Martes, 29 Abril de 2025

Un percorrido polo florecemento vital das mulleres da voz de Nastasia Zürcher

A voz e enerxía de Nastasia Zürcher encherá esta fin de semana o auditorio municipal do Rosal para seguir reivindicando a igualdade. Co gallo do Día Internacional da Muller, este sábado 12 a vocalista e compositora galego-suíza ofrecerá un concerto organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello dentro do programa Fiando Redes da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que pretende fomentar o asociacionismo feminino e concienciar a favor da igualdade mediante propostas culturais inclusivas e con perspectiva de xénero.

Baixo o nome de ‘Flor de flores’, Zürcher achega unha proposta cultural e musical co que percorrer as diferentes fases do florecemento vital das mulleres. A través da súa música, combinando canto con fala, música con poesía, a artista percorre coas súas composicións o sendeiro da flor florecida, convidando a todas as mulleres presentes a unir as súas voces para cantar xuntas e conectadas.

Zürcher, galardoada e dúas veces nominada aos Premios Martín Códax da Música nas categorías de ‘Blues, Funk & Soul’ e ‘World Music’, ten publicados dous álbums de autoría propia e foi premiada en Holanda polo seu tema en galego ‘Espertos’ no Festival Liet International en 2018. As súas cancións buscan novos enfoques, fusionan estilos e desenvolven unha identidade artística propia e rica en matices, cunha voz inconfundible que recita as súas composicións escritas en inglés, galego, castelán e francés.

O concerto será ás 20.00 horas con entrada de balde ata completar aforo.