Martes, 29 Abril de 2025

Ponteareas continúa apostando pola promoción empresarial e o emprendemento a través da oficina de SmartPeme

Ponteareas continúa coa súa aposta pola promoción empresarial e o emprendemento. Concello e Deputación de Pontevedra renovaron o convenio de colaboración para realizar actividades a través da oficina de Ponteareas da rede SmartPeme, situada no Centro de Desenvolvemento Local. “Nestes intres é fundamental achegar as novas tecnoloxías ás pemes para mellorar a súa competitividade e os seus beneficios, para continuar creando emprego e que a actividade económica na nosa vila siga mellorando resultados”, salienta a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández.

Durante o pasado ano 2021, a oficina de SmartPeme de Ponteareas realizou preto de 150 asesoramentos e organizou 19 talleres sobre novas tecnoloxías nos que participaron arredor de 500 persoas. Ademais, o programa SmartPeme oferta a persoas emprendedoras, autónomas, asociacións e axentes de dinamización dos concellos servizos personalizados para o desenvolvemento económico do tecido empresarial a través das tecnoloxías da información e da comunicación.

A oficina de SmartPeme en Ponteareas presta asesoramento ás comarcas do Condado-Paradanta e permite dar apoio “ao emprendemento, innovación e creación de emprego acompañando ás persoas emprendedoras na posta en marcha de novas iniciativas, en proxectos de crecemento, creando oportunidades e dando apoio ás persoas no momento que máis o precisan”, explica a edil.