Sábado, 9 Agosto de 2025

O Goberno local celebra a aprobación do proxecto de mellora da N-120 en Ponteareas por parte do Ministerio

O Goberno municipal de Ponteareas celebra a aprobación provisional do proxecto de mellora da N-120 por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, unha noticia moi positiva que dá resposta as demandas realizadas dende Concello e colectivos veciñais para poñer fin ao grave problema de seguridade viaria que se viña vivindo nesta estrada dende hai décadas. “É un avance imprescindible para solucionar un problema que vivimos dende a apertura da autovía no ano 1996”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Dende o Concello considérase un importante paso adiante para Ponteareas e a súa cidadanía producido despois de numerosas xestións e tras a insistencia para atopar solucións. O Goberno local quere recoñecer o esforzo realizado dende os colectivos veciñais e pola súa perseverancia e respaldo para acadar estas melloras na rede viaria do Estado na vila.

Pola súa banda, a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote, deu os seus parabéns ao Goberno do Estado “por cumprir co compromiso adquirido con Ponteareas, que permitirá a exposición ao público do proxecto”.

Co proxecto xa aprobado de forma provisional, a rexedora fará un seguimento exhaustivo de todo o proceso para garantir que se avance con axilidade e que estas melloras na seguridade viaria da N-120 sexan unha realidade na maior brevidade de tempo posible, “executando as distintas fases do procedemento sen dilacións e sen retrasos”. O Concello bríndase unha vez máis a colaborar de xeito institucional coa administración para que Ponteareas “conte coas infraestruturas que lle corresponden canto antes”.

As obras do proxecto teñen como obxectivo a mellora da seguridade viaria en 5 quilómetros da estrada N-120, no tramo comprendido entre o núcleo urbano e a intersección do Confurco. As principais actuacións que recolle será o acondicionamento de interseccións coa implantación de glorietas, a reordenación de accesos, a execución dunha senda peonil anexa á estrada ou a adecuación de sinalización e balizamento, entre outras. Suporá un investimento de 3,3 millóns de euros.

O Museo abre a temporada de visitas ás Ruínas de San Domingos

O Museo de Pontevedra vai abrir a temporada de visitas ás Ruínas de San Domingos o vindeiro martes día 15. As instalacións permanecerán accesibles ao público ata o 31 de outubro e poranse a disposición das persoas interesadas visitas guiadas cada xoves ás 12 do mediodía.

O horario de visita será de 10 a 14 horas polas mañás e de 16 a 19.30 horas polas tardes de martes a sábados, e de 11 a 14 horas os domingos, estando pechadas os luns como todos os edificios do Museo. A  diferenza do ano pasado durante a pandemia, a entrada será libre (sen restricións de capacidade salvo por cuestións de seguridade) e sen necesidade de inscrición previa nin para realizar a visita libre nin para a guiada.

Para mellorar a experiencia da visita ás Ruínas agárdase que nos vindeiros meses poida estar dispoñible o audiovisual 3D hiperrealista sobre a construción. A peza visua, a través da lectura dun código QR, pretende facilitar a comprensión da construción, da súa historia e da súa transformación ao longo dos séculos, xa que se trata do inmoble máis antigo dos que conforman o conxunto do Museo de Pontevedra pero é pouco coñecido en canto ás súas características e á súa historia.

Charla informativa sobre a factura da luz o venres 18 de marzo na Guarda

0

O Concello da Guarda organiza o vindeiro venres día 18 de marzo unha charla informativa sobre a factura da luz, que contará coa presenza dos ponentes David Portela Andura, Enxeñeiro Industrial en Electricidade e de Santiago González Veiga, Avogado especialista no sector eléctrico.

A charla, que terá lugar ás 20:00h na Casa dos Alonso, aportará aos asistentes consellos sobre aforro enerxético, enerxías renovables e informacións de interese sobre a comprensión das facturas da luz, franxas horarias de consumo, prezo da potencia contratada, reclamacións, entre outras.

O Concello de Nigrán finaliza as obras de renovación da zona de rodadura do paseo de Panxón

0

O Concello de Nigrán rematou esta semana as obras de acondicionamento da zona de rodadura do paseo marítimo de Panxón cun investimento de 122.300 € a cargo do Plan Concellos 2020, o que revertíu nunha mellora da seguridade viaria e na propia imaxe da contorna.

Os traballos, adxudicados a Construcciones Castro, duraron mes e medio e consistiron básicamente na substitución do enlousado de pedra existente por outro de 15 cm de espesor (13x13x10 cm), un grosor que si o fai resistente ao tráfico rodado. A actuación comprendeu toda a zona de circulación (desde o entronque do paseo marítimo coa rúa Mariñeiro á Travesía Ciudad de Vigo, no encontro con Camiño do Regueiro). Como novidade, unha ‘rosa dos ventos’ en pedra incrustada no cruce do paseo a modo de mosaico homenaxea á cultura mariñeira de Panxón.

“Lamentamos as molestias destas semanas pero creemos que pagou a pena facelas precisamente agora, en tempada baixa. Era un tramo que se atopaba nun estado calamitoso practicamente desde que se estreou hai décadas, provocando caídas contínuas de peóns e malestar veciñal, polo que tras anos e anos realizando parches optamos por dar solución definitiva a este problema mantendo unha estética acorde ao paraxe, polo que optamos por manter pedra en lugar de trocar a aglomerado. Ademais, esta zona é un dos principais escaparates de Nigrán e urxía xa revertir a imaxe negativa”, finaliza o rexedor.

O Grupo Socialista pide á Xunta que financie “na súa totalidade” a nova escola infantil de Chapela

0

A deputada viguesa Leticia Gallego pediu ao goberno galego que financie “na súa totalidade” a nova escola infantil de Chapela. Fíxoo, no Pleno do Parlamento, a través dunha pregunta oral ao Goberno galego para urxir a realizar esta actuación con cargo aos case 35 millóns de euros que vai recibir do goberno central para a creación de 3417 prazas para alumnado de cero a tres anos.

Trala conmemoración na xornada do 8M, a dirixente socialista resaltou a necesidade de crear escolas infantís como “elemento fundamental” para promover a corresponsabilidade e a conciliación familiar e laboral, tendo en conta ademais que “nos últimos anos se incrementou de forma notable a demanda de prazas públicas”.

“O goberno municipal de Redondela solicitou en varias ocasións á Xunta a construción dunha escola infantil”, reivindicou a socialista, quen lembrou que o concello só dispón dunha escola da Xunta de Galicia cando o Executivo autonómico “ten as competencias” nesta materia.

Ao fío disto, Gallego sinalou que o Grupo Socialista xa trasladara á Xunta, a través das emendas aos Orzamentos de 2022, a demanda desta escola. A emenda foi rexeitada polo goberno da Xunta, o que pon de manifesto, incidiu, “o mínimo interese” na construción desta infraestrutura e o “nulo interese” na busca da conciliación familiar e laboral por parte da Xunta, pese a que a súa posta en marcha na Finca de Ginaria é “unha demanda da cidadanía dende hai anos”.

Condello da Guarda e asociacións coordinan a axuda ás persoas refuxiadas da guerra de Ucraína

0

Traballadoras municipais e membros do equipo de goberno encabezados polo alcalde, Antonio Lomba, reuníronse na mañá do xoves 10 de marzo con representantes das asociacións da localidade: Cruz Vermella, San Vicente de Paul, Conrazones, Avelaíña e San Xerome.

O obxecto da reunión era o de poñer en común e coordinar a axuda aos refuxiados da guerra en Ucraína. Neste sentido o alcalde informou que os criterios que está seguindo o concello son os que marca a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) que traballa en coordinación co goberno de Central e coas ONGs que están sobre o terreo. Todos os presentes estiveron de acordo nas pautas que se veñen mantendo:

  • A prioridade máxima é coñecer e trasladar os recursos habitacionais para acollida de persoas refuxiadas que cheguen ao concello.
  • Tamén se están rexistrando outros recursos como tradutores, voluntariado, legalización de mascotas, etc.
  • Non se fará recollida de alimentos e material humanitario dende o concello e as asociacións debido a imposibilidade de asegurar o traslado e distribución deste material.
  • A forma de axuda máis eficiente é a axuda económica a través das ONGs que estean dando apoio sobre o terreo á poboación ucraína afectada para que merquen o que realmente precisen.

As asociacións puxeron os recursos dos que dispoñen a disposición, para coordinarse co concello e cubrir as necesidades que aparezan no momento en que cheguen refuxiados a nosa localidade. “Somos conscientes de que a crise humanitaria pode alongarse no tempo e que temos que estar preparados para cando se necesite a axuda,” declararon ao remate da reunión.

Dende Servizos Sociais do concello da Guarda estase a levar o rexistro dos recursos que institucións, asociacións e particulares están proporcionando, para poder activalos no momento que se necesiten.

#TIKTOKCONSENTIDIÑO, creatividade e reforzamento das habilidades sociais da mocidade a través de actividades de lecer

0

Ofrecer un espazo onde as mozas e mozos con idades comprendidas entre os 12 e 17 anos poidan descubrir o seu talento creativo e, ao mesmo tempo, mellorar a súa autoestima, capacidade de expresar emocións e relacionarse co seu entorno, é o obxectivo que busca o obradoiro #TIKTOKCONSENTIDIÑO, que se desenvolverá o vindeiro venres, 18 de marzo, na Casa da Cultura entre as 16:30 h e as 19 horas.

A iniciativa, posta en marcha pola Concellería de Xuventude que xestiona Olga García Ballesteros, as e os participantes utilizarán a rede social TIKTOK, unha das que nestes momentos experimenta maior crecemento, con fines educativos e saudables.

A alcaldesa Digna Rivas subliña a importancia dunha actividade na que “mozas e mozos vivirán a experiencia de crear contido positivo, baseado en valores e, ao mesmo tempo, realizando unha actividade divertida”.

O obradoiro, propón que, partindo dunha idea ou un tema polémico para a súa idade, as e os participantes elaboren un vídeo curso coa ferramenta TIKTOK, podendo optar a premios en función da calidade, contido, orixinalidade e creatividade de cada vídeo. Segundo apuntan diversos estudos, ao realizar este tipo de actividades, “axúdase ao cerebro da mocidade a desenvolver a creatividade, pensar sen límites e expresarse tal e como son”.

Logo dunha introdución sobre Que é tiktok, en termos familiares para as e os participantes, (followers, tendencias, etc.) o obradoiro buscará a participación das mozas e mozos de xeito que se sintan preparados para participar de xeito individual e en equipo nas actividades propostas.

Xa no que fai referencia ao apartado da creatividade, no obradoiro daranse a coñecer as bases do concurso e das regras do xogo. Utilizando a rede social tiktok e un hastag creado con antelación exclusivamente para o obradoiro –#TIKTOKCONSENTIDIÑO– crearanse equipos para realizar videos construtivos, creativos e divertidos escollendo un formato de gravación común para todos os participantes, estableceranse as normas e darase renda solta á creatividades de cada grupo.

Ao longo da actividades, as mozas e mozos aprenderán trucos de composición, de cor, aprenderán a crear planos interesantes e a xogar cos modos de gravación do teléfono, a música, etc. Para outorgar os diferentes premios valorarase de cada traballo a mensaxe/contido baseado nalgún valor, creatividade, orixinalidade na forma de conectar e transmitir a mensaxe, traballo en equipo e cumprimento das normas e tempos.

Ponteareas remodelará a Casa do Concello para mellorar a súa eficiencia enerxética

Ponteareas remodelará a Casa do Concello para mellorar a eficiencia enerxética de todo o inmoble, construído en 1898 e catalogado como ben de Patrimonio Cultural. Xa está aberto o proceso de licitación para a primeira fase da rehabilitación enerxética da envolvente térmica e a reforma interior de varios espazos do edificio, o que suporá unha optimización da enerxía consumida e mellorará o confort interior das estancias.

“Dende o Concello continuamos traballando para facer de Ponteareas unha vila máis sustentábel, poñendo en marcha todas aquelas actuacións necesarias para que as nosas instalacións sexan o máis sostíbeis posíbel”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Entre as actuacións que se levarán a cabo está a mellora da transmitancia térmica de cerramentos verticais e da cuberta, substituíndo o revestimento interior existente para un maior illamento térmico, así como a reforma da instalación eléctrica ou a substitución de lucernarios e fiestras por outros de alta eficiencia enerxética que permitan a ventilación natural do espazo en épocas cálidas, entre outras actuacións.

Estas obras xa están en licitación por un orzamento total de 485 000 euros que serán cofinanciados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, do Ministerio para la Transición Ecológica; polo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e por fondos propios do Concello de Ponteareas.

Empresas e persoas profesionais interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o vindeiro 16 de marzo de 2022 ás 14.00 horas.

Leticia Gallego esíxelle á Xunta que asuma as súas competencias e repare o pantalán de A Pasaxe que bloquea o ferri entre A Guarda e Caminha

0

A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, urxiu hoxe a Portos de Galicia a reparar o pantalán do porto de A Pasaxe, en A Guarda, que ten provocado a interrupción da liña de ferri entre aquela localidade e Caminha. Gallego presentou unha proposta en Comisión parlamentaria para esixirlle á Xunta que exerza as súas competencias propias e tome cartas no asunto, pero que foi rexeitada polo PP que, dixo, “demostran unha vez máis que son o partido do NON”.

A responsable socialista, que estaba acompañada polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba; a tenente de alcalde, Montserrat Magallanes e o concelleiro de Turismo, Rafael Álvarez, resumiu que “a única solución é arranxar o antes posible o pantalán por parte de Portos de Galicia”, que ten competencia sobre a infraestrutura. Explicou que a avaría do peirao provocou que dende agosto non se puidera transitar no ferri en automóbil, limitando o servizo a pasaxeiros a pé e en bicicleta, pero foi suspendido na súa totalidade no mes de outubro pasado.

Esta situación prexudica gravemente entre outros aos concellos de Baiona, A Guarda, O Rosal e Oia, polo que os seus alcaldes están a reivindicar unha solución urxente a un problema que está a afectar sinaladamente ao turismo procedente de Portugal. A interrupción desta conexión corta a vía do Camiño Portugués da Costa, que se está a converter “nun auténtico guirigai”, cos peregrinos confundidos pola ruta a seguir.

Salienta que a actuación da directora de Turismo, Nava Castro, “non ten precisamente axudado en nada” ao apoiar o pasado 16 de febreiro a certificación do que en Portugal veñen de denominar Camiño Portugués de Santiago – Camiño da Costa, e que non ten nada que ver coa ruta que transcorre por A Guarda e que o único que fai é “desinformar” aos peregrinos.

Gallego urxe a reparar este paso do Camiño de Santiago, xa que “de seguir así moitos negocios de hostalería e comercio terán que pechar, xa que a súa economía non aguanta sen peregrinos que paren nos locais e sen veciños e veciñas portugueses que vaian mercar entre A Guarda e Caminha”.

A parlamentaria socialista reclamou hoxe “solucións a curto prazo” para resolver o problema do transporte de pasaxeiros, e trasladou ademais a demanda dos alcaldes dos concellos afectados, que reclaman unha xuntanza co conselleiro da Presidencia, responsable de Turismo, e que tome medidas en relación ás publicacións que difundan itinerarios non oficiais desta variante do Camiño.

Lamentou o veto do PP a esta proposta, intentando derivar a responsabilidade ao seo do Eixo Atlántico como escusa para rexeitar esta proposta socialista, fundamental para os sectores turístico, comercial ou hostaleiro da comarca.

Deputación e Concello de Nigrán abordan a “histórica demanda” da senda peonil en Parada

0

A parroquia de Parada, en Nigrán, vai experimentar “un cambio total e absoluto na mobilidade” coas obras de seguridade viaria que Deputación e Concello abordarán na estrada provincial EP-2106 entre o barrio da Areíña e a contorna da Igrexa, e que inclúen unha senda peonil dun quilómetro de lonxitude para facilitar o tránsito peonil nesta zona na que se sitúan amais do templo distintas dotacións municipais. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde Juan González, presentaron hoxe este proxecto que suporá un investimento dun millón de euros e que responde a unha “demanda histórica da veciñanza”, cuxos representantes tamén asistiron ao acto.

En concreto, estes traballos de mellora na EP-2106 A Ramallosa-Parada facilitarán a comunicación peonil entre A Areíña e a zona central de Parada coa citada senda peonil, e tamén cunha zona de convivencia con lousas de pedra, na contorna da igrexa. A execución deste itinerario peonil foi, como recalcou hoxe a presidenta Carmela Silva, a primeira reclamada polo alcalde á Deputación, en resposta a “unha demanda xusta” dos veciños e veciñas “para transitar con seguridade por este espazo”.

[su_image_carousel source=”media: 54744,54746,54747″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Desde a Deputación temos claro que as persoas teñen que ser o primeiro e as que ocupen o espazo das decisións –destacou a presidenta-. Por iso apostamos desde fai sete anos por unha mobilidade amable que permita que a xente poida circular con seguridade e recuperar os viarios que foron pensados para os vehículos. É un cambio transcendental e transformador da provincia, ao que celebro que se teñan sumado os alcaldes e as alcaldesas. Particularmente, o de Nigrán tíñao xa incorporado”. As obras contarán cun orzamento de 973.023 euros, que serán sufragados nun 70% pola institución provincial (681.116 €) e o 30% restante será aportado polo Concello (291.907 €). O seguinte paso será a firma do convenio por ambas institucións, a fin de licitar canto antes as obras, que xa contan cos permisos necesarios.

Esta é a primeira das sendas que abordará a Deputación nas estradas provinciais de Nigrán, pero tanto Carmela Silva como Juan González indicaron que en datas próximas ambas administracións anunciarán outra importante actuación, “tan potente como esta” neste eido. “Hoxe síntome moi orgullosa de que chegáramos a un acordo para cambiar este importante viario –sinalou a presidenta-. É unha grande idea e unha reclamación que o alcalde e a veciñanza facían con toda xustiza á que tiñamos que responder. Espero que sexamos todos áxiles e canto antes poidamos vir a pateala, mellor”.

Pola súa banda, o alcalde Juan González, que agradeceu o apoio da institución provincial, destacou que o pleno do Concello aprobará a consignación económica para a obra este mesmo mes “e aínda que pareza que estamos ao inicio do proxecto, esta é a parte final”. “Estamos desexando –engadiu- poder pasear dun xeito cómodo, seguro e saudable desde o barrio da Areíña ao centro de Parada. En próximos anos continuaremos para chegar a Carrasca e San Pedro, e pouco a pouco avanzaremos para que todas as estradas que pasan por Nigrán sexan seguras e amables”. Subliñou así mesmo que o proxecto “é moito máis que unha senda, xa que inclúe outras actuacións como o cambio da iluminación”. Amais, na zona central, diante da única igrexa románica do municipio, onde a praza tamén se acondicionou cunha achega do Plan Concellos, indicou que a plataforma de convivencia suporá darlle “un tratamento máis humano e dedicado ás persoas, con máis prestancia, para que a zona colla máis transcendencia e importancia, e sexa máis visible”.

O proxecto

As actuacións na EP-2106 A Ramallosa-Parada levaranse a cabo nun treito dun quilómetro, dende o punto 3+200 ata o 4+195. A senda peonil prevista terá 2,50 metros de ancho e na zona central de Parada a plataforma de convivencia estenderase ao longo de 200 metros, cun pavimento de lousas de pedra. Nela colocarase mobiliario urbano e cambiarase a situación da marquesiña de autobús. Os traballos tamén comprenden o reforzo do firme da calzada nun viario municipal que fai entronque coa estrada provincial así como a recollida das augas pluviais e a mellora de servizos, como o soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e o cambio de alumeado. Do mesmo xeito, reinstalarase a sinalización vertical e horizontal adaptada á nova ordenación do ámbito.

A Asociación de Redeiras do Baixo Miño ‘Atalaia’ ofrece formación para poder exercer a profesión

0

A Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia, en colaboración coa Federación Galega de Redeiras, atópase organizando un curso gratuíto de Confección e Mantemento de Artes e Aparellos, necesario para poder exercer a profesión de redeira.

As redeiras, ou atadeiras como máis comunmente as coñecemos na Guarda, son as profesionais que se dedican á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca. Trátase dunha profesión de carácter fundamentalmente manual e require dunha cualificación específica.

Actualmente as condicións de traballo destas profesionais distan enormemente das condicións do pasado. Agora todas cotizan no Réxime Especial do Mar, o que lles asegura unha xubilación desafogada, teñen horarios flexibles que lles permiten conciliar vida laboral e familiar e levan para casa un “soldo” digno.

A asociación decidiu poñer en marcha esta iniciativa ante a súa preocupación pola falta de relevo xeracional, xa que nun breve período de tempo varias delas obterán a xubilación, e a aquelas que quedan en activo lles resultará moi complicado asumir a carga de traballo que teñen. Esperan así mesmo que a acción formativa teña boa acollida porque entenden esta vía laboral como unha boa oportunidade de traballo estable na propia vila.

Destacamos que o curso será gratuíto, terá unha duración de 300 horas e levarase a cabo na Guarda en colaboración co Concello, que cederá un aula para impartir a parte teórica do mesmo.

Todas as persoas interesadas en recibir máis información ou inscribirse no mesmo deberán poñerse en contacto coa asociación no teléfono 699 96 32 50 ou na dirección de correo electrónico [email protected], ou directamente na nave de redeiras sita no Porto da Guarda.

Comercio e hostalaría de Redondela poñen en valor a oferta dos seus establecementos a través da promoción online

0

Co obxectivo de por en valor a oferta local, a Asociación de Empresarios de Redondela pon en marcha unha campaña de promoción de vendas. Máis dun centenar de establecementos contan coa cartelería que da acceso, a través dun código QR, a un novo catálogo de produtos e servizos especialmente pensados para o Día do Pai.

A asociación quere amosar a variedade e especialización do comercio de Redondela a través da edición deste catálogo especial para o día do Pai que se comeza a publicar hoxe e que irá incorporando novidades diarias ata o día 19, festividade de San Xosé, na que tradicionalmente se celebra o día do Pai.

Dende esta ligazón pódese acceder ao catálogo especial para o Día do Pai.

O documental sobre a tradición cesteira de Mondariz, na sección oficial do MICE 2022

Despois de ser estreado o pasado verán en véspera da Feira dos Oficios Artesáns de Mondariz e peregrinar por diferentes localidades do Camiño de Santiago nas catro provincias galegas, o documental “Notas sobre os cesteiros de Mondariz” chega aos festivais de cinema. Recentemente foi seleccionado para participar na sección oficial da 17ª Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego, que se celebrará do 29 de marzo ao 2 de abril de 2022 en Santiago de Compostela. Nesta importante cita para o cinema documental será un dos tres filmes galegos que competirán polos premios a Mellor Filme e Mellor Filme Galego.

“Notas sobre os cesteiros de Mondariz” proxectarase o día 1 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Será unha proxección aberta ao público na que previsiblemente estarán presentes persoas relacionadas coa produción e a realización, como o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, o productor executivo, Santiago Pérez, e o director do filme, Fon Cortizo; así como as propias protagonistas do filme, que encarnan a recuperación e a innovación da tradición cesteira, como Enrique Táboas e Idoia Cuesta.

Fotograma do documental ‘Notas sobre os cesteiros de Mondariz’. Idoia Cuesta

Memoria que axuda a tecer o futuro

“Con este filme documental non se buscaba simplemente glorificar o legado case perdido da cestaría tradicional de Mondariz, senón transmitir unha mensaxe de que a recuperación é posible e, sobre todo, necesaria”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e promotor deste ambicioso proxecto de recuperación integral da cestaría tradicional da localidade, que tamén pretende incluír formación profesional e mesmo plantación de árbores autóctonas como castiñeiros para prover de materia prima á cestaría.

Neste contexto, a produción do documental sobre a tradición cesteira de Mondariz foi o primeiro paso para visibilizar este legado social e cultural que dependía da transmisión informal de coñecementos de pais a fillos e que se perdeu rapidamente nas últimas décadas do século pasado, sobre todo coa chegada do plástico que agora tanto denostamos pola falta de sostibilidade medioambiental. “Estamos convencidos de que retomar a fabricación artesanal de cestos con láminas de madeira, segundo a tradición propia de Mondariz, ten futuro. A clave está na formación técnica e na capacidade de innovación para adaptarse aos novos usos”, afirma Barros.

Parte do éxito do documental débese á calidade técnica e artística do equipo que está detrás. Da produción executiva ocupouse Santiago Pérez, vencellado persoalmente a Mondariz e cunha extensa actividade no ámbito das artes escénicas desde a compañía Escénate. Foi el quen buscou o equipo para transmitir esa mensaxe de futuro sustentada na memoria a través dun documental creativo. A dirección encargóuselle a Fon Cortizo, un realizador galego que viña de recoller o premio ao Mellor Filme no Festival de Cinema Internacional de Xixón (FICX) coa súa primeira longametraxe, “9 fugas”. O guión foi obra de Alexandre Cancelo, e detrás da parte técnica tamén estiveron profesionais de longa traxectoria.

A historia de Enrique Táboas, como último mestre cesteiro de Mondariz, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban, como o verbo dos cesteiros e a íntima relación coa natureza. Mais esta non é a única fonte do documental, que tamén recolle as testemuñas doutras persoas relacionadas coa tradición cesteira da localidade desde diferentes perspectivas, como o etnógrafo Clodio González, experto en arte popular; o filólogo Jorge Rodrigues, experto en xergas gremiais; a cesteira contemporánea Idoia Cuesta, fincada na Galicia rural e renovadora do oficio; ou veciños e veciñas de Mondariz que comparten as súas memorias sobre aquel modo de vida extinguido.
O documental non se presenta como unha obra audiovisual etnográfica, senón como un traballo de recuperación da memoria colectiva con clara visión de futuro. Aspectos como a contribución das mulleres e a relación da comunidade cesteira co medio natural teñen un gran protagonismo e conectan co presente e co futuro

O establecemento turístico da Cañiza ‘Finca Briaví’ galardoado co distintivo SICTED de calidade turística

0

O GDR Condado Paradanta organizou este pasado luns a ‘II Gala de Calidade Turística’ en Mondariz Balneario, nun acto no que se entregaron 20 novos distintivos SICTED e no que participaron os dez alcaldes e alcaldesas das comarcas do Condado e Paradanta e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

A Cañiza segue medrando en calidade turística e boa proba diso é que aos seis establecementos do municipio xa acreditados con este distintivo que certifica a excelencia turística –Vivenda turística A Pampla, Bodega Torgo, Centro de Estudos Serán de Torgo, Bodega Eido da Fonte e Casa Vilamide– súmase este ano o obtido pola Finca Briaví.

O alcalde Luis Piña felicitou tanto a Finca Briaví pola obtención deste distintivo, como aos demáis establecementos da Cañiza que xa contan con el e que contribúen a que o municipio poida ofrecer servizos turísticos de alta calidade.

O distintivo SICTED é un selo de compromiso de calidade turística que acredita e recoñece a nivel nacional o esforzo realizado polos establecementos e servizos que participan no Xeodestino Condado Paradanta.

Mañá comeza a “Primavera Lila” coa ponencia de Víctor Miguel Fernández en Baiona

0

Mañá, venres, 11 de marzo, ás 19:30h no Centro Multiusos de Sabarís, o doutorando en Turismo Víctor Miguel Fernández, ofrecerá unha conferencia que ten por título “Fálame delas. Mulleres na historia do turismo de Baiona”.

Con esta ponencia iniciase a Primavera Lila, a programación deseñada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.

Entre os meses de marzo e maio levaranse a cabo toda unha serie de actividades que foran parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, teñen como obxectivo xeral promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero.

Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

Artes escénicas con perspectiva feminista, protagonistas da programación cultural de marzo en Mondariz

0

Un ano máis, as concellerías de Cultura e Igualdade de Mondariz apostan por reivindicar o 8 de marzo durante todo o mes, cunha programación de varias actividades culturais con clara perspectiva feminista.

O 19 de marzo, o auditorio municipal de Mondariz será escenario a partir das 21:00 horas da representación teatral de “Feminissimas”, producida por De Ste Xeito. Trátase dunha “comedia violeta” coa amizade como fondo e o feminismo como forma. Tres amigas da adolescencia que non se ven desde hai anos encóntranse nun congreso feminista na cidade de Vigo e manifestan tres maneiras ben distintas de entender o feminismo. A entrada, como de costume, será libre e gratuíta até completar a cabida do auditorio municipal.

Teatro comunitario para recuperar a memoria das mulleres

Durante este mes de marzo tamén están programadas dúas actividades de artes escénicas que visibilizan o traballo realizado polas mulleres participantes nos dous obradoiros de teatro comunitario promovidos polo Concello de Mondariz nas parroquias de Mouriscados e Gargamala para recuperar a memoria local.

Este sábado, 12 de marzo, celebrarase unha actividade de narración oral na parroquia de Mouriscados que estará acompañada dunha exposición de fotografías e obxectos aportados polas mulleres participantes do obradoiro para documentar a súa memoria do que era a vida no rural anos atrás. O domingo, 20 de marzo, serán as mulleres de Gargamala as que representen publicamente no centro cultural da parroquia a comedia “A doente imaxinaria”, unha adaptación do clásico de Molière.

“Con estes obradoiros de teatro comunitario orientados a recuperar e documentar a memoria das parroquias, que comezaron no último trimestre do ano pasado, buscamos dinamizar social e culturalmente á veciñanza e sentar as bases para futuras actividades noutras parroquias. Os obradoiros, que foron propostos pola nosa veciña Sara Guerrero Alfaro, especialista en arte dramático e teatro social, tamén recoñecen e dan oportunidades de desenvolvemento ao talento da mocidade local, en liña con outros proxectos sociais e culturais que se teñen realizado no concello estes últimos anos”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz e concelleiro de Participación Veciñal.

Desde as concellerías relacionadas, teñen previsto promover a itinerancia destas actividades de artes escénicas protagonizadas por veciñas de Mouriscados e Gargamala polas parroquias do Concello de Mondariz para visibilizar os resultados dos obradoiros e dinamizar social e culturalmente o rural.

O club de lectura de Mondariz trae a Isabel Blanco

Iniciativas culturais como o club de lectura de Mondariz tampouco son alleas ao Día Internacional da Muller e promoven lecturas como “Galegas na ciencia” e “María Vinyals: un talento rebelde”, da escritora Isabel Blanco. No faladoiro literario mensual, programado para o último venres de marzo na biblioteca municipal, está previsto que acuda a propia escritora para compartir reflexións sobre estas obras coas persoas que participan no club de lectura.

O Porriño acolle unha charla informativa de AFAGA

O próximo 18 de marzo, ás 18 horas, o Centro Cultural do Porriño acollerá unha charla de sensibilización sobre as demencias da man de AFAGA en colaboración co Concello do Porriño, a través das Concellerías de Benestar Social e Terceira Idade, que dirixen Abel Estévez e Rosario Costas, respectivamente.

Maxi Rodríguez, psicóloga sanitaria de AFAGA Alzheimer e poñente, falará sobre os síntomas de alarma, mitos e realidades, para evitar confundir a demencia con outros trastornos mentais e aspectos clave para a súa prevención.

AFAGA e Concello danse a man para sensibilizar da demencia na sociedade e prestar a atención que necesitan e merecen as persoas que padecen alzhéimer e outras demencias e as súas familias. 

O alcalde de Tui abordou con representantes de CCOO a necesidade de mellorar as conexións ferroviarias

0

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, reuniuse co sector ferroviario de CCOO para abordar as melloras do servizo ferroviario.  En concreto recibiu na casa do concello a Juan Gómez e Antón Conde, representantes de Renfe e Adif, respectivamente. Este encontro forma parte da rolda de contactos que CCOO está a manter cos alcaldes e alcaldesas dos municipios próximos á liña Atlántica e do Miño.

Un encontro no que se puxo de manifesto a necesidade de ampliar, nas áreas fronteirizas, os servizos ferroviarios de proximidade para asegurar a conexión-continuidade cos trens de Longa Distancia e Media Distancia do Eixo Atlántico e Portugal.

Enrique Cabaleiro, salientou a importancia de mellorar as conexións ferroviarias dende Tui tanto cara outros municipios galegos e nacionais, coma a nivel internacional con Portugal a través de Valença.

Nese senso valorou positivamente a proposta na que traballa CCCO de creación dunha rede internacional de proximidade entre Viana de Castelo e Vigo Guixar, que pasaría necesariamente por Tui e Valença.  

No encontro tamén coincidiron en sinalar que é urxente que a parada comercial de trens na estación de Tui se recupere do verán.

Para mellorar os servizos de proximidade, conectar co Eixo Atlántico e potenciar o tráfico ferroviario internacional dende CCOO, segundo o exposto na reunión, proponse establecer ligazóns en Guillarei e Valença coas liñas portuguesas e lanzar unha liña desde Vigo Guixar directamente até Lisboa.

Os representantes de CCOO indicaron que no plan integral de necesidades de transporte contemplan desenvolver un modelo de servizos ferroviarios baseado “nunha rede de proximidade que ofreza servizos económicos e frecuencias eficaces” pero tamén conta coas actuais relacións e frecuencias dos trens portugueses. Ademais propoñen que tendo en conta a singularidade fronteiriza das estacións de Valença e Tui, estas conten  cunha comunicación ferroviaria cunha tarifa especial entre elas e a un prezo simbólico para que flúa o turismo e se fomente a mobilidade.

O xulgado acorda difundir o retrato por aproximación facial do home que faleceu nun pozo do Porriño

O Xulgado de Instrución número 3 do Porriño, co obxectivo de lograr identificar o cadáver atopado o 21 de febreiro de 2021 no interior dun pozo dunha nave sen actividade do Cerquido (O Porriño), acordou publicar o retrato da vítima elaborado pola Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) mediante a técnica de aproximación facial. O corpo, que non puido ser identificado mediante métodos xenéticos, foi atopado polos empregados dunha empresa de reformas que ían realizar actuacións sobre a nave, que fora adquirida polo seu propietario un mes antes. 

Os médicos forenses concluíron que o falecemento se produciu entre 2017 e 2020 e que o cadáver, que tiña signos de violencia, é dun home de entre 30 e 40 anos, cunha altura de ao redor de 1,75 centímetros e de complexión forte. Ademais, segundo as investigacións levadas a cabo pola Garda Civil de Pontevedra, existe a posibilidade de que a vítima fose un cidadán portugués, tanto pola proximidade coa fronteira como polo feito de que se atoparon no seu poder moedas de euro acuñadas nese país. 

A Unidade de Antropoloxía Forense do Imelga utilizou neste caso unha técnica que permite realizar unha aproximación do rostro da vítima a partir das estruturas óseas faciais. A través deste procedemento, coa colaboración dunha artista forense, os expertos xeraron un retrato e un vídeo co rostro do falecido, os cales non pretenden ser unha reprodución fiel da persoa, senón só unha aproximación do seu rostro, coa intención de contribuír á súa identificación.

No traballo de identificación tamén tivo un papel relevante o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, da Universidade de Santiago de Compostela, que determinou que o falecido era de orixe europea e que tiña a pel branca, o pelo escuro e os ollos de cor mel.

Os expertos superpuxéronlle variantes de pelo (longo, curto, con barba, sen barba) ao retrato xerado por aproximación facial co obxectivo de que algunha persoa recoñeza o rostro e colabore na investigación, dirixida polo Xulgado de Instrución número 3 do Porriño e desenvolvida pola Garda Civil de Pontevedra. Ademais do retrato, acordouse difundir a fotografía dunhas chaves dun vehículo antigo marca Renault e dunha chave convencional localizadas xunto ao cadáver. Se algunha persoa recoñece o rostro e/ou as chaves, se debe poñer en contacto coa Garda Civil de Pontevedra, a través do teléfono
600 461 444, habilitado para recibir información sobre este caso.

Esta fin de semana Baiona, A Guarda, Mos, O Porriño e Redondela acollerán o Zampakilos Solidario do grupo Vegalsa-Eroski

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo mobilizará voluntarios para poder levar a cabo o ‘Zampakilos Solidario’ nas comarcas de Baiona, A Guarda, Redondela, Mos e O Porriño, campaña impulsada polo grupo Vegalsa-Eroski.

A recollida de alimentos desenvolverase mañá venres, e o sábado, 11 e 12 de marzo, nunha trintena de supermercados de Vigo, Pontevedra, Redondela, Porriño, Baiona, Marín, Lalín, Cambados e A Guarda. Por zonas: 230 voluntarios participarán en Vigo, 15; en Pontevedra, 25; en Redondela, 30; en Porriño, 15; en Baiona, 15; en Marín, 15; en Lalín, 15; en Cambados, e, outros 15 máis, na Guarda.

O ‘Zampakilos Solidario’ será a primeira Operación Quilo que levará a cabo o Banco de Alimentos de Vigo, despois de dous anos nos que, por motivo da pandemia, rebaixáronse substancialmente este tipo de accións. Ata antes do estalido da crise sanitaria, a entidade adoitaba realizar de maneira asidua campañas presenciais nos supermercados sendo unha fórmula moi eficaz en canto a provisión de produtos básicos refírese e, por tanto, de abastecemento inmediato dos almacéns de Vigo e Pontevedra.

A previsión por parte da Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo é ir recuperando ditas tradicionais Operacións Quilo coa participación de voluntarios e, así, volver ter unha relación continua coa sociedade.

Operación Quilo mixta

En canto á fórmula elixida de doazóns este venres e sábado nos supermercados adheridos á campaña, será mixta. É dicir, as persoas poderán entregar comida non perecedoira aos nosos voluntarios presentes -perfectamente identificados con petos do Banco de Alimentos- ou, tamén, facendo achegas económicas ao pasar por caixa. Como xa ocorreu durante a Gran Recollida. Co diñeiro recadado, Vegalsa-Eroski habilitará un saldo a favor do Banco de Alimentos para a compra posterior dos produtos máis necesarios.

O Banco de Alimentos de Vigo repartiu máis de 2 millóns de quilos de alimentos durante 2021. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade axudan a unhas 22.000 persoas desfavorecidas da provincia de Pontevedra, ás que chegan a través de máis de 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan.

A Xunta remata a renovación do auditorio de Crecente

0

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de rematar as obras de renovación de servizos e equipamentos e de instalación de medidas de seguridade no auditorio municipal do Concello de Crecente, nas que se investiron 35.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Crecente, Julio César García-Luengo, supervisaron esta actuación, realizada a través dun convenio entre ambas administracións e que servíu para corrixir as eivas que tiña este espazo cultural, principalmente en materia de humidades e filtracións de auga, e para dotalo de equipamentos cunha tecnoloxía máis moderna e eficiente.

As obras executadas consistiron inicialmente na substitución dos canalóns e baixantes e o arranxo das arquetas de augas pluviais, procedendo posteriormente á reparación das losetas e dos falsos teitos da entrada que quedaran deteriorados por esta situación. Así mesmo, tamén se procedeu ao pintado dos altofalantes e ao pulido e abrilantado da pavimentación en mármore.

Por outra banda, tamén se instalou un novo sistema de calefacción cunha bomba de calor, renovouse a iluminación interior con tres focos led no acceso ao edificio, reparouse o alumeado de balizamento na sala e colocouse un proxector autónomo de emerxencia ao tempo que se reaxustou a porta cortalumes para saída en caso de incidencia.

En materia de equipamentos, adquiríronse catro butacas individuais de sala, unha pareada de dúas unidades que se ancorou no chan, un armario con pechadura para o almacenamento de material, un percheiro con colgantes metálicos, un dispensador de papel de secado de mans e 52 cadeiras pregables para eventos de maior aforo.

Finalmente, acometéronse outras obras menores, como a susbtitución dos tiradores da porta principal, a reparación das portas dos aseos, a renovación integral da rede de enchufes e a instalación de adaptadores USB.

“Dende a Xunta de Galicia acometemos unha obra moi necesaria para este espazo cultural de Crecente, que se enmarca na nosa política de favorecer as condicións para a cultura nos concellos rurais e de interior. Este auditorio é moi empregado pola veciñanza e agora, coa axuda da Consellería de Cultura, quedou en perfectas condicións para a celebración de actividades sociais e culturais”, concluiu o representante autonómico.

O Ministerio de Facenda confirma a boa saúde financeira do Concello de Ponteareas

O Ministerio de Facenda vén de ratificar a información facilitada por Ponteareas, que exime ao Concello de acollerse ao Plan de Pago a Provedores e confirma a boa saúde financeira municipal. Intervención explicou este mércores en comisión informativa aos grupos políticos da oposición o funcionamento deste mecanismo extraordinario de financiamento ao que teñen a obriga de acollerse aquelas administracións locais con facturas pendentes anteriores ao 1 de xullo ou cun período de pago superior a 30 días, prazo máximo establecido pola normativa.

“A realidade é que o Concello pechou o ano 2021 cunha cifra histórica no período medio de pago a provedores, que no último trimestre se situou en 12 días, o que converte a Ponteareas nun dos municipios que paga con maior rapidez aos seus provedores”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Tras un reconto do período medio de pago no último trimestre do 2020 e nos dous primeiros do ano 2021, o Ministerio de Facenda publicou unha listaxe coas entidades locais que poderían entrar no Plan de Pago a Provedores e adherirse ao Fondo de Financiamento a Entidades Locais. No prazo de presentación de documentación, dende Intervención facilitouse ao Ministerio información sobre as únicas tres facturas que figuraban como pendentes antes do 1 de xullo e que xa estaban abonadas. Neste período presentáronse ademais 4 reclamacións, que foron rexeitadas dende Intervención ao estar xa pagadas, ser de servizos non prestados ou non constar.

O Goberno do BNG-PSOE leva realizando un importante labor de saneamento económico dende 2015 que permite ver unha evolución positiva clara, cun pago a provedores a 12 días na actualidade fronte aos case tres meses que se rexistraron no ano 2014. “Isto é resultado do esforzo de xestión por parte do Concello e tamén do persoal municipal e dunha boa administración do diñeiro público. Un esforzo que seguiremos facendo nos vindeiros anos para continuar favorecendo o bo funcionamento das pequenas e medianas empresas e estimulando a economía local”, salienta o concelleiro de Facenda, Pancho Alonso.

A unidade móbil de inspección técnica agrícola estará en Arbo

0

Comunícase a todos os veciños interesados, que a Unidade Móbil 10 de inspección técnica de agrícolas desplazarase ao concello de Arbo nas seguintes datas e ubicacións:

  • 21/04/2022, xunto ao pavillón de Arbo
  • 22/04/2022, xunto ao pavillón de Arbo
  • 25/04/2022, xunto ao pavillón de Arbo

O horario de atención será de 9:00 a 13:30 pola mañá, e de 15:15 a 18:00 pola tarde. O servizo prestarase en horario de mañá e tarde todos os días, agás:

  • 22/04/2022 que será horario só de mañá

Para solicitar cita previa:

  • Por teléfono: 902 30 90 00
  • A través da nosa páxina web: www.sycitv.com – Cita previa

Os interesados deberán acudir co vehículo ao lugar indicado, en posesión do DNI e toda a documentación do vehículo (tarxeta de inspección técnica, permiso de circulación, cartilla agrícola de inscripción).

Encontro interxeracional de mulleres mosenses entre os 89 e os 30 anos con alumnado do IES de Mos

0

Mos continúa conmemorando o Día Internacional da Muller. O martes pola mañá homenaxeábase na Praza de Abastos do Porriño ás PEIXEIRAS, e pola tarde no Pazo de Mos ás grandes loitadoras que se abriron un oco nun mundo de homes: as pioneiras mosenses da industria no municipio.

E onte o alumnado do IES de Mos tivo a honra de contar cos testimonios, as ensinanzas e o exemplo de vida doutras 4 mulleres loitadoras mosenses, con idades comprendidas entre os 30 e os 89 anos. ELAS SON:

  • CELIA  IGLESIAS BLANCO: 89  años. De  Dornelas. Nadadora.
  • ÁUREA LORENZO  CARRERA . 70  años, De Sanguiñeda. Compoñente de Malvela.
  • MÓNICA  SUAREZ SAAVEDRA. 46  años; Pereiras. Pertence ao Grupo  de teatro en Igualdade do Concello  de  Mos.
  • INÉS  ALONSO  GONZÁLEZ, 30  años, Enfermeira  do Centro de saúde De  Mos e compeñente da banda de Música  de Torroso.

As moderadoras deste acto celebrado no auditorio do Multiusos das Pozas foron Laura, compoñente do grupo musical Girl’s Gang e Ana María Rodríguez Cabaleiro, Xurídica do CIM, Centro de Información á Muller do Concello de Mos. Ao remate do mesmo os rapaces e rapazas do instituto, acompados das súas mestras e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, camiñaron ata a Praza do Concello con pancartas reivindicativas.

A rexedora local mosense quixo, na súa intervención da mañá, darlle a “noraboa a todo o equipo do IES, do CIM en especial á súa Xurídica que hoxe nos acompaña, Ana Rodríguez Cabaleiro e á Concellería de Igualdade en especial á miña compañeira Sara Cebreiro pola xenial idea de organizar este encontro interxeracional que tan enriquecedor resulta para todos”.

As catro mulleres protagonistas da xuntanza desta mañá destacan en ámbitos tan variopintos coma o deportivo, o musical, o artístico e da interpretación e o sanitario. Son mulleres que poderían ser as bisavoas, avoas, nais ou irmáns do alumnado asistente.

E que son un exemplo de, tal e como declaraba Arévalo “LOITA, pois algunhas emigraron buscando un traballo, daban a luz na casa e ao día seguinte tiñan que ir traballar… TESÓN e AUTOSUPERACIÓN por pertencer, as máis maiores, a xeracións nas que os homes ían á escola e elas traballaban… TRABALLO dentro e fóra da casa tendo que compaxinar a profesión co coidado da familia e a súa faceta artística, triplicando esforzos; e SACRIFICIO nalgúns casos, ao verse na obriga de deixar de traballar e de desenvolverse profesionalmente para coidar dos fillos”.

“ELAS representan a tantas e tantas mulleres mosenses das que temos que estar orgullosas e agradecidas”, concuíu a alcaldesa.

O acto rematou coa entrega dun ramo de flores a cada unha das protagonistas entrevistadas, por parte das mulleres da Corporación Municipal e da directora do CIM e psicóloga municipal, Elena Bastos Expósito, e a xurídica do CIM, Ana Mª Rodríguez Cabaleiro.

Preséntase en Tui o libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”

0

O avogado e politólogo de Ponteareas Roberto Mera Covas presenta hoxe xoves, día 10 de marzo, en Tui o seu libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, publicado por Belagua Ediciones. O acto terá lugar ás 20.00 h no Edificio Francisco Sánchez (antiga Área Panorámica) e nel invervirán o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e Manuel Vázquez de la Cruz, membro da asociación Levada Libre.

Coa publicación do seu libro, Roberto Mera recuperou para a historia a vida do seu tío bisavó, o deputado republicano Alejandro Viana (Ponteareas, 1877-México DF, 1952), cuxa intervención foi decisiva para a evacuación dende Francia cara a América de 17.000 refuxiados republicanos tras o estoupido da guerra civil española.

A través dunha inxente documentación atopada en diversos arquivos, Mera Covas constrúe un libro ameno e de áxil lectura para contar os dezaséis últimos anos da vida de Alejandro Viana, «un home íntegro e entregado aos demais», que fuxiu a Francia co goberno da República e arriscou a súa vida, acosado pola Gestapo e a Falanxe, para salvar a decenas de miles de persoas antes de poder el mesmo embarcar cara ao exilio en México, onde morreu en 1952.

O libro é, en palabras do seu autor, «un acto de xustiza para un home que merecería o apelativo do Schindler galego por méritos propios e que, porén, foi vítima, como tantos e tantas, do sepulcral esquecemento imposto polo medo e o terror de corenta anos de ditadura, alongado ata os nosos días por un vergoñento pacto de silencio».

Precisamente, para facerlle xustiza, recuperar a memoria e espallar a figura de quen foi, ademais, un relevante persoeiro do empresariado, a política e a sociedade viguesa anterior ao golpe de Estado de 1936, o autor está celebrando numerosas presentacións por toda Galicia. Tras o acto de Tui, o libro será presentado este mes de marzo en Ribadavia (día 12), Gondomar (día 18) e A Coruña (día 25).

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo convoca a asamblea xeral ordinaria

O próximo domingo 13 de marzo, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo celebra a súa anual Asemblea Xeral Ordinaria no auditorio do Centro Cultural da parroquia ás 11:00h, con segunda convocatoria ás 11:30h.

O aspecto económico será un dos principais temas a tratar coas aprobacións do balance económico do exercicio de 2021 e do orzamento económico do exercicio de 2022. Ademais, explicarase aos socios a situación actual de débeda e o convenio que a Banda ten co Concello de Ponteareas, ao que se suma a presentación do plan de actividades que se deseñou para este ano en relación á Banda, á Coral Cantares e á Escola de Música.

Antes desta asemblea, tanto os socios como demais público poderán asistir ao III Festival de Bandas Infantís, que terá lugar xusto un día antes, o sábado 12 de marzo, no mesmo auditorio do Centro Cultural de Xinzo.

Redondela acolle dende mañá xoves a primeira sesión do III Festival Internacional de Big Bands de Galicia

0

Os vindeiros días 10, 11 e 12 de marzo, Redondela acollerá a primeira sesión do III Festival Internacional de Big Bands de Galicia, evento organizado pola Concellería de Cultura, que xestiona Iria Vilaboa e a Xingros Big Band e que conta coa colaboración da Orquestra de Saxos e o Conservatorio Profesional de Música ‘Víctor Ureña’.

O festival, que no vindeiro mes de xullo celebrará a súa segunda sesión, estará integrado no conxunto de actividades que desenvolve o Conservatorio Profesional de Música de Redondela como Escola Asociada á Unesco dende 2018, promovendo o entendemento internacional, a paz, o diálogo intercultural, o desenvolvemento sostible e o ensino de calidade. Cómpre lembrar que o de Redondela, e o único Conservatorio Profesional de Música Municipal de Galicia pertencente a esta rede do que forman parte máis de 10 000 centros de máis de 180 países do mundo.

O III Festival Internacional de Big Bands de Galicia terá un carácter moi pedagóxico contando, no seu programa, con conferencias e masterclass. Nesta terceira edición, o Festival terá a honra de recibir como artista principal a David Pastor, considerado como un dos mellores e máis grandes trompetistas e jazzmen do panorama nacional e internacional. Pastor actuará como solista nos concertos coa Xingros Big Band e profesor das masterclass de improvisación e trompeta.

A organización expresou o seu agradecemento a David Pastor “pola extraordinaria disposición que amosa á hora de colaborar sempre que é requirido” e amosou o seu convencemento que o festival “está na liña de consolidarse como un referente da cultura, o turismo e a música de Redondela”.

“Covelo parroquia a parroquia” percorrerá os 154 km2 do concello ao rescate da riqueza toponímica

0

Poñer en valor a microtoponimia do noso concello é o obxectivo do proxecto “Covelo, parroquia a parroquia”. Esta iniciativa, que arrincou o ano pasado coa edición do libro “Barcia de Mera, notas de toponimia, historia e patrimonio”,  aterrou en Santa Mariña hai uns meses co apoio do Concello. E aínda que os esforzos non foron visibles ata hai ben pouco, este é un traballo que vén de lonxe e no que a Comunidade de Montes de Santa Mariña, en colaboración co historiador Alberte Reboreda, leva anos profundando.

Catorce parroquias e 154,63km2

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, explica que, este amplo proxecto nace coa vocación de prolongarse no tempo e, ano tras ano, ir afondando na riqueza da toponimia de cada parroquia en colaboración cos distintos colectivos veciñais que queiran recuperar os nomes de barrios e lugares, un dos sinais de identidade máis fondo de Galicia. Na primeira edición foi da man da asociación Terra por Terra e nesta segunda da Comunidade de Montes de Santa Mariña.

“Esta é unha iniciativa ambiciosa e custosa non só polo investimento que debemos facer, tamén pola súa propia intención de rescatar e poñer en valor a variedade toponímica e a riqueza de aspectos sociolingüísticos vencellados á historia  e ao patrimonio de cada lugar”.

GPS submétrico en man e moitas ganas de investigar foron os ingredientes para comezar a pescudar. Entrevistas coa veciñanza e consultas ao arquivo histórico provincial e ao catastro rústico de 1952 volven formar parte da metodoloxía de traballo. Pero tamén tiveron que botar man das últimas tecnoloxías que permiten xeorefenciar cada recuncho da parroquia de Santa Mariña.

Nestas semanas a veciñanza da parroquia convivíu cos micros e coas cámaras xa que o proxecto ademais de contemplar a publicación dun libro complétase coa edición de varios vídeos que serán difundidos en diferentes formatos e canles de comunicación.

En paralelo aos concienciudos traballos de investigación a equipa audiovisual dirixida polo xornalista de Barcia de Mera, Suso Iglesias, grava conversas entre a veciñanza e o artista e músico Tonhito de Poi.

Despois destas gravacións, as pezas audiovisuais entran en fase de postproducción mentres os textos e datos da investigación toman forma de libro, un libro que pronto verá a luz e do que nos falarán os autores cando xa poidan desvelar anécdotas do proceso e parte da riqueza que atesoura.

A poesía será a protagonista do mes de marzo na biblioteca municipal de Baiona

0

A Biblioteca Pública Municipal de Baiona desenvolverá “O Mes da Poesía”, un programa de actividades ao longo do mes de marzo  para conmemorar o día 21 de marzo, Día Internacional de la Poesía, a data escollida pola UNESCO para conmemora unha das formas máis prezadas da expresión e identidade e lingüística da humanidade: a poesía.

A programación impulsada pola Biblioteca co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética terá como  autora protagonista a Montserrat Villar, coa  presentación dos seus dous últimos libros  e  talleres literario para todas  as franxas de idade a cargo da mesma autora. 

A primeira das actividades  que dará comezo o incio do mes lieterario terá lugar mañá xoves, 10 de marzo, ás 18h coa presentación dos dous últimos libros, “Somos rama/Amor somos” e “Sumergir el sueño/Sulagar o soño”, da poeta Montserrat Villar González,“ no Edificio Multiusos Mercado de Sabarís, situado na Avda. Doutor Fariña, 3.

A vindeira semana, o mércores 16 de marzo,  ás 17h, na propio edificio da Biblioteca, Rúa Manuel Valverde 4-6, terá lugar un obradoiro  de Poesía  e Pintura: A partir de poemas e contos leídos e contados, os nenos elexirán elementos dos poemas e os pintarán. Posteriormente intentarase crear un texto orixinal en imáxenes con eles. O obradoiro terá unha duración aproximada de 60 minutos e está dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 7 años.

O mércores 23 de marzo, ás 17H, realizarase o Obradoiro de Poesía: “Platero y Yo e outros poemas”, no que se xogará có léxico e as imaxes. Posteriormente, intentarase crear un texto orixinal con os cativos e cativas participantes.  O obradoiro terá unha duración aproximada de 60 minutos e está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 13

 años.

Asimesmo, o mércores 30 de marzo, ás 17 h, realizarase un obradoiro de Poesía para adultos. Leeranse poemas de diferentes autores con temática de Biografía. Explicaranse os autores, un breve contexto e os poemas, para que poidan ser entendidos e valorados. Tamén farase un obradoiro de escritura posterior. O obradoiro terá unha duración aproximada de 60 minutos e está dirixido a un público  a partir de 14 anos. 

Para poder participar nos distintos obradoiros ofertados é necesaria a incripción previa ata completar o aforo na Bibioteca Pública Muinicipal ou a través do 986 35 59 43.  

A iniciativa completarase coa Ruta Da Poesía no que poderase disfrutar da lectura de diversos poemas de autores actuáis máis representativos da sección de poesía do  catálogo da Biblioteca Pública Municipal de Baiona a través dun roteiro lieterario por visibles lugares da nosa Vila.

O alumnado do IES San Paio de Tui achégase á memoria histórica dende unha perspectiva de muller da man da Deputación

0

O alumnado do IES San Paoio participará ao longo deste mes de marzo en varias das actividades sobre memoria histórica que a Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir’, está a levar pola provincia da man de concellos, asociacións e centros de ensino. O instituto acolleu hoxe a representación da peza teatral ‘A señora de Forcadela, que permitiu ao alumnado achegarse dunha maneira diferente ás vivencias vividas pola cidadanía durante a represión e a ditadura.

‘A señora de Forcadela’, representada pola compañía teatral ‘Os Quinquilláns’, é unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36:  foi detida o 15 de agosto e na prisión de  Tui salvou a vida grazas á axuda do médico forense e dun doutor. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle  conmutou por cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día.

En 1982, Josefa García Segret publicou un libro autobiográfico titulado ‘Abaixo as ditaduras’, editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que terminou a obra en 1976, a súa publicación —“polas circunstancias do momento”— tivo que agardar a 1982, catro anos antes da súa morte.

Ademais desta actividade, solicitada directamente á Deputación polo IES, este centro de ensino tamén vai acoller outras actividades relacionadas coa ditadura e as mulleres. Mañá celebrarase a charla ‘A represión contra as mulleres tras o golpe de estado de 1936’ da man da autora Montse Fajardo, e o vindeiro día 30 o relatorio ‘AS mulleres no franquismo’ a cargo da investigadora María Victoria Martíns.

Todas estas iniciativas están dispoñibles no catálogo de actos de memoria de ’O Pasado Por Vir’ (na web arquivos.depo.gal) , e poden ser solicitadas por todas as asociacións memorialistas e concellos da provincia co obxectivo de situar a memoria histórica na axenda cultural e no debate público.

A deputada de Memoria María Ortega sinala a súa satisfacción polo feito de que centros de ensino estean interesados en abordar a memoria histórica co seu alumnado, xa que “achegar ás persoas máis novas esta temática é un desafío”. Apuntou que “creo que dende as institucións comprometidas debemos avanzar na idea preconcibida de que a memoria é un tema que non interesa á rapazada e apostar por un diálogo interxeneracional que lles permita un maior coñecemento e implicación”, destaca.  

A Deputación reafirma o seu compromiso con Ucraína

A Deputación de Pontevedra porá a disposición do goberno de España todas as canles que precise para levar a cabo o paquete de accións que o executivo quere poñer en marcha de forma inmediata, tanto para a necesaria coordinación de todo o traballo humanitario en Ucraína como na organización das tarefas de acollida para as e os refuxiados que cheguen fuxindo da invasión rusa. Así o confirmou hoxe a presidenta Carmela Silva tras participar na conferencia, organizada pola FEMP, á que asistiron concellos e deputacións de todo o Estado coa presenza do ministro e encargado de Negocios da Embaixada de Ucraína en España, Dmitri Matyushenko, xunto ao Secretario de Estado de Migraciones do goberno, Jesús Perea, e a Secretaria de Estado de Cooperación, Pilar Cancela, que detallaron a estratexia de emerxencia “para que ninguén se quede atrás”. Xa se enviaron toneladas de alimentos e medicamentos, activáronse recursos a través dos fondos de continxencia, estanse a facer doazóns ao Banco Nacional de Ucraína e estanse a coordinar o plan de evacuación, o traballo humanitario e o programa de acollida.

O Secretario de Estado de Migraciones recordou que España non está a ser un país de tránsito senón de destino e sinalou que “faremos o que faga falta porque o obxectivo prioritario do goberno de España non só é traer ás persoas refuxiadas senón darlles unha vida con todos os dereitos en tempo récord, o que supón un desafío inédito no noso país”. Perea confirmou que o goberno porá en marcha de forma inmediata a directiva de protección temporal a todas as persoas ucraínas que cheguen ou que xa se atopen en España, a primeira vez que se activa en 20 anos de existencia. En canto ao Plan de Acollida familiar anunciou que amais das 12.000 prazas que xa teñen dispostas e as que se están coordinando, pedirán ao mundo local que se encargue da xestión dunha rede familiar de acollida a través dos seus servizos sociais, “os que mellor coñecen a idoneidade das familias de cada pobo”, que complementará a rede institucional.

A presidenta da Deputación de Pontevedra recolleu o guante que o Secretario de Estado lanzou ao mundo local cando afirmou que “concellos e deputacións teñen un papel crucial porque en momentos extraordinarios deron sempre unha resposta extraordinaria e temos que estar preparados para calquera escenario que vai esixir todo o músculo público e institucional do país”. Carmela Silva sinalou que “o mundo local sempre está á altura e volverá a estar preparado para recibir  ás persoas desprazadas”. A presidenta provincial, que participou xunto ao Concello de Pontevedra na concentración de 5 minutos en apoio ao pobo ucraíno, subliñou que participaremos e poñemos a disposición do goberno todas as nosas  canles para coordinar a solidariedade na que, amais, sei que está a participar de forma extraordinaria a sociedade civil”.

Os datos do horror

Na conferencia, o ministro e encargado de Negocios da Embaixada de Ucraína, Dmitri Matyushenko, agradeceu o apoio do pobo español pola súa disposición a axudar ao seu país. “Que o exemplo de Gernika, dixo, serva para poñer de manifesto que soamente a loita conxunta pode frear a agresión”, ao tempo que pediu a España que apoie o proceso de integración do seu país na Unión Europea: “xa somos membros da familia de Europa”.  “Somos un pobo que ten dereito a ser libre”, afirmou, e detallou “a grande traxedia” que supón a invasión de Rusia. “Hai máis dun millón e medio de persoas desprazadas e baixas civís que ascenden a máis de 470 persoas e 52 nenas e nenos”, engadindo tamén o sufrimento das persoas que viven fóra do país, como as máis de 115.000 persoas ucraínas que residen en España.

O diplomático explicou que “o pobo ucraíno non vai dobregarse ante os máis de 12.000 invasores rusos que empregan tácticas de chantaxe, tácticas terroristas, que bombardean áreas residenciais, que matan ás persoas que foxen da guerra, que non respectan os corredores humanitarios e teñen xa atacado 252 escolas, 34 hospitais e máis de 4.000 edificios e casas”. Tamén recordou que as súas bombas están a impactar nas centrais nucleares e que “o último ataque contra unha planta nuclear provocou un incendio que podería xerar unha catástrofe seis veces maior que en Chernobil”. “Moscú –asegurou Matyushenko- non atende ás consecuencias da súa invasión e Rusia debe responder do xenocidio do pobo ucraíno” e, por estes motivos, apelou a pechar o ceo sobre Ucraína “para evitar ataques ás escolas, hospitais, orfanatos, centrais nucleares e casas, para protexer á poboación civil”.

Redondela súmase aos cinco minutos de silencio en solidariedade co pobo de Ucraína

0

O Concello de Redondela sumouse, ás 12 horas de hoxe, aos cinco minutos de silencio en solidariedade co pobo de Ucraína, respondendo así ao chamamento realizado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) a concellos, deputacións, sindicatos e outras organizacións de todo o país.

A proposta da Federación tiña como obxectivo amosar o rexeitamento á invasión deste país por parte de Rusia e “ao sufrimento, dor e destrución que está ocasionando así como ao éxodo forzado de millóns de persoas”.

En palabras do presidente da FEMP, Abel Caballero, “a FEMP e as entidades locais españolas estamos co pobo de Ucraína”.

22 establecementos participarán na XXV edición de “Merca na rúa”

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, a concelleira de Comercio, Antía Carrera, e a presidenta da Asociación de Comerciantes do Porriño, Juana Pérez, presentaron hoxe a XXV edición da feira de oportunidades “Merca na rúa”. 

O evento, programado para esta fin de semana, tivo que ser aprazado en vista das previsións meteorolóxicas, e celebrarase finalmente o sábado 19 e domingo 20.

Serán 22 os postos de venta que se instalen na rúa peatonal, cunha ampla representación de sectores e productos. Roupa, calzado, óptica, mercería ou accesorios son algún dos artigos nos que poderedes conseguir descontos desde 60% e ata o 70%, tal e como indicou a presidenta de ACIPOR.

A feira estará aberta ao público o sábado en horario ininterrumpido de 10 a 21h e o domingo de 11 a 20 h. Ademais, para facilitar as compras ás familias, haberá inchables para os máis pequenos e unha visita moi especial, a dos Bolechas que estarán no Merca na Rúa o sábado pola tarde a partir das 17h. O domingo pola mañá, ás 12:30 h., Rafa Fernández ofrecerá un concertó de jazz na praza Arquitecto Palacios.

O alcalde puxo en valor o evento polo seu efecto “dinamizador e por incentivar o comercio local e reactivar a economía da vila nestes momentos tan difíciles” e invitou a toda a veciñanza a encher as rúas e “beneficiarse das ofertas que proponen ao tempo que axudan aos nosos comerciantes”.

No mesmo sentido se manifestou a presidenta, Juana Pérez, que invitou “aos porriñeses e porriñesas e á veciñanza dos municipios da contorna a visitarnos e mercar na que xa é a terceira edición despois do obrigado parón pola pandemia”. 

Videomapping e iniciación á pintura son as propostas formativas da OMIX Tomiño para esta primavera

0

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño vén de abrir o prazo de inscripción para as dúas propostas formativas que comezarán no mes de abril, e que son, por unha parte un novidoso obradoiro de Videomapping, e por outra, un curso de iniciación á pintura.

O primeiro terá lugar a fin de semana do 8 e 9 de abril, da man do artista visual navarro Miguel Martínez Caraballo, coa idea de impartir esta nova disciplina sobre a fachada do edificio do Concello. O alumnado asistente participará activamente durante dous intensos días de formación e proxectará sobre a fachada da casa consistorial o videomapping realizado. “Será un espectáculo espectacular”, explica o artista. O taller, cun prezo de 20 euros, celebrarase no salón de plenos, comezando o venres 8 de abril e concluíndo o sábado 9. As clases, serán eses dous días no salón de plenos entre as 19.00 e 21.00 horas, comezando ás 22.00 do sábado o denominado “Evento Videozapping”. A idade mínima para participar é 12 anos e as inscricións poden facerse en https://tomino.gal/obradoiro-de-videomapping/.

Por outra banda, a artista Gemma Marqués ditará un curso teórico-práctico de pintura básica para entender a teoría da cor, aprender a mesturar as cores dun xeito rápido e eficaz, facer gamas de cor e así poder crear obras cunha técnica axeitada, fácil e rápida. A data de inicio será o 20 de abril e o horario, mércores de 17.00h a 18.30h. O prezo da actividade é de 15€ e a data de finalización o 11 de maio. A idade mínima para participar é 12 anos e as inscricións poden facerse en https://tomino.gal/curso-basico-de-pintura/.

ADEMAIS, o grupo de voluntariado da OMIX organiza o sábado 12 de marzo unha XORNADA DE ADOPCIÓN CANINA E FELINA que terá lugar de 10h a 14h na Praza do Seixo.

Existe a posibilidade de adoptar un animal da protectora ou un gato ou gata procedente de colonias de familias que viven na rúa. Son bebés felinos que o Concello de Tomiño se compromete a castrar de xeito gratuito. Os voluntarios e voluntarias pretenden crear unha listaxe de persoas adoptantes para estes animais.

Ademais, malia que non se adopte, pódese axudar doando comida para cans e gatos, ou material novo ou usado en bo estado que xa non se use (xoguetes, correas, transportín, camiñas, mantas, etc.).

Ponteareas continúa apostando pola promoción empresarial e o emprendemento a través da oficina de SmartPeme

Ponteareas continúa coa súa aposta pola promoción empresarial e o emprendemento. Concello e Deputación de Pontevedra renovaron o convenio de colaboración para realizar actividades a través da oficina de Ponteareas da rede SmartPeme, situada no Centro de Desenvolvemento Local. “Nestes intres é fundamental achegar as novas tecnoloxías ás pemes para mellorar a súa competitividade e os seus beneficios, para continuar creando emprego e que a actividade económica na nosa vila siga mellorando resultados”, salienta a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

Durante o pasado ano 2021, a oficina de SmartPeme de Ponteareas realizou preto de 150 asesoramentos e organizou 19 talleres sobre novas tecnoloxías nos que participaron arredor de 500 persoas. Ademais, o programa SmartPeme oferta a persoas emprendedoras, autónomas, asociacións e axentes de dinamización dos concellos servizos personalizados para o desenvolvemento económico do tecido empresarial a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

A oficina de SmartPeme en Ponteareas presta asesoramento ás comarcas do Condado-Paradanta e permite dar apoio “ao emprendemento, innovación e creación de emprego acompañando ás persoas emprendedoras na posta en marcha de novas iniciativas, en proxectos de crecemento, creando oportunidades e dando apoio ás persoas no momento que máis o precisan”, explica a edil.

O Consello Climático Asesor Xuvenil de A Guarda organiza un concurso fotográfico polo Día Mundial da Auga

0

Dende o Consello Climático Asesor Xuvenil de A Guarda organízase un concurso de fotografía con motivo do Día Mundial da Auga, o vindeiro 22 de marzo. Na pasada xuntanza do Consello Climático, Carmen Novas, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, estivo compartindo cos rapaces a campaña europea Water for the Future, que animou aos mozos e mozas a sacar esta iniciativa para implicar a toda a veciñanza.

O concurso pretende recompilar fotografías orixinais e artísticas que teñan como elemento principal a auga, en calquera dos seus estados e formas, dende unha bágoa ata a inmensidade do océano. O gañador ou gañadora recibirá un kit de elementos que permiten o coidado e aforro de auga na vida cotiá e o Concello levará a cabo unha exposición cunha selección das mellores instantáneas.

Calquera persoa pode enviar a súa imaxe ao enderezo [email protected] antes do 22 de Marzo. Os mozos e mozas do Consello Climático aproveitan para invitar a calquera persoa entre 15 e 35 anos a participar nesta actividade, que se leva a cabo un venres ao mes ás 19:00 no concello.

O Concello de Redondela reafirma a súa aposta polo ensino público “como un seguro para a formación” dos nenos

0

Nestas semanas previas á matriculación escolar e nas que os centros desenvolven xornadas de portas abertas, a Concellería de Ensino do Concello de Redondela, que xestiona Olga García Ballesteros, organizou dúas charlas informativas co obxectivo de que as familias, á hora de elixir un centro para os seus fillos, puideran coñecer a ampla oferta formativa pública coa que conta o municipio redondelán.

Nas charlas que tiveron lugar os días 22 e 23 de febreiro nos multiúsos Piñeiral do Crego de Chapela e A Xunqueira de Redondela, respectivamente e que tiveron unha magnífica acollida, dirección, profesorado e persoal educador deron a coñecer a nais e pais os proxectos e servizos que ofrecen os distintos CEIP de Redondela. Esta iniciativa expresaba o “firme apoio do Concello de Redondela ás escolas públicas” e tamén unha promoción para que as familias escollan matricular os seus fillos e fillas nos colexios públicos.

Digna Rivas destacou a importancia do traballo que se realiza nos centros escolares públicos “como espazos de aprendizaxe tanto de materias como de valores sociais cada día máis necesarios e importantes”. A alcaldesa, que animou ás familias “a apostar pola educación pública en Redondela” ao estar convencida que “é un seguro para a formación dos nenos e nenas”.

O Concello de Redondela destaca a implicación da comunidade educativa “como unha garantía da calidade no ensino”. O plurilingüismo, os recursos dixitais ou a educación especial son recursos a disposición das familias que poden atopar en calquera centro escolar de Redondela.

Por outra parte Digna Rivas lembrou que as e os profesionais dos centros educativos “son unha mostra tanto do compromiso coa educación como da seguridade de recibir a mellor educación posible” e subliñou a colaboración do Concello cos centros educativos “en distintas actividades que abranguen dende temáticas relacionadas co medio natural até cuestións culturais de todo tipo”.

Un percorrido polo florecemento vital das mulleres da voz de Nastasia Zürcher

0

A voz e enerxía de Nastasia Zürcher encherá esta fin de semana o auditorio municipal do Rosal para seguir reivindicando a igualdade. Co gallo do Día Internacional da Muller, este sábado 12 a vocalista e compositora galego-suíza ofrecerá un concerto organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello dentro do programa Fiando Redes da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que pretende fomentar o asociacionismo feminino e concienciar a favor da igualdade mediante propostas culturais inclusivas e con perspectiva de xénero.

Baixo o nome de ‘Flor de flores’, Zürcher achega unha proposta cultural e musical co que percorrer as diferentes fases do florecemento vital das mulleres. A través da súa música, combinando canto con fala, música con poesía, a artista percorre coas súas composicións o sendeiro da flor florecida, convidando a todas as mulleres presentes a unir as súas voces para cantar xuntas e conectadas.

Zürcher, galardoada e dúas veces nominada aos Premios Martín Códax da Música nas categorías de ‘Blues, Funk & Soul’ e ‘World Music’, ten publicados dous álbums de autoría propia e foi premiada en Holanda polo seu tema en galego ‘Espertos’ no Festival Liet International en 2018. As súas cancións buscan novos enfoques, fusionan estilos e desenvolven unha identidade artística propia e rica en matices, cunha voz inconfundible que recita as súas composicións escritas en inglés, galego, castelán e francés.

O concerto será ás 20.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.

Reunións informativas sobre Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais

0

O Concello de Tui vai realizar durante os meses de marzo e abril unha rolda de charlas informativas nas distintas parroquias tudenses para informar sobre o Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais.

Nestas reunións explicarase á veciñanza en que consiste o plan, a súa aplicación, e as zonas afectadas. Ao tempo aclararanse todas aquelas dúbidas que poidan xurdir sobre este plan.

Nas reunións participará o concelleiro de Medio Ambiente, Ismael Diz, e unha técnica municipal.

As dúas primeiras reunións terán lugar este venres, 11 de marzo. Será ás 19 h no Centro Cultural de Pexegueiro e ás 20.30 h no Centro Cultural de Areas.

As reunións continuarán o venres 25 de marzo ás 19 h no Centro Cultural de Ribadelouro, e ás 20.30 h no Centro Cultural de Guillarei.

As pioneiras da industria mosense protagonistas do 8M en Mos

0

Máis de 150 persoas veñen de asistir ao acto homenaxe ás mulleres pioneiras da industria mosense que se celebrou con motivo do 8M no Pazo de Mos, organizado pola concellería de Política Social e Igualdade e o Centro de Información á Muller, CIM, do Concello de Mos.

Mulleres, as homenaxeadas hoxe, que aló polos anos 60 do século pasado non dubidaron en traballar dentro e fóra da casa e entrando a formar parte das plantillas de 3 importantes fábricas “prantando a semente”, como diría esta tarde durante a súa intervención a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, “que deu o froito de que hoxe Mos sexa o 4º municipio industrial da Provincia de Pontevedra”.

Esas mulleres foron traballadoras do Taller de José Regojo, Plásticos Dayfer e Conservas Alfonso Riveiro González. Foron moitas, pero en representación delas, estiveron esta tarde no Pazo de Mos Emilia Mª Teresa (Pitusa) Díaz Álvarez, Marcelina  Diaz  Álvarez e María  Fernández  Blanco,  ex traballadoras de CASTELLANAS OU TALLER DE JOSÉ REGOJO, empresa que iniciou a súa actividade sobre o ano 1955 (a 1ª en Mos). ANTONIA ROMERO  GROBA, SARA  CABALEIRO  VILLAR,  ALBINA TOURON RODRÍGUEZ e MARIA  CLAUDEL COSTAS  LOUREIRO ex traballadoras de PLÁSTICOS DAYFER, empresa que se instalou en Mos en 1966. E SEVERINA  ROMERO RIVEIRO e MARÍA  FERREIRA PÉREZ, ex traballadoras de CONSERVAS ALFONSO RIVEIRO GONZÁLEZ, empresa que se instalou en Mos en 1967.

O obxectivo deste acto era homenaxear a esas grandes loitadoras que se abriron un oco nun mundo de homes: as nosas pioneiras da industria mosense. Mulleres que aló polos anos 60 do século pasado triplicaban esforzos: traballando na casa e no coidado de fillos e maiores da familia, no campo e na fábrica para poder dárlles unha mellor calidade de vida ás súas familias. Mulleres que se introduciron nunha industria cunhas condicións laboráis moi duras, con salarios baixos e sen apenas dereitos laboráis en comparación cos homes.

“Elas foron pioneiras por lograr facerse o seu lugar na industria. E tamén por comezar a cambiar as condicións laboráis femininas abríndonos paso e dándonos facilidades ás xeracións de mulleres que chegaríamos posteriormente ao mercado laboral. Mulleres exemplares: exemplo de traballadoras. Nais. Fillas. Educadoras e coidadoras. Exemplo de veciñas. Exemplo de amigas e compañeiras entre sí”, salientaba a rexedora local mosense.

E concluía Arévalo asegurando que “todas elas: PITUSA, MARCELINA, MARÍA, ANTONIA, SARA, ALBINA, MARÍA, SEVERINA E MARÍA representan hoxe a tantas e tantas mulleres mosenses das que temos que estar orgullosas e agradecidas. Mulleres que son ou poden ser as nosas nais, avoas ou bisaboas. E ás que lles debemos tanto… a nivel persoal e no que a dereitos das mulleres se refire. Por iso grazas ás nosas pioneiras. Sen elas non seríamos as mulleres mosenses que hoxe somos. Grazas de corazón: polo voso traballo, pola vosa loita, por educarnos e coidarnos. por non escatimar esforzos para darlle unha vida mellor ás vosas familias”.

O acto rematou coa entrega dun ramo de flores a cada unha das homenaxeadas por parte das mulleres da Corporación Municipal e da directora do CIM e psicóloga municipal, Elena Bastos Esxpósito, e a xurídica do CIM, Ana Mª Rodríguez Cabaleiro.

A homenaxe estivo acompañada musicalmente pola fermosa voz da cantante Andrea Pousa.