Mércores, 11 Decembro de 2024

‘Os Festeiros’ de Bembrive, gañadora do Desfile de Comparsas 2022 do Entroido de Redondela

O segundo premio foi para a Asociación Cultural 'Comparsa Luces de Tomiño' con Comparsa Circo, mentres que O Circo de Andaina da Asociación Andaina con necesidades especiais de Redondela, foi gañadora do premio á inclusión e á diversidade

As comparsas de Entroido volveron a encher de música, cor, son e humor as rúas de Redondela este domingo, 27 de febreiro, nun desfile que non se celebraba dende o 2020 e que respondeu con creces ás expectativas tanto da veciñanza como do Concello. O certo é que o xurado encargado de decidir os nomes das comparsas gañadoras entre as sete formacións participantes, non o tivo doado.

Ao final o xurado, por unanimidade, daba por gañadora á Disco Festeires, da Asociación Os Festeiros de Bembrive, composta por 86 persoas e que se levaba os 900 euros en metálico cos que estaba dotado o primeiro premio.

O segundo premio, cunha dotación de 600 euros en metálico, foi para Asociación Cultural Comparsa Luces de Tomiño con Comparsa Circo; mentres que o terceiro premio de 300 euros ía para a Asociación Comparsa Os Choqueiros coa comparsa Un paseo por Venecia.

Amais dos tres premios, o xurado outorgaba tamén os galardóns especiais ao Premio Mocidade de Comparsa que recaía na Asociación Cultural Comisión de Festas Cepeda coa comparsa Vaibem; o Premio á Retranca de Comparsa para a Asociación Veciñal Novo Vigo coa comparsa Foliada, Bule, Bule e, finalmente, a Asociación Andaina de Persoas con necesidades especiais de Redondela, Andaina, gañaba o Premio á inclusión e á diversidade, dotado con 500 euros, pola comparsa O Circo de Andaina.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que felicitou ás comparsas participantes “por unhas comparsas nas que quedaba reflectida toda a ilusión e ganas de facer desfrutar á veciñanza”, puxo de relevo a importancia que ten a recuperación dunha das máis tradicionais festas “que contribúe en grande maneira a que comecemos a ver unha certa normalidade e nos fai concibir esperanzas de que esteamos chegando ao final dunha pandemia que marcou a nosa vida durante os dous últimos anos”.

Rivas lembrou que “aínda queda moito Entroido por diante” e lembrou que na tarde do martes 1 de marzo a partir das 17 horas terá lugar o concurso de disfraces de grupos, parellas e individual. Todos os que desexen participar nesta fase do concurso realizarán a súa inscrición o mesmo día dende as 16 horas nun posto instalado nos soportais do Concello.