8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación reafirma o seu compromiso con Ucraína

    A Deputación reafirma o seu compromiso con Ucraína

    A presidenta provincial participou na conferencia da FEMP de apoio a Ucraína á que asistiu o seu embaixador en España e concellos e deputacións de todo o Estado

    A Deputación de Pontevedra porá a disposición do goberno de España todas as canles que precise para levar a cabo o paquete de accións que o executivo quere poñer en marcha de forma inmediata, tanto para a necesaria coordinación de todo o traballo humanitario en Ucraína como na organización das tarefas de acollida para as e os refuxiados que cheguen fuxindo da invasión rusa. Así o confirmou hoxe a presidenta Carmela Silva tras participar na conferencia, organizada pola FEMP, á que asistiron concellos e deputacións de todo o Estado coa presenza do ministro e encargado de Negocios da Embaixada de Ucraína en España, Dmitri Matyushenko, xunto ao Secretario de Estado de Migraciones do goberno, Jesús Perea, e a Secretaria de Estado de Cooperación, Pilar Cancela, que detallaron a estratexia de emerxencia “para que ninguén se quede atrás”. Xa se enviaron toneladas de alimentos e medicamentos, activáronse recursos a través dos fondos de continxencia, estanse a facer doazóns ao Banco Nacional de Ucraína e estanse a coordinar o plan de evacuación, o traballo humanitario e o programa de acollida.

    O Secretario de Estado de Migraciones recordou que España non está a ser un país de tránsito senón de destino e sinalou que “faremos o que faga falta porque o obxectivo prioritario do goberno de España non só é traer ás persoas refuxiadas senón darlles unha vida con todos os dereitos en tempo récord, o que supón un desafío inédito no noso país”. Perea confirmou que o goberno porá en marcha de forma inmediata a directiva de protección temporal a todas as persoas ucraínas que cheguen ou que xa se atopen en España, a primeira vez que se activa en 20 anos de existencia. En canto ao Plan de Acollida familiar anunciou que amais das 12.000 prazas que xa teñen dispostas e as que se están coordinando, pedirán ao mundo local que se encargue da xestión dunha rede familiar de acollida a través dos seus servizos sociais, “os que mellor coñecen a idoneidade das familias de cada pobo”, que complementará a rede institucional.

    A presidenta da Deputación de Pontevedra recolleu o guante que o Secretario de Estado lanzou ao mundo local cando afirmou que “concellos e deputacións teñen un papel crucial porque en momentos extraordinarios deron sempre unha resposta extraordinaria e temos que estar preparados para calquera escenario que vai esixir todo o músculo público e institucional do país”. Carmela Silva sinalou que “o mundo local sempre está á altura e volverá a estar preparado para recibir  ás persoas desprazadas”. A presidenta provincial, que participou xunto ao Concello de Pontevedra na concentración de 5 minutos en apoio ao pobo ucraíno, subliñou que participaremos e poñemos a disposición do goberno todas as nosas  canles para coordinar a solidariedade na que, amais, sei que está a participar de forma extraordinaria a sociedade civil”.

    Os datos do horror

    Na conferencia, o ministro e encargado de Negocios da Embaixada de Ucraína, Dmitri Matyushenko, agradeceu o apoio do pobo español pola súa disposición a axudar ao seu país. “Que o exemplo de Gernika, dixo, serva para poñer de manifesto que soamente a loita conxunta pode frear a agresión”, ao tempo que pediu a España que apoie o proceso de integración do seu país na Unión Europea: “xa somos membros da familia de Europa”.  “Somos un pobo que ten dereito a ser libre”, afirmou, e detallou “a grande traxedia” que supón a invasión de Rusia. “Hai máis dun millón e medio de persoas desprazadas e baixas civís que ascenden a máis de 470 persoas e 52 nenas e nenos”, engadindo tamén o sufrimento das persoas que viven fóra do país, como as máis de 115.000 persoas ucraínas que residen en España.

    O diplomático explicou que “o pobo ucraíno non vai dobregarse ante os máis de 12.000 invasores rusos que empregan tácticas de chantaxe, tácticas terroristas, que bombardean áreas residenciais, que matan ás persoas que foxen da guerra, que non respectan os corredores humanitarios e teñen xa atacado 252 escolas, 34 hospitais e máis de 4.000 edificios e casas”. Tamén recordou que as súas bombas están a impactar nas centrais nucleares e que “o último ataque contra unha planta nuclear provocou un incendio que podería xerar unha catástrofe seis veces maior que en Chernobil”. “Moscú –asegurou Matyushenko- non atende ás consecuencias da súa invasión e Rusia debe responder do xenocidio do pobo ucraíno” e, por estes motivos, apelou a pechar o ceo sobre Ucraína “para evitar ataques ás escolas, hospitais, orfanatos, centrais nucleares e casas, para protexer á poboación civil”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.