A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Formación e Emprego, Julia Loureiro, visitaron na Axencia de Colocación do Concello aos 20 participantes do novo Obradoiro Dual de Emprego, Queda en Mos II, e aos 100 participantes no novo Programa Integrado de Emprego, que lle foron concedidos pola Xunta de Galicia á administración local mosense e que a administración autonómica subvencionará cun total de 751.000 euros. 531.000 euros para o Obradoiro e 220.00 euros para o Programa Integrado.
Estas 120 persoas en situación de desemprego comezaban hoxe un novo itinerario formativo e laboral para mellorar a súa empregabilidade.
As dúas especialidades que se impartirán durante un ano no Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Mos serán Carpintería e Márketing Dixital. En cada unha delas hai 10 alumnos-traballadores.
Os obxectivos deste Obradoiro, segundo destacaron as representantes municipais Arévalo e Loureiro, son “incrementar as oportunidades e a estabilidade laboral dos veciños en situación de desemprego, cunha formación adaptada ás demandas reais do mercado”.
Trátase dun programa que mellora a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade, con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo.
Pola súa banda o Programa Integrado de Emprego está tamén financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Esta trátase da IX Edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos. E neste senso a rexedora mosense, Nidia Arévalo, salientou que “aínda que non é unha competencia municipal, unha das miñas máximas prioridades e preocupacións na xestión como alcaldesa é a inserción laboral da veciñanza en situación de desemprego, por iso quero agradecer a man tendida da Xunta de Galicia polo seu apoio incondicional a programas coma este no Concello de Mos, ás empresas pola súa colaboración e participación neles; e, aos usuarios e usuarias, animalos a seguir esforzándose e continuar formándose e realizando unha busca proactiva que, de seguro, dará os seus froitos”. O recén finalizado VIII Programa Integrado de Mos, que rematou o pasado 16 de novembro e no que participaron outras 100 persoas, acadou unha porcentaxe de inserción superior ao 60 %. Porcentaxe de inserción co que se superou o obxectivo final do programa, pois se establecía a inserción dun mínimo dun 45% das persoas participantes.
Os obxectivos dos Programas Integrados son: a mellora da empregabilidade das persoas participantes. Ser un instrumento útil para as empresas, traducido na adecuación dos perfís profesionáis para unha posible incorporación ás suas empresas. E ofrecer medidas de apoio ao participante.
Esta nova IX Edición do Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos conta con subvención auntonómica da Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.