O Concello de Redondela en colaboración coa Asociación de Empresarios pon en marcha unha campaña de Nadal con premios para promover as compras nos Mercados Municipais de Redondela e Chapela. Os clientes que fagan as súas compras nas prazas de abastos ata o 21 de decembro participarán no sorteo de 8 cestas de Nadal valoradas nun total de 400 euros. Os sorteos presenciais faranse o día 22 de decembro e o sorteo online terá lugar o día 21. Nos mercados están xa instaladas unhas urnas para depositar os vales, e entre todos os recollidos sortearanse 4 cestas no mercado de Redondela e 2 no mercado de Chapela. As dúas cestas restantes sortearanse “en liña” na web www.empresasredondela.gal. Participar é moi sinxelo, tan só hai que cubrir os datos persoais para poder rexistrar todos os tíckets de compra que desexe. O concelleiro de Consumo e Comercio, Antonio Cabaleiro, sinala que deste xeito queren “promover as compras nas prazas de Redondela e Chapela nestas festas de Nadal”. Por outra banda o responsable dos Mercados Municipais, Pedro Villaverde explica que é un xeito de “premiar á veciñanza que confía nestes establecementos, que ofrecen produtos frescos de gran calidade”.
Por parte da Asociación de Empresarios destacan que por primeira vez faise confluír nunha mesma campaña a participación online e física, de modo que os cliente polas compras nas prazas recibirán as papeletas para participar que poderán depositar nas tradicionais urnas ou ben poderase participar de forma dixital rexistrando o tícket de compra na nova plataforma de concursos e sorteos da Asociación de Empresarios de Redondela. O portal estréase este Nadal cos sorteos das Cestas de Nadal e os 3.000€ en Vales de Compra no que participan máis de 60 establecementos entre os que tamén se atopan os praceiros e praceiras ademais de todo o comercio de Redondela e Chapela.