11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosAlumnado do Colexio Castro-Mos demostra no Pleno a súa implicación coa igualdade...

    Alumnado do Colexio Castro-Mos demostra no Pleno a súa implicación coa igualdade cun manifesto polo 8M

    Volcados e totalmente concienciados co obxectivo da igualdade real entre homes e mulleres, leron unha declaración redactada por escolares de 6º curso de Primaria

    O Pleno Ordinario do mes de febreiro do Concello de Mos comezaba onte cunha declaración institucional conxunta de toda a Corporación Municipal de repulsa á invasión de Ucrania por parte de Rusia, lida pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; seguida dun minuto de silencio polas vítimas. E a continuación, unha declaración do alumnado do CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro-Mos, redactada por escolares de 6º curso de Primaria, con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional Da Muller, que se conmemorará nuns días.

    Achegáronse ata a sesión plenaria no Pazo de Mos, para ler a declaración en representación de todos os seus compañeiros e compañeiras, os alumnos Mara e Sergio, acompañados da súa profesora, Alba Alonso.

    No seu manifesto fixeron toda unha declaración de intencións e expresaron o compromiso firme de querer “traballar por un mundo máis igualitario, xusto, e cheo de diversidade”, polo que desde a administración local mosense a rexedora local, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, destacaron os grandes valores da cativada mosense e a súa implicación coa igualdade real polo que, dixeron “o futuro de Mos está en boas mans e goberno e Corporación sentímonos enormemente orgullosos delo”.

    A declaración dos escolares deixou totalmente claro que o rexeitamento da violencia de xénero, os estereotipos de xénero, o bullying de xénero, o machismo, ou a fenda dixital de xénero en materia STEM debe facerse e aprenderse desde os primeiros anos da vida.

    Nela instaron ao abandoo total e definitivo da educación binaria e diferente para nenos e nenas. Ao traballo duro para romper con ela. E marcaron uns obxectivos e necesidades moi claras para acadar o fin último da educación igualitaria real: “que o profesorado estea formado en materia de diversidade sexual e de xénero, de estereotipos, de bullying, e mesmo de tecnoloxías coas súas vantaxes e riscos. Que se impartan obradoiros nos cales poder entender que non vivimos en caixas rosas ou azuis senón que existe unha paleta de cores, e cada quen ten dereito a ser e expresarse sen prexuízo algún. Que se eduque ás familias sobre que non hai xoguetes de nenos ou de nenas, porque con detalles así, xa dende peques, están a dicirnos que os nosos gustos, afeccións ou futuras opcións profesionais dependen unicamente de que sexamos nenos ou nenas. Que a coeducación e a igualdade sexan impartidas todos os días do ano e en todas as asignaturas. E que estas temáticas non sexan … unicamente na escola, senón na casa, no clube de fútbol, na panadería, na feira do barrio… Máis coeducación sobre as “xa non tan novas tecnoloxías” para poder converternos nunha cidadanía dixital responsable, ética e creativa”.

    En definitiva, estes rapaces exemplares demostraron esta mañá no Pazo de Mos que queren ser a xeración que rompa coa lacra da violencia de xénero e consiga un mundo onde ser muller non estea infravalorado.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.