13.9 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño fusiona deporte e valores no seu I Torneo Solidario de Nadal

    Tomiño fusiona deporte e valores no seu I Torneo Solidario de Nadal

    Tomiño seguirá a celebrar as festas pensando nas persoas máis desfavorecidas cunha xornada de deporte e solidariedade. O Concello organiza o vindeiro 23 de decembro o I Torneo Solidario de Nadal, unha iniciativa que busca unir á veciñanza arredor do deporte e de valores como a solidariedade, promovendo o espírito de colaboración e apoio mutuo.

    Como salienta o concelleiro de Benestar Social e Deportes, Rubén García, “o deporte está vinculado a valores fundamentais como o compañeirismo, a disciplina, o esforzo… e é un ámbito ideal para realizar este tipo de iniciativas solidarias, xa que non só promove a actividade física, senón que tamén fortalece os lazos colaborativos. Este torneo é unha mostra máis de que dende o Concello pensamos en todos os tomiñeses e tomiñesas”.

    O torneo celebrarase no Campo de Fútbol O Alivio e contará coa participación dos equipos locais do Tebra FC, Tomiño FC e Goián CF que se enfrontarán en tres encontros diferentes que comezarán ás 16.00 horas. O torneo conta ademais coa colaboración de ADETO e de SOS Tomiño e co respaldo da Real Federación Galega de Fútbol e da Federación Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol. “Agradecemos sinceramente a colaboración de todas estas entidades, un apoio que amosa o seu compromiso coas iniciativas solidarias. Estamos convencidas e convencidos de que o torneo será un éxito grazas á súa implicación”, destacou o concelleiro.

    O Concello convida a participar neste torneo solidario a todos os tomiñeses e tomiñesas, que deberán levar un quilo de alimentos para poder gozar dos encontros deportivos. As doazóns serán entregadas integramente a SOS Tomiño. Por cada entrega, o público recibirá unha participación para o sorteo de dous vales de compra no comercio local de Tomiño doados por ADETO. Ademais, todo o recadado durante o torneo na cantina do campo de fútbol será tamén doado.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.