O Concello de Nigrán, xunto coa asociación de empresarios Ovalmi, inician desde hoxe a campaña especial de Nadal de promoción do comercio local #EuSonDeMercarEnNigrán. Un total de 33 negocios de todo tipo se inscribiron este ano nesta iniciativa aberta a todos os comerciantes do municipio e que inclúe reparto de 8.000 bolsas de algodón entre os establecementos, envoltorios de papel, cartalaría en vallas e redes sociais, anuncios publicitarios… Como xa é habitual, os propios ‘tendeiros’ son os protagonistas de toda a campaña. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para promover o comercio de proximidade entre a veciñanza, tal e como leva facendo durante anos con campañas xenéricas ou en datas sinaladas como esta, a Pascua, Día da Nai ou do Pai…
“No Nadal o consumo dispárase, e por iso, unha vez máis, queremos apelar a que se faga dun xeito consciente para que vaia en beneficio da nosa vila”, explica o alcalde, Juan González, quen agradece a Ovalmi a súa total disposición a colaborar con esta iniciativa, de feito, os asociados a esta entidade recibirán directamente no seu establecemento o material promocional (os non asociados deben recollelo na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán de 9:00 a 14:00). “A campaña pretende motivar ao consumo local e, a maiores, o Concello ofrece actividades de Nadal que dinamizarán as rúas e, por suposto, desde hoxe tamén alumeado porque é algo que tamén dá vida ao comercio”, engade.
En total, 33 establecementos de todo o municipio solicitaron participar nesta iniciativa municipal tras realizarse un chamamento público no mes de novembro, 20 deles estréanse na campaña e os demáis repiten. Tendas de roupa, ferreterías, ópticas, hostalería, tendas agrícolas, parafarmacias, xoiarías, panaderías… forman parte grazas ao rostro de cadanseu dependente e, xuntos, representan a todo o tecido comercial da localidade. O resultado xa está na rúa: figuran en diferentes vallas , anuncios en prensa e cartalería e cada un conta (ou contará) nos próximos días co seu gif particular para circular en redes sociais e facer viral o hashtag #EuSonDeMercarEnNigrán. O Concello de Nigrán continúa así co seu esforzo para incentivar o comercio de proximidade cun toque informal e divertido mediante o propio deseño e os posados dos protagonistas.
“O obxectivo é subliñar ante a nosa veciñanza e visitantes que temos un tecido de pequeno comercio moi variado e que paga a pena”, conclúe o alcalde, Juan González.