Mércores, 13 Agosto de 2025

Nigrán modifica as bases que rexen as axudas de emerxencia social para que beneficien a máis persoas

0

O Concello de Nigrán aprobou unánimemente no pleno ordinario de onte a proposta do goberno local de modificar as bases que rexen as axudas de emerxencia social co fin de chegar a máis posibles beneficiarios. Igualmente, na sesión o Concello asumíu unha declaración institucional en contra de todo tipo de guerras ao tempo que censurou a invasión rusa en Ucrania.

Entre as novidades das bases figuran o incremento do importe máximo da contía de 800 a 1.200 €, a posibilidade de anticipar cartos para gastos, contemplar a leña como un gasto enerxético abonable ou o transporte e contabilizar os últimos 3 meses de ingresos en lugar de 12 para ter dereito a estas axudas.

“O obxectivo é actualizar os criterios para que de verdade se adapten ao caracter urxente e excepcional destas axudas e que ningunha persoa que o precise quede fora”, sinala o alcalde, Juan González, quen subliña que todos os cambios foron propostos polos Servizos Sociais do Concello tras analizar as diferentes realidades dos usuarios deste departamento.

Estas axudas constitúen unha prestación económica de carácter urxente e extraordinario destinadas a paliar situacións carenciais e transitorias imprevistas ou excepcionais, así como para evitar o agravamento das mesmas. Sirva como exemplo o pago de alugueres, hipotecas, fianzas, gastos de comunidade; conservación das vivendas e adquisición de mobiliario e equipamento, gastos de luz, auga ou gas, acondicionamento sanitario ou reformas en xeral.

Un dos cambios adoptados rebaixa de 12 meses a 6 a antelación mínima coa que a persoa debe estar empadroada no Concello no momento da solicitude e o mesmo co cómputo de ingresos, que baixa de 12 a 3 meses. Igualmente, fanse compatibles con axudas doutra administración. “Unha persoa que se muda a Nigrán non pode agardar un ano para poder solicitar esta axuda e ten máis lóxica que se valoren os 3 últimos meses de ingresos que un ano completo”, incide González.

Igualmente, contémplase por vez primeira os gastos de transporte derivados de actividades formativas, de fomento da inserción ou por tratamento terapéutico como suvencionables, igual que a leña como unha necesidade primaria ao nivel do gas, electricidade ou auga. As persoas que transitoriamente viven de hospedaxe tamén poderán pedir axuda para a comida (as que están en vivendas teñen a opción de participar no programa ‘Xantar na Casa’). Adicionalmente, e tamén como novidade, contémplase a posibilidade de facer un pago anticipado en situacións excepcionais.

“Este goberno pode presumir de estar ao lado daqueles que máis o precisan. O noso obxectivo é construír ese “Nigrán para todos” no que creemos firmemente e por iso consideramos importante introducir estas modificacións que nos permitirán non deixar a ninguén fora”, conclúe González.

A audición da ESMU enche de cor e alegría o auditorio de Xinzo

Este pasado sábado 26 de febreiro, a Escola de Música de Xinzo (ESMU) ofreceu a súa audición anual de entroido no auditorio do Centro Cultural de Xinzo. Unha cita que abarrotou o auditorio de música, disfraces e un público entregado.

Os alumnos da ESMU foron os encargados de animar a tarde aos asistentes durante as case dúas horas que durou a audición desde o seu comezo ás 19:00 h. Máis de quince actuacións entre os solistas, os duetos e os grupos de cámara sucedéronse sobre o escenario do auditorio con temas tan divertidos e icónicos como os de Súper Mario Bros ou Os Picapedra interpretados polos músicos disfrazados, tal e como o requiría a ocasión.

Tras esta, a seguinte audición da ESMU non terá lugar ata abril, cando finalice o segundo trimestre do curso. Aínda que, antes desta data, haberá outra oportunidade para volver escoitar a estes músicos. Será o próximo 12 de marzo, cando se reúnan para celebrar o III Festival de Bandas Infantís de Xinzo.

Galicia pon en marcha tres unidades funcionais multidisciplinares para atender pacientes con enfermidades raras

A Xunta vén de poñer en marcha tres unidades funcionais multidisciplinares enmarcadas na Estratexia Galega en Enfermidades Raras. Sitúanse en Vigo, A Coruña e Santiago e contan con equipos formados por un especialista en medicina interna, un especialista en pediatría e un profesional de enfermería. Así o indicou onte o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no transcurso dun acto con motivo do Día Mundial das Enfermidades Raras.

As unidades son dispositivos asistenciais encargados das actividades que comprenden o diagnóstico e seguimento dos pacientes con enfermidades pouco frecuentes. Encádranse na Estratexia Galega en Enfermidades Raras, froito do labor dun grupo de traballo formado por profesionais e pacientes. A Estratexia foi aprobada polo goberno galego no 2021 e o seu obxectivo é, segundo explicou o conselleiro de Sanidade, “establecer un novo modelo asistencial, que garanta un prazo de diagnóstico máis reducido, unha menor variabilidade no manexo do paciente e unha xestión máis áxil, coordinada e eficaz”.

García Comesaña amosou o seu agradecemento aos profesionais do Sergas e ás asociacións de pacientes, polo seu traballo, “que permitiu facer realidade o novo modelo”. Durante o acto, o conselleiro tamén indicou que as novas unidades son o exemplo dun novo modelo que marcará o futuro na atención dos pacientes afectados por patoloxías que requiren dunha abordaxe multidisciplinar.

Entre os recursos asistenciais que contempla a Estratexia atópase a Comisión Galega de Enfermidades Raras. O seu traballo permitirá dispor proximamente da web de Enfermidades Raras do Sergas, con información útil e de calidade.

Outra das ferramentas que desenvolve o documento é o Rexistro de Pacientes con Enfermidades Raras, a través do que se pode coñecer a incidencia e prevalencia das patoloxías minoritarias en Galicia e que aporta coñecemento sobre a súa evolución. En primeiro lugar, recollendo, integrando e analizando datos, co fin de obter información que permita previr estas enfermidades. En segundo lugar, normalizando a información de acordo coas pautas homologadas no ámbito nacional e comunitario, así como no internacional. E en terceiro lugar, realizando informes periódicos e publicacións que permitan mellorar o coñecemento e dar visibilidade a estas doenzas, así como contribuír ao desenvolvemento de liñas de investigación sobre elas. Ademais, o Sergas está a usar o big data para mellorar os tempos diagnósticos.

A Unión Europea define como enfermidade rara, minoritaria ou pouco frecuente aquela que, con perigo de morte ou invalidez crónica, ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes. Estímase que existen entre 6.000 e 8.000 enfermidades raras diferentes, que afectan entre un 5 e un 7 % da poboación. Isto supón que en Galicia habería arredor de 200.000 persoas afectadas.

Gran puzzle xigante

O hospital Álvaro Cunqueiro acolleu este luns un acto simbólico, onde se montou un puzzle xigante, baixo o título “Encaixando as pezas na atención ás enfermidades raras”. Posteriormente, tivo lugar unha xornada que contou cos relatorios do coordinador do Centro Nacional de Enfermidades Metabólicas Hereditarias do Hospital Universitario Mater Misericordiae de Dublín, o profesor Gregory M. Pastores; e do director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o doutor Ángel Carracedo. No encontro tamén se presentou o proxecto da Unidade Funcional Multidisciplinar do hospital Álvaro Cunqueiro.

Volve o cineclub Poleiro ao Auditorio de Goián con catro grandes propostas para os 1º xoves de mes

0

Despois do parénteses obrigado pola pandemia e as obras realizadas no auditorio de Goián, o cineclub Poleiro volve con enerxía renovada. O día 3 de marzo proxecta a primeira longametraxe deste ciclo “que quere facer un guino ao máis próximo, a todos aqueles profesionais e artistas que durante este tempo tiveron tantas dificultades para regalarnos a maxia desta sétima arte coa súa obra”.

Así, todos os primeiros xoves de cada mes, o auditorio volverá a acoller unha función do mellor cine.

A cinta escollida para abrir o ciclo é “La novia”, dirixida por Paula Ortiz; unha historia que dende o primeiro momento amosa a vontade de emocionar e deixar sen alento ao espectador. A película narra a vida de tres amigos inseparables desde a infancia. Con Álex García, Inma Cuesta, Asier Etxeandía, o guión é unha adaptación libre da obra Bodas de Sangre de Federico García Lorca, cun triángulo amoroso que sustenta a trama. Con numerosas nomeacións a distintos premios cinematográficos, conseguiu dous Goya e seis Premios Feroz.

Despois seguiranlle outras tres excelentes películas españolas de novos directores.

O xoves 7 de ABRIL: “La vida era Eso”, película dirixida por David Martín de los Santos. A cinta trata da relación entre dúas mulleres españolas de dúas xeracións distintas que emigraron a Bélxica e que coinciden nun hospital.

O xoves 5 de MAIO: “La hija”, dirixida por Manuel Martín Cuenca. Unha película que relata a historia de Irene, unha moza de 15 anos que vive nun centro de menores, queda embarazada e pode cambiar a súa vida coa axuda dun educador.

Por último, o xoves 2 de XUÑO, remata o ciclo con “El amor en su lugar”, de Rodrigo Cortés. Unha historia que transcorre no ano 1941, cando catrocentos mil xudeos de Polonia están confinados nun gueto polos nazis.

O bono de socio para todo o ciclo custa 10 euros, aplicándose un desconto de 5 euros se se dispón do bono anterior.

Máis información no número de teléfono 629 735 337.

Marzo chega á aula CeMIT de Ponteareas con cinco novos cursos de balde

A aula CeMIT de Ponteareas xa ten lista a programación para o vindeiro mes de marzo, no que se organizarán cinco novos cursos de balde pensados para “promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías e achegar á veciñanza ferramentas que poden facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades e acabar coa fenda tecnolóxica”, como salienta o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

Unha das propostas para este mes de febreiro será un curso de mecanografía no ordenador, que terá lugar martes e xoves de 18.30 a 21.00 horas. Os e as ponteareáns tamén poderán asistir aos cursos de manexo básico de teléfonos móbiles os luns de 11.30 a 14.00 h e de informática básica, que será martes, mércores e venres de 16.00 a 18.30 horas. A programación do mes de marzo contará ademais cun curso de procura de emprego en liña (mércores 2 e 9 de marzo, de 18.30 a 21.00 h) e con outro para achegar aos usuarios e usuarias aos trámites administrativos en liña (mércores 16, 23 e 30 de febreiro, de 18.30 a 21.00 h).

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico [email protected] ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os luns de 09.00 a 11.30 h e os venres de 18.30 a 21.00 h.

Nova actividade do Proxecto Vincúlate de Baiona

0

As persoas participantes no Proxecto Vínculate do Concello de Baiona realizaron unha nova actividade moi beneficiosa para todos os participantes tanto humáns como os seus compañeiros de catro patas.

Os rapaces e rapazas aprenderon o que era a limpieza dos cans e a súa gran importancia no seu coidado contando coa colaboración da empresa local “Limpiño” que, de forma altruista, ofreceu os seus servizos.

O alcalde da vila, Carlos Gómez Prado, reseña que “Baiona é unha vila altamente solidaria e as empresas ca conforman o demostran sempre que teñen a oportunidade” e aproveita para “darlle as grazas as mesmas e recoñecer o súa labor”.

‘Os Festeiros’ de Bembrive, gañadora do Desfile de Comparsas 2022 do Entroido de Redondela

0

As comparsas de Entroido volveron a encher de música, cor, son e humor as rúas de Redondela este domingo, 27 de febreiro, nun desfile que non se celebraba dende o 2020 e que respondeu con creces ás expectativas tanto da veciñanza como do Concello. O certo é que o xurado encargado de decidir os nomes das comparsas gañadoras entre as sete formacións participantes, non o tivo doado.

Ao final o xurado, por unanimidade, daba por gañadora á Disco Festeires, da Asociación Os Festeiros de Bembrive, composta por 86 persoas e que se levaba os 900 euros en metálico cos que estaba dotado o primeiro premio.

O segundo premio, cunha dotación de 600 euros en metálico, foi para Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño con Comparsa Circo; mentres que o terceiro premio de 300 euros ía para a Asociación Comparsa Os Choqueiros coa comparsa Un paseo por Venecia.

Amais dos tres premios, o xurado outorgaba tamén os galardóns especiais ao Premio Mocidade de Comparsa que recaía na Asociación Cultural Comisión de Festas Cepeda coa comparsa Vaibem; o Premio á Retranca de Comparsa para a Asociación Veciñal Novo Vigo coa comparsa Foliada, Bule, Bule e, finalmente, a Asociación Andaina de Persoas con necesidades especiais de Redondela, Andaina, gañaba o Premio á inclusión e á diversidade, dotado con 500 euros, pola comparsa O Circo de Andaina.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que felicitou ás comparsas participantes “por unhas comparsas nas que quedaba reflectida toda a ilusión e ganas de facer desfrutar á veciñanza”, puxo de relevo a importancia que ten a recuperación dunha das máis tradicionais festas “que contribúe en grande maneira a que comecemos a ver unha certa normalidade e nos fai concibir esperanzas de que esteamos chegando ao final dunha pandemia que marcou a nosa vida durante os dous últimos anos”.

Rivas lembrou que “aínda queda moito Entroido por diante” e lembrou que na tarde do martes 1 de marzo a partir das 17 horas terá lugar o concurso de disfraces de grupos, parellas e individual. Todos os que desexen participar nesta fase do concurso realizarán a súa inscrición o mesmo día dende as 16 horas nun posto instalado nos soportais do Concello.

A Cañiza remata as obras de mellora do alumeado público en Achas

0

O Concello da Cañiza anuncia o remate das obras de sustitución e mellora das luminarias de todo o alumeado público de Achas, cun investimento total de 277.845,05 €.

Tamén quedou rematada a reforma do alumeado público nos lugares de Cebreiro e Parada de Franqueira, que se costeou con cargo ás melloras ofertadas na obra de Achas.

A reforma na parroquia de Achas contemplou o cambio de 449 luminarias de 35 W e 57 luminarias de 55 W, a colocación de dúas novas luminarias de color bronce nas contornas de O Cotosobreiro e de A Tafona, a instalación de 16 novos cadros de contadores, a reposición de 19 columnas e apoios e o despliegue de 7,7 km de cable eléctrico.

A estas cantidades hai que engadir as melloras realizadas na parroquia da Franqueira. 59 luminarias sustituidas no lugar de Cebreiro, despregamento de 630 metros de cable novo e colocación de 1 novo contador. No lugar de Parada de Franqueira colocáronse 26 novos puntos, extenderonse 329 metros de cable e instalouse outro cadro. Estas obras xunto coas executadas no lugar de Igrexa e a contorna do Santuario da Franqueira (que formaron parte das melloras ofertadas na obra de cambio do alumeado de Valeixe), completan a reforma na parroquia de Franqueira.

As obras están subvencionadas ao 100 % con fondos do Goberno de España, a través do Instituto de Diversificación e Aforro Enerxético, que aporta o 80 % do total cunha axuda de 222.276,04 € e achegas da Deputación de Pontevedra,  a través do Plan Concellos 2020 Liña 1, que subvenciona o 20% restante cunha aportación de 55.569,01 €.

Esta renovación integral, sen precedentes no concello, dota dunha moderna instalación eléctrica á parroquia, co cambio de todas as luminarias a LED de última xeración. Unha luz branca máis luminosa e menos contaminante que repercutirá no aforro dos consumos enerxéticos, cumplindo así cos obxectivos do Pacto Verde da Unión Europea de reducir a contaminación.

O proxecto tamén contempla o cambio do tipo de facturación, xa que se eliminarán todos os puntos que ata agora se facturaban en alzado. Actualmente solo existen 2 contadores de luz, un no Freixo e outro en Randufe. Esto significa que todo o alumeado da parroquia factúrase en tipo Alzado, que se traduce nun maior coste do consumo enerxético  e penalizacións nas facturas. A colocación dos novos contadores permitirá acadar un importantísimo aforro, conseguindo reducir a factura mensual en máis do 50%.

A Guarda apraza o Desfile de Entroido para o domingo día 6 de marzo

0

A vista das previsións meteorolóxicas desfavorables con choivas para a tarde do martes de Entroido, o desfile de Entroido previsto para esta xornada aprázase para o vindeiro domingo día 6 de marzo. Mantense o horario e o percorrido, saíndo as 17.30h. da Esquina Famosa (rúa Porto Rico).

Mañá martes día 1 de marzo farase público un novo prazo de inscrición de dous días para que poidan anotarse novas carrozas, comparsas e grupos e aquelas que xa estaban anotadas e non poidan participar así o notifiquen.

Arbo mellorará o pavimento e a drenaxe do vial sito en Eidos de Arriba

0

As obras se plantexan pola necesidade de facilitar o acceso normal de veciños e vehículos de servizo como ambulancia, bombeiros, etc, ao barrio de Eidos de Arriba. Un lugar de difícil acceso ata o momento, debido a configuración vial do núcleo actual, adaptándose o trazado existente o camiño público no que se están realizando as obras.

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial na súa sesión ordinaria do día 9 de xullo de 2021, adoptou  conceder unha subvención ao Concello de Arbo, no marco do Plan Concellos 2021 LIÑA 1-INVESTIMENTOS, con destino ao financiamento do investimento “MELLORA PAVIMENTO E DRENAXE NO CAMIÑO PORTAFEITO ACCESO A EIDOS DE ARRIBA (SELA)”.

Actuacións

O obxectivo do presente proxecto, no ramal en saburra e no ramal 1, é a execución dunha nova capa de rodadura, tomando como base o pavimento actual, que será a base do pavimento proxectado. Previamente realizarase unha  explanación da devandita base no ramal saburras, no ramal 1 será necesario conformar a chaira realizando desmonte e perfilado de noiros, e estendendo e compactando base de saburra. Posteriormente aplicarase unha rega de adherencia  ECR-2 cunha dotación de 1 kg/ m2 para posteriormente estender unha capa de mestura  bituminosa en quente tipo AC 16 Surf D (antigo D-12) de 5 cm de espesor. Así mesmo realizarase o rozado mecánico de cunetas e noiros por ambas as marxes do camiño.

En todos os ramais, complementarase a actuación coa execución de canalizacións de drenaxe de pluviais, consistentes en cuneta de drenaxe lonxitudinal en terras ou en formigón, arquetas de recollida de augas e canalizacións de drenaxe transversal e de salva cunetas para acceso a leiras.

Unha vez finalizados os traballos de pavimentación marcaranse os bordos de calzada con marca viaria.

A reivindicación da Axenda da Paridade no foco da Deputación para este 8M

A reivindicación da Axenda da Paridade, “indispensable para chegar a unha igualade plena”, marcará este ano a amplísima programación da Deputación de Pontevedra para este 8M con máis dunha trintena de accións que, como anunciou a presidenta Carmela Silva, se desenvolverán ao longo de todo o mes de marzo. Acompañada de asociacións feministas, mulleres da empresa, da universidade, da cultura, da ciencia e de representantes da arte, da política e da economía, da sociedade e da música, Carmela Silva volveu incidir en que “a igualdade é o reto e a loita prioritaria desta institución e a creación de redes coas mulleres da provincia o noso maior compromiso”. A presidenta mostrou “o agradecemento a todos os colectivos de mulleres, o noso orgullo e o noso optimismo porque, se poña como se poña o machismo, non hai quen nos pare. Estamos decididas a cambiar o mundo e ninguén nos vai deter”. O acto, que se desenvolveu nun Salón de Plenos ateigado de mulleres da provincia, contou coa actuación musical do grupo “As Lembranzas”.

Ao fío do lema deste ano “Feminismo é conseguir a Axenda da Paridade”, a presidenta provincial mostrou a súa preocupación porque “estea desaparecida da primeira liña”, e sinalou que “reivindicaremos o noso espazo en todos os ámbitos”. Carmela Silva, que citou expresamente ao movemento feminista “porque todas somos as súas herdeiras e seguimos a súa estela”, subliñou o carácter pacifista da fermosa loita pola igualdade. “Nestes tempos  tan convulsos as mulleres dicimos Non á Guerra porque nós sumamos palabras, ideas e reivindicacións pero non coñeceredes a ningunha muller que teña declarado unha guerra”.

A programación

A programación do 8M deste ano estará centrada nos cinco eixos da Axenda da Paridade e na denuncia da infrarrepresentación das mulleres na política, na economía e na empresa, nos medios de comunicación, no saber e na creatividade.

En torno á política as accións xa arrancaron xa o pasado venres coa lectura da declaración institucional polo 8M no Pleno da Deputación, que este ano correu a cargo da politóloga Priscila Retamozo. O 7 de marzo despregaranse as pancartas co lema deste ano nas sedes centrais da Deputación en Pontevedra e Vigo, que dende a madrugada do 8M estarán tamén iluminadas en cor morada. Ademais, estas cidades acollerán os actos centrais do propio 8M. En Pontevedra a escalinata do Pazo Provincial converterase nun escenario no que a artista e trapecista Sue Moreno combinará acrobacias aéreas, con teatro, danza e canción en directo para tratar temas como a corresponsabilidade e a desigualdade. A peza, que leva por título “4.0”, poderá verse ás 11.00 horas e en caso de choiva trasladarase ao vestíbulo do Pazo. Pola tarde, ás 17.00 horas, as paredes da Sala Rosalía de Castro da sede de Vigo acollerán unha instalación artística titulada “Las Locas. A nosa historia emocional acubíllanos” que é froito dunha acción participativa na que mulleres de varias asociacións de Vigo, coordinadas pola artista Mariana Sellanes, crearon unha enorme manta “cobija” tipo patchwork. Ademais, o propio 8M a Deputación apoiará as manifestacións que se celebren reivindicando de xeito especial a abolición da prostitución. Neste eido, Carmela Silva, que denunciou os “datos arrepiantes da situación das mulleres prostituídas” foi tallante: “É unha vergoña, esiximos de forma inmediata unha norma que supoña a abolición da que é a maior manifestación de desigualdade”.

 No eido da Empresa-Economía desenvolverase ao longo do mes unha nova campaña en liña “Elixe Produto Local. Elixe Igualdade” e realizarase unha homenaxe ás Mulleres do Mar ao acoller na Sala Rosalía da sede de Vigo a entrega dos II Premios Mulleres Salgadas, que terá lugar o 18 de marzo. Ademais, co fin de difundir a relevancia da Axenda da Paridade nos Medios de Comunicación a Deputación ten programada un plan de difusión e visibilización de mulleres referentes en diferentes ámbitos coa súa participación en relatorios, debates e mesas redondas.

No eixo do Saber a institución continúa apostando pola Escola de Igualdade María Vinyals. Ao seu abeiro desenvolverase unha intensa programación que contará con catro conferencias do ciclo “GCiencia. Ciencia en feminino” que terán lugar os xoves 3, 10, 17 e 24. A Deputación tamén contará con actividades para a mocidade da man do ciclo “Canteira de Igualdade”, que se celebrará todos os sábados de marzo, e apoiará en Vigo a Feira Exposición Científica “A ciencia que vén ten nome de muller” dende o 18. Ademais, entre o 23 e o 25 o auditorio de Ponteareas acollerá o programa “A maleta dos océanos da Axenda 2030” e a exposición  “O mar das mulleres”, dentro da Semana da Ciencia. A programación en torno ao saber completarase coa exposición “Pontevedra en América: unha mirada en feminino”, da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela, dende o 31 de marzo no Pazo Provincial.

A reivindicación da paridade tamén chegará ao campo da Creatividade con distintas accións da VII edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero” que estará o 17 de marzo ao auditorio municipal de Caldas con “A astronauta de campo”, unha acción de Marta Cofiño, e a finais de mes en Agolada co obradoiro “Arranxando letras”, de Esperanza Mara. Ademais, os días 6, 7 e 8 de abril a artista Pilar V. de Foronda levará a cabo unha acción no Centro Penitenciario da Lama. No marco deste programa hoxe presentáronse as bolsas de tea deseñadas polas artistas Eva Fandiño, Andrea López e Nuria Díaz,  que serán distribuídas nos concellos nos que se leven a cabo as accións.

A Deputación tamén apostará pola música coa celebración o 11 de marzo do primeiro concerto da II edición de Descúbreas.  A cita terá lugar na escalinata do pazo provincial. Logo, o día 18 ás 17.00 horas, a sede de Vigo acollerá un obradoiro de creación artística con Rosa Neutro titulado “Recoller / Reciclar / Recrear” que está dirixido a persoas maiores de 16 anos. Para os días 26 e 27 de marzo e 2 e 3 de abril a Deputación desenvolverá no concello de Silleda un novo e ambicioso  proxecto: “Mulleres Extramuros” que será presentado proximamente no Deza. Ademais, o programa “Conectadas” xa está en marcha e en marzo volveranse a convocar os Premios #Mulleresnofoco da man de CIMA que este ano se entregarán en Pontevedra.

O Museo de Pontevedra tamén terá a súa propia programación. Así, do 8 ao 11 de marzo terá lugar “Artistas invisibles”,un percorrido polas obras de mulleres artistas da colección, o día 9 acollerá a representación da obra de teatro infantil “Carabranca”, o 10 terá lugar o coloquio “Aínda queda moito ferro!” e o día 11 haberá teatro para o público adulto baixo o título de “Matrioskas”.

A maiores de esta extensa programación, a Deputación apelará dun xeito especial á corresponsabilidade durante todo o mes de marzo coa campaña “Sen coidados o mundo párase”. Tamén será en marzo, o 23 cando institución dea a coñecer á nena ou neno gañador do concurso de Nadal “Búscase a Talento” cuxo premio consistirá nunha historia escrita por Ledica Costas na que o debuxo desta crianza será o protagonista. O mesmo día presentarse a  guía da campaña “Búscase a Talento”. Ademais, a iniciativa en redes sociais “365 Días – 365 Mulleres” continuará por segundo ano nas canles institucionais da Deputación.

A Policía Local do Porriño anuncia cortes de tráfico mañá polo desfile

A Policía Local do Porriño informou hoxe das restricións de tráfico que se levarán a cabo mañá con motivo do Desfile de Comparsas do Entroido.

Dende as 15 h prohíbese estacionar nas seguintes rúas:

  • Fernández Areal, dende o número 1 ata a o cruce coa Avda. Domingo Bueno
  • Antonio Palacios, dende o cruce coa rúa Cruceiro ata a rotonda dos Aloques
  • Doantes de Sangue, ambas marxes que afectan a toda a fachada do CEIP Fernández López

Dende ás 17:30 h cortarase o tráfico na rúa Doantes de Sangue.

Dende ás 18h e ata que finalice o desfile cortarase o tráfico nas seguintes rúas:

  • Antonio Palacios, desde cruce do Pavillón Municipal ata a rotonda dos Aloques
  • Domingo Bueno, ata cruce con Fernández Areal
  • Fernández Areal, cruce Avda. Domingo Bueno ata o número 1
  • Manuel Rodríguez, dende o Celtiña
  • Ramón González

O Rosal inicia a ampliación do mercado, financiado co Plan Concellos

0

Acadar un espazo vivo e con futuro para dinamizar O Rosal económica e socialmente. Este é o obxectivo co que o Concello do Rosal aborda as obras de remodelación do Mercado Municipal, que acaban de entrar na súa segunda fase. A deputada Iria Lamas, o deputado Gregorio Agís e a alcaldesa Ánxela Fernández visitaron hoxe o espazo onde xa se iniciaron as obras para ampliar o Mercado cun novo edificio anexo ao actual, que albergará unha zona de degustación, con área de restauración e espazos para exposicións, reunións e cursos. Os traballos serán financiados a través do Plan Concellos cun total de 389.890€ e únense tamén ás obras de remodelación da praza do Calvario onde se sitúa o Mercado, que se financiarán ao abeiro do Plan ReacPon da Deputación.

O novo volume conectará co edificio actual do Mercado, que data de 1954 e fora reformado interiormente xa o ano pasado tamén cunha achega do Plan Concellos, e adecuarase á morfoloxía do inmoble xa existente co fin de acadar unha imaxe propia unificada do proxecto, aínda que cunha linguaxe construtiva  moderna, baseada na reinterpretación do estilo industrial comunmente empregada nos invernadoiros de principios do século XX. O aceiro, a madeira e azulexo combinaranse nas diferentes estancias e buscarán dar calidez ao espazo como nexo común entre novo e vello.

Máis polo miúdo, o edificio, de dúas alturas, acollerá na planta baixa a zona do local, de consumo e mostras. Así, contará nesta estancia cun espazo de emprendemento e posto de comida para poñer en valor os produtos da horta da contorna, un local que amais será referencia e punto de encontro, espazo de cursos e degustacións gastronómicas e zona de exposición e lecer. Doutra banda, a planta alta contará cunha sala de lecer e usos múltiples pensada para a mostra de exposicións municipais. Inclúe na zona posterior, unha nova terraza xardín na que a horta estará presente aportando carácter unificador co conxunto. Os patios das dúas plantas confórmanse como elementos que iluminan, ventilan e caracterizan os espazos e serán visibles e accesibles desde as zonas públicas do local.

Con este proxecto o Concello busca tamén poñer en valor a horta do Rosal como elemento característico e imaxe recoñecible do conxunto. Prevese deste xeito introducir numerosos elementos de cultivo, tanto en maceta interior como nos accesos e nos patios exteriores, creando un fío condutor común que axude a integrar ambos espazos.

Plan ReacPon

Esta reforma integral do Mercado serve de antesala á remodelación da praza do Calvario onde se sitúa e que a Deputación vai financiar tamén a través do Plan ReacPon, cuxo convenio xa foi asinado co Concello. O orzamento ascende a 1,5 millóns, dos que a institución provincial aportará 517.938€. De acordo a este proxecto, a praza transformarase por completo para converterse nun espazo amable para as persoas, ao tempo que pon en valor os elementos patrimoniais da contorna e xera espazos urbanos públicos de alta calidade para a veciñanza. Precisamente, na contorna do mercado habilitaranse espazos coa plantación de árbores de gran porte que recordarán ás sobreiras existentes principios do século XX. O proxecto contempla tamén a reordenación do tráfico na contorna, restrinxindo o paso dos vehículos por este punto neurálxico do Rosal.

O Centro de Información á Muller de Ponteareas rexistrou case 1.200 consultas durante o ano 2021

O Centro de Información á Muller de Ponteareas continúa ofrecendo o seu apoio a mulleres e persoas do colectivo LGBTQI+. Único centro especializado das comarcas do Condado e A Paradanta, o CIM pechou o ano 2021 con arredor de 1.200 consultas atendidas. “Este centro é un recurso de vital importancia para artellar de forma integral programas, servizos e recursos cos que continuar traballando a prol da igualdade, na prevención e erradicación da violencia de xénero e na concienciación dunha sociedade na que as persoas poidan realizarse con liberdade dende o respecto e sen medos”, explica a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Verónica Carrera.

A maior parte das consultas atendidas polo equipo formado por psicóloga, administrativa, avogada, técnica de igualdade e traballador social foron por atención a violencia de xénero (304), seguidas de atención psicolóxica (299), información de recursos (291), asesoramento xurídico (248) ou orientación ao emprego (25). Este equipo de profesionais “dedicados e implicados” presta os seus servizos no departamento situado no centro social da rúa Oriente.

O balance do último ano do CIM  recolle que se atenderon a 340 persoas, 0 79% delas ente 25 e 64 anos, só un 12% menores de 24 anos e un 9% maiores de 65. “Temos que seguir traballando para dar a coñecer este recurso entre toda a poboación, eliminar o estigma asociado en moitos casos a acudir a estes servizos e facilitar o seu acceso”, resalta a edil.

Os datos reflicten tamén que o 70% das persoas atendidas non tiña un traballo formal remunerado no momento de acudir ao servizo, das que 237 eran desempregadas, paradas de longa duración ou estaban inactivas. Como explica a concelleira, “estes datos tan elevados dependen da situación socioeconómica e das fendas de xénero, que inflúen de forma negativa na capacitación e na dispoñibilidade, xa que o 51% das mulleres teñen persoas ao seu cargo, dende nenos e nenas a persoas con discapacidade ou de dependencia. E resulta evidente que estas circunstancias aumentan a vulnerabilidade das persoas, en especial cando estamos a vivir unha crise estrutural como a actual tras dous anos de pandemia”.

O Centro de Información á Muller de Ponteareas atende consultas e ofrece apoio a calquera situación relacionada coa igualdade de oportunidades, aínda que dedica especial atención a situacións de violencia de xénero, xa que requiren unha actuación máis urxente e integral. No ano 2021 recorreron a este servizo 159 mulleres en situación pasada ou presente de violencia de xénero. “Neste ámbito é fundamental a coordinación institucional, xa que algunhas mulleres chegan ao CIM derivadas doutros servizos como a Garda Civil, Servizos Sociais de Ponteareas ou doutros concellos ou do Centro de Saúde”, salienta Carrera.

Durante a crise sanitaria o CIM mantivo a súa actividade ao ser declarado un  servizo esencial, aínda que as restricións e medidas sanitarias limitaron a posibilidade de desenvolver todas as accións para o pasado ano. Ademais dos servizos directos prestados á veciñanza, destacaron a participación na Mesa de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero, a loita polos dereitos da comunidade LGTBI+ ou a posta en marcha do Plan de Igualdade de Oportunidades do persoal municipal do Concello de Ponteareas. A memoria completa pode consultarse na web municipal.

A Xunta abre a inscrición nas listas de emprego temporal dos servizos públicos da Administración galega

A Xunta abre mañá o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal para traballar nos servizos públicos da Administración galega. Calquera persoa que cumpra os requisitos de titulación poderá anotarse nas bolsas abertas para o nomeamento de funcionarios interinos e a contratación de persoal laboral temporal da Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de abril, segundo recolle a resolución da Dirección Xeral da Función Pública publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Estas listas son utilizadas pola Xunta para cubrir vacantes, facer substitucións e reforzar os servizos públicos. As persoas contratadas prestarán servizos en institutos politécnicos, centros de atención a menores ou persoas con discapacidade, residencias de maiores, centros para persoas con dependencia, nos servizos de gardacostas ou como veterinarios.

O número de listas que estarán abertas para inscrición é de 36. Delas, 27 listas son para traballar como funcionario interino e outras nove para facelo como persoal laboral. No caso das listas que permanezan pechadas, as persoas interesadas que superaran algunha proba do último proceso selectivo ou prestaran servizos na Xunta para a lista correspondente a unha categoría, corpo, escala ou especialidade, sempre poden presentar a solicitude de inclusión.

O acceso ao emprego temporal na Xunta realízase a través do nomeamento de persoal funcionario interino ou de contratación temporal de persoal laboral. En ambos casos, as persoas seleccionadas proceden das listas elaboradas para este efecto.

Entre as listas abertas están as de enxeñeiros de camiños, canais e portos, de minas e de montes, veterinarios, profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros, escala de axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, enfermeiro/a, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, auxiliar de enfermería ou xefe/a de cociña.

Tanto o estado -aberto ou pechado- para a incorporación de novas solicitudes no que se atope cada lista, como o procedemento a seguir para inscribirse nelas poden consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia, https://funcion-publica.xunta.gal, no apartado de ‘Listas de contratación’, que conta ademais cun

epígrafe de preguntas frecuentes (FAQ) que responde ás dúbidas máis habituais que se lles presentan ás persoas interesadas en realizar este proceso.

A Deputación aposta pola transformación da provincia con achegas para cultura e turismo

A Deputación de Pontevedra volveu a poñer de manifesto o seu compromiso coa cultura e o turismo, dous dos eixos estratéxicos da xestión do goberno provincial, trala aprobación en Xunta de Goberno das bases de subvencións nestes eidos por valor de 650.000 euros, que serán concedidos mediante concorrencia competitiva. Neste senso, o órgano provincial deu luz verde a 550.000 euros para entidades sen fins de lucro de carácter cultural e a outros 100.000 euros para financiar actividades de carácter turístico. En definitiva, “unha Xunta de Goberno que aposta e financia a transformación da provincia de Pontevedra” asegurou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

A cultura “é un eixo prioritario da administración provincial e non esaxero se digo que somos a administración que ten o programa e o modelo cultural máis avanzado de toda Galicia”, sentenciou Carmela Silva. Neste senso, a Deputación aprobou 250.000 euros que terán como finalidade sufragar actividades culturais das asociacións da provincia tan diversas como ciclos culturais, exposicións, encontros literarios ou xornadas arqueolóxicas. Con esta partida a institución provincial aposta por mellorar a calidade de todas as manifestacións culturais, en especial as dirixidas á reivindicación do patrimonio material e inmaterial, contribuíndo así á difusión, ao mantemento e recuperación da cultura e das tradicións.

A Xunta de Goberno tamén puxo o foco nos festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas que se celebran na provincia de Pontevedra. Para os primeiros aprobou unha achega de 150.000 euros da que se verán beneficiados os eventos integrados na marca Rías Baixas Film Fest  “que deu identidade e acubillo aos festivais de cinema” como o Festival de Cans (O Porriño), Festival de Cine Inclusivo (Vigo), o Galician Freaky Film Fest (Vigo), Primavera do Cine (Vigo), FICBUEU (Bueu), PLAY-DOC (Tui), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía) e Novos Cinemas (Pontevedra).

Do mesmo xeito, foron aprobados outros 150.000 euros cos que as entidades sen fins de lucro poderán levar a cabo festivais musicais e de artes escénicas. Estes fondos permiten que “a Deputación de Pontevedra financie as grandes actividades culturais que se desenvolven en varios dos concellos da provincia” como o Canteira Fest, o IKFEM – Festival de Teclado da Eurocidade Tui-Valença, o Festival Internacional de Jazz de Cangas ou o Festival Internacional de Títeres de Redondela.

Ademais, a Xunta de Goberno provincial deu luz verde a 100.000 euros cos que as entidades da provincia poderán financiar actividades de carácter turístico que poñan en valor os recursos da provincia á vez que promoven o consumo no sector turístico nos concellos que se celebran.

O Concello da Guarda felicita a Alicia González Álvarez no seu 100 aniversario

0

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a tenente de alcalde, Montse Magallanes, visitaron, o domingo 27 de febreiro, a Alicia González Álvarez para felicitala polo seu 100 aniversario.

Alicia, muller alegre e faladeira, memoria viva do barrio da Cruzada compartiu, en compañía do seu fillo, Sergio, e da súa filla, Carmen María, uns momentos de conversa cos representantes do concello, con quen conserva unha excelente relación.

Durante a conversa fixo numerosas referencias ao que fora alcalde da Guarda e benefactor do barrio, Brasilino Álvarez, o seu admirado tío.

Alicia Gonzalez fai gala dunha memoria prodixiosa, como di ela: “de cabeza estou ben, o malo son os osos.” Durante a visita fixo un repaso das principais tarefas e experiencias que ela, como outras moitas mulleres da mariña da Guarda, tivo que enfrontar durante a súa vida: dende a case esquecida actividade de petar a casca para curtir as redes, ir ao monte a por fruma ou feito, a praia ao argazo ou tender as redes a secar. “Unha vida de moito traballo pero divertida” segundo ela, porque “divertido é estar facendo cousas continuamente. O peor é estar parada”.

Alicia González Álvarez arranca un sorriso dos que a escoitan cando insinúa que os 100 anos lle pasaron moi rápido, como ela di: “parece mentira”.

Os representantes municipais quixeron facerlle unha homenaxe a Alicia desexándolle un feliz aniversario e que siga desfrutando da vida como ata agora. Entregáronlle uns pequenos agasallos e a familia mostrouse moi agradecida polo seu recoñecemento.

O Concello de Nigrán amplía o servizo de axuda a domicilio para poder duplicar beneficiarios

0

O Concello de Nigrán vén de adxudicar o ‘Servizo de Axuda no Fogar’ a empresa ‘Atendo Calidade’ aumentando a licitación de 165.000 €/anuais a 580.000 € e primando por vez primeira a calidade sobre a oferta económica. A duración do contrato será de dous anos con posibilidade de aumentalo a outros dous, sumando un total de 2.319.000 €, cifra histórica neste servizo de caracter social. Este gran incremento responde, principalmente, á vontade do goberno local de duplicar o número de beneficiarios, sendo actualmente unhas 60 persoas. En total, presentáronse 13 ofertas, resultando finalmente ‘Atendo Calidade’ a seleccionada (mesma empresa que exerceu ata agora co contrato prorrogado). Esta emprenderá na vindeira semana o seu traballo co novo contrato.

“Este servizo clave da nosa política municipal ‘Un Nigrán para todos’ é básico para mellorar a calidade de vida das persoas dependentes porque atende prácticamente a todos os aspectos da súa vida cotiá para que poidan seguir vivindo nos seus domicilios sen caer na exclusión social, ademais, é compatible con outros servizos como Xantar na Casa”, destaca o alcalde, Juan González.

Desde a Concellalía destacan a principal novidade, que é que se baremou a garantía da calidade do servizo por riba da mellor oferta económica e incluíu tamén como puntuable a mellora das condicións laborais dos empregados co obxectivo de garantir máis xornadas laborais completas. Ademais, o contrato por vez primeira dá cobertura a todos os días da semana incluídos sábados pola tarde, domingos e festivos (a intensidade horaria depende de cada programa individualizado pero nunca será inferior a unha hora diaria).

Entre os criterios vinculados coa calidade figurou o apartado de ‘melloras de axudas técnicas’ comprendendo tres lotes nos que se especificaron aportacións da empresa como cadeiras de rodas, guindastres de mobilización persoal con arnés universal, camas articuladas, asentos xiratorios de bañeira, muletas, almofadas antiescaras, andadores… Valorouse tamén as melloras relativas a atencións complementarias, como por exemplo, o servizo profesional de fisioterapia a domicilio ou de podoloxía, o acompañamento, ou unha bolsa de horas a maiores dun máximo de 350 horas/ano. Igualmente, o contrato adaptouse á nova realidade sanitaria ao especificar que corre a conta da empresa fornecer de máscaras ou xel hidroalcohólico aos empregados (ao marxe da vestimenta ou transporte, que tamén). Finalmente, o contrato mesmo regula a cobertura dos servizos mínimos en caso de folga legal do servizo.

Favorecer a autonomía

O Servizo de Axuda no Fogar está dirixido a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias (dependentes ou persoas maiores con déficits de autonomía) favorecendo a autonomía no seu domicilio mantendo as súas redes de relación familiar e social, retardando ou evitando a institucionalización ou exclusión social. Para elo, o usuario recibe axuda nas actividades da súa vida diaria (hixiene persoal, apoio en cambios posturais, supervisión do réxime alimenticio ou de medicación…), de acompañamento para consultas ou tratamentos ou xestións e de necesidades domésticas da vivenda (limpeza, compra ou preparación de alimentos, lavado de prendas…), de atención psicosocial e educativo .

SmartPeme imparte un obradoiro esta semana

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana unha nova acción formativa impartida de xeito online, enmarcada na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. A acción levarase a cabo o mércores 2 de marzo de 12.00 a 13.00 horas e mergullarase no “Blockchain, identidade dixital e NFT”.

Máis polo miúdo, este obradoiro de SmartPeme é o terceiro dunha serie de talleres formativos sobre temas de máxima actualidade que teñen como denominador común a tecnoloxía blockchain. Todos eles están dirixidos por Manuel Freire, experto universitario en robótica, programación e impresión 3D con máis de catro anos de experiencia impartindo obradoiros de formación.

Tras coñecer en talleres anteriores en que consiste esta tecnoloxía e a súa relación na creación do “internet do valor” así como as criptomoedas, neste terceiro obradoiro Manuel Freire falará sobre a identidade dixital e tratará de achegar algo de luz sobre que son e para que serven os NFT. O ciclo completarase a semana que vén con un taller sobre o metaverso.

Redondela desenvolverá un amplo programa do 8M “para que a loita pola igualdade non quede cinguida a un só día”

0

A Concellería de Igualdade, que xestiona Iria Vilaboa, vén de ultimar un amplo programa para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, e poñer o foco de atención sobre a igualdade como eixo imprescindible acadar unha sociedade xusta. Serán 9 días de actividades variadas e dirixidas a todos os sectores da sociedade “como partes imprescindibles na loita pola igualdade” asegurou a alcaldesa Digna Rivas.

O programa, arrinca xa o vindeiro 4 de marzo, coa inauguración da exposición ‘Conquistadoras’ na Alameda Castelao ás 12:30 horas lugar dende o que Onda Cero emitirá en directo un programa a cargo de Susana Pedreira.

O día 6 de marzo, ás 12 horas, o Multiúsos da Xunqueira acollerá a inauguración da exposición de pintura de María Lapido ‘Do miúdo’.

O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ás 12 horas terá lugar na Alameda Castelao a lectura do manifesto institucional para, un día despois, o 9 de marzo ás 18 horas, inaugurarse o mural ‘Praceiras pioneiras’ na Alameda Rosalía de Castro de Chapela.

O 10 de marzo, en dobre sesión de 10 horas e 12:15 horas e dirixido ás e aos escolares do municipio, o Multiúsos da Xunqueira será escenario do monólogo teatralizado A síndrome de Lis.

A programación do 8M do Concello de Redondela continuará os días 11 e 12 de marzo coas II Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero». Contarán estas xornadas, o 11 de marzo con tres actividades ben diferenciadas. Por unha banda, a Casa da Cultura de Redondela, situada na Praza Figueroa, acollerá entre as 19 e 21 horas as actividades do obradoiro 10 claves para emprender. Liderazgo feminino e autoxestión. Os e as mais cativas terán tamén unha actividades especialmente pensada para eles como é o contacontos Tanto conta, conta tanto, a cargo de Ana Facchini que terá lugar na Biblioteca Xela Arias de Chapela ás 18.30 horas e, finalmente este primeiro día das xornadas pecharase cun atractivo roteiro que percorrerá a Ruta das regateiras, con saída dende a Fonte de Santiago ás 19:30 horas.

O día 12 de marzo, segundo das Xornadas Gemma Pereira Otero, de 10 h a 14.30 horas o Multiúsos da Xunqueira acollerá o segundo obradoiro que, desta volta, levará por título Os medios de comunicación como axentes do cambio fronte a violencia machista. O peche ás xornadas o porá o monólogo Ellas bailan solas, ás 20 horas e tamén no Multiúsos da Xunqueira.

Por último, o día 13 de marzo o teatro será o encargado de pechar a programación do 8M de Redondela coa posta en escena de Bravas.

Pola súa banda, Radio Redondela desenvolverá ao longo de todo o mes unha programación especial co programa Recuperando as pezas que faltan ao mesmo tempo que, todos os primeiros luns de mes, dará continuidade a emisión do programa As mulleres contan. Percorrendo Camiño.

A programación do 8M de Redondela, tal e como apunta a alcaldesa Digna Rivas, “non queda cinguida a un so día ao igual que a loita pola igualdade non pode quedar limitada a actos puntuais”. Rivas lembrou a importancia de “traballar a prol da igualdade non só a través de celebracións ou conmemoracións, senón tamén no noso día a día e nas actividades cotiás que desenvolvemos”.

Nese sentido, a alcaldesa de Redondela que felicitaba á concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, polo traballo realizado á hora de desenvolver “un programa potente e atractivo”, lembrou que o Goberno local busca a “transversalidade en todas as súas áreas, de xeito que a igualdade estea sempre presente en todas e cada unha das iniciativas que levamos a cabo, independentemente da concellería ou departamento de que se trate”.

O pavillón municipal de Chapela acolle o luns a concentración da liga autonómica xuvenil feminina de fútbol sala

0

O Arealonga FS Chapela organiza a concentración da liga autonómica xuvenil feminina de fútbol sala, subgrupo C, en colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol e o Concello de Redondela, a través da Concellería de Deportes.

O evento terá lugar o martes, 1 de marzo, no Pavillón Municipal de Chapela ‘Manuel González Soto’ entre as 16 h e as 20.30 horas.

Serán catro equipos os que se dean cita nesta actividade: Marín Futsal, CD Mosteiro Bembrive FS, Escola Futsal Morrazo e o club anfitrión, Arealonga FS Chapela.

A Praza Maior, escenario do concurso de disfraces de adultos o vindeiro día 28

O Concello de Ponteareas convoca unha nova edición do concurso de disfraces de adultos, un certame dirixido a persoas a partir de 13 anos no que a orixinalidade terá premio. O concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, anima a toda a veciñanza “a sumarse ao Entroido, a participar neste concurso e pasar unha divertida tarde polas rúas da vila. É momento de gozar de todas as actividades programadas para estes días”.

A partir das 19.00 horas todas e todos os participantes poderán lucir as súas mellores composicións para aos premios en metálico que se outorgarán aos 5 mellores disfraces e que irán dende os 350 euros do primeiro premio aos 75 euros do quinto. Os gañadores ou gañadoras serán elixidos por “un xurado integrado por persoas relacionadas coa vida cultural, social e artística da vila que valorará a orixinalidade, o colorido, o traballo e o bo gusto na realización dos traxes”.

Todas aquelas persoas que desexen participar poderán inscribirse antes do luns 28 ás 14.00 horas no rexistro de entrada do Concello. En caso de ser menor de idade deberase acompañar a inscrición dunha autorización asinada polo adulto responsable.

Xavier Queipo, «Final feliz»

Que Xavier Queipo é un autor sorprendente, cun universo propio, unha personalidade moi definida e que non nos vai deixar indiferentes diante de cada obra nova, é ben sabido. Agora acaba de sacar do prelo un monllo de relatos que, tal e como explica nunha breve introdución, son escritos que foron quedando atrás ao longo do tempo, textos «en estado de hibernación […] esperando o seu momento de agromar». Pois ben, parece que ese momento chegou e o autor quixo recompilar un total de once pezas que teñen en común unha ambientación que roza o onírico, misturando realidade e ficción de maneira habilidosa, para presentarnos unhas personaxes obsesivas e descarnadas.

Ao adentrármonos na lectura, o primeiro que sorprende é a alta conexión que existe entre os dous primeiros relatos, que nos pode facer pensar que, en realidade, e a pesar da presentación feita polo autor, estamos diante dunha novela disfrazada, dunha única historia que se nos vai presentar de maneira fraccionada e deslabazada para que nós mesmos coloquemos as pezas do crebacabezas no seu sitio. Dous pares de ollos («azul cobalto contra verde malaquita»), teñen boa parte da culpa, pero esta afirmación só a comprenderán aqueles que decidan adentrarse neste «Final feliz».

Se seguimos avanzando na lectura, esa sensación pode permanecer durante un tempo, mais, ao cabo, acabaremos por decatármonos do noso engano e de que só son once historias desvencelladas entre si. Queipo vén de xogar con nós, de provocar o noso desconcerto para logo situarnos no carreiro axeitado. E iso é algo tan arriscado que só un autor tan habilidoso coma el é capaz de argallar sen que padezamos a tentación de deixar o libro á metade. Porque a verdade é que os relatos son enormemente dispares entre si en canto a xeografías, contidos, tempo, personaxes, estrutura, linguaxe… como é lóxico nunha recompilación de textos de distintas épocas do autor. Revisando a lectura dende as páxinas finais, resulta difícil percibir o conxunto como unha peza única, tal e como sentimos ao comezo da lectura.

Así e todo, os protagonistas de cada un dos relatos son capaces de darlle unidade ao conxunto, tal e como apuntamos máis arriba, polas súas obsesións e pola maneira de amosar a súa alma ao lector de maneira totalmente descarnada, espíndose emocionalmente para nós. Queipo mistura elementos puramente realistas con outros que parecen xurdir do fondo dos soños para darlle corpo a un traballo que, amais dun perfecto exercicio de estilo do que calquera afeccionado á escrita pode aprender un mundo, supón unha fonda reflexión sobre a nosa cotidianeidade e sobre o mundo ao que día a día nos enfrontamos. E iso, tal e como andan os tempos, xa é moito dicir.

Xavier Queipo

Final feliz

Xerais

Ponteareas contará cun novo parque público de case 3.000 m2 na Avenida Sarmiento Rivera

O Concello de Ponteareas contará proximamente cun novo parque público que se situará na Avenida Sarmiento Rivera, nas inmediacións do actual aparcadoiro público situado fronte ao cuartel da Garda Civil.

O novo espazo de lecer terá 2775 m2 e será cedido gratuitamente ao Concello como consecuencia da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Urbana o pasado mes de decembro. Os propietarios dos terreos, ademais de cedelos, encargaranse de executar á súa costa as obras de creación e acondicionamento do parque. Entre esas actuacións tamén se inclúe a rehabilitación dunha vella edificación de 160 m2 situada neses terreos para un novo equipamento municipal.

O goberno local do BNG-PSOE e a propiedade mantiveron xa varias reunións de traballo nas que se definiron as actuacións a realizar e que atinxen dende as zonas pavimentadas de paseo, as zonas verdes e axardinadas, arborado, mobiliario urbano como bancos, fonte ou papeleiras, iluminación e a humanización da rúa Curuxeira, que une a Avenida Sarmiento Rivera coa rúa Redondela. Unha parte do arborado será o xa existente no terreo, con exemplares de gran porte e de interese botánico. As previsións dos propietarios dos terreos é executar os traballos e concluílos neste ano 2022.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, salientou que “agora comezamos a ver os enormes efectos positivos derivados da aprobación do PXOM, pois Ponteareas contará en breve cun novo parque público sen custo algún para a veciñanza”. Ademais, a alcaldesa salientou que “con esta actuación a entrada a Ponteareas dende As Neves pola Avenida Sarmiento Rivera se transformará por completo pasando a ser un lugar con espazos de calidade, parque público e beirarrúas amplas e arboradas que tamén conectarán o centro urbano co parque das Pombas ou co cemiterio polo Alto da Gloria”.

Nesta liña de mellorar a imaxe dos accesos ao centro urbano, o goberno municipal do BNG-PSOE lembra que ”recentemente transformamos a entrada en Ponteareas pola N-120 coa humanización do Complexo Deportivo e durante este ano transformarase a entrada pola rúa Trobador Xoán García de Guillade, dende o CEIP Ramiro Sabell até a Casa do Concello, co camiño escolar seguro e a humanización de case un quilómetro de vieiro, con amplas beirarrúas, carril bici e case 200 árbores”.

Cristina Fernández amosouse moi satisfeita porque “estamos convertendo Ponteareas nunha vila fermosa pensada para as persoas, máis saudábel e sostíbel e comprometida na loita contra o cambio climático”.

A estación fitopatolóxica do Areeiro recomenda vixiar a bolboreta do buxo

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que recomenda vixiar a ‘Cydalima perspectalis’, coñecida como a bolboreta do buxo.

Persoal técnico de Areeiro sinala que a climatoloxía case primaveral destas últimas xornadas adiantou, fronte ao pasado ano, a saída da hibernación das eirugas desta especie, que en anos precedentes se producía tamén arredor destas datas ou mesmo antes.

Deste xeito, na xornada deste venres observáronse xa as primeiras nas sebes de Areeiro, mentres se realizaba mostraxe para ver se xa estaban en actividade. En todo caso, desde a EFA sinálase que noutras zonas máis soleadas pode haber algunha sintomatoloxía, polo que se recomenda comezar a vixilancia das plantas.

Nidia Arévalo e Alejandro Lorenzo visitan aos rapaces e rapazas do Club Xadrez Mos

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañados polo concelleiro de Deportes de Mos, José Areal achegáronse esta semana ata as instalacións do Club Xadrez Mos, no antigo Centro Cultural de Torroso, para visitar aos rapaces e rapazas xadrecistas do clube (dos que un 20% son veciños do concello porriñés) durante os seus adestramentos e aproveitaron para felicitalos polos incribles resultados obtidos nos Campionatos Provinciais, de onde trouxeron para Mos nada máis e nada menos que un total de 5 medallas.

Os Campionatos Provinciais por Idades 2022 celebráronse as fins de semana dos días 29 e 30 de xaneiro e 05 e 06 de febreiro en Vilagarcía de Arousa.

O Club Xadrez Mos enviou 49 participantes á competición e, deses 49, 23 clasificáronnse entre os 10 primeiros postos.

E, en total, conseguiron 5 medallas:

  • Javier del Valle Crespo, Ouro, en categoría Sub-14.
  • Xabier Pérez Sousa, Prata en categoría Sub-16.
  • Óscar Morales Rejas, Prata en categoría absoluta.
  • Carlos Pérez Méndez, Bronce en categoría sub-10.
  • Alex Pino Fernández, Bronce en categoría Sub-8.

Un ano máis, o Club Xadrez Mos foi un dos que enviou máis xogadores e xogadoras á competición, e dos que mellores resultados obtivo.

Liga Galega

Por outra banda, o pasado sábado 12 febreiro comezou a Liga Galega por Equipos de Club, onde están a participar 9 equipos do Club Xadrez Mos, formados por un total de 64 xogadores e xogadoras.

A competición xógase a nivel autonómico, todos os sábados, ata o vindeiro sábado 23 de abril.

O Concello de Ponteareas, satisfeito coa adxudicación da xestión da Estación de Autobuses

O Concello de Ponteareas amosou a súa satisfacción ante a adxudicación por parte da Xunta de Galicia da xestión da Estación de Autobuses. Nos anteriores intentos de adxudicación feitos nos últimos dez anos a Xunta non conseguira ningunha empresa interesada en asumir a xestión, o que provocou que o Concello, sen ser a súa obriga, continuara dende 2011 atendendo ese servizo de competencia autonómica. “Para o Concello é unha excelente nova”, sinalou o concelleiro de Mobilidade, Roberto Mera, “pois a estación é deficitaria e ao concello ocasionoulle en 10 anos unhas perdas de máis de 130 000 euros”.

O goberno local do BNG-PSOE confía en que “solucionada a xestión da Estación, poidamos asinar axiña o convenio negociado coa Xunta para remodelar o edificio. Temos un preacordo polo cal o Concello contribuirá a esa reforma con 370 000 euros, dos que 130 000 se descontarán das perdas que asumimos”. Segundo explica Mera, o convenio só está pendente de acordar a forma de pago dos 240 000 euros restantes, que o Concello pretende facer en 20 anualidades xa que, a cambio desta achega, a Xunta cederá tamén por 20 anos a planta alta do edificio de máis de 300 m2, con 11 oficinas e unha sala de xuntas.

Mera salientou “a capacidade de diálogo e negociación do goberno que preside Cristina Fernández. Logramos con outra administración un principio de acordo que será moi positivo para Ponteareas e cuxos resultados agardamos se poidan ver de inmediato coa mellora do servizo de Estación e con novas instalacións de calidade no mesmo edificio destinadas a outros servizos municipais”.

O Concello de Tui entrega a Protección Civil unha motocicleta

0

A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Tui vén de incrementar o seu parque móbil cunha scooter 150 entregada hai uns días polo Concello a este colectivo.

Esta motocicleta formaba parte dos vehículos da Policía Local, pero quedara en desuso coa incorporación de novos vehículos a este corpo. Por este motivo dende o concello decidiuse realizar a posta a punto da motocicleta e rotulala para poder ser empregada polos voluntarios e voluntarias de Protección Civil, que contarán así cun vehículo para desprazamentos curtos nas súas intervencións.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, fixeron entrega da moto hai uns días a Protección Civil.

Cómpre lembrar que o ano pasado a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui realizou un total de 242 servizos empregando nos mesmos 1.583 horas. 

Alumnado do Colexio Castro-Mos demostra no Pleno a súa implicación coa igualdade cun manifesto polo 8M

0

O Pleno Ordinario do mes de febreiro do Concello de Mos comezaba onte cunha declaración institucional conxunta de toda a Corporación Municipal de repulsa á invasión de Ucrania por parte de Rusia, lida pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; seguida dun minuto de silencio polas vítimas. E a continuación, unha declaración do alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, redactada por escolares de 6º curso de Primaria, con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional Da Muller, que se conmemorará nuns días.

Achegáronse ata a sesión plenaria no Pazo de Mos, para ler a declaración en representación de todos os seus compañeiros e compañeiras, os alumnos Mara e Sergio, acompañados da súa profesora, Alba Alonso.

No seu manifesto fixeron toda unha declaración de intencións e expresaron o compromiso firme de querer “traballar por un mundo máis igualitario, xusto, e cheo de diversidade”, polo que desde a administración local mosense a rexedora local, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, destacaron os grandes valores da cativada mosense e a súa implicación coa igualdade real polo que, dixeron “o futuro de Mos está en boas mans e goberno e Corporación sentímonos enormemente orgullosos delo”.

A declaración dos escolares deixou totalmente claro que o rexeitamento da violencia de xénero, os estereotipos de xénero, o bullying de xénero, o machismo, ou a fenda dixital de xénero en materia STEM debe facerse e aprenderse desde os primeiros anos da vida.

Nela instaron ao abandoo total e definitivo da educación binaria e diferente para nenos e nenas. Ao traballo duro para romper con ela. E marcaron uns obxectivos e necesidades moi claras para acadar o fin último da educación igualitaria real: “que o profesorado estea formado en materia de diversidade sexual e de xénero, de estereotipos, de bullying, e mesmo de tecnoloxías coas súas vantaxes e riscos. Que se impartan obradoiros nos cales poder entender que non vivimos en caixas rosas ou azuis senón que existe unha paleta de cores, e cada quen ten dereito a ser e expresarse sen prexuízo algún. Que se eduque ás familias sobre que non hai xoguetes de nenos ou de nenas, porque con detalles así, xa dende peques, están a dicirnos que os nosos gustos, afeccións ou futuras opcións profesionais dependen unicamente de que sexamos nenos ou nenas. Que a coeducación e a igualdade sexan impartidas todos os días do ano e en todas as asignaturas. E que estas temáticas non sexan … unicamente na escola, senón na casa, no clube de fútbol, na panadería, na feira do barrio… Máis coeducación sobre as “xa non tan novas tecnoloxías” para poder converternos nunha cidadanía dixital responsable, ética e creativa”.

En definitiva, estes rapaces exemplares demostraron esta mañá no Pazo de Mos que queren ser a xeración que rompa coa lacra da violencia de xénero e consiga un mundo onde ser muller non estea infravalorado.

Ponteareas dá luz verde aos proxectos do Centro de Dinamización Empresarial e da ampliación da rede de calor

O Concello continúa a traballar para un desenvolvemento urbano sostible de Ponteareas. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os proxectos da posta en marcha do Centro de Dinamización Empresarial e de ampliación da rede urbana de calor, iniciativas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’.

O proxecto de reforma e acondicionamento das plantas segunda e terceira do edificio situado na Praza Maior para o seu uso como Centro de Dinamización Empresarial permitirá “ofrecer á veciñanza un lugar para traballar e crecer”, como salienta o Goberno local do BNG-PSOE, con espazos de traballo para emprendedores, coworking e viveiros de empresas; unha oficina de asesoramento; zona de formación ou unha oficina SMART PEME, entre outras. “Coa posta en marcha destas instalacións estamos ofrecendo novas ferramentas a todas aquelas persoas que están pensando en emprender ou traballar por conta propia, pero tamén para todas aquelas que xa están establecidas e precisas novos espazos para seguir avanzando e crecendo. Este centro suporá un importante pulo para o desenvolvemento de iniciativas empresariais”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Cunha dotación económica da liña de actuación de 528 000 euros, este proxecto permitirá “dotar o edificio con servizos deseñados para o impulso da actividade económica e o fomento do emprendemento, pensando nas necesidades que poidan ter persoas autónomas e emprendedoras, empresas…”, destaca a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.

Pola súa banda, o proxecto de ampliación 2 da fase I da rede pública urbana de calor con biomasa posibilitará dar servizo aos tres edificios que albergarán novos servizos municipais do centro urbano de Ponteareas: o Centro de Dinamización Empresarial e o Centro Cívico situados na Praza Maior e na antiga nave de Aceiros e Granitos.

Isto permitirá substituír o subministro de gasoil por biomasa de lasca producida en montes próximos, “xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de lumes e garantindo a contaminación cero”. A liña de actuación contará cunha dotación económica de 312 000 euros.

A oposición bloquea no Pleno a iniciativa do Goberno para facer un aparcadoiro disuasorio na contorna da Praza de Ponteareas

0

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou hoxe “non dar crédito” á negativa do Pleno da Corporación para que o Concello redondelán solicitase unha subvención de carácter plurianual –de aí a necesidade da aprobación plenaria– para a demolición da nave situada nas inmediacións do convento de Vilavella para dotar á zona dun aparcadoiro disuasorio.

A creación desta zona de estacionamento, fora unha petición da veciñanza da contorna da Praza de Ponteareas, como solución non só para as e os residentes da zona senón tamén para as persoas que, chegando das parroquias, puideran deixar os seus vehículos nun lugar céntrico.

Compre lembrar que, para levar adiante este proxecto, o Concello viña de adquirir para o patrimonio municipal, a parcela situada a carón do convento de Vilavella por un importe de 449 350 euros dos que 416 226 euros foron achegados pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2019. Trátase dun solar de preto de 4000 metros cadrados no que, tralo derrubo da nave existente, serviría para crear unha nova zona de esparexemento para a veciñanza e o aparcadoiro disuasorio.

A subvención para a que o Concello solicitaba a aprobación do Pleno, permitiría derruír a nave e comezar os traballos para a transformación do espazo no estacionamento que reclamaba a veciñanza, instalación que pola súa proximidade ao centro urbano, contribuiría a desmasificación de aparcamento de vehículos que diariamente se produce nas beiravías da estrada e completaría aos dous libres xa existentes no casco urbano reforzados polo aparcadoiro soterrado da Xunqueira.

Digna Rivas cualificou de “irresponsable” a actitude dos grupos da oposición “que prefiren deixar as peticións e intereses da veciñanza en segundo plano, e antepoñer ao ben común calquera manobra que sirva para desgastar ao Goberno local”.

Rivas amosouse firme ao asegurar que o aparcadoiro disuasorio “era unha petición das veciñas e veciños e iso, para min, está por enriba de calquera outra consideración polo que este estacionamento, dun xeito ou outro, vaise levar a cabo”.

A rexedora local Digna Rivas denunciou “a política de boicot” que desenvolven os grupos da oposición e reafirmouse en que “o aparcamento solicitado pola veciñanza levarase a diante si ou si”.

“Fronte a outros, nós non temos máis compromiso que coas nosas veciñas e veciños que outorgáronnos a responsabilidade de Goberno para darlle solución aos seus problemas e ante a inacción de oito anos de Gobernos conservadores”, conclúe a rexedora.

O Concurso-Exposición Internacional da Camelia volve da man da Deputación

As cores e fragrancias das camelias  engalanarán a Avenida Montero Ríos de Pontevedra e o Pazo provincial da Deputación os días 5 e 6 de marzo coa celebración da LVII edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia. A presidenta, Carmela Silva, confirmou a volta deste certame tras o parón provocado pola Covid-19: “retomámolo ao grande, como se merece este grande evento, xa que a camelia é a flor de Galicia, particularmente a das Rías Baixas, e un recurso de carácter turístico sostible moi potente”.

A Deputación-organizadora este ano- inaugurará o certame o sábado 5 de marzo ás 17.30 horas no Pazo, que lucirá unha lona na súa balconada principal coa imaxe desta edición, e contará cunha gran carpa transparente e aberta no Paseo, de máis de 600 metros cadrados, que estará conectada mediante unha alfombra vermella ao edificio provincial. O sábado a mostra poderá verse ata as 21.00 horas e o domingo 6 o seu horario de apertura será de 10.00 a 20.00 horas. Amais, ao carón da carpa, habilitarase un espazo con postos con produtos obtidos a partir da camelia como o té ou o aceite, que teñen grandes beneficios para a saúde humana, así como con un photocall natural no xardín situado entre o Pazo e o instituto.

Aexposición será unha das poucas que se celebren este ano en torno á camelia, polo que acollerá ás mellores pezas. Así, o hall do Pazo Provincial converterase nun recuncho especial no que se exporán as camelias que competirán polo Premio Antonio Odriozola, as das persoas que queiran exhibir os seus cultivos sen participar no concurso, así como as das e dos menores de idade. O hall tamén acollerá as flores de Begoña Franco, premiada coa Camelia de Ouro no concurso-exposición celebrado en Vigo en 2020.

As gañadoras e gañadores do certame daranse a coñecer nun acto no que ser fará entrega dos 22 premios do concurso e que terá lugar o sábado ás 18.30 horas no Salón de Plenos do Pazo. Nesta sala outorgarase o Premio á Camelia de Ouro -a quen presente o conxunto de variedades máis destacado en canto a número e calidade das flores- e o Premio Especial Antonio Odriozola -á flor individual máis destacada- que consistirán en dous broches de ouro e prata elaborados en Vilagarcía por Manuel Nogueira Rapaiz. Ademais, a persoa gañadora do Premio Especial da Sociedade Española da Camelia -á ou ao concursante “novel” máis destacado- e as e os gañadores dos restantes 19 premios de oito modalidades (como a presentación artística, a camelia reticulada ou a xaspeada) recibirán a figura dunha camelia a tamaño real de ferro repuxado e apoiada sobre unha superficie de madeira de camelia feita a man polo artista Jose Ortiz, de Ponte Caldelas. Con estes galardóns, a Deputación promove “a nosa artesanía e o noso talento”.

A programación desta 57 edición do Concurso-Exposición Internacional da Camelia complétase coa presentación o domingo 6 ás 12.30 horas do libro “As árbores notables na provincia de Pontevedra” escrito por Gaspar Bernárdez Villegas, Carmen Salinero, Ángeles Barros e Antonio Rigueiro. O volume, do que a Deputación de Pontevedra está a editar mil exemplares e que será repartido entre as persoas que asistan ao acto, trata sobre 110 árbores especiais que pola súa idade ou singularidade poñen en valor o patrimonio vexetal de Pontevedra provincia.

Unha cita con historia

O Concurso-Exposición da Camelia naceu en 1965 da man da Deputación de Pontevedra sendo a día de hoxe o certame máis antigo en relación a esta flor. Dende entón celébrase de xeito anual rotando o seu emprazamento entre en Pontevedra, coa organización da institución provincial, Vigo e Vilagarcía, da man dos seus concellos, promovendo e difundido deste xeito o evento por toda a provincia. A cita contribúe dende a súa creación a popularizar o cultivo da camelia na provincia de Pontevedra así como en toda Galicia e é un punto de referencia para persoas cultivadoras e afeccionadas ao que incluso se achegan persoas de distintos países europeos. 

Rematadas as obras de acceso á igrexa en Cequeliños

0

O Concello de Arbo pretende seguir coa mellora da súa rede municipal de estradas, reparando as estradas e pistas asfaltadas, e pavimentando completamente as pistas que se atopan en terra, na  medida das súas posibilidades. Unha das súas prioridades é a de mellorar a seguridade viaria en todas as súas estradas, executando ensanches e mellorar o trazado nos tramos mais perigosos e os que non poden acceder os servizos básicos como son unha ambulancia ou un camión de bombeiros.

Dada a amplia superficie do concello, e ao gran número de estradas existentes, a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicado, sendo necesarios proxectos de pavimentación que rexeneren  completamente a rodadura en ditas estradas e que melloren a seguridade viaria coa optimización do trazado.

No tocante á obra de mellora do acceso ao barrio da igrexa en Cequeliños, executáronse traballos previos de escavacións, desbroce do terreo, demolición dos pavimentos existentes. Realizouse a recollida das augas pluviais no camiño de baixada á igrexa, coa execución de tubeiras de PVC, empedrado do acceso á igrexa tal e como foi autorizado por Patrimonio e mellora no mobiliario e na iluminación.

Para levar a cabo esta actuación, contouse cunha achega da Deputación de Pontevedra, con cargo ao Plan Provincial de obras e servizos (Plan Concellos) 2021, dentro da Liña 1 – Investimentos.

A Deputación arranca a celebración do 8M

Priscila Retamozo, politóloga especializada en igualdade de xénero e coordinadora da formación para a mocidade “Canteira de Igualdade” da Escola María Vinyals, foi a encargada de dar o pistoletazo de saída aos actos que a Deputación de Pontevedra ten programados con motivo do 8M. Fíxoo coa lectura dunha declaración institucional previa ao pleno na que reclamou a axenda da paridade “non só como un dereito fundamental, senón tamén como unha necesidade urxente para asegurar a eficiencia e a credibilidade do noso sistema democrático” e desexou que “este 8 de marzo sexamos máis conscientes ca nunca de que o momento para mudar as cousas é agora”. As súas palabras foron ovacionadas por toda a corporación provincial e avaladas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que as definiu como “unha xanela de optimismo” xa que “sen igualdade non hai avance posible da sociedade”. Como xesto de agradecemento, a presidenta agasallou a Retamozo coa interpretación en cerámica dunha camelia branca -a flor que identificaba ás sufraxistas- obra da artesá Ana Tenorio.

Priscila Rematozo comezou a súa intervención lembrando unha anécdota na que puxo de relevancia a “importancia de representación” para que as e os máis pequenos poidan soñar “libres de estereotipos sexistas e de imposicións patriarcais” e continuou reivindicando a axenda da paridade: “este ten que ser o ano no que finalmente nos vexamos onde nos corresponde como cidadás, en equidade en absolutamente todos os ámbitos”. Tamén puxo o foco na importancia da Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller (1993) e deixou claro que dende as institucións se debe enviar a mensaxe de que “cremos nas mulleres e de que as imos protexer, a elas e as súas crianzas” e recalcou que “as voces das superviventes deben estar presentes e ser escoitadas, non só o 25 de novembro, non só o 8 de marzo, senón todos os días do ano”. 

Trátase dun “desafío” que só poderá ser cumprido se as mulleres son “parte das decisións, en pé de igualdade cos homes. As mulleres, na nosa diversidade, coas nosas diferencias, as mulleres en plural”. Así, sentenciou, “precisamos un cambio na política”, un novo modelo que, en palabras de Priscila Rematozo,  tamén debería chegar ao sector privado ás empresas e á economía onde “faltan moitas mulleres e sobran moitas fotos da vergoña, con numerosas cadeiras ocupadas todas elas por homes”. A politóloga quixo remarcar que “isto non é unha batalla de sexos” xa que “as sociedades avanzan cando comprenden que a igualdade é un valor fundamental que ten que defender toda a cidadanía demócrata, sen excepción”.

Rematozo falou tamén da invisibilización das mulleres en eidos como a ciencia en contraposición coa sobre representación noutros como son “a esfera dos coidados, do traballo reprodutivo, do traballo incansable que sostén a vida como a coñecemos”, traballos que definiu como “mal remunerados, cando son sequera remunerados, invisibles, desprestixiados e desprezados”. Así, para a politóloga, “a paridade ten que vir da man dunha revolución dos coidados, da corresponsabilidade como norma e non como honrosa excepción”. Na declaración, Rematozo non se esqueceu das mulleres en situación de prostitución “que habitan campos de concentración nas nosas vilas e cidades” e demandou unha “aposta valente, unha resposta contundente” ante esta situación xa que “é unha cuestión de dereitos humanos que temos que resolver o máis cedo posible. Xa chegamos tarde para moitas”.

Por último, puxo en valor a coeducación para a “educación en igualdade, para aprender dende a infancia a respectarnos mutuamente, educación afectivo sexual para ter claro o consentimento, o desexo, o auto coidado, educación non sexista para medrarmos libres de estereotipos de xénero” e a animou a todas e a todos a poñer as “gafas violetas”.

A Guarda sumouse as conmemoracións do Día de Rosalía de Castro

0

O pasado 23 de febreiro Rosalía de Castro estivo de aniversario e a súa celebración espallouse por toda a xeografía galega. Na Guarda tiveron a honra de celebrar esta efeméride cunha programación pensada para reivindicar a figura de Rosalía dende un halo de actualización e vangardismo. Esta imaxe transportada ata o Porto da Guarda foi a utilizada nos marcapáxinas que se repartiron nas librerías e na Biblioteca municipal e que aínda seguirán a disposición dos veciños ata fin de existencias.

Pero sen dúbida a gran celebración tivo lugar co público escolar. Os seis centros de ensino da Guarda: San Xerome, A Sangriña, As Solanas, Manuel Rodríguez Sinde, PP Somascos e San José-HH.Carmelitas acolleron a actividade Rosalía cantareira coa que se fixo un exercicio de reactualización da figura de Rosalía a través da musicalidade dos seus versos. Irene Silva e Fatima Granja fixeron cos nenos de primaria unha actividade interactiva  para “sentir a Rosalía”, o obxectivo das artistas non é un coñecemento profundo da obra, senón contaxiar emocións e acabar sentido que a obra rosaliana transcendeu os seus 160 anos e segue a estar presente porque “lle falou ao pobo”. Para elo puxéronlle música de rancheira, rumba, rock e rap implicando aos alumnos nos retrousos dos poemas para entonar ao final ao unísono a ritmo de rap: “E canta se queres na lingua que eu falo”.

Tanto o alumnado coma o profesorado amosaron unha moi boa acollida desta actividade, por ser un xeito diferente de achegarse á obra e figuras rosalianas.

Destacar que como parte do seu programa educativo, o colexio CEIP As Solanas quixo facer unha entrevista ás artistas Irene Silva e Fátima Granja na súa emisora de radio  (Radio Treboada) que dende o día 25 pode escoitarse na web do centro. Unha entrevista que recomendamos para poder coñecer un pouquiño mais da alma deste proxecto.

O Porriño e COGAMI traballarán xuntos por un Porriño máis accesible e inclusivo

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e o concelleiro de Servizos Sociais e Benestar Social, Abel Estévez,  reuníronse esta semana cos directivos de COGAMI, Celso Álvarez e Ángel Holguera, para definir vías de colaboración entre ambas entidades.

Os responsables municipais amosaron a súa vontade de estreitar a relación coa Confederación Galega de Persoas con Discapacidade,  plantexando varios proxectos a desenvolver en materia de accesibilidade, formación e inclusión das persoas con diversidade funcional.

“Nesta primeira toma de contacto púxose de manifesto por ambas partes a necesidade de traballar da man”, explicou o rexedor, “Quedan moitas barreiras por derribar e moito que traballar pola inclusión para que O Porriño sexa un lugar que ofreza a todas e todos as mesmas oportunidades”.

Baixo esta premisa, o novo executivo propón a elaboración dun Plan de Accesibilidade que permita acometer de maneira planificada a eliminación de barreiras arquitectónicas e garantir o cumprimento da normativa en obra pública. “Non queremos seguir poñendo parches, é necesario sentar unas bases de actuación para facer accesibles o centro urbano e as parroquias”, indicou Lorenzo.

Tamén se valoraron outras accións conxuntas dirixidas á inclusión efectiva, social e laboral, das persoas con discapacidade.

José Miñones anuncia en Salceda de Caselas que o Goberno axudará á mocidade na compra de vivenda

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciou hoxe que o Goberno concederá unha axuda de ata 10.800 euros para aqueles mozos e mozas que decidan adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes. Esta subvención terá unha axuda equivalente naqueles casos en que se opte polo alugueiro dunha vivenda en vez da compra. Os beneficiarios e beneficiarias serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñan 35 anos ou menos.

José Miñones desprazouse hoxe ata o Concello de Salceda de Caselas, onde se reuniu coa alcaldesa do municipio, Verónica Tourón. No encontro, ao que asistiu a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o delegado puxo en valor este programa que facilitará que a mocidade opte polas vilas e os pequenos municipios á hora de iniciar un proxecto de vida.

“Estamos a traballar para que a vivenda sexa de verdade un dereito e se converta no quinto piar do Estado do Benestar. Este ano será clave para garantir ese obxectivo”, subliñou o delegado. José Miñones destacou gran o impacto desta medida en Galicia, “onde 257 concellos, o 82% do total, entran dentro desta categoría de poboación”. No caso da provincia de Pontevedra son máis do 60% dos municipios. 

José Miñones lembrou que o reto demográfico é una política transversal do Goberno de España, que se reflicte naqueles programas e medidas que teñen impacto sobre a poboación e o territorio como a vivenda, os servizos públicos e o impulso da actividade empresarial. “Traballamos convencidos de que conseguiremos reverter a perda de poboación destes territorios, camiñando cara a cohesión territorial e social en España e en Galicia”, indicou.

Axudas para compra e aluguer

O Programa de axuda ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico é un dos trece programas que forman parte do novo Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025. O obxectivo deste programa é atraer poboación moza aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento de poboación nestes ámbitos.

Para isto contémplanse dúas axudas:

– Unha axuda á compra de vivenda, de ata 10.800 euros ou ata o 20% do total de prezo da vivenda. O prezo da vivenda non deberá ser superior a 120.000 euros.

-Unha axuda ao alugueiro por cinco anos. Será una axuda mensual de ata que cubrirá ata o 60% da renda mensual, ata un máximo de 360 euros. Esta axuda será compatible co bono de alugueiro xove de forma que pode cubrir ata o 75% do custe do alugueiro. Ademais prevense bonificacións do 100% do alugueiro para aliviar a situación de fogares en situación de vulnerabilidade, incluídas vítimas de violencia de xénero, persoas sen fogar ou familias que sufriran unha gran perda de ingresos sobrevida.

Convocatoria autonómica

José Miñones apuntou que estas axudas teñen vixencia dende o 1 de xaneiro polo que, no momento en que se convoquen as ordes correspondentes, beneficiarán os contratos asinados xa dende comezos deste ano.

O delegado lembrou que as axudas á compra ou aluguer de vivenda se financian con fondos do Plan de Recuperación do Goberno e deben ser canalizadas e convocadas pola Xunta. “Estes programas xa están aprobados e dispoñemos de fondos para materializalos. Esperamos agora que a Xunta convoque canto antes as axudas para que as mozas e mozos galegos poidan recibilas e concellos como Salceda de Caselas se noten os efectos á hora de fixar poboación”, manifestou. Nese sentido, o delegado do Goberno pediu á Xunta “unha xestión eficiente de xeito que non se perda nin un só euro na recuperación de Galicia”.

O Obradoiro de Emprego da Guarda colabora co Departamento de Turismo traballando na promoción turística

0

A petición do departamento de Turismo do Concello, o alumnado e profesorado da especialidade de Promoción turística local e información ao visitante do Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela, estanse levando a cabo unha serie de iniciativas dirixidas a continuar coa posta en valor de diversos recursos turísticos da vila.

Dende o comezo do obradoiro, e combinado coa acción formativa, o equipo de traballo está facendo un estudio integral dos recursos para a elaboración dun inventario que se plasmará nun documento onde se recolle o patrimonio histórico-artístico, os espazos naturais, personaxes ilustres, rutas de sendeirismo, eventos, patrimonio inmaterial, etc.

Cabe salientar o proxecto que complementa o traballo feito ata a actualidade desde Turismo para a posta en valor das casas indianas, un importante reclamo turístico  da nosa vila e que se pretende seguir revalorizando este singular patrimonio, para iso estase recopilando información, contando coa axuda e asesoramento de Miguel Villa, historiados local e gran coñecedor deste patrimonio.

Noutro orden de cousas, o alumnado traballador realizou unha enquisa a pé de rúa para coñecer de primeira man como ve a nosa poboación o turismo, os seus recursos, que grao de coñecemento teñen deles, que melloras consideran que hai que facer, etc.

Todas estas actividades son realizadas no centro de traballo, e combínanse con saídas de campo, que permiten estudiar a fondo eses recursos, e darnos unha visión máis realista do municipio. Tendo en conta as novas tendencias no ámbito da promoción turística, abríronse dúas contas en RRSS que reforzan a labor promocional dos recursos, e do traballo realizado polo obradoiro de emprego na especialidade de turismo, (@promocionturisticaaguarda en IG, e Obradoiro Emprego Manuel B. Portela en FB.)

Ponteareas busca o mellor disfrace infantil do Entroido

Ponteareas busca o mellor disfrace infantil deste Entroido. O Concello organiza o vindeiro domingo 27 de febreiro un concurso de disfraces para nenos e nenas de ata 12 anos, que poderán participar no certame de forma individual ou en grupo dun máximo de cinco compoñentes. “Queremos encher a vila de cor e de ledicia para que a veciñanza poida gozar dun Entroido festivo, cunha programación que volve levar a cultura e ocio ás rúas, contribuíndo tamén á dinamización do comercio e da hostalaría local”, explica o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó.

Repartiranse premios ás cinco mellores caracterizacións, que levarán agasallos como un patinete eléctrico infantil, un altofalante intelixente, unha pulseira dixital, un lote de libros e un xogo educativo infantil. Para facerse con algúns destes premios o xurado valorará “a orixinalidade, o colorido dos disfraces e o traballo e o bo gusto na súa realización, pero tamén aqueles que sexan de confección artesanal e únicos”.

O concurso terá como escenario a Praza Maior e comezará ás 18.00 horas. As persoas interesadas poderán inscribirse esa mesma tarde dende ás 17.00 horas nun espazo habilitado na mesma zona do certame. A esa mesma hora iniciará o seu percorrido unha divertida animación de rúa.

Esta actuación e o concurso de disfraces non serán as primeiras actividades do Entroido en Ponteareas. A programación comezará ás 17.00 horas do sábado 26 de febreiro cun obradoiro de máscaras dirixido a rapaces e rapazas de 3 a 14 anos.

O Concello de Tomiño aclara a información errónea sobre o despregue de fibra óptica na vila

0

Ante as informacións erróneas que se veñen difundindo con respecto ao despregue de fibra no noso municipio, dende o Concello de Tomiño emitimos este comunicado para informar á veciñanza sobre a situación na que se atopa a implementación de redes ultrarrápidas de conexión a internet nos barrios e parroquias.

A fibra óptica chegou a Tomiño a finais de 2019, acadando a día de hoxe máis do 75% das Unidades Inmobiliarias (UUII) susceptibles de ser potenciais clientes (vivendas, locais comerciais, oficinas, etc.).

No camiño de facilitar o despregue da fibra e tendo en conta a normativa vixente, o Concello non obriga ás compañías operadoras a canalizar de forma sistemática esta rede no municipio, e así se lles comunicou ás enxeñerías de telecomunicación.

O departamento de Urbanismo está a aprobar as instalacións de postes debidamente  solicitadas e xustificadas e só ten realizados requerimentos por afectar a zonas de protección patrimonial ou por cuestións de seguridade.

Dende o goberno local tratamos de manter unha escoita activa das demandas, opinións, inquedanzas e suxestións que veciños e veciñas expresan nas diferentes canles de comunicación nos que o Concello ten presenza. Por este motivo, encargámonos de comunicar aos equipos técnicos das compañías as incidencias que nos transmite a veciñanza, para que traten de resolvelas.

Dende o Concello de Tomiño somos conscientes da importancia que ten hoxe en día contar con fibra óptica para mellorar a conectividade tanto da veciñanza como do tecido empresarial. Por este motivo, para facilitar ao máximo o seu despregamento o departamento de Urbanismo e responsables políticos mantiveron varias reunións cos responsables das compañías a fin de axilizar os expedientes. Lamentamos profundamente o malestar que esta situación está a xerar entre os nosos os veciños e veciñas e reiteramos o noso desconcerto ante a argumentación dalgunhas compañías operadoras. Continuaremos traballando para que os tomiñeses e tomiñesas poidan gozar dun ben que neste momento xa é esencial para o desenvolvemento das súas vidas e do seu emprego.O