9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoO xulgado acorda difundir o retrato por aproximación facial do home que...

    O xulgado acorda difundir o retrato por aproximación facial do home que faleceu nun pozo do Porriño

    A Garda Civil de Pontevedra, encargada da investigación, habilitou o teléfono 600 461 444 para recibir información sobre a identidade do falecido, que podería ser portugués

    O Xulgado de Instrución número 3 do Porriño, co obxectivo de lograr identificar o cadáver atopado o 21 de febreiro de 2021 no interior dun pozo dunha nave sen actividade do Cerquido (O Porriño), acordou publicar o retrato da vítima elaborado pola Unidade de Antropoloxía Forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) mediante a técnica de aproximación facial. O corpo, que non puido ser identificado mediante métodos xenéticos, foi atopado polos empregados dunha empresa de reformas que ían realizar actuacións sobre a nave, que fora adquirida polo seu propietario un mes antes. 

    Os médicos forenses concluíron que o falecemento se produciu entre 2017 e 2020 e que o cadáver, que tiña signos de violencia, é dun home de entre 30 e 40 anos, cunha altura de ao redor de 1,75 centímetros e de complexión forte. Ademais, segundo as investigacións levadas a cabo pola Garda Civil de Pontevedra, existe a posibilidade de que a vítima fose un cidadán portugués, tanto pola proximidade coa fronteira como polo feito de que se atoparon no seu poder moedas de euro acuñadas nese país. 

    A Unidade de Antropoloxía Forense do Imelga utilizou neste caso unha técnica que permite realizar unha aproximación do rostro da vítima a partir das estruturas óseas faciais. A través deste procedemento, coa colaboración dunha artista forense, os expertos xeraron un retrato e un vídeo co rostro do falecido, os cales non pretenden ser unha reprodución fiel da persoa, senón só unha aproximación do seu rostro, coa intención de contribuír á súa identificación.

    No traballo de identificación tamén tivo un papel relevante o Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro, da Universidade de Santiago de Compostela, que determinou que o falecido era de orixe europea e que tiña a pel branca, o pelo escuro e os ollos de cor mel.

    Os expertos superpuxéronlle variantes de pelo (longo, curto, con barba, sen barba) ao retrato xerado por aproximación facial co obxectivo de que algunha persoa recoñeza o rostro e colabore na investigación, dirixida polo Xulgado de Instrución número 3 do Porriño e desenvolvida pola Garda Civil de Pontevedra. Ademais do retrato, acordouse difundir a fotografía dunhas chaves dun vehículo antigo marca Renault e dunha chave convencional localizadas xunto ao cadáver. Se algunha persoa recoñece o rostro e/ou as chaves, se debe poñer en contacto coa Garda Civil de Pontevedra, a través do teléfono
    600 461 444, habilitado para recibir información sobre este caso.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.