O Concello de Tui continúa coa mellora dos parques infantís e áreas de lecer e arestora está executando unha nova área lúdico recreativa en Chans do Carrasco en Randufe. O proxecto, que segue os criterios do Plan Ágora, suporá a transformación desta zona creando un espazo para o desfrute de toda a familia con múltiples opcións. O investimento previsto ascende a 298.653,69 €, dos que a Deputación Provincial aportará 287.648,75 € con cargo ao Plan Concello 2022-2023. A obra foi adxudicada á empresa Construcciones, Obras Y Viales S.A. COVSA. O prazo de execución é de tres meses.
Os traballos comezaron coa retirada do mobiliario, luminarias e coa preparación das superficies existentes de formigón. O terreo está a ser nivelado e instalarase a canalización de pluviais e do sistema de rego. Completada esta fase procederase a instalar os diferentes elementos lúdicos, bancadas, novas luminarias e un tótem informativo.
Construirase un parque infantil de seguridade vial cun circuíto para a aprendizaxe e disfrute dos máis pequenos e pequenas. Non faltarán elementos tradicionais nestas áreas coma randeeiras, tobogáns xunto a elementos novidosos de xogos, adaptados a todas as idades e capacidades. Renovaranse as pistas deportivas, haberá biosaudables, espazo para bicicletas e crearase unha zona delimitada de aparcamento. Non faltará as zonas verdes ao longo deste espazo, que se integrará co actual palco e o lavadoiro de As Chans que foi recentemente restaurado.