Martes, 18 Marzo de 2025

Redondela presenta a súa programación de Nadal

A programación do Concello para este Nadal está centrada nos nenos e por iso presenta unha chea de actividades na vila para celebrar estas festas.

Visitas de Papá Noel e o Pandigueiro

E dende o 17 deste mes e ata o 24 do mesmo mes, nenas e nenos poderán visitar a Casa de Papá Noel que, como en anos anteriores, quedará instalada na Alameda Castelao. Os horarios de visita serán de 17 h a 19:30 horas. O día 24 de decembro o horario será de mañá, de 11 h a 14 horas. Papá Noel tamén se instalará en Chapela, na alameda Rosalía de Castro os días 22 e 23 de decembro no mesmo horario. E para que ningún neno quede sen ver a Papá Noel tamén se desprazará ás demais parroquias. Desde o día 19 e ata o 22 este particular personaxe achegarase na súa carroza a todos os recunchos do municipio de 16 horas a 20:30 horas. Tamén chegará desde as montañas o Pandigueiro, figura lendaria da tradición do Nadal galego que por primeira vez visitará aos nenos e nenas de Redondela, será o día 23 de decembro ás 18.00 horas na Praza do Concello.

Obradoiros para xuventude e infancia

O Concello de Redondela prepara múltiples actividades para a rapazada durante as vacacións escolares de Nadal, con obradoiros do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro en horario de tarde. Como principal novidade este ano a Concellería de Xuventude inclúe obradoiros dirixidos especialmente á mocidade a partires dos 13 anos. Realizaranse nun novo local habilitado no Multiúsos da Xunqueira, o Espazo Redondela Xove. Haberá obradoiros de Defensa Persoal, Origami, Manga, Xadrez e outras sorpresas en horario de 18.00 a 21.00 horas.

Os obradoiros para nenos e nenas desde os 3 e ata os 12 anos de idade realizaranse tanto no Multiúsos da Xunqueira como no do Piñeiral de Chapela entre os días 26 de decembro e o 4 de xaneiro en horario de 17.30 a 19.30 horas. Entre as actividades destacan as clases de cociña, sesións de contacontos, manualidades, música e xogos de risoterapia entre outras sorpresas. Estas actividades en horario de tarde compleméntanse cos obradoiros Concilia Nadal que se organizan en horario de mañá nas diferentes parroquias.

O Tren Turístico de Nadal percorre as rúas de Redondela

Tras o éxito do pasado ano, o Tren Turístico volverá a formar parte da oferta de Nadal do Concello de Redondela cun roteiro especial durante as festas. Dos días 26 ao 31 de decembro, e desde o día 2 ata o 7 de xaneiro ofreceranse viaxes de balde. En Redondela a saída será desde a  praza de Santiago, e en Chapela desde a alameda Rosalía de Castro. O tren, decorado para a ocasión, percorrerá a vila para que grandes e pequenos poidan gozar das vistas iluminadas coa ornamentación de Nadal.

Festas Pre-Fin de ano

Redondela despide o ano por partida tripla con dúas festas para o público mozo e adulto e outras dúas para nenos e nenas.

Na noite do 29 de decembro haberá festa Pre Fin de Ano por primeira vez en Chapela coa orquestra Olympus no paseo marítimo a partires das 22.00 horas. O 30 de decembro será a quenda de París de Noia cun concerto no campo da feira de Redondela ás 22.00 horas.

A Praza da Constitución en Redondela será escenario, o  domingo 31 de decembro, da Festa Infantil de Fin de Ano, actividade chea de música, xogos e actividades para que a rapazada poida despedir o 2023. Será en horario de 11 e 13 horas coa Coca Simona. No mesmo horario e a mesma hora será a de Chapela, na alameda Rosalía de Castro. Non faltarán as badaladas e as uvas para dar a benvida, por adiantado, ao 2024.