9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas dá luz verde aos proxectos do Centro de Dinamización Empresarial e...

    Ponteareas dá luz verde aos proxectos do Centro de Dinamización Empresarial e da ampliación da rede de calor

    As iniciativas foron aprobadas en Xunta de Goberno Local e serán cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’

    O Concello continúa a traballar para un desenvolvemento urbano sostible de Ponteareas. A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os proxectos da posta en marcha do Centro de Dinamización Empresarial e de ampliación da rede urbana de calor, iniciativas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’.

    O proxecto de reforma e acondicionamento das plantas segunda e terceira do edificio situado na Praza Maior para o seu uso como Centro de Dinamización Empresarial permitirá “ofrecer á veciñanza un lugar para traballar e crecer”, como salienta o Goberno local do BNG-PSOE, con espazos de traballo para emprendedores, coworking e viveiros de empresas; unha oficina de asesoramento; zona de formación ou unha oficina SMART PEME, entre outras. “Coa posta en marcha destas instalacións estamos ofrecendo novas ferramentas a todas aquelas persoas que están pensando en emprender ou traballar por conta propia, pero tamén para todas aquelas que xa están establecidas e precisas novos espazos para seguir avanzando e crecendo. Este centro suporá un importante pulo para o desenvolvemento de iniciativas empresariais”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

    Cunha dotación económica da liña de actuación de 528 000 euros, este proxecto permitirá “dotar o edificio con servizos deseñados para o impulso da actividade económica e o fomento do emprendemento, pensando nas necesidades que poidan ter persoas autónomas e emprendedoras, empresas…”, destaca a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.

    Pola súa banda, o proxecto de ampliación 2 da fase I da rede pública urbana de calor con biomasa posibilitará dar servizo aos tres edificios que albergarán novos servizos municipais do centro urbano de Ponteareas: o Centro de Dinamización Empresarial e o Centro Cívico situados na Praza Maior e na antiga nave de Aceiros e Granitos.

    Isto permitirá substituír o subministro de gasoil por biomasa de lasca producida en montes próximos, “xerando aforro enerxético, investindo na contorna, fomentando o emprego local, aproveitando os nosos recursos naturais, reducindo o risco de lumes e garantindo a contaminación cero”. A liña de actuación contará cunha dotación económica de 312 000 euros.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.