ademais, pode servir como un elemento que identifique aos locais que participaron na formación de prevención de agresións sexuais, xerar maior confianza na clientela e que as posibles vítimas teñan presente que en ditos locais poderán solicitar axuda en caso de necesitalo.

Inscricións no enderezo [email protected].

Covelo inviste preto de 65.000 € na ampliación da rede de saneamento con novos tramos en Maceira

0

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, informa que veñen de rematar as obras do proxecto “ramais de saneamento en Maceira”. O goberno de Covelo continúa así na súa estratexia de mellora dos servizos básicos investindo, nesta nova obra, un total de 64.681 € que se suman aos tramos xa executados nos ramais de saneamento en Carballeda e O Castro en Covelo, Costa, en Godóns; Santa Cruz en Santa Marina e A Margarida en Paraños.

Ademais de ofrecer un servizo básico á cidadanía, as melloras na rede de saneamento son fundamentais para preservar e protexer o medio natural, un dos principais compromisos deste goberno, explica o alcalde.

Ao longo dos últimos meses executáronse cortes de pavimento, recheos, demolicións, canalizacións, colocación de tubaxe e aros de formigón, construción de pozos de rexistro, hormigonado, instalación de bombeo e limpeza de cunetas e arcéns, entre outros moitos traballos que permitiron a conexión ao saneamento a arredor de vinte fogares dos barrios de Trasfontán e Vales, en Maceira.

Pablo Castillo adianta que continuará traballando na mellora do servizo de saneamento ata chegar á totalidade de todos os barrios do concello.

As obras executáronse co apoio do Fondo de Compensanción Medioambiental da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia.

O Nadal comeza este venres en Nigrán

0

O Concello de Nigrán inaugura este venres 15 de decembro o Nadal co mercado de Inverno ‘Bulebule’ na Praza do Concello, que conta para a ocasión co espectáculo de Troula ‘Benito e Rufino’ desde as 17:30 horas e ás 20:00 horas o show cómico musical de ‘LeBarLuthier’. A maiores, no Auditorio Municipal situado ao seu carón, ás 18:00 horas celebrarase un bingo solidario no que os participantes deberán aportar alimentos non perecedoiros destinados ao Banco Municipal de Alimentos. Os premios serán flores de pascua por cada liña e produtos típicos galegos para os gañadores do bingo (realizaranse 10).

A fin de semana o ‘Bulebule’ contará cunha ampla variedade de actividades para nenos e adultos, desde talleres creativos ata actuacións en vivo, asegurando diversión para toda a familia e con programación no Auditorio Municipal (Coral Novos Aires ás 19:00 do sábado e coral de Chandebrito e Parada o domingo á mesma hora). No exterior, como parte do ‘Bulebule’, repetiranse concertos en sesión vermú e de serán; o sábado 16 co cantautor Javier Lago (13:30), ‘Music Bross’ ás 18:00 e a banda tributo ao pop rock dos 80/90 ‘El hechizo de Nora’ (20:00) e doble sesión de contacontos en inglés ‘Santa’s Elves’ a cargo de Kids&Us ás 11:00 e 17:00 no Auditorio. Finalmente, o domingo estará a cantautora Carla Lourdes (13:30) e a rock band ‘The Twinpims’ (20:00). Os horarios, actividades e o nome de firmas asistentes poderán consultarse a través do seu instagram @bulebulenigran e na súa páxina web www.bulebulenigran.es.

Estase a executar a nova área lúdico recreativa en Chans do Carrasco

0

O Concello de Tui continúa coa mellora dos parques infantís e áreas de lecer e arestora está executando unha nova área lúdico recreativa en Chans do Carrasco en Randufe. O proxecto, que segue os criterios do Plan Ágora, suporá a transformación desta zona creando un espazo para o desfrute de toda a familia con múltiples opcións. O investimento previsto ascende a 298.653,69 €, dos que a Deputación Provincial aportará 287.648,75 € con cargo ao Plan Concello 2022-2023. A obra foi adxudicada á empresa Construcciones, Obras Y Viales S.A. COVSA. O prazo de execución é de tres meses.

Os traballos comezaron coa retirada do mobiliario, luminarias e coa preparación das superficies existentes de formigón. O terreo está a ser nivelado e instalarase a canalización de pluviais e do sistema de rego. Completada  esta fase procederase a instalar os diferentes elementos lúdicos, bancadas, novas luminarias e un tótem informativo.

Obras

Construirase un parque infantil de seguridade vial cun circuíto para a aprendizaxe e disfrute dos máis pequenos e pequenas. Non faltarán elementos tradicionais nestas áreas coma randeeiras, tobogáns  xunto a elementos novidosos de xogos, adaptados a todas as idades e capacidades. Renovaranse as pistas deportivas, haberá biosaudables, espazo para bicicletas e crearase unha zona delimitada de aparcamento. Non faltará as zonas verdes ao longo deste espazo, que se integrará co actual palco e o lavadoiro de As Chans que foi recentemente restaurado.

A Policía Local de Mos mellora a técnica de tiro na galería de realidade virtual da Policía Nacional

0

O vindeiro mes de xaneiro a Policía Local de Mos comezará as prácticas de tiro cun instructor na galería dotada de sistema de realidad virtual da sede da Policía Nacional Vigo-Redondela, sita en Vigo. Gracias ás prácticas nestas instalacións, que recrean situación reais con obxectivos en movemento, os axentes mosenses mellorarán a súa puntería.

Esta sala virtual recén estreada e en funcionamento dende hai tan só un mes, recrea escearios como os que os policías locais poden atopar patrullando na rúa.

Nela os policías mosenses realizarán máis de 300 exercizos con esceas e obxectivos ficticios recreados nunha pantalla pero con armas e disparos reais. Trátase dunha galería virtual tamén presente noutras comisarías españolas no marco dun proxecto financiado pola Unión Europea dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Ademais o sistema adapta exercizos ao nivel de cada axente. O software amosa a reacción do policía permitíndolle mellorar a súa técnica e corrixir erros.

A Policía Local de Mos fai prácticas de tiro nestas instalacións da Policía Nacional desde o ano 2021, grazas a un convenio de colaboración asinado entre a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o Comisario Xefe.

Neste senso o Xefe da Policía de Mos, Gerardo Álvarez Reguero, destaca que “esta colaboración coa Policía Nacional permítenos realizar unhas prácticas altamente necesarias e constructivas para o noso día a día profesional, nunhas instalacións excepcionais e moi próximas ás nosas dependencias. Unha formación e actualización de coñecementos instruída polos mellores profesionais do Corpo Nacional nesta materia, que agora se implementa, perfecciona e mellora grazas á incorporación do novo sistema de realidade virtual que estrearemos en xaneiro”. As prácticas realízanse baixo a supervisión dun Especialista en Armamento e Tiro.

O convenio de colaboración asinado en outubro de 2021 lles permite dende entón aos axentes locais mosenses realizar prácticas de tiro e ser formados por un instructor da Policía Nacional.

O uso da galería de prácticas de tiro non supón ningún custe para a administración local mosense, tendo que asumir únicamente o Concello a adquisición da munición para o uso dos axentes locais durante as prácticas.

Este convenio de colaboración entre Concello de Mos e Policía Nacional establécese no marco da asistencia mutua entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local, e a fin de incrementar os niveis de operatividade e eficacia no desempeño das competencias propias e compartidas de ambos corpos policiais.

A dinámica organizativa das prácticas de tiro realízase con previa programación das mesmas, séndolle comunicadas con antelación dun mes á Comisaría da Policía Nacional, para poder garantir a dispoñobilidade de datas e horarios.

Redondela promove as compras nos mercados municipais co sorteos de oito cestas de Nadal

0

O Concello de Redondela en colaboración coa Asociación de Empresarios pon en marcha unha campaña de Nadal con premios para promover as compras nos Mercados Municipais de Redondela e Chapela. Os clientes que fagan as súas compras nas prazas de abastos ata o 21 de decembro participarán no sorteo de 8 cestas de Nadal valoradas nun total de 400 euros. Os sorteos presenciais faranse o día 22 de decembro e o sorteo online terá lugar o día 21. Nos mercados están xa instaladas unhas urnas para depositar os vales, e entre todos os recollidos sortearanse 4 cestas no mercado de Redondela e 2 no mercado de Chapela. As dúas cestas restantes sortearanse “en liña” na web www.empresasredondela.gal. Participar é moi sinxelo, tan só hai que cubrir os datos persoais para poder rexistrar todos os tíckets de compra que desexe. O concelleiro de Consumo e Comercio, Antonio Cabaleiro, sinala que deste xeito queren “promover as compras nas prazas de Redondela e Chapela nestas festas de Nadal”. Por outra banda o responsable dos Mercados Municipais, Pedro Villaverde explica que é un xeito de “premiar á veciñanza que confía nestes establecementos, que ofrecen produtos frescos de gran calidade”.

Por parte da Asociación de Empresarios destacan que por primeira vez faise confluír nunha mesma campaña a participación online e física, de modo que os cliente polas compras nas prazas recibirán as papeletas para participar que poderán depositar nas tradicionais urnas ou ben poderase participar de forma dixital rexistrando o tícket de compra na nova plataforma de concursos e sorteos da Asociación de Empresarios de Redondela. O portal estréase este Nadal cos sorteos das Cestas de Nadal e os 3.000€ en Vales de Compra no que participan máis de 60 establecementos entre os que tamén se atopan os praceiros e praceiras ademais de todo o comercio de Redondela e Chapela.

Cine, espectáculos, patinaxe, premios e teatro no nadal do Concello de Covelo

0

O Concello de Covelo celebrará o nadal con cine, patinaxe, premios e teatro, actividades deseñadas para todos os públicos. A Feira de Nadal no pavillón deu o pistoletazo de saída da programación de nadal que o Concello deseñou para estes días festivos.

Este domingo día 17 de decembro ás 17:30 horas o pavillón municipal abrirá as súas portas para festexar o Festival de Nadal do Club de Patinaxe Covelo. As patinadoras e patinadores agasallarán ao público un espectáculo no que a danza, a técnica e a habilidade serán as protagonistas. Totalmente gratis, club e deportistas exhibirán o mellor do seu traballo diario para que toda a cidadanía e visitantes gocen deste deporte.

O xoves día 21 chegará á praza Mestre Cerviño “Circo de Lume” un espectáculo de Asacocirco que terá lugar ás 19:30 horas. Circo de lume é un espectáculo de acción para todos os públicos. Consta de emocionantes números, que mesturan técnicas de danza con malabarismos, manipulación, pirofaxia, humor e trato directo co público. Interpretado por Joao Alvim e Miriam Crespo, malabaristas con máis de trece anos de adestramento, que fan que este espectáculo luza efectos visuais impresionantes e de maneira segura, dignificando asi o motivo dos actos con lume.

O domingo día 23 volverá a emoción ao auditorio municipal coa celebración da gala dos premios “Síntente Covelo”. Ás 18:30 horas o Concello recoñecerá ás persoas que polo seu empeño persoal na defensa e promocion da vila destacaron ao longo destes anos. A entrega de premios contará coa actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus.

O día 30 ás 19 horas haberá sesión de cine gratis no auditorio municipal para comezar xa a despedir o ano todas e todos xuntos.

A agardada cabalgata de Raíñas e Reis con percorrido por tódalas parroquias sairá ás 16 horas rumbo ás parroquias nas que os paxes e as Raíña e Reis repartirán sorpresas doces para chegar ás 18:30 horas ao centro urbano e visitar a residencia de maiores. Animación musical e a tradicional chocolatada con rosca para toda a veciñanza e visitantes que se acheguen ao pavillón municipal serán os pratos fortes da xornada do día 6 na que ademais haberá agasallos para as e os máis pequenos que poderán xogar nos inchables, na pista americana ou no tobogán de bolas.

A programación de nadal pecharaa a Coral Xuntanza de Covelo co seu concerto o día 7 no auditorio municipal ás 18 horas.

O goberno de Covelo, a través do seu alcalde, Pablo Castillo, convida a toda a veciñanza a participar nestes actos que permiten non só gozar da cultura e do lecer, tamén confraternizar e celebrar todos xuntos estas datas tan especiais.

Nigrán presenta o novo libro de Fran Fernández Davila

0

O Concello de Nigrán ofrece este xoves 14 de decembro ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal a presentación do libro de Francisco Javier Fernández Dávila ‘Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas’, obra gañadora do VIII Premio Antón Risco de novela curta. O autor, veciño de Nigrán, estará acompañado polo alcalde, Juan González, e polo escritor, editor e crítico literario César Lorenzo. “A obra amosa unha gran sensibilidade tanto no relativo á situación social que reflicte coma cara á literatura como elemento curativo. Asemade os personaxes están ben perfilados, especialmente a protagonista”, sinalou o xurado no seu fallo.

Fran Fernández Davila (Vigo, 1974) é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo. Comezou a escribir no 2016 en diversos obradoiros de escrita creativa e, ese mesmo ano, gañou o primeiro premio de poesía no I Certame de Enxeñería Sen Fronteiras e os segundos premios no X Certame Literario Terras de Chamoso de poesía e no XLIX Concurso Literario Casino Ateneo de Béjar de relato. Entre o seu palmarés están tamén o premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia con ‘A senda de sal’ no 2017; o premio Antón Avilés de Taramancos no 2018, que lle valeu a publicación da súa segunda novela curta, ‘Alana’; o Premio de Poesía Victoriano Taibo no 2019, que implicou a publicación do seu primeiro libro de poesía ‘Mover os Marcos’.

Máis un terzo dos peregrinos que chegan a Redondela fano polo Camiño Portugués da Costa

0

Desde o 1 de abril e ata o 30 novembro deste ao case 15.000 peregrinos atravesaron Redondela na súa peregrinaxe a Santiago de Compostela. Foron en concreto 14.859 os que pasaron pola Oficina de Turismo Municipal, 9.233 chagaron á vila polo Camiño Portugués tradicional e outros 5.626 (37,9%) fixérono desde Chapela a través do Camiño Portugués pola Costa. É precisamente este camiño polo litoral o que máis medra en número de peregrinos de todas as rutas Xacobeas. Dos máis de 444.000 peregrinos que chegaron no que vai de ao a Compostela, un 32% fano seguindo o Camiño Portugués, xa sexa o tradicional (20%) ou o da costa (12%). Os dous conflúen en Redondela e, se ven o camiño polo interior segue a ser o máis transitado por detrás do Camiño Francés, o do litoral é o que máis medra de todas as rutas xacobeas desde que se fixo oficial en 2016. Trátase dun atractivo máis para o turismo de Redondela, explica a concelleira Rita Pérez, “xa que permite coñecer tamén outros puntos do municipio menos visitados polos turistas, e cunhas espectaculares vistas ao seu paso por Chapela”.

No caso de Redondela a media mensual de peregrinos é duns 1.875, pero a cifra varía moito en función do mes, superando de longo os 2.000 peregrinos mensuais nos meses de maio a xullo, e rondando os 3.000 en agosto e setembro.

En canto á procedencia dos peregrinos a cifra de estranxeiros supera á dos nacionais. As cifras da Oficina de Turismo de Redondela recollen que foron 8.902 os peregrinos internacionais por 5.957 españois. Alemaña (1.616), Portugal (1.382), Italia (948) e EUA (823) son os países de orixe maioritarios. En canto aos peregrinos españois a comunidade que máis se repite é Andalucía (1.601), seguida de Madrid (1.160), Valencia (791), Cataluña (528) e Galicia (321). É tamén salientable a diferencia que existe en canto á época do ano elixida para facer o Camiño se falamos de estranxeiros ou nacionais, porque se ben os alemáns e americanos prefiren os meses de primavera e outono, os españois fan o camiño maioritariamente en xullo e agosto.

Tomiño prepara uns orzamentos co benestar social e a loita contra o cambio climático como protagonistas

0

Tomiño volve ser un dos primeiros concellos galegos en aprobar os seus orzamentos para o ano 2024. O Concello levará a vindeira semana a pleno para a súa aprobación por parte da corporación municipal uns orzamentos nos que o benestar social, as medidas contra o cambio climático e a captación de fondos europeos para investimentos transformadores serán os grandes protagonistas. Uns orzamentos que, con máis de 9 millóns de euros e un incremento do 5 % con respecto aos de 2023, xa son os máis altos da historia de Tomiño.

“Son uns orzamentos pensados por e para as persoas, centrados na posta en marcha de medidas, iniciativas e proxectos que nos permitan mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas. Uns orzamentos históricos que medran grazas á boa xestión e capacidade de captación de fondos externos do Goberno municipal, xa que a diferenza da maioría dos municipios da comarca Tomiño optou pola conxelación de impostos e taxas”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

Os novos orzamentos contemplan unha redución do gasto en enerxía eléctrica e no tratamento de residuos produto do forte compromiso ambiental das políticas municipais que se levan implementado nos últimos anos. Así, o Goberno municipal reduce nun 20 % a partida para gastos en enerxía eléctrica tras controlar o prezo da enerxía cun contrato durante este ano que estabiliza o custe e coa implementación do proxecto de renovación do alumeado público financiado cun millón de euros de fondos europeos, a través do que se substituirán un total de 3.000 puntos de luz por tecnoloxía LED.

Por outra banda, no camiño da implementación de medidas para loitar contra o cambio climático, tamén se recolle o descenso do 20 % do gasto no tratamento de residuos debido á redución de envío de materia orgánica a Sogama que está sendo reciclada “froito da política de fomento da compostaxe que levamos aplicando dende hai moitos anos e no que somos un concello referente”.

Con máis dun 1,3 millóns de euros, o gasto social representa o 15 % do total dos orzamentos e supón o investimento máis importante para o vindeiro ano. Desta partida, máis de 900.000 euros estarán destinados ao Servizo de Axuda no Fogar, aos que hai que sumarlle os 250.000 euros que se empregarán no mantemento dos centros educativos tomiñeses e no financiamento do Centro de Día e das escolas infantís.

Grazas á capacidade de captación de fondos europeos por parte do Concello, o vindeiro 2024 o Goberno municipal levará a cabo proxectos transformadores que suporán un investimento de máis de 5,2 millóns de euros. Ao máis dun millón de euros para a renovación do alumeado público de fondos NextGenerationEU sumaranse os 1,5 millóns da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a creación dunha senda peonil no río Pego e a solución co colector xeral que vai nese tramo ou o millón de euros conseguidos a través do PON2030 da Deputación de Pontevedra para o proxecto ‘Integra Tomiño’, que contempla a rehabilitación enerxética da Casa da Cultura e melloras na contorna.

A loita contra o cambio climático e a promoción da igualdade serán tamén os eixos centrais doutros dous proxectos que desenvolverá a Eurocidade Cerveira-Tomiño para os que se acadou unha subvención de 900.000 euros de fondos FEDER a través do programa POCTEP. Fondos europeos serán tamén os máis de 300.000 euros para o apoio ao comercio local ou os máis de 560.000 euros do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) para a transformación da Casa dos Mestres de Sobrada na Casa do Tempo, un lugar dixital, interactivo e inclusivo destinado á recollida e conservación de documentos gráficos e audiovisuais sobre os usos, costumes, patrimonio e tradicións desta parroquia.

Salvaterra continúa coas obras do espazo lúdico termal de Teáns-Oleiros

O Concello de Salvaterra de Miño vén de realizar unha inversión de máis de 80.000 euros, a través da orde do 20 de xaneiro de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico da Comunidade Autónoma de Galicia, da Vicepresidencia primeira e consellería de Economía, Industria e Innovación. O fin e continuar coa mellora dun espazo que a día de hoxe se converteu nun referente turístico da comarca.

Durante este ano 2023, o Espazo Lúdico Termal de Teáns-Oleiros recibiu máis 50.000 visitas de aquelas persoas que buscan un turismo de benestar e natureza As termas, ubicadas nun espazo privilexiado con Portugal no outro lado do río Miño, están consideradas as máis grandes ó aire libre de Galicia e reciben cada día máis visitas da nosa comunidade e doutras partes do territorio nacional.

Con esta subvención o Concello ven de adquirir novas bombas, taquillas, percheros e cámaras para seguir mellorando o espazo e seguir sendo un referente no uso lúdico das augas termais.

A Xunta remata a mellora da rede de saneamento de Crecente

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, rematou as obras de mellora da rede de saneamento municipal nos núcleos do Coto e Valeixe, no concello de Crecente.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de entregarlle as infraestruturas hidráulicas á Administración local.

A intervención, que contou cun investimento de preto de 50.000 euros, consistiu na execución dun novo colector que dá servizo ás vivendas existentes no núcleo do Coto, solucionando así o problema da conexión motivado pola diferencia de cota.

No que respecta ao núcleo de Valeixe as actuacións centráronse no encamisado do colector existente co obxectivo solucionar os problemas de capacidade do mesmo, provocados pola incursión no mesmo de raíces e terras.

A Xunta continúa prestando apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan desenvolver as súas competencias de saneamento, depuración e abastecemento dun xeito eficiente.

Doce meses cheos de solidariedade

A Eurocidade Tui-Valença edita un ano máis o seu calendario, no que os doce meses énchense de solidariedade xa que o almanaque será entregado a cambio de alimentos non perecedoiros.

O lema do 2024 é “A Eurocidade non se sente vívese”. As ilustracións foron realizadas por sketchers que no caso de Valença participaron  no 17º Encontro da Associação Urban Skechers Minho no mes de xuño representando o patrimonio local. Mentres os debuxos de Tui son froito do encontro de debuxo sobre o Tui xudeu organizado polo colectivo Urban Sketchers no mes de setembro.

Aparecen representados ao longo dos meses a Casa Toga, o Marco Milario, a igrexa de Santa María dos Anjos, a capela de nosso señor do Encontro, a Casa do Poço, e a Praça da República de Valença. Mentres a rúa das Monxas, o conxunto histórico, o miradoiro dos xardíns da Catedral, a rúa Entrefornos, e a Catedral de Tui forman parte tamén das ilustracións deste calendario.

Valença distribuirá os seus 400 exemplares do calendario nos centros educativos de preescolar e do 1º ciclo do Agrupamento de Escolas de Muralhas do Minho cambio de dúas unidades de alimentos non perecedoiros, que logo serán entregados á  Loja Social do Município de Valença.

No caso de Tui as persoas que desexen un calendario deberán achegarse á casa do Concello onde dende este mércores, 13 de decembro, poderán recoller un exemplar a cambio de 2 quilos de alimentos non perecedoiros que se destinarán á Asociación SOS Tomiño – Baixo Miño.

Ponteareas contará co plan parcial de A Lomba no prazo dun ano

O goberno municipal confirma que Ponteareas contará co plan parcial de A Lomba no prazo dun ano, un plan industrial que permitirá dar resposta á necesidade de outorgar seguridade xurídica ao tecido empresarial da localidade e fomentar, á vez, a actividade económica.  

O Concello formaliza o contrato coa empresa que redacta o plan, Estudio Técnico Gallego SA, polo que “nun ano, Ponteareas contará cun plan industrial por primeira vez na súa historia”, segundo apunta a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas.

A pasada semana celebrouse no salón de plenos do Concello unha xuntanza á que acudiron a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, a concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez Táboas, o edil de Facenda, Francisco Represas e a Directora Xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Encarna Rivas para dar resposta ás dúbidas dos 144 propietarios e propietarias dos terreos afectados o procedemento que se seguirá para que Ponteareas conte con plan industrial.

Co plan parcial de A Lomba, “o obxectivo é potenciar e expandir as actividades económicas xa presentes na zona, permitindo o seu crecemento e a incorporación de novas industrias lixeiras e non contaminantes”, segundo apunta a alcaldesa, Nava Castro, quen insiste en que “a elaboración deste Plan vén a cubrir unha das grandes carencias coas que se aprobou o PXOM no anterior mandato, como é a ausencia de solo industrial para o asentamento de novas empresas”.

Trátase dun proxecto que “forma parte das liñas prioritarias do actual grupo de goberno para o actual mandato como é o fomento da actividade industrial e, por tanto, económica a través da posta en marcha de diferentes accións como a apertura do centro de emprendemento ou outras iniciativas que promovan o desenvolvemento urbanístico”, apuntou a rexedora.

Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 2,5M€ en centros educativos de Redondela

0

A Xunta de Galicia investirá máis de 2,5 M€ para levar a cabo melloras en centros educativos de Redondela. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao Instituto IES Pedro Floriani, un nos que está previsto actuar xunto ao IES Mendiño e o Colexio CEIP Reboreda.

Tal e como avanzou na visita o responsable autonómico de Educación, a Xunta de Galicia publicará antes de final de ano as licitacións destas obras que permitirán “mellorar as infraestruturas para adaptalas ás novas demandas educativas e sociais” en liña co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. “Queremos que Galicia sexa o mellor lugar para formarse e por iso traballamos para que os nosos colexios e institutos sexan cada vez máis confortables e modernos”, afirmou Román Rodríguez.

A principal actuación anunciada é a ampliación do IES Pedro Floriani, un centro formado por varios edificios que ofertan distintas etapas e modalidades formativas. Neste caso, a Xunta investirá 1,9 M€ para ampliar o centro en máis de 700 m2 e dotalo de novos espazos e servizos co fin de reforzar a oferta de Formación Profesional mediante a creación de novas aulas polivalentes e técnicas coa superficie axeitada. Ademais, o proxecto complétase coa substitución das cubertas do centro.

As actuacións restantes están dirixidas a facer melloras sectoriais. Así, no caso do Instituto de Mendiño, destinaranse máis de 250.000 € para dotar ao centro dunha nova caldeira de biomasa. Isto permitirá renovar a instalación de xeración de calor substituíndo a actual caldeira de calefacción de gasóleo por unha de enerxía verde. Por último, o Colexio Reboreda contará cun investimento de 320.000 € para cambiar a carpintería exterior do centro. En total cambiaranse 169 unidades o que permitirá mellorar a eficiencia enerxética e o confort do edificio.

Concello de Nigrán e Ovalmi promocinan a compra de agasallos no comercio local

0

O Concello de Nigrán, xunto coa asociación de empresarios Ovalmi, inician desde hoxe a campaña especial de Nadal de promoción do comercio local #EuSonDeMercarEnNigrán. Un total de 33 negocios de todo tipo se inscribiron este ano nesta iniciativa aberta a todos os comerciantes do municipio e que inclúe reparto de 8.000 bolsas de algodón entre os establecementos, envoltorios de papel, cartalaría en vallas e redes sociais, anuncios publicitarios… Como xa é habitual, os propios ‘tendeiros’ son os protagonistas de toda a campaña. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como leva facendo durante anos con campañas xenéricas ou en datas sinaladas como esta, a Pascua, Día da Nai ou do Pai…

“No Nadal o consumo dispárase, e por iso, unha vez máis, queremos apelar a que se faga dun xeito consciente para que vaia en beneficio da nosa vila”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta iniciativa, de feito, os asociados a esta entidade recibirán directamente no seu establecemento o material promocional (os non asociados deben recollelo na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9:00 a 14:00). “A campaña pretende motivar ao consumo local e, a maiores, o Concello ofrece actividades de Nadal que dinamizarán as rúas e, por suposto, desde hoxe tamén alumeado porque é algo que tamén dá vida ao comercio”, engade.

En total, 33 establecementos de todo o municipio solicitaron participar nesta iniciativa municipal tras realizarse un chamamento público no mes de novembro, 20 deles estréanse na campaña e os demáis repiten. Tendas de roupa, ferreterías, ópticas, hostalería, tendas agrícolas, parafarmacias, xoiarías, panaderías… forman parte grazas ao rostro de cadanseu dependente e, xuntos, representan a todo o tecido comercial da localidade. O resultado xa está na rúa: figuran en diferentes vallas , anuncios en prensa e cartalería e cada un conta (ou contará) nos próximos días co seu gif particular para circular en redes sociais e facer viral o hashtag #EuSonDeMercarEnNigrán. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para incentivar o comercio de proximidade cun toque informal e divertido mediante o propio deseño e os posados dos protagonistas.

“O obxectivo é subliñar ante a nosa veciñanza e visitantes que temos un tecido de pequeno comercio moi variado e que paga a pena”, conclúe o alcalde, Juan González.

Tomiño fusiona deporte e valores no seu I Torneo Solidario de Nadal

0

Tomiño seguirá a celebrar as festas pensando nas persoas máis desfavorecidas cunha xornada de deporte e solidariedade. O Concello organiza o vindeiro 23 de decembro o I Torneo Solidario de Nadal, unha iniciativa que busca unir á veciñanza arredor do deporte e de valores como a solidariedade, promovendo o espírito de colaboración e apoio mutuo.

Como salienta o concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García, “o deporte está vinculado a valores fundamentais como o compañeirismo, a disciplina, o esforzo… e é un ámbito ideal para realizar este tipo de iniciativas solidarias, xa que non só promove a actividade física, senón que tamén fortalece os lazos colaborativos. Este torneo é unha mostra máis de que dende o Concello pensamos en todos os tomiñeses e tomiñesas”.

O torneo celebrarase no Campo de Fútbol O Alivio e contará coa participación dos equipos locais do Tebra FC, Tomiño FC e Goián CF que se enfrontarán en tres encontros diferentes que comezarán ás 16.00 horas. O torneo conta ademais coa colaboración de ADETO e de SOS Tomiño e co respaldo da Real Federación Galega de Fútbol e da Federación Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol. “Agradecemos sinceramente a colaboración de todas estas entidades, un apoio que amosa o seu compromiso coas iniciativas solidarias. Estamos convencidas e convencidos de que o torneo será un éxito grazas á súa implicación”, destacou o concelleiro.

O Concello convida a participar neste torneo solidario a todos os tomiñeses e tomiñesas, que deberán levar un quilo de alimentos para poder gozar dos encontros deportivos. As doazóns serán entregadas integramente a SOS Tomiño. Por cada entrega, o público recibirá unha participación para o sorteo de dous vales de compra no comercio local de Tomiño doados por ADETO. Ademais, todo o recadado durante o torneo na cantina do campo de fútbol será tamén doado.

120 persoas desempregadas iniciaron onte un itinerario formativo e laboral en Mos

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Formación e Emprego, Julia Loureiro, visitaron na Axencia de Colocación do Concello aos 20 participantes do novo Obradoiro Dual de Emprego, Queda en Mos II, e aos 100 participantes no novo Programa Integrado de Emprego, que lle foron concedidos pola Xunta de Galicia á administración local mosense e que a administración autonómica subvencionará cun total de 751.000 euros. 531.000 euros para o Obradoiro e 220.00 euros para o Programa Integrado.

Estas 120 persoas en situación de desemprego comezaban hoxe un novo itinerario formativo e laboral para mellorar a súa empregabilidade.

As dúas especialidades que se impartirán durante un ano no Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Mos serán Carpintería e Márketing Dixital. En cada unha delas hai 10 alumnos-traballadores.

Os obxectivos deste Obradoiro, segundo destacaron as representantes municipais Arévalo e Loureiro, son “incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos veciños en situación de desemprego, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado”.

Trátase dun programa que mellora a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.

Pola súa banda o Programa Integrado de Emprego está tamén financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Esta trátase da IX Edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos. E neste senso a rexedora mosense, Nidia Arévalo, salientou que “aínda que non é unha competencia municipal, unha das miñas máximas prioridades e preocupacións na xestión como alcaldesa é a inserción laboral da veciñanza en situación de desemprego, por iso quero agradecer a man tendida da Xunta de Galicia polo seu apoio incondicional a programas coma este no Concello de Mos, ás empresas pola súa colaboración e participación neles; e, aos usuarios e usuarias, animalos a seguir esforzándose e continuar formándose e realizando unha busca proactiva que, de seguro, dará os seus froitos”. O recén finalizado VIII Programa Integrado de Mos, que rematou o pasado 16 de novembro e no que participaron outras 100 persoas, acadou unha porcentaxe de inserción superior ao 60 %. Porcentaxe de inserción co que se superou o obxectivo final do programa, pois se establecía a inserción dun mínimo dun 45% das persoas participantes.

Os obxectivos dos Programas Integrados son: a mellora da empregabilidade das persoas participantes. Ser un instrumento útil para as empresas, traducido na adecuación dos perfís profesionáis para unha posible incorporación ás suas empresas. E ofrecer medidas de apoio ao participante.

Esta nova IX Edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos conta con subvención auntonómica da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Comeza o obradoiro de emprego “Salvaterra emprega III”

O Concello de Salvaterra de Miño iniciou esta mañá un novo obradoiro de emprego “SALVATERRA EMPREGA III” cunha financiación de máis de 500.000 euros, coa que se busca continuar coa liña de fomento do emprego en colaboración coa Consellería de Promoción o Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

A través deste obradoiro se posibilita que un total de 20 persoas desempregadas se formen e capaciten nas especialidades formativas ofertadas do ámbito forestal e xardinería e 5 as que formarán parte do equipo directivo do obradoiro coa finalidade de mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas do municipio.

SALVATERRA EMPREGA III ten unha duración de 12 meses nos cales o alumnado traballador adquirirá os coñecementos necesarios mediante a realización de tarefas que responderán á prestación do servizo en si.

Ademais, tal e como se fixo en anos anteriores, sendo este o terceiro consecutivo, no apartado de fortestal mantense a colaboración coa Comunidade de Montes de Pesqueiras.

Redondela ofrece unha charla sobre o Testamento Vital

0

O testamentos vitais, ou documento de vontades anticipades, é un escrito no que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos que podería precisar no futuro. Tamén recolle a súa decisión sobre o destino final do seu corpo, coa finalidade de que sexa coñecida e respectada no momento no que non teña capacidade para manifestala. As cifras reflicten un aumento paulatino de inscricións deste documento no que quedan rexistradas as últimas vontades dos pacientes. Segundo o rexistro do Ministerio de Sanidade, o perfil das persoas que tramitan o documento de últimas vontades é maioritariamente muller, e cunha idade superior aos 65 anos. En España, o Rexistro Nacional de Instrucións Previas publica datos nos que se pasa de 145.775 testamentos vitais en 2013 a 402.761 en 2023.

Con todo, a día de hoxe o testamento vital é un gran descoñecido para a maior parte da poboación, malia tratarse dunha ferramenta moi útil á hora de adiantar as nosas vontades persoais para que sexan respectadas nos últimos momentos da vida. Por iso, dende a Concellería de Persoas Maiores do Concello de Redondela organízase unha Xornada Informativa sobre “Testamento Vital, documento de vontades anticipadas ou de instrucións previas” que se celebrará o vindeiro martes, 12 de decembro, ás 19:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. Intervirán Agustina Portabales, traballadora social do Hospital Álvaro Cunqueiro e Iván Raris, avogado de Afaga Alzheimer.

Nigrán comeza a restauración do lavadoiro de Saraivo, situado en pleno Camiño Portugués pola Costa

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana a completa restauración do lavadoiro do Saraivo, situado na parroquia de Nigrán en pleno Camiño Portugués pola Costa e catalogado, polo que se trata de poñelo en valor como elemento patrimonial e no conxunto do Camiño. O investimento, de 48.248 €, conta cunha subvención de 20.000 € do Instituto de Estudos do Territorio e suporá devolverlle o valor a súa imaxe de conxunto, moi deteriorada e carente de interese debido a engadidos posteriores a base formigón. Ademais, a súa situación na rúa Comesaña (parroquia de Nigrán) permitirá que se transforme nun lugar agradable onde veciños e peregrinos poderán sentarse a descansar e refrescarse. A empresa adxudicataria Vigalco estima finalizar os traballos no mes de febreiro.

“Levamos anos restaurando fontes e lavadoiros de todo o municipio co fin de devolverlles o valor patrimonial, cultural e etnográfico que representan e seguiremos facéndoo”, indica o alcalde, Juan González, en referencia aos 160.000 € investidos os anos pasados na posta en valor de 7 lavadoiros e 8 fontes de todo o municipio.

A actuación, redactada polo arquitecto nigranés Severo Fernández, consiste na eliminación da cuberta de formigón para crear unha vexetal totalmente plana e que facilite a entrada de luz, integrándose así á perfección coa paisaxe que rodea este lavadoiro. Ademais, executaranse unhas novas escaleiras de acceso e saída con varanda de protección, substituirase o pavimento, e colocarase un murete curvo que tamén servirá de banco para o descanso na zona máis alta; todo elo en granito para non restar importancia á cantería do lavadoiro orixinal. A maiores, recuperarase a fonte existente e o conxunto será dotado de iluminación LED totalmente integrada na intervención para que tamén sexa un lugar seguro e atractivo cando non hai luz natural.

“A intención é crear un recinto acorde cos valores do noso patrimonio e devolverlle o seu uso como perfecto lugar de descanso e refresco para veciños e peregrinos”, finaliza González.

A Deputación porá en marcha unha rede de comercio local en Arbo, Mondariz e As Neves

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por preto de 210.000 euros a posta en marcha dunha plataforma para crear unha rede de comercio local e produtos quilómetro cero nos concellos de Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro ao abeiro do programa “Da túa man” (rural), financiado con fondos europeos. Esta actuación enmárcase dentro da grande aposta do goberno provincial pola “dinamización e promoción económica da provincia e, de maneira específica, do rural”, asegurou o presidente da Deputación Luis López.

Trátase dunha “aposta innovadora que contribuirá a unha mellora da produtividade do comercio e da hostalaría destes concellos, creando vínculos comerciais e estreitando e fortalecendo as relacións de subministración”, explicou o presidente. Ademais, mediante este sistema configúrase unha comunidade de aprendizaxe, que permitirá compartir coñecementos e experiencias que contribúan a mellorar a produtividade, incrementar as vendas e engadir valor ao produto e servizo.

A plataforma contará con dúas partes: unha parte pública, dixital, que permitirá á cidadanía acceder aos contidos xerados: mapa, da provincia coas diferentes experiencias, información medio ambiental, etc., e unha parte privada á que terán acceso os comerciantes e hostaleiros dos concellos mencionados. Nesta parte privada os axentes implicados poderán interactuar e establecer relacións comerciais, compartir experiencias e información e, entre outros, dispoñer de titoriais de expertos.

‘O Principiño’ protagoniza o concerto de Nadal da Agrupación Musical do Rosal

0

O espírito festivo entra con forza no Rosal esta fin de semana da man da Agrupación Musical do Rosal, que ofrecerá o seu tradicional  concerto de Nadal, un espectáculo para público familiar cheo de luz, imaxes, son e sorpresas que conquistará a todos os asistentes.

O sábado 16 de decembro o escenario do auditorio municipal acollerá ás 19.30 horas un completo e variado concerto no que ‘O Principiño’ exercerá de fío condutor dunha actuación na que participará a banda da Agrupación Musical do Rosal, o coro da Escola de Música e que contará cos actores e actrices Cristina Collazo, Josito Porto e Sole Felloza.

A entrada será de balde para toda a rapazada da Escola de Música, que deberá retirar o tícket previamente na oficina, mentres que para socios e socias terán un prezo de 3 euros e poderán retirar da propia oficina un máximo de dúas entradas por persoa. Pola súa banda, para o público xeral o boleto terá un prezo de 5 euros e poderán adquirilas tamén na oficina, en punterazapatos ou en Milar Teleson.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a todos os rosaleiros e rosaleiras “a gozar dun concerto único escoitando música de calidade feita con moito agarimo polos grandes músicos e músicas do noso concello”.

O Concello de Salceda continúa a implantación do método CER

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Axenda Ecolóxica que dirixe Marcos Troncoso, avanza no coidado das colonias de gatos existentes no casco urbano do municipio. A xestión realízase a través dun grupo de voluntariado en coordinación co Concelleiro, que se encargan tanto da alimentación e coidado dos felinos como da xestión das esterilizacións, que se realizan nas clínicas veterinarias de Salceda.

O mesmo grupo de voluntariado é o encargado do desenvolvemento do método CER para o rexistro e control dos felinos. Así mesmo, encárganse de promover a adopción entre a veciñanza, contando neste momento xa con 7 adopcións realizadas, todas elas de crías recollidas das colonias.

O Concello instalou ademais refuxios nas zonas onde se ubican as colonias, para contribuír a dignificar a vida dos felinos e a mellorar as súas condicións de salubridade.

Marcos Troncoso apuntou que estas accións “non serían posibles sen a implicación do grupo de voluntariado que desinteresadamente atende as colonias. Queremos aproveitar a ocasión para facer un chamamento á veciñanza para que se respete o traballo altruísta destas persoas, que solo buscan o benestar destes animais, ao tempo que contribúen á non proliferación de posibles zonas insalubres.”

Dende o grupo de voluntariado faise un chamamento para que sexan máis as persoas que se animen a colaborar nesta iniciativa, tanto realizando labouras de coidado e seguemento das colonias como participando nas adopcións que se promoven dende o grupo, e que se fan públicas no perfil de facebook “Adopciones Salceda de Caselas”.

Loli Castiñeira, alcaldesa da vila, sinalou que Salceda tiña “unha débeda na xestión das colonias felinas, e queremos que esta sexa a lexislatura que dea solución a esta histórica demanda veciñal. O Concelleiro de Axenda Ecolóxica xunto co voluntariado e as clínicas veterinarias están a facer un traballo exemplar do que non podo sentirme máis orgullosa”.

Tui está a executar a renovación do pavimento de madeira exterior do Centro de Remo e Piragüismo

0

O Concello de Tui de Tui está a executar a obra de renovación do pavimento de madeira exterior do Centro Interfederado de Remo e Piragüismo de Tui. A madeira existente foise deteriorando co paso dos anos o que supuña un risco para a seguridade, polo que se vai proceder a súa substitución por pavimento de madeira técnica.

A obra foi adxudicada á empresa Ronautica Quality Marinas, S.L.U. e suporá un investimento de 50.348,84 euros dos que 40.279,08 euros son aportados pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes aporta e 40.279,08 euros dentro da liña de subvencións plurianuais que convoca este departamento de Xunta de Galicia a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable.

Deste xeito este espazo no exterior do edificio Centro Interfederado de Remo e Piragüismo, situado na rúa Olímpicos Tudenses, poderá volver a utilizarse tras a conclusión da obra nas axeitadas condicións.

A hostalaría de Covelo aposta polo cocido galego de produción local

0

Bares e restaurantes do Concello de Covelo únense para a posta en valor das carnes de produción local e lanzan o menú “Cocido de Covelo” que se poderá degustar en calquera dos dez locais de hostalaría previa reserva.

Con prezos que van desde os 15 aos 25 € por menú o “Cocido de Covelo” incorpora a carne de vaca criada nestas terras e recupera produtos tradicionais como o “petelo”. Cada local porá o seu selo persoal podendo degustarse cocidos con repolo e/ou con verzas das hortas de Covelo, con garavanzos, fabas ou feixóns. O prezo do menú inclúe bebida, pan e postre.

O cocido de Covelo será un cocido feito na casa e así o teñen claro os bares e restaurantes participantes que apostan polos produtos de proximidade sabendo que é onde se atopa a frescura e a calidade.  O mesón  A Xestosa en San Salvador de Prado, o bar Cuartel na Lamosa, o bar Costa en Covelo, o bar Lemos na Ermida, o Pinzas en Barcia de Mera, o Praza e o Río Tea de Maceira, o bar A Graña na parroquia do mesmo nome e a Rectoral de Fofe lanzan a primeira campaña de “Cocido de Covelo” feito con carne de vaca 100% local criada nos montes e pastizais de Covelo. Este é o primeiro paso dunha iniciativa que procura a posta en valor e a promoción da riqueza gastronómica de Covelo.

Abertos todo o ano e con posibilidade de reserva, os locais de hostalaría de Covelo son, cada vez máis, a alternativa para un bo xantar caseiro sen saír da  área metropolitana de Vigo. “Notamos como chega xente doutras comarcas que veñen desfrutar da natureza, das rutas de sendeirismo, da feira mensual ou das actividades gratuítas organizadas polo Concello”, explica a concelleira de Comercio, Lourdes Enes.

O alcalde, Pablo Castillo, explica que dende o goberno refórzanse as iniciativas da veciñanza e empresas e emprendedores/as locais ofrecendo actividades que atraian a visitantes e que, ao mesmo tempo, descubran o potencial natural, histórico, etnográfico e cultural que ten Covelo.

A tan só 35 minutos da cidade e a menos de media hora dos principais núcleos de poboación do Condado, Paradanta, Louriña e Baixo Miño o Concello de Covelo configúrase como o pulmón verde do sur da provincia onde as persoas atopan tempo de lecer en contacto coa natureza.

Nigrán colabora coa promoción do deporte entre as mulleres saharauis nos campamentos de refuxiados

0

O Concello de Nigrán trasladará tamén ao eido deportivo o seu coñecido compromiso co pobo saharaui. O alcalde de Nigrán e catro concelleiras participan esta semana na viaxe organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e Solidariedade Galega co Pobo Saharaui aos campamentos de refuxiados en Alxeria, en Tindouf, para coñecer in-situ a realidade desta poboación desprazada aquí desde 1975. Trátase da segunda vez que o rexedor acude a este territorio en calidade de presidente do Fondo Galego, mentras que a primeira para as catro edís, que aproveitaron a oportunidade de participar nesta viaxe autofinanciada por cada un dos 110 participantes e pensada para familias acolledoras e para representantes dos gobernos locais e técnicos galegos co fin de sensibilizalos sobre este conflito. Así, durante cinco días, a delegación do Fondo Galego, composta por 41 persoas de toda Galicia, manterá reunións, coñecerá proxectos de cooperación, visitará institucións e convivirá con familias saharauis. Ademais, desde Nigrán e liderado pola propia edil de Deportes, Sara Penedo, impartirase un obradoiro dirixido a mulleres que desexen iniciarse na práctica deportiva. Penedo ofrecerá a posibilidade de organizar adestramentos persoalizados online de cara a calquera interesada en participar nalgunha das probas da maratón do Sáhara a finais de febreiro. Con este fin, a delegación de Nigrán tamén achegará roupa deportiva.

“O compromiso do Concello de Nigrán co pobo saharaui é máximo e por iso estamos aquí, para buscar novas vías de cooperación. A maiores, aproveitando que acude a edil de Deportes, Sara Penedo, preguntamos se podíamos organizar algún partido e, desde o Ministerio de Xuventude e Deporte, nos pediron que realizásemos algún obradoiro para animar ás mulleres a facer exercicio porque, nese sentido, todavía hai unha fenda de xénero grande”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza o irmandamento entre a maratón do Sahara e a carreira popular pola praia Nigrán-Area de cara a promover esta proba deportiva e solidaria organizada cada ano por voluntarios de diferentes nacionalidades e á que acuden atletas de moitos países. “O deporte é saúde física e mental, por iso é importante chegar ás mulleres”, incide Penedo, Con ela viaxan Bibiana Peixoto, edil de Servizos Sociais; Cristina Dosil, edil de Relacións Veciñais, Xuventude, Festexos Populares e Comercio; e María Mayán, edil de Maiores.

O Concello de Nigrán finanza desde o ano pasado o proxecto ‘Nadafa’ de recollida de residuos e sensibilización ambiental nos campamentos de refuxiados saharauis, concretamente na wilaya de Bojador, con 16.500 habitantes. Ademais, a Mancomunidade do Val Miñor ten achegados 25.000 € tamén para axuda alimentaria de emerxencia e o Concello de Nigrán cedeu durante o verán a vivenda municipal de Balinfra (Camos) aos monitores saharuis que acompañan aos cativos do programa ‘Vacacións en Paz’ en Galicia.

“Nesta comarca temos un compromiso firme cos saharauis que se amosa cada ano no programa ‘Vacacións en Paz’ que, grazas ás familias acolledoras e á financiación dos concellos, trae a menores saharauis no verán”, explica González. “O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, o conflito do Sáhara compete directamente a España porque foi unha provincia máis deste país, e por iso queremos manter unha colaboración con eles, cremos que desde o local tamén debemos formar parte da cooperación internacional”, insiste o rexedor, quen aprobou no 2022 no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui e de rexeitamento da viraxe neste asunto de política exterior por parte do goberno de España, sendo o primeiro municipio de Galicia en facelo.

Rematan as obras da nova senda peonil desde o Centro Cultural de Guizán ao Cruce do Moreno

0

A nova senda peonil desde o Centro Cultural de Guizán ao Cruce do Moreno (segunda fase da humanización da Estrada Louriñó-Sobráns), incluída no Plan Mos Humanizado, e cun investimento de 657.456,66 euros, atópase prácticamente rematada a falla únicamente do pintado da sinalización horizontal, que quedará realizado antes de fin de mes.

Así o informaron alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, e o edil mosense de Urbanismo, José Ramilo.

Esta obra consiste na continuación da humanización de Guizán no tramo Sobráns-Louriñó.

A humanización de Sobráns a Louriñó é a continuación do trazado de beirarrúas para a mellora da mobilidade peonil na estrada Louriñó-Sobráns. A actuación desenvólvese ao longo de 2 quilómetros, partindo desde o Centro Cultural de Guizán cara ao cruzamento coa Estrada Puxeiros-Mos. O proxecto xera un espazo de tránsito seguro nunha estrada na que existe un elevado número de vivendas.

Este proxecto de execución dunha nova beirarrúa desde o Centro Cultural de Guizán ata o chamado Cruce do Moreno (parroquia de Torroso), está financiado con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Con el xéranse novos intinerarios peonís, aplicando criterios de mellora da seguridade vial, mobilidade sostible e posta en valor do patrimonio cultural. A actuación está motivada principalmente pola necesidade de creación dun itinerario peonil seguro nun percorrido con alta presenza de usuarios debido ao seu papel de conexión de equipamentos sociais, culturais e relixiosos. Neste sentido, a actuación plantéxase como un itinerario seguro e accesible con distintas zonas que distribúen e organizan o seu marcado carácter lonxitudinal.

O criterio principal de deseño foi optar pola xeración de espazos de coexistencia, con preferencia peonil naqueles lugares onde as características espaciais da estrada o fan posible. Buscando mediante a unificación dos pavimentos unha redución de velocidade por parte dos vehículos que garante a seguridade dos viandantes.

A beirarrúa discorre pola marxe esquerda e dereita, adaptándose aos condicionantes presentes no seu trazado, polo que foi necesario ampliar a plataforma nalgúns tramos, tomando como criterio a conservación de todos os elementos construídos existentes. A beirarrúa conta con vados de acceso ás parcelas.

Desaloxo nun edificio de Chapela por un incendio

0

Unha avaría nun cadro eléctrico provocou un incendio nun edificio do Camiño Leitón, en Chapela. O suceso produciuse na tarde do sábado 9 de decembto e, ata o lugar, desprazáronse axentes da Policía Local, Bombeiros de Vigo e Protección Civil de Redondela.

Foi necesario desaloxar o inmoble pola gran cantidade de fume que se estendera por todo o inmoble. Afortunadamente non se rexistraron danos persoais. Ata o lugar desprazáronse tamén a alcaldesa, Digna Rivas, e varios concelleiros do goberno local para interesarse pola situación dos veciños afectados e ofrecerlles unha alternativa de realoxo. Finalmente todos pasaron a noite en domicilios de familiares.

Novos obradoiros, esta semana, a cargo de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana tres novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os obradoiros centraranse en márketing social, contido efémero para redes con historias en Facebook e Instagram e en Intelixencia Artificial.

O mércores 13 de decembro terán lugar dous cursos impartidos de xeito telemático. Ás 12:00 Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e postgraduada en Dirección de comunicación corporativa, será a encargada de impartir o obradoiro “O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram”. Nel, explicarase como crear contido efémero nas redes sociais a través das historias integradas nunha estratexia de márketing.

Nesta mesma xornada do mércores pero ás 18:00 horas comezará o obradoiro “Márketing social: Estratexias dixitais para entidades do terceiro sector”. Trátase dunha acción formativa centrada en dar a coñecer as principais estratexias en liña, as ferramentas e as canles máis axeitadas dispoñibles para as entidades do terceiro sector. Este taller será impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual e con ampla experiencia no ámbito da comunicación dixital e o  márketing en liña.

Finalmente, o xoves 14 de decembro entre as 12:00 e as 13:00 impartirase de xeito telemático o curso “Intelixencia Artificial, iniciación con robots”. Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, dará a coñecer os procesos de clasificación de imaxes empregando unha rede neuronal e unha placa de desenvolvemento Jestson Nano.

Redondela organiza obradoiros de Nadal

0

O Concello de Redondela prepara múltiples actividades para a rapazada durante as vacacións escolares de Nadal, con obradoiros do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro en horario de tarde. Como principal novidade este ano a Concellería de Xuventude inclúe obradoiros dirixidos especialmente á mocidade a partires dos 13 anos. Estas actividades realizaranse nun novo local habilitado no Multiúsos da Xunqueira, o Espazo Redondela Xove. O obxectivo é “ofrecer un lugar de encontro e de lecer para os máis novos, con actividades que lles resulten atractivas e poidan reunirse para gozar dun ocio saudable”, sinala o concelleiro Iván Valles. A sala estará aberta a partires do próximo día 22 de decembro, e ao longo de todo o ano a mocidade terá neste espazo un lugar propio onde poder reunirse, con xogos de mesa, futbolín e outras actividades. Nas vacacións de Nadal, do 26 de decembro ao 4 de xaneiro, desenvolveranse obradoiros de Defensa Persoal, Origami, Manga, Xadrez e outras sorpresas en horario de 18.00 a 21.00 horas. De cara ao vindeiro ano seguirán a organizarse actividades neste Espazo Redondela Xove, “e os propios mozos poderán participar na elaboración da programación achegando suxestións sobre as actividades que lles gustaría realizar” explica a alcaldesa Digna Rivas.

Os obradoiros para nenos e nenas desde os 3 e ata os 12 anos de idade realizaranse tanto no Multiúsos da Xunqueira como no do Piñeiral de Chapela entre os días 26 de decembro e o 4 de xaneiro en horario de 17.00 a 19.00 horas. Entre as actividades destacan as clases de cociña, sesións de contacontos, manualidades, música e xogos de risoterapia entre outras sorpresas. Os monitores fomentarán o traballo en equipo dun xeito lúdico, favorecendo a participación de todos os nenos e nenas adaptándose ás idades e necesidades dos grupos. Os obradoiros, organizados polas concellerías de Cultura e Infancia, ofrecen así unha alternativa de ocio para os máis pequenos, á vez que as familias poderán facer as súas xestións ou compras de Nadal con maior tranquilidade. Estas actividades en horario de tarde compleméntanse cos obradoiros Concilia Nadal que se organizan en horario de mañá nas diferentes parroquias.

Preto de 150 persoas participan esta semana no programa da Deputación “Depotermal”

Dende este domingo e ata o vindeiro venres 15 de decembro, preto de 150 persoas maiores de 50 anos de 18 concellos da provincia poderán desfrutar dunha estancia no Gran Talaso Hotel Sanxenxo e no Hotel Carlos I grazas ao programa “Depotermal”, organizado pola Deputación de Pontevedra. Durante a súa estancia poderán desfrutar de  tratamentos de barros quentes, sesións monitorizadas de activación muscular e articular, sauna e ducha circular, entre outros.

No Hotel Carlos I Silgar de Sanxenxo aloxaranse 87 persoas dos concellos da Estrada, As Neves, Baiona, Gondomar, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela, Soutomaior, Tui e Vigo. Por outra banda, o Gran Talaso de Sanxenxo acollerá a un grupo de 55 persoas procedentes da Estrada, Baiona, Cuntis, Marín, Ponteareas, Pontevedra, Salceda de Caselas, Tomiño e Vigo.

O programa de termalismo e saúde da Deputación de Pontevedra, dirixido ás persoas maiores de 50 anos, xubiladas, pensionistas, persoas cun recoñecemento do grao de diversidade igual ou superior ao 65 % ou que teñan acreditado un respiro familiar, ten como finalidade facilitarlles aos veciños da provincia o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros. Ademais, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia, impulsando a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade ao desestacionalizar a demanda.

“Depotermal” conta con dúas modalidades: unha diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e outra con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. En total, son 2.447 as persoas beneficiarias, das que 664 aproveitarán a asistencia diúrna e 1.783 persoas a asistencia con aloxamento.

Nos próximos días sairá a licitación a construción dunha nova ponte sobre o regato Cotarel

0

O Concello de Tui sacará a licitación nos próximos días a obra de construción dunha nova ponte sobre o río Cotarel na estrada que une as parroquias de Randufe e Pazos de Reis. A obra está financiada nun 75 % polo Concello de Tui en un 25 % pola Deputación de Pontevedra.

Con esta nova infraestrutura solucionarase o problema de comunicación na zona xa que a estrada está corta dende hai meses debido ao afundimento da estrada neste punto.

No proxecto a executar contémplase o desmontado da tubaxe metálica existente, e a execución dun novo paso elevado cun taboleiro de vigas prefabricadas sobre estribos en ambas marxes. Deste xeito recuperarase a circulación nestas estrada local e se garantirá o caudal de desaugadoiro de avenida no regato Cotarel. A actuación proxectada permitirá tamén recuperar o trazado orixinal do leito fluvial e a súa contorna.

Esta estrada leva meses cortada debido á gran focha xerada coma consecuencia do lavado do recheo que socavou o terreo.  No seu momento instalouse un tubo metálico de sección circular e 1800 mm de diámetro, con embocadura e aletas de formigón. A limitada sección da tubaxe e a oxidación da mesma, co paso do tempo, sumado aos episodios de choivas intensas e concentradas en pouco tempo, provocou a rotura da parte inferior, o que conlevou que parte do caudal se filtrase por fóra da sección do tubo, provocando o lavado do recheo do terraplén e o afundimento da estrada neste punto.

A nova solución proposta, que se vai executar tras a adxudicación da obra, permitirá así recuperar a circulación nunha zona transitada tanto pola veciñanza de Pazos de Reis e Randufe, coma por visitantes que se achegan á senda do río Tripes, xa que neste lugar está situado un dos puntos de inicio do percorrido.