15.1 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoAs NevesAs Neves celebra o Nadal por todo o alto

    As Neves celebra o Nadal por todo o alto

    O Concello das Neves vén de presentar a súa ampla programación de Nadal 2023-2024, que conta cunha vintena de actividades e que ten, como principais novidades, a recuperación da presenza de Papá Noel, unha Festa de Pre-Fin de Ano e a visita dun pasarrúas cos Reis Magos por todas as parroquias deste municipio do Condado.

    O alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, deu a coñecer todas estas iniciativas no salón de plenos xunto a outros membros do goberno local destacando que “se trata dunha programación ampla, ambiciosa, na que se recuperan tradicións de antano e se incorporan outras novidades que consideramos atractivas, que está destinada a todos os públicos e que busca incrementar a participación veciñal”. Para elo, habilitarase unha carpa co obxectivo de favorecer a confortabilidade dos asistentes.

    Así, tras un primeiro café-workshop, unha obra de teatro e o acendido do alumeado ornamental na pasada fin de semana, tamén se procedeu a resolver o I Concurso de Postais de Nadal, no que participaron os cativos do municipio e que tivo como gañadora a Vera Gil, de 5 anos, cuxo deseño será a imaxe deste Nadal nas Neves. Ademais, neste certame tamén se premiou a Loreny Samantha e Antía Rodríguez co segundo e terceiro galardóns e se felicitou a todos os nenos pola súa participación.

    Polo demais, a programación arrancará con catro obradoiros formativos, de carácter gratuíto e que se desenvolverán os días 13, 14, 19 e 20 na Casa da Xuventude con temática sobre xestión administrativa, trámites on-line, creación de currículos, ferramentas de comunicación e búsqueda de emprego.

    A continuación, o día 21 do presente mes, aparecerá Papá Noel para visitar a escola infantil, as unitarias e o colexio público e, xa ao día seguinte, fará o propio en quenda de mañá no Centro de Día e desde as 16.00 horas na Praza Maior co seu Buzón Real. Ese mesmo venres 22 tamén haberá Mercadiño de Nadal na Praza Maior, actuación da Banda de Música Popular de Rubiós ás 20.00 neste mesmo emprazamento e o mercadiño da man que ti queiras organizado por As Marondas na Casa da Xuventude, que se estenderá ao día seguinte.

    O domingo 24 terá lugar a Carreira do Pavo desde as 16.00 horas coa organización da ACD San Nomedio e os talleres, neste caso de carácter infantil, volverán os días 27 e 28 de decembro e 3 e 4 de xaneiro na Praza do Mercado.

    Outra das grandes novidades do Nadal 2023-2024 do Concello das Neves será a Festa de Pre-Fin de Ano, que se celebrará o venres 29 de decembro na Praza Maior a partires das 19.30 horas coa actuación de tres masas corais, o espectáculo do DJ Iván Alonso desde as 22.30 horas e, xa a medianoite, as tradicionais e adiantadas badaladas.

    Por último, os Reis Magos terán o protagonismo final desta programación coa súa novidosa presenza en pasarrúas por todas as parroquias. Así, o xoves 4 de xaneiro percorrerán desde as 15.30 horas as de Setados, Vide, San Cibrán, Santiago de Ribarteme, San Xosé de Ribarteme, Cerdeira, Santa Eulalia de Batalláns e San Pedro de Batalláns. Ao día seguinte, venres 5 de xaneiro, retomarán as visitas ao rural desde as 9.00 horas a través de Taboexo, Rubiós, Tortoreos, Liñares, A Estación e, finalmente, o Centro de Día para compartir tamén a ilusión coas persoas maiores.

    A presenza das Súas Maxestades nas Neves rematará este mesmo 5 de xaneiro pola tarde coa saída do seu convoi ás 16.30 horas desde o aparcadoiro da estación de servizo para percorrer toda a vila ata chegar ás 18.00 horas á Praza Maior para a tradicional entrega de agasallos aos cativos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.