O Concello de Nigrán inaugura este venres 15 de decembro o Nadal co mercado de Inverno ‘Bulebule’ na Praza do Concello, que conta para a ocasión co espectáculo de Troula ‘Benito e Rufino’ desde as 17:30 horas e ás 20:00 horas o show cómico musical de ‘LeBarLuthier’. A maiores, no Auditorio Municipal situado ao seu carón, ás 18:00 horas celebrarase un bingo solidario no que os participantes deberán aportar alimentos non perecedoiros destinados ao Banco Municipal de Alimentos. Os premios serán flores de pascua por cada liña e produtos típicos galegos para os gañadores do bingo (realizaranse 10).
A fin de semana o ‘Bulebule’ contará cunha ampla variedade de actividades para nenos e adultos, desde talleres creativos ata actuacións en vivo, asegurando diversión para toda a familia e con programación no Auditorio Municipal (Coral Novos Aires ás 19:00 do sábado e coral de Chandebrito e Parada o domingo á mesma hora). No exterior, como parte do ‘Bulebule’, repetiranse concertos en sesión vermú e de serán; o sábado 16 co cantautor Javier Lago (13:30), ‘Music Bross’ ás 18:00 e a banda tributo ao pop rock dos 80/90 ‘El hechizo de Nora’ (20:00) e doble sesión de contacontos en inglés ‘Santa’s Elves’ a cargo de Kids&Us ás 11:00 e 17:00 no Auditorio. Finalmente, o domingo estará a cantautora Carla Lourdes (13:30) e a rock band ‘The Twinpims’ (20:00). Os horarios, actividades e o nome de firmas asistentes poderán consultarse a través do seu instagram @bulebulenigran e na súa páxina web www.bulebulenigran.es.