13.9 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán presenta o novo libro de Fran Fernández Davila

    Nigrán presenta o novo libro de Fran Fernández Davila

    O Concello de Nigrán ofrece este xoves 14 de decembro ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal a presentación do libro de Francisco Javier Fernández Dávila ‘Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas’, obra gañadora do VIII Premio Antón Risco de novela curta. O autor, veciño de Nigrán, estará acompañado polo alcalde, Juan González, e polo escritor, editor e crítico literario César Lorenzo. “A obra amosa unha gran sensibilidade tanto no relativo á situación social que reflicte coma cara á literatura como elemento curativo. Asemade os personaxes están ben perfilados, especialmente a protagonista”, sinalou o xurado no seu fallo.

    Fran Fernández Davila (Vigo, 1974) é enxeñeiro de Minas e MBA en Responsabilidade Social Corporativa pola Universidade de Vigo. Comezou a escribir no 2016 en diversos obradoiros de escrita creativa e, ese mesmo ano, gañou o primeiro premio de poesía no I Certame de Enxeñería Sen Fronteiras e os segundos premios no X Certame Literario Terras de Chamoso de poesía e no XLIX Concurso Literario Casino Ateneo de Béjar de relato. Entre o seu palmarés están tamén o premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia con ‘A senda de sal’ no 2017; o premio Antón Avilés de Taramancos no 2018, que lle valeu a publicación da súa segunda novela curta, ‘Alana’; o Premio de Poesía Victoriano Taibo no 2019, que implicou a publicación do seu primeiro libro de poesía ‘Mover os Marcos’.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.