Domingo, 16 Febreiro de 2025

‘O Principiño’ protagoniza o concerto de Nadal da Agrupación Musical do Rosal

O espírito festivo entra con forza no Rosal esta fin de semana da man da Agrupación Musical do Rosal, que ofrecerá o seu tradicional  concerto de Nadal, un espectáculo para público familiar cheo de luz, imaxes, son e sorpresas que conquistará a todos os asistentes.

O sábado 16 de decembro o escenario do auditorio municipal acollerá ás 19.30 horas un completo e variado concerto no que ‘O Principiño’ exercerá de fío condutor dunha actuación na que participará a banda da Agrupación Musical do Rosal, o coro da Escola de Música e que contará cos actores e actrices Cristina Collazo, Josito Porto e Sole Felloza.

A entrada será de balde para toda a rapazada da Escola de Música, que deberá retirar o tícket previamente na oficina, mentres que para socios e socias terán un prezo de 3 euros e poderán retirar da propia oficina un máximo de dúas entradas por persoa. Pola súa banda, para o público xeral o boleto terá un prezo de 5 euros e poderán adquirilas tamén na oficina, en punterazapatos ou en Milar Teleson.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, convida a todos os rosaleiros e rosaleiras “a gozar dun concerto único escoitando música de calidade feita con moito agarimo polos grandes músicos e músicas do noso concello”.