Domingo, 16 Marzo de 2025

O Concello de Salceda continúa a implantación do método CER

Son xa 11 os gatos esterilizados dende o comezo da lexislatura

O Concello de Salceda de Caselas, a través da Concellaría de Axenda Ecolóxica que dirixe Marcos Troncoso, avanza no coidado das colonias de gatos existentes no casco urbano do municipio. A xestión realízase a través dun grupo de voluntariado en coordinación co Concelleiro, que se encargan tanto da alimentación e coidado dos felinos como da xestión das esterilizacións, que se realizan nas clínicas veterinarias de Salceda.

O mesmo grupo de voluntariado é o encargado do desenvolvemento do método CER para o rexistro e control dos felinos. Así mesmo, encárganse de promover a adopción entre a veciñanza, contando neste momento xa con 7 adopcións realizadas, todas elas de crías recollidas das colonias.

O Concello instalou ademais refuxios nas zonas onde se ubican as colonias, para contribuír a dignificar a vida dos felinos e a mellorar as súas condicións de salubridade.

Marcos Troncoso apuntou que estas accións “non serían posibles sen a implicación do grupo de voluntariado que desinteresadamente atende as colonias. Queremos aproveitar a ocasión para facer un chamamento á veciñanza para que se respete o traballo altruísta destas persoas, que solo buscan o benestar destes animais, ao tempo que contribúen á non proliferación de posibles zonas insalubres.”

Dende o grupo de voluntariado faise un chamamento para que sexan máis as persoas que se animen a colaborar nesta iniciativa, tanto realizando labouras de coidado e seguemento das colonias como participando nas adopcións que se promoven dende o grupo, e que se fan públicas no perfil de facebook “Adopciones Salceda de Caselas”.

Loli Castiñeira, alcaldesa da vila, sinalou que Salceda tiña “unha débeda na xestión das colonias felinas, e queremos que esta sexa a lexislatura que dea solución a esta histórica demanda veciñal. O Concelleiro de Axenda Ecolóxica xunto co voluntariado e as clínicas veterinarias están a facer un traballo exemplar do que non podo sentirme máis orgullosa”.