11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Centro de Información á Muller de Ponteareas rexistrou case 1.200 consultas...

    O Centro de Información á Muller de Ponteareas rexistrou case 1.200 consultas durante o ano 2021

    O CIM atendeu a 340 persoas das comarcas do Condado e A Paradanta

    O Centro de Información á Muller de Ponteareas continúa ofrecendo o seu apoio a mulleres e persoas do colectivo LGBTQI+. Único centro especializado das comarcas do Condado e A Paradanta, o CIM pechou o ano 2021 con arredor de 1.200 consultas atendidas. “Este centro é un recurso de vital importancia para artellar de forma integral programas, servizos e recursos cos que continuar traballando a prol da igualdade, na prevención e erradicación da violencia de xénero e na concienciación dunha sociedade na que as persoas poidan realizarse con liberdade dende o respecto e sen medos”, explica a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Verónica Carrera.

    A maior parte das consultas atendidas polo equipo formado por psicóloga, administrativa, avogada, técnica de igualdade e traballador social foron por atención a violencia de xénero (304), seguidas de atención psicolóxica (299), información de recursos (291), asesoramento xurídico (248) ou orientación ao emprego (25). Este equipo de profesionais “dedicados e implicados” presta os seus servizos no departamento situado no centro social da rúa Oriente.

    O balance do último ano do CIM  recolle que se atenderon a 340 persoas, 0 79% delas ente 25 e 64 anos, só un 12% menores de 24 anos e un 9% maiores de 65. “Temos que seguir traballando para dar a coñecer este recurso entre toda a poboación, eliminar o estigma asociado en moitos casos a acudir a estes servizos e facilitar o seu acceso”, resalta a edil.

    Os datos reflicten tamén que o 70% das persoas atendidas non tiña un traballo formal remunerado no momento de acudir ao servizo, das que 237 eran desempregadas, paradas de longa duración ou estaban inactivas. Como explica a concelleira, “estes datos tan elevados dependen da situación socioeconómica e das fendas de xénero, que inflúen de forma negativa na capacitación e na dispoñibilidade, xa que o 51% das mulleres teñen persoas ao seu cargo, dende nenos e nenas a persoas con discapacidade ou de dependencia. E resulta evidente que estas circunstancias aumentan a vulnerabilidade das persoas, en especial cando estamos a vivir unha crise estrutural como a actual tras dous anos de pandemia”.

    O Centro de Información á Muller de Ponteareas atende consultas e ofrece apoio a calquera situación relacionada coa igualdade de oportunidades, aínda que dedica especial atención a situacións de violencia de xénero, xa que requiren unha actuación máis urxente e integral. No ano 2021 recorreron a este servizo 159 mulleres en situación pasada ou presente de violencia de xénero. “Neste ámbito é fundamental a coordinación institucional, xa que algunhas mulleres chegan ao CIM derivadas doutros servizos como a Garda Civil, Servizos Sociais de Ponteareas ou doutros concellos ou do Centro de Saúde”, salienta Carrera.

    Durante a crise sanitaria o CIM mantivo a súa actividade ao ser declarado un  servizo esencial, aínda que as restricións e medidas sanitarias limitaron a posibilidade de desenvolver todas as accións para o pasado ano. Ademais dos servizos directos prestados á veciñanza, destacaron a participación na Mesa de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero, a loita polos dereitos da comunidade LGTBI+ ou a posta en marcha do Plan de Igualdade de Oportunidades do persoal municipal do Concello de Ponteareas. A memoria completa pode consultarse na web municipal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.