12.5 C
Pontevedra
Mércores, 17 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelXavier Queipo, «Final feliz»

    Xavier Queipo, «Final feliz»

    Que Xavier Queipo é un autor sorprendente, cun universo propio, unha personalidade moi definida e que non nos vai deixar indiferentes diante de cada obra nova, é ben sabido. Agora acaba de sacar do prelo un monllo de relatos que, tal e como explica nunha breve introdución, son escritos que foron quedando atrás ao longo do tempo, textos «en estado de hibernación […] esperando o seu momento de agromar». Pois ben, parece que ese momento chegou e o autor quixo recompilar un total de once pezas que teñen en común unha ambientación que roza o onírico, misturando realidade e ficción de maneira habilidosa, para presentarnos unhas personaxes obsesivas e descarnadas.

    Ao adentrármonos na lectura, o primeiro que sorprende é a alta conexión que existe entre os dous primeiros relatos, que nos pode facer pensar que, en realidade, e a pesar da presentación feita polo autor, estamos diante dunha novela disfrazada, dunha única historia que se nos vai presentar de maneira fraccionada e deslabazada para que nós mesmos coloquemos as pezas do crebacabezas no seu sitio. Dous pares de ollos («azul cobalto contra verde malaquita»), teñen boa parte da culpa, pero esta afirmación só a comprenderán aqueles que decidan adentrarse neste «Final feliz».

    Se seguimos avanzando na lectura, esa sensación pode permanecer durante un tempo, mais, ao cabo, acabaremos por decatármonos do noso engano e de que só son once historias desvencelladas entre si. Queipo vén de xogar con nós, de provocar o noso desconcerto para logo situarnos no carreiro axeitado. E iso é algo tan arriscado que só un autor tan habilidoso coma el é capaz de argallar sen que padezamos a tentación de deixar o libro á metade. Porque a verdade é que os relatos son enormemente dispares entre si en canto a xeografías, contidos, tempo, personaxes, estrutura, linguaxe… como é lóxico nunha recompilación de textos de distintas épocas do autor. Revisando a lectura dende as páxinas finais, resulta difícil percibir o conxunto como unha peza única, tal e como sentimos ao comezo da lectura.

    Así e todo, os protagonistas de cada un dos relatos son capaces de darlle unidade ao conxunto, tal e como apuntamos máis arriba, polas súas obsesións e pola maneira de amosar a súa alma ao lector de maneira totalmente descarnada, espíndose emocionalmente para nós. Queipo mistura elementos puramente realistas con outros que parecen xurdir do fondo dos soños para darlle corpo a un traballo que, amais dun perfecto exercicio de estilo do que calquera afeccionado á escrita pode aprender un mundo, supón unha fonda reflexión sobre a nosa cotidianeidade e sobre o mundo ao que día a día nos enfrontamos. E iso, tal e como andan os tempos, xa é moito dicir.

    Xavier Queipo

    Final feliz

    Xerais